Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Martes, 14 de abril de 1998 Páx. 3.818

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 30 de marzo de 1998 pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas para o sector artesanal galego.

A artesanía, como sistema tradicional de producción e creación, contribuíu historicamente ó desenvolvemento económico e cultural de Galicia. Actualmente o fomento das actividades artesanais constitúe un elemento dinamizador para o aproveitamento dos recursos económicos do territorio e para a creación de riqueza.

En Galicia o sector artesanal resulta de gran importancia desde o punto de vista industrial e económico, é un sector en ebulición cunha gran variedade de oficios en tódolos terreos e usos. Moitos deles condensan boa parte dos valores culturais do pobo, o que fai que os seus productos sexan cada vez mais apreciados pola sociedade.

Constitúe obxectivo da presente orde o desenvolvemento e promoción da artesanía, coadxuvando á realización de accións que permitan a súa potenciación. Así mesmo, dada a súa importancia sociocultural e histórica, é necesaria a realización de accións encamiñadas

á priorización e fomento das actividades tradicionais.

Na súa virtude e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Con cargo á partida orzamentaria 08.03.661-D.770.0, «Empresas privadas». «Axudas á artesanía galega», do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1998, convocanse axudas destinadas ó fomento e desenvolvemento do sector artesanal na Comunidade Autónoma de Galicia. O citado gasto queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente para financia-las obrigas derivadas desta orde nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio do ano 1998, neste momento en trámite parlamentario.

Artigo 2º

Poderán ser beneficiarios destas axudas os artesáns e obradoiros artesáns, sempre que estean establecidos en Galicia e inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Así mesmo, poderán acceder a estas axudas as asociacións artesanais legalmente constituídas, co seu domicilio en Galicia e que conten entre os seus membros con máis de vinte artesáns.

Artigo 3º

Para a concesión das axudas terán prioridade os proxectos presentados por mulleres e xoves artesáns, así como os presentados por artesáns ou obradoiros artesáns que exerzan algunha das seguintes actividades tradicionais: tecidos en baixo lizo, zoqueiro, toneleiro, selleiro, albardería, olería, forxa, follalatería, caldeirería, afiado, cestería e labores de palla.

Artigo 4º

Establécense as seguintes modalidades de axudas:

a) Proxectos presentados por artesáns e obradoiros artesáns destinados a:

-Investimentos para a creación e posta en funcionamento de novas instalacións, así como a mellora, ampliación ou modernización das xa existentes. Dentro deste apartado entenderase incluída a adquisición de maquinaria e equipos para procesos de informatización, así como instalacións de deseño asistido por ordenador. Os investimentos levarán consigo a incorporación de factores relativos á creatividade, deseño e calidade.

b) Realización de actuacións desenvolvidas por asociacións artesanais ou de execución de proxectos concertados (coa adhesión mínima de 3 obradoiros) destinadas a:

-Desenvolvemento de accións conxuntas de distribución, comercialización ou calquera outra fórmula de colaboración empresarial.

-Creación de redes de comunicación e transferencia de información con outros lugares do Estado e coa Comunidade Europea.

-Mellora da información sobre tendencias de mercado en relación co deseño e a comercialización de productos artesáns.

c) Proxectos presentados por artesáns, obradoiros artesáns, asociacións artesanais e proxectos concertados destinados a:

-Divulgación e promoción de productos artesáns: confección de catálogos ou outro tipo de soporte publicitario e a adquisición de elementos ou mobiliario básicos que formen parte do deseño dun expositor.

A contía máxima da subvención para as alíneas a), b) e c) poderá acadar ata ó 50% do investimento subvencionable.

d) Estudios ou proxectos realizados por artesáns, obradoiros artesáns, asociacións artesanais e proxectos concertados que teñan por finalidade:

-Mellorar, impulsar e potencia-las produccións das actividades artesáns tradicionais de: tecidos en baixo lizo, zoqueiro, toneleiro, selleiro, albardería, olería, forxa, follalatería, caldeirería, afiado, cestería e labores de palla.

-Mellora-la comercialización dos productos artesáns: acceso ós novos mercados e o desenvolvemento de novos productos.

A subvención poderá acadar ata o 45% dos custos e gastos de realización de estudios ou proxectos.

Artigo 5º

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos 30 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º

As solicitudes presentaranse por triplicado exemplar, conforme o modelo que se xunta como anexo, acompañadas da seguinte documentación:

-Fotocopias compulsadas da carta de artesán e do certificado de inscrición do taller no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, agás cando a axuda solicitada sexa destinada á creación dun obradoiro artesanal que se presentará a fotocopia compulsada da carta de artesán. En cualquera dos casos estos documentos deberán acreditarse documentalmente no momento de presentación da solicitude.

As asociacións artesanais presentarán fotocopia compulsada do CIF, estatutos e certificación ou documento acreditativo da súa constitución legal.

No caso de execución de proxectos concertados a adhesión das empresas plasmarase mediante certificación destas, na que se recolla o seu compromiso na execución dos devanditos proxectos.

-Memoria das actividades profesionais realizadas, asinada polo solicitante.

-Memoria explicativa do proxecto ou actuación que se vai desenvolver e prazo para a súa execución.

-Orzamento detallado do investimento e nos casos en que proceda, presentarase: copia do proxecto elaborado pola empresa ou particular que o realice; factura proforma de maquinaria ou bens que se pretenden

adquirir ou das actuacións que se realizarán, elaborada pola empresa subministradora.

En cualquera dos casos, o proxecto ou a factura proforma irá dirixida ó solicitante da axuda e contará coa sinatura e DNI ou CIF/NIF do autor do orzamento.

-Documentos que acrediten a propiedade do terreo ou inmoble no que se pretende face-la obra ou autorización expresa asinada polo propietario, con fotocopia do seu DNI.

-Copia autenticada do último recibo do imposto de actividades económicas que ampara a actividade de que se trate e do NIF/CIF do solicitante.

-Declaración doutras axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en cualquera outra institución, organismo ou Administración pública, indicando a súa contía.

-Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

-Documento público acreditativo do poder co que actúa o solicitante, se se trata dunha persoa xurídica.

Artigo 7º

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos que sinala o artigo anterior, o solicitante será requirido para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera, considerarase desistido na súa petición, que se arquivará sen mais trámites.

Artigo 8º

Analizada a documentación, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial correspondente, logo do correspondente informe técnico, emitirá a resolución que proceda, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia.

Unha vez concedida a subvención, ésta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.

A non resolución expresa no prazo de tres meses contados desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 9º

Para o libramento da subvención o beneficiario deberá presentar, por triplicado, antes do día 31 de outubro de 1998, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, a documentación acreditativa do investimento realizado e no caso de catálogos, soportes publicitarios, estudios ou proxectos deberán aportarse tres exemplares deles, detallando os investimentos e gastos realizados cos respectivos xustificantes.

Para as actuacións reflectidas na alínea b) do artigo 4º será preciso achegar, ademais, unha memoria detallada coas actividades realizadas.

Para o libramento da subvención unirase á documentación que se sinala nos apartados anteriores certificación da conta bancaria onde debe realizarse o libramento, expedida pola propia entidade bancaria, así como os certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 10º

No caso de que o investimento ou a actividade realizada teña un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda reducirase nunha porcentaxe proporcional.

Cando, por concorrencia de subvencións ou axudas, o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vaia realiza-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida no artigo 4º desta orde, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 11º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na presente orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, logo da audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e mailos xuros de demora, sen prexuizo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto nos artigos do 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 12º

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 13º

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no que se estableza na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, neste momento en trámite parlamentario, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Facultase o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 1998.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

3219