Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Martes, 14 de abril de 1998 Páx. 3.818

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de marzo de 1998 pola que se dan instruccións para a conmemoración do Día das Letras Galegas nos centros de ensino non universitarios.

A institucionalización pola Real Academia Galega, a partir de 1963, do Día das Letras Galegas o 17 de maio, foi sen dúbida un acontecemento que ano tras ano colleu pulo e resonancia na nosa sociedade, de tal xeito que en toda a Comunidade Autónoma galega se proxecta a figura homenaxeada e serve, ó mesmo tempo, para reflexionar sobre Galicia, sobre a súa lingua e sobre a súa cultura.

A Real Academia Galega tomou como punto de partida para a celebración desta efeméride a publicación no ano 1863 de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

O goberno galego declara o ano 1998 como ano dos poetas medievais Martín Codax, Mendinho e Johan de Cangas, personalidades que contribuíron coas súas trobas a acada-lo maior esplendor da literatura galega. O galego converteuse gracias a eles na lingua por excelencia da lírica de toda a Península e acadou rango de lingua internacional, presente tanto nos autores como nas cortes reais e señorais da época.

Os galegos de todo o mundo debémoslles recoñecemento a estas personalidades da nosa cultura e das nosas letras, polo que debemos contribuír non só a dar a coñecer na nosa terra a figura destes galegos insignes e a súa obra, senón tamén a anima-los galegos a segui-lo seu exemplo de traballadores incansables a prol do seu país e da dignificación da nosa lingua e cultura e, polo tanto, da nosa identidade.

Por iso, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Durante o mes de maio destacarase en tódolos centros docentes situados na Comunidade Autónoma galega a importancia que ten para Galicia o Día das Letras Galegas.

Segundo.-O profesorado, de acordo coa liña que estableza o consello escolar de cada centro, programará as actividades escolares que considere oportunas para un mellor coñecemento desta data.

Terceiro.-En calquera caso, cando menos, dedicarase en cada un dos grupos de cada curso unha hora ó desenvolvemento dunha lección ou conferencia-coloquio, adaptada á idade do alumnado, na que se poña de manifesto a importancia que ten para Galicia a nosa lingua, facendo referencia ós poetas medievais homenaxeados este ano: Martín Codax, Mendihno e Johan de Cangas.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

3002