Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 08 de abril de 1998 Páx. 3.623

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 24 de marzo de 1998 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Monte-Castrove.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Monte-Castrove con domicilio en Silván-Meis (Pontevedra).

Supostos de feito.

1. Rafaes Sáenz-Díez Malvar, como representante da fundación, en escrito de dez de marzo de 1997, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Pontevedra, o día 21 de febreiro de 1997, ante o notario Eduardo Méndez Apenela, co número oitocentos oitenta e catro do seu protocolo, por Juan Luis Pedrosa Fernández, José Manuel Cores Tourís, Jorge Domínguez Rosal, Jorge Casal Pintos, Rafael Louzán Abal, José Luis Rodríguez Lorenzo, Elena Rodríguez Leis, Joaquín Javier Gago López, Antonio Grande Santos e Fernando María Lafuente Lestón; interveñen Juan Luis Pedrosa Fernández en nome propio e dereito e, ademais, en nome e representación do Concello de Pontevedra; José Manuel Cores Tourís intervén en nome e representación do Concello de Cambados, Jorge Domínguez Rosal en nome propio e dereito e, ademais, en nome e representación do Concello de Meaño; Jorge Casal Pintos en nome propio e dereito e, ademais, en nome e representación do Concello de Meis; Rafael Louzán Abal en nome propio e dereito e, ademais, en nome e representación do Concello de Ribadumia; José Luis

Rodríguez Lorenzo en nome propio e dereito e, ademais, en nome e representación do Concello de Sanxenxo; Elena Rodríguez Leis en nome e representación do Concello de Vilanova de Arousa; Joaquín Javier Gago López en nome propio e, ademais, en nome e representación do Concello de Vilagarcía de Arousa; Antonio Grande Santos intervén en nome e representación e como presidente da Agrupación Deportiva Chan do Fento e Fernando María Lafuente Lestón intervén en nome propio e dereito; esta escritura foi corrixida por outra posterior con data do 6 de marzo de mil novecentos noventa e oito ante o mesmo notario e co número mil douscentos cincuenta e catro do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a realización na zona de influencia das rías de Arousa e Pontevedra, de actividades deportivas, turísticas e culturais, encamiñadas á promoción, prestación e xestión directa ou indirecta de recursos deportivos, turísticos e culturais da comunidade, así como a realización doutras actividades que poidan coadxuvar á consecución do obxecto social.

4. O padroado da fundación estará constituído polas persoas indicadas no artigo 10 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Monte-Castrove, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgarlle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 23 de marzo de 1998.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Monte-Castrove e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

3048