Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 08 de abril de 1998 Páx. 3.619

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 25 de marzo de 1998 pola que se regulan os centros de recoñecemento de aptitude para a obtención e renovación de permisos de armas e conducir.

A Constitución española recolle nos seus artigos 149.1.16 e 148.1.21 que o Estado ten competencia exclusiva sobre as bases e coordinación xeral de sanidade, podendo asumi-las comunidades autónomas competencias en materia de sanidade e hixiene, en tanto, o Estatuto de autonomía de Galicia prevé, no seu artigo 33.1º, que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estatuto en materia de sanidade interior.

O Real decreto 1634/1980, do 31 de xullo, sobre transferencias da Administración do Estado á Xunta de Galicia en materia de traballo, industria, comercio, sanidade, cultura e pesca, transfírelle á Xunta de Galicia, entre outras competencias, o outorgamento da autorización oportuna para a creación, construcción, modificación, adaptación ou supresión de centros, servicios e establecementos sanitarios de calquera clase e natureza, tal e como se recolle na sección IV referida a sanidade, número 33.1.g).

Conforme co anterior, a Xunta de Galicia, facendo uso das súas competencias, dictou diversas normas sobre esta materia, así o Decreto 99/1984, do 7 de xuño, sobre centros, servicios e establecementos sanitarios, o Decreto 147/1984, do 13 de setembro sobre autorización de centros, servicios e establecementos sanitarios e a Orde do 7 de novembro de 1984 que o desenvolve.

Os centros de recoñecemento que expiden certificados de aptitude para a obtención e revisión dos permisos de conducción e de armas, teñen a consideración de establecementos previstos no artigo 2 f) do Decreto 99/1984, do 7 de xuño, que pola súa finalidade ou por razón das técnicas empregadas, se cualifican como sanitario-asistenciais, quedando, polo tanto, excluídos do ámbito de aplicación referido no Decreto 147/1984, do 11 de setembro e da súa orde de desenvolvemento. Neste sentido, no referente ó procedemento de autorización, carecen dunha regulación específica e concreta, a diferencia dos establecementos e centros sanitarios referenciados nos apartados a) e b), e os servicios farmacéuticos dos hospitais ós que se fai referencia no apartado e) do artigo 2 do Decreto 99/1984, do 7 de xuño.

Por outra banda, inciden nesta materia diversas competencias derivadas do marco xeral da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial (texto articulado aprobado polo Real decreto lexislativo 339/1990, do 2 de marzo), e o Regulamento xeral de conductores (R.d. 772/1997, do 30 de maio) que esixen que as ditas probas de aptitude se verifiquen nos centros de recoñecemento previstos no R.D. 2272/1985, do 4 de decembro, e disposicións que o desenvolven, de aí que deban ser autorizadas pola autoridade sanitaria correspondente e ademais teñan que cumpli-los requisitos que a dita normativa establece para seren recoñecidos e poder inscribirse nos servicios da Dirección Xeral de Tráfico.

En consecuencia, tendo en conta as previsións contidas no artigo 4 do Decreto 99/1984, que autoriza á consellería competente en materia de sanidade para establece-los procedementos e criterios de autorización de centros, servicios e establecementos sanitarios, e, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.- Concepto.

É obxecto da presente orde regula-la autorización sanitaria dos centros encargados de efectua-los recoñecementos e informes de aptitude ós aspirantes ou titulares dos permisos de conducción e de licencias e permisos e tarxetas de armas, para a súa obtención e renovación.

Artigo 2º.- Elementos persoais, materiais, e de funcionamento.

Os centros de recoñecemento de aptitude para a obtención e renovación de permisos de armas e de conducir, en diante centros de recoñecemento, deberán reuni-los requisitos e condicións que sobre ele

mentos persoais, materiais e de funcionamento establece o R.D. 2272/1985, do 4 de decembro, e demais disposicións que o desenvolvan ou substitúan, quedando suxeita a súa posta en funcionamento á autorización da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 3º.- Persoal sanitario.

1. As funcións que se desenvolvan nos centros de recoñecemento efectuaranse baixo a dirección, responsabilidade, vixilancia e control dun director.

2. Actuará como director un dos médicos ou psicólogos do centro, e como tal asinará os certificados de aptitude, de conformidade cos dictames que lle faciliten os correspondentes facultativos.

3. Será obrigatoria a presencia dos facultativos no centro durante toda a xornada en que o establecemento estea aberto ó público, salvo ausencia accidental, xustificada e razoable.

Artigo 4º.- Documentación.

A solicitude para obte-la autorización sanitaria de posta en funcionamento será presentada na correspondente delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais subscrita polo propietario do centro ou o seu representante, e axustaranse ó modelo que figura no anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da personalidade do solicitante (DNI) e, se é o caso, da representación que ostente.

b) Tratándose de sociedades, fotocopia da escritura de constitución e certificación da súa inscrición no Rexistro Mercantil.

c) Identificación do director técnico así como do director suplente, para os casos de ausencia xustificada e razoable do titular.

d) Cadro de persoal facultativo, achegando copias compulsadas da súa titulación.

e) Plans de conxunto e detalle, a escala mínima 1:100 asinados por técnico cualificado, que permitan a perfecta localización, identificación e tamaño das dependencias con que conta o establecemento.

f) Horario de funcionamento do centro.

g) Relación de equipamento con que conte o centro.

h) Xustificante en ter aboada a taxa correspondente prevista no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicica, ou normativa que a substitúa.

Artigo 5º.- Proposta de resolución.

1. Unha vez recibida a solicitude, e comprobados polos servicios correspondentes o cumprimento das condicións e requisitos esixidos pola normativa en vigor, que se acreditarán mediante a oportuna acta de inspección, elevarán proposta de resolución ó delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que concederá ou denegará a autorización ó solicitante.

Artigo 6º.-Revogación e caducidade.

1. A autorización administrativa entenderase revogada, se se procede ó peche do centro, se alterasen as condicións orixinarias que serviron de base para o seu outorgamento, ou se trasladan as súas instalacións a outro lugar da mesma ou doutra localidade.

2. Entenderase caducada se transcorridos tres meses contados a partir do día seguinte ó que se recibise a notificación de autorización non se tivese iniciado a actividade no establecemento ou estivese interrompida máis de seis meses unha vez iniciada.

Artigo 7º.- Modificacións, traslado e peche.

1. As modificacións que se pretendan realizar nos centros de recoñemento xa autorizados poñeranse en coñecemento da delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, previamente á súa realización, para o que se xuntará unha memoria explicativa sobre a súa coherencia así como unha descrición detallada que permita a perfecta identificación dos cambios que se pretendan levar a cabo en relación coa situación existente.

Á vista da comunicación, a delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais valorará a oportunidade e legalidade das modificacións, entendéndose a súa conformidade se transcorridos dous meses non se producise comunicación expresa para o efecto.

2. Igualmente comunicaranse, no prazo máximo de quince días, os cambios efectuados na titularidade do centro de recoñecemento, na dirección técnica e nos facultativos que integren os equipos, para o que se deberán xunta-los documentos acreditativos ó respecto.

3. O traslado dun centro de recoñecemento a outro lugar dela ou distinta localidade, así como a apertura de sucursais ou delegacións, deberán segui-los mesmos trámites que a instalación dun novo.

4. O peche dos centros de recoñemento deberá ser comunicado previamente á delegación provincial que corresponda, achegando o calendario previsto para levar a cabo o proceso.

5. As delegacións provinciais manterán unha relación actualizada de centros de recoñecemento autorizados na provincia correspondente.

Artigo 8º.- Infraccións e sancións.

1. O incumprimento das prescricións contidas nesta orde quedará sometido ó réxime de infraccións e sancións que establece a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

2. Como consecuencia das actuacións de inspección e control, o delegado provincial poderá propoñer ó conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais a través das canles pertinentes, en casos de risco grave e inminente para a saúde pública ou incumprimento dos requisitos esixidos para o seu funcionamento, a clausura temporal ou definitiva dos establecementos, sen prexuízo da suspensión provisional que poida acordar con carácter de urxencia, dando conta inmediatamente a este.

Artigo 9º.- Recursos.

Contra as resolucións que de acordo coa presente orde dicte o delegado provincial, poderá interpoñerse recurso ordinario ante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións transitorias:

Primeira.-Os centros de recoñecemento xa en funcionamento, con independencia de que conten coa preceptiva autorización sanitaria, disporán dun prazo de seis meses, contados a partir da entrada en vigor da presente orde, para adaptarse ó disposto nesta norma e solicita-la súa autorización de conformidade co establecido para o efecto.

Segunda.-Para tal efecto, a persoa ou persoas físicas ou xurídicas, propietarias do centro de recoñecemento, formulará a correspondente solicitude de autorización que se axustará ó modelo que se indica no anexo I da presente orde que presentar coa documentación referida no artigo 4º desta orde.

Terceira.-Estes establecementos obterán a pertinente autorización de instalación e funcionamento unha vez que a correspondente delegación da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais comprobe o cumprimento das condicións e requisitos establecidos para ela.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 1998.

Manuel Antonio Silva Romero

Secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais

3047