Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 01 de abril de 1998 Páx. 3.324

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 98/1998, do 20 de marzo, polo que se modifica o artigo 3.2º do Decreto 365/1996, do 26 de setembro, polo que se regulan os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 3, regra 1ª, da Lei orgánica 2/1996, do 15 de xaneiro, complementaria da de ordenación do comercio retallista, establece que, no exercicio das súas competencias, lles corresponde ás comunidades autónomas a regulación dos horarios para a apertura e peche dos locais comerciais, no marco da libre e leal competencia e con suxeición ós principios xerais contidos no dito precepto.

Ó abeiro do disposto na dita lei orgánica, a Xunta de Galicia promulgou o Decreto 365/1996, do 26 de setembro, polo que se regulan os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, establecendo, no inciso final do seu artigo 3.2º, que as festas locais de cada concello se considerarán, en todo caso, hábiles para os efectos da actividade comercial respondendo así a unha tradición comercial existente en moitos concellos da nosa Comunidade Autónoma.

Sen embargo, a declaración de que tódolos festivos locais se considerarán hábiles para os efectos da actividade comercial oponse ás prácticas consuetudinarias dalgúns concellos, nos que aquelas sempre tiveron un carácter inhábil.

Polo tanto, a modificación do devandito precepto resulta necesaria para que, co fin de manter vivas as tradicións locais, sexan os respectivos concellos, como administración que está máis preto da realidade comercial de cada municipio e que goza de autonomía para a xestión dos seus intereses, os que lle propoñan á Consellería de Industria e Comercio a determinación dos festivos locais que se consideren hábiles para os efectos da actividade comercial.

Na súa virtude por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de marzo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-O apartado 2 do artigo 3 do Decreto 365/1996, do 26 de setembro, polo que se regulan os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, queda redactado do seguinte xeito:

«2. Non obstante, a Consellería de Industria e Comercio fixará anualmente oito domingos ou días festivos que, cun horario máximo de doce horas diarias, se considerarán hábiles para os efectos da actividade comercial en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

As festas locais soamente se considerarán hábiles para os efectos da actividade comercial se os respectivos concellos así llo solicitan á Consellería de Industria e Comercio, con anterioridade ó 15 de novembro de cada ano, para a súa incorporación ó calendario que rexerá no ano seguinte».

Disposicións transitorias

Primeira.-Durante o ano 1998, a solicitude á que fai referencia o artigo 3.2º, segundo parágrafo, deste decreto deberá presentarse na Consellería de Industria e Comercio dentro do prazo dun mes contado desde a súa entrada en vigor.

Segunda.-As festas locais que puideran ter lugar no período comprendido entre a entrada en vigor deste decreto e a efectiva aplicación dos procedementos de solicitude e aprobación nel previstos, rexeranse pola normativa anterior.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de marzo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

2587