Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 01 de abril de 1998 Páx. 3.325

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 2 de marzo de 1998 de subvencións ás entidades de promoción do Camiño de Santiago.

O Camiño de Santiago, fenómeno histórico, relixioso e cultural de singular importancia foi, ó longo dos séculos, o punto de encontro de xentes de diversas procedencias. O interese que despertou o Camiño chega ata os nosos días e, para potencialo, a Consellería de Cultura creou mediante o Decreto 224/1994, do 2 de xuño, o Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago, co obxecto de levar a cabo actuacións conxuntas e facilitar información recíproca entre as distintas entidades interesadas polo tema do Camiño.

O artigo 4 do mencionado decreto establece que as entidades inscritas poderán solicita-las subvencións que regulamentariamente se determinen. Neste sentido, a Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, no uso das competencias outorgadas polo Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, que regula o desenvolvemento da estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, considera necesaria a concesión de axudas ás entidades que realicen actividades de difusión, investigación ou promoción dos Camiños de Santiago.

En virtude de todo o exposto, e aínda que os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998 están pendentes de aprobación, a consellería considera necesario convoca-la presente subvención amparándose nunha orde da Consellería de Economía e Facenda, do 2 de xuño de 1986, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Esta orde dispón no seu artigo 1.2º que, entre outros, os expedientes de gasto imputables ós capítulos IV e VII poderán iniciarse «no período de prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamento definitivo para o citado exercicio, unha vez que ese proxecto de orzamentos estea aprobado polo Consello da Xunta, cando os gastos se vaian materializar no mesmo exercicio».

A aplicación deste precepto supón un paso moi importante na axilización do proceso de execución orzamentaria, coas conseguintes vantaxes para os administrados e sen mingua de soberanía do Parlamento, en función do disposto no artigo 3.2º da orde de referencia, xa que non se poderán conceder efectivamente as subvencións ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto. Para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente disposición ten por obxecto promocionar e incentivar, mediante a concesión de subvencións a fondo perdido, as entidades que realicen actividades de difusión, investigación, promoción ou

calquera outra que repercuta directa ou indirectamente nos Camiños de Santiago en Galicia.

Artigo 2º.-Partida orzamentaria.

O libramento da contía da subvención, que non superará os catorce millóns de pesetas, farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.01.353-G.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

No caso de resultar remanentes do orzamento por non realizarse as actividades subvencionadas, a xerencia poderá destina-las ditas cantidades a outras actividades que se consideren axeitadas para a promoción do Camiño de Santiago.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicita-las subvencións as asociaciacións e institucións que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

b) Proxecta-la realización das actividades descritas no artígo 1º.

Artigo 4º.-Beneficios.

As actuacións destas entidades poderán ser subvencionadas coa cantidade máxima de 750.000 pesetas por beneficiario, para as actividades de: difusión escrita, investigación, infraestructuras no Camiño, xornadas, seminarios, etc., ata a finalización do crédito orzamentario previsto para o efecto.

A subvención farase efectiva unha vez rematada a actividade prevista, despois da entrega da seguinte documentación, que será antes do 30 de setembro de 1998:

a) Informe acreditativo da súa realización, no que deberán figura-las facturas orixinais ou fotocopias debidamente compulsadas, de se-lo caso, memoria, fotografías, notas de prensa, etc.

b) Certificación bancaria orixinal acreditativa de que a conta sinalada corresponde á asociación.

Artigo 5º.-Solicitude de beneficios.

Os interesados enviarán as súas solicitudes, no modelo oficial que figura ó final desta orde, á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15771 Santiago de Compostela. Tamén poderán presentalas nas dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo isto de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En consecuencia, non serán admitidas solicitudes enviadas a través de fax, teléfono ou calquera dos medios que non figuren no artigo citado.

A instancia deberá ir xunto coa seguinte documentación:

a) Número de inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

b) Documentación explicativa das actividades que solicitan ser subvencionadas.

c) Orzamento das actividades.

d) Fotocopia da tarxeta do CIF.

e) Breve memoria de actividades realizadas durante o ano anterior (máximo 6 páxinas).

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes de subvención presentaranse no prazo de trinta días desde a publicación desta orde no DOG.

Artigo 7º.-Tramitación.

As solicitudes serán tramitadas polos servicios técnicos da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, con suxeición ó disposto no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

Unha comisión de valoración creada para o efecto examinará e cualificará as solicitudes presentadas, tendo en conta os seguintes criterios:

a) Interese da actividade para a difusión, investigación e promoción dos camiños de Santiago en Galicia.

b) Orixinalidade da actividade que se vai realizar.

c) Contías económicas.

d) Cumprimento dos requisitos esixidos pola orde de convocatoria.

A comisión estará integrada por un presidente, tres vocais e un secretario.

-O presidente será o secretario xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Serán vocais o director xeral de Patrimonio Cultural, o director xeral de Promoción Cultural, e o xerente de Promoción do Camiño de Santiago.

-Actuará como secretario un técnico da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago nomeado polo xerente.

Artigo 9º.-Resolución.

A comisión elevará a súa proposta motivada ó conselleiro, que resolverá a convocatoria. A resolución notificaráselles ós interesados segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Prazo de aceptación.

Os beneficiarios deberán confirma-la súa aceptación da subvención no prazo de 5 días desde a

recepción da notificación da concesión da subvención, mediante escrito dirixido á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, comprometéndose a executa-lo proxecto ou actividade subvencionada no prazo establecido.

Artigo 11º.-Denegación da subvención.

A denegación da subvención será expresa e motivada e o interesado poderá interpoñer contra esa resolución recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir da recepción da notificación.

Artigo 12º.-Realización das actividades.

As actividades subvencionadas levaranse a cabo de conformidade co proxecto presentado e na súa realización deberase deixar constancia de que se trata de actividades subvencionadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, e no caso de actividades que comporten difusión escrita, deberá ir en lugar e tamaño destacado o logotipo da Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Comunicación

Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, e o anagrama do Xacobeo 99.

Artigo 13º.-Seguimento.

A Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago velará para que as actividades obxecto da subvención se realicen de conformidade co disposto no artigo anterior, podendo toma-las medidas que considere oportunas ó respecto.

Artigo 14º.-Sancións.

A non realización ou a realización parcial das actividades subvencionadas poderá comporta-la anulación total ou parcial da axuda outorgada, e a obriga de reintegra-las cantidades percibidas en concepto de subvención e os correspondentes xuros legais, sen prexuízo das demais responsabilidades nas que se incorra.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

2590