Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 01 de abril de 1998 Páx. 3.328

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 18 de marzo de 1998 pola que se anuncian subvencións a empresas privadas para a mellora da infraestructura hoteleira.

No eido do turismo faise cada día máis patente a necesidade de adapta-las empresas de servicios turísticos ás esixencias de maior calidade que se observa que demandan os mercados. Os establecementos de aloxamento, como oferentes de servicios, inciden directamente na configuración e calidade do producto turístico galego, xa que se atopan plenamente inmersos na súa xestión e comercialización.

Un dos factores máis importantes que motivan un axeitado movemento nas empresas hoteleiras é, sen dúbida, a súa calidade de servicios e a prestancia das súas instalacións. Neste sentido cabe decir que, nos últimos anos, o sector hoteleiro galego experimentou un considerable aumento na súa oferta de prazas como consecuencia da posta en funcionamento de novos establecementos; sen embargo, é notorio que outros, que veñen desenvolvendo a súa actividade desde hai xa algún tempo, precisan moderniza-las súas instalacións para conseguir unha calidade óptima na oferta destes servicios na nosa Comunidade Autónoma. Por todo isto nos pasados exercicios económicos, a administración turística galega, dentro das súas liñas de obxectivos, artellou unha serie de medidas de fomento destinadas á mellora dos sinalados establecementos hoteleiros e, como queira que tal medida alcanzou basicamente os obxectivos inicialmente previstos, pero existindo aínda necesidades de mellora dos establecementos no

sector hoteleiro, faise preciso artellar no presente exercicio unhas novas medidas de fomento, na liña das dos pasados exercicios orzamentarios, así como consonte as determinacións que sobre clasificación de establecementos hoteleiros se establecen na Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo de Galicia.

En consecuencia, e con cargo ós créditos orzamentarios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade no proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, seguindo os criterios básicos sobre o réxime de incentivos ó investimento productivo en Galicia sinalados no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comuninade Autónoma de Galicia, así como o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei e tendo en conta as determinacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, convócanse unha serie de axudas des

tinadas á mellora da infraestructura hoteleira de Galicia e, polo tanto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Turismo, poderá conceder subvencións con cargo á aplicación 10.05.751A.772.0, dos seus créditos orzamentarios para 1998, ás persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos hoteleiros, en calquera das formas de posesión que determina o Código Civil, sempre e cando desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin, así como as determinacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto e, así mesmo, cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, aplicarase o que dispón o artigo 36.dous.B).2.e) do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, para os efectos do pagamento correspondente á anualidade do exercicio de 1998 e, se é o caso, a de 1999.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde:

* As accións encamiñadas á modernización das instalacións existentes nos establecementos hoteleiros que estean clasificados dentro dos grupos de hoteis.

* As accións que permitan a conversión de hostais en hoteis.

Abarcan estas accións a modernización e remodelación das instalacións, a creación ou mellora da oferta complementaria así como a substitución dos equipamentos obsoletos.

Artigo 3º.-Condicións particulares.

1. Os proxectos que se presenten na procura de subvención, terán que cumpri-los requisitos esixidos pola normativa turística vixente.

2. Os hoteis deberán acreditar que posúen autorización da administración turística para exerce-la súa actividade con anterioridade ó 31 de decembro de 1986. Esta data poderase substituír, logo da autorización do director xeral de Turismo, visto o preceptivo informe do Servicio de Inspección do Turismo, pola do 31 de decembro de 1988, naqueles casos nos que o hotel que se pretenda modernizar teña unhas carencias notorias nas súas instalacións.

3. Os establecementos para os que se solicita subvención deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia.

4. O investimento mínimo subvencionable non poderá ser inferior a cinco millóns de pesetas para os hoteis. Non existe investimento mínimo subvencionable no caso de conversión de hostais en hoteis.

5. Os proxectos que se presenten serán globais, é dicir, estarán contidos nunha única solicitude.

6. Os proxectos que se subvencionen terán que:

a) Comezarse durante o ano 1998 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde.

b) Darlle publicidade a colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo - Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido, serán indicados polos correspondentes servicios provinciais de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

c) Cumpri-lo disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

7. Os beneficiarios das subvencións adquiren o compromiso de crea-los postos de traballo a que se comprometen na declaración xurada incorporada á solicitude nun prazo de 3 anos contados desde a data de autorización de apertura pola administración turística ou, se é o caso, desde cando se reemprenda a actividade ou se teña xustificado correctamente o investimento subvencionado. Tamén se compromete a manter estes postos de traballo durante 3 anos, contados a partir da súa creación.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables, poderán acadar unha axuda económica de ata o 25% sobre o investimento subvencionable máis 500.000 ptas. por posto de traballo que se vaia crear co investimento proxectado. En todo caso, a porcentaxe máxima de axuda non poderá supera-lo 50% do investimento subvencionable.

Considérase investimento subvencionable a execución material así como a adquisición de novo equipamento. Non se considera equipamento subvencionable a lencería, menaxe, vaixelas e análogos así como tampouco a adquisición de terreos, honorarios técnicos, nin ningún tipo de taxa ou imposto.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, dirixidas ó director xeral de Turismo e a documentación que de seguido se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, na delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo-Servicio Provincial de Turismo, correspondente á localización do inves

timento, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común no prazo dun mes, contado desde o día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

c) Da documentación técnica do investimento.

1º Proxecto básico, asinado por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á realización de obras.

2º Memoria explicativa, asinada por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á adquisición de equipamento, á execución dun proxecto de decoración, a intervencións de remoción e pequenas reparacións.

En todo caso deberase achegar, tanto sexa coa memoria como co proxecto básico, orzamento pormenorizado por conceptos do investimento proxectado e planos a escala 1:50 cando o investimento afectase á distribución ou uso das instalacións existentes.

d) Licencia urbanística, se fose o caso, que posibilite a execución do investimento para o que se solicita subvención. No caso de carecer dela no momento de realiza-la solicitude de subvención, será dabondo a presentación dun informe urbanístico, emitido polo concello, no que se indique que o proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio ou, se é o caso, certificación do concello comprensiva de que o investimento proxectado non precisa licencia urbanística.

e) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase escritura de constitución ou modificación, se é o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil.

f) Declaración xurada doutras axudas solicitadas ou recibidas para o proxecto para o que se solicita subvención.

g) Documento acreditativo de inscrición do establecemento para o que se solicita a subvención no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia. No dito certificado deberase determinar a qué grupo hoteleiro pertence o establecemento para o que se solicita a subvención así como a categoría que ten outorgada.

h) Declaración xurada, se é o caso, dos postos de traballo que se van crear coa execución do investimento proxectado, especificando se son de autoemprego ou indefinidos, indicando no caso de ser a tempo parcial a duración da xornada.

i) Documento acreditativo de alta no imposto de actividades económicas nun epígrafe que posibilite a explotación económica do proxecto subvencionado

consonte as determinacións e obrigas que se sinalan nesta orde.

2. Os interesados emendarán os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite, daqueles que non se cubrisen en tempo e forma.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo iso de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 112, do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se regula a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo, por cada expediente, no que se deberá indica-la valoración desde un punto de vista turístico do proxecto presentado así como se cumpre os requisitos administrativos para ser obxecto de subvención, serán estudiadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servicios provinciais de Turismo e os xefes de Servicio de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe do Servicio de Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

-A conversión de hostais en hoteis.

-A localización do establecemento atendendo á demanda turística.

-A creación de postos de traballo.

-As melloras que se vaian realizar no establecemento co investimento proxectado.

-A creación ou mellora da oferta complementaria.

-O aumento da categoría, segundo a normativa turística, que a realización do proxecto supón para o establecemento.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, ana

lizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias elevará ó director xeral de Turismo proposta de concesión ou denegación de subvención. Dos acordos adoptados pola sinalada comisión redactarase a correspondente acta.

3. O director xeral de Turismo, vista a proposta elevada pola comisión técnica, dictará as resolucións de concesión, ou se é o caso, de denegación de subvencións.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, 1999 e 2000, en función das disposicións orzamentarias e das dificultades de índole técnica de execución do investimento subvencionado.

4. De conformidade co establecido no Decreto 264/1994, do 29 de xullo, entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data do rexistro de entrada da solicitude.

Artigo 7º.-Aceptación-renuncia das subvencións e condicións xerais para as concedidas.

1. Da aceptación-renuncia das subvencións.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, éstes, no prazo de quince días naturais, comunicaranlle á Dirección Xeral de Turismo a aceptación (segundo o modelo do anexo II) ou renuncia a elas. Se transcorridos os sinalados quince días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

2. Das condicións xerais para as subvencións concedidas.

No prazo de dous meses desde a presentación da aceptación da subvención, os beneficiarios presentarán na Dirección Xeral de Turismo a seguinte documentación:

a) Proxecto definitivo da acción subvencionada visado polo correspondente colexio oficial, no que se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, consonte a resolución de concesión.

O dito proxecto e programa, que teñen que ser conformes co determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para incorporar ó expediente, deberá ser informado favorablemente, polo xefe do Servicio de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.

b) Licencia urbanística de obras, expedida polo concello e con referencia explícita ó proxecto subvencionado. Excepcionalmente poderase apraza-la presentación deste documento.

c) Certificación bancaria onde se debe aboa-la subvención.

Se transcorridos os ditos dous meses non se cumprise algunha das condicións anteriores, procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

3. Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, vista a proposta que se lle formule pola comisión técnica, o director xeral de Turismo poderá concederlles subvencións ós expedientes que non a recibisen e teñan cualificación dabondo, segundo os acordos da sinalada comisión.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o importe dela se atribuíse en dúas ou máis anualidades terán como data límite para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 1998: 15 de novembro de 1998.

Fase de 1999: 30 de xuño de 1999, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a tres, 15 de outubro de 1998.

Fase de 2000: 30 de xuño do 2000.

Se a subvención soamente se imputou ó exercicio de 1998, a data límite de presentación será o 15 de novembro de 1998.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustifica-lo antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención, os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobro segundo o modelo do anexo III.

3.2. Facturas e certificación por conceptos, asinada polo técnico director de obra e visada polo correspondente colexio oficial, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra, visado polo colexio oficial no caso de que o investimento subvencionable se referise á realización das obras e/ou instalacións incluídas no artigo 5º.1.c)1º da presente orde.

Cando o investimento subvencionable se referise ás accións incluídas no artigo 5º.1.c).2º da presente orde deberase remitir, ou ben a documentación que

se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais, ou copia compulsada delas, relativas ó investimento executado.

En calquera dos casos, nas facturas, o interesado, deberá especificar a qué concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.3. Licencia urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado, no caso de que se precisara e non se achegase anteriormente por causas excepcionalmente autorizadas.

3.4. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas Facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e de estar ó día nas obrigas coa Seguridade Social así como de estar ó día no pagamento do imposto sobre actividades económicas.

3.5. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recolla o compromiso ó que se fai referencia no artigo 3º.7 da presente orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa última solicitude de pagamento e potestativo nos demais casos.

Por outra banda, no caso de ser beneficiario dunha subvención plurianual e cando se solicite o pagamento da anualidade de 1998 ou, se é o caso, de 1999, ademais da documentación indicada no apartado 3 do presente artigo, tamén se deberá remiti-la documentación á que se fai referencia no artigo 36.dous.B).2 do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

4. Para o non previsto anteriormente, haberá que aterse ó disposto nesta materia nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposición transitoria

Tódolos actos de trámite dictados nos expedientes de gasto realizados ó abeiro desta orde entenderanse condicionados a que ó se dicta-lo acordo de compromiso de gasto subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento no que foron producidos aqueles actos.

Disposición adicional

Primeira.-As modalidades de contratos aceptados na presente orde, para os efectos de creación de emprego, son:

-Autoemprego.

-Indefinidos, a xornada completa ou a tempo parcial.

-De duración determinada, de carácter formativo (en prácticas ou de aprendizaxe) ou de lanzamento de nova actividade.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

Se é o caso, e para o cálculo da equivalencia ó ano, procederase a dividi-la suma de horas traballadas, pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Segunda.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo, as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7º.2 desta orde así como os prazos establecidos no artigo 8º.1 terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. As ditas datas e prazos non poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño de 2000. Será tamén de aplicación

o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte o sinalado no artigo 7º.3 desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde, poderán solicitarlle ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Turismo para dicta-las resolucións e instruccións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

2279