Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 30 de marzo de 1998 Páx. 3.118

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 1998 pola que se convoca e regula a concesión de axudas a organizacións de consumidores e usuarios, para actividades de información, educación e defensa do consumidor e usuario para o ano 1998.

A convocatoria de axudas constitúe unha medida adecuada para promove-las accións de información, educación e defensa dos intereses dos consumidores, favorecendo ó mesmo tempo a colaboración das organizacións co Instituto Galego de Consumo neste obxectivo común.

En virtude disto, e de conformidade cos artigos 27 e concordantes do Estatuto galego do consumidor e usuario, e o Decreto 95/1984, do 24 de maio, sobre rexistro de organizacións de consumidores e usuarios de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As organizacións de consumidores e usuarios da Comunidade Autónoma de Galicia poderán ser beneficiarias de axudas para actuacións de promoción e defensa dos consumidores e usuarios galegos durante o ano 1998, con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343A.480.0 do proxecto de orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para 1998, e en virtude do disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto do 11 de febreiro de 1998 (DOG do 19 de febreiro).

As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin, e en todo caso o importe do crédito non poderá supera-la cantidade de 60.000.000 de ptas.

Se unha vez adxudicadas as axudas resultase remanente de crédito, este Instituto Galego de Consumo reserva para si a facultade de incrementa-la contía das axudas previstas nesta resolución, ou efectuar convocatorias complementarias.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as federacións e asociacións de consumidores e usuarios de Galicia, inscritas na sección xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia a que se refire o Decreto 95/1984, do 24 de maio, e ademais deberán cumpri-las seguintes condicións:

a) No caso das asociacións deberán dispoñer de oficina aberta ó público 4 horas diarias como mínimo e contar cun rótulo no que conste de maneira destacada o obxecto da oficina.

b) Facilitarlle ó público información e asesoramento sobre os seus dereitos como consumidor e a forma de exercelos.

c) Atende-las consultas, reclamacións e denuncias dos consumidores e usuarios colaborando para tal fin co Instituto Galego de Consumo.

Artigo 3º.-Obxecto.

O obxecto das axudas a que se refire o artigo anterior será o seguinte:

a) Gastos de funcionamento, infraestructura, equipamento e servicios técnicos xurídicos concertados con profesionais que resulten necesarios para o desenvolvemento de actividades de información, asesoramento e mediación en conflictos ou litixios de consumo.

b) Organización e participación en sesións informativas, xornadas, cursos, seminarios e certames feirais relacionados coa defensa do consumidor e usuario.

c) Realización de traballos monográficos, publicacións e enquisas sobre temas de consumo.

d) Promoción do sistema arbitral de consumo.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes presentaranse conforme o modelo normalizado do anexo I desta resolución, nos servicios provinciais de consumo ou nos servicios centrais do Instituto Galego de Consumo sendo en todo caso de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administativo común. O prazo de presentación será de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes (anexo I) irán acompañadas coa seguinte documentación:

a) Memoria das actividades realizadas pola organización durante o exercicio anterior.

b) Proposta descritiva de cada unha das accións e programas específicos que se pretenden realizar, coa súa valoración. (Anexo II).

c) Certificación do secretario/a da organización onde conste o número de socios na que se faga constar ademais o horario no que a oficina permanece aberta ó público (anexo III).

d) Balance da situación económica o 31 de decembro de 1997, no que se farán consta-los ingresos e os gastos, agrupados por partidas específicas segundo a súa orixe e finalidade. (Anexo IV).

e) Declaración de axudas concedidas ou solicitadas a outros organismos para a mesma finalidade pretendida. (Anexo V).

f) Certificacións xustificativas de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e certificación acreditativa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia, que ó ter unha validez de 6 meses, deberán volverse presentar no momento da xustificación en caso de estar caducados.

Artigo 5º.-Tramitación.

Os servicios centrais e provinciais de consumo comprobarán se a solicitude e documentación presentada reúne os requisitos esixidos na presente resolución, e no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non se fixese, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite.

Artigo 6º.-Avaliación das solicitudes.

1. Realizado o trámite anterior, as solicitudes pasarán para o seu exame á comisión de valoración que efectuará proposta de resolución e a elevará ó presidente do Instituto Galego de Consumo, como órgano competente para resolver.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, a comisión de valoración estará formada polos

seguintes membros: o xerente do Instituto Galego de Consumo, que actuará como presidente, o xefe de Servicio de Información e Educación e os xefes de servicios provinciais de Consumo, que actuarán como vocais, e un funcionario designado polo xerente, que actuará como secretario. A dita comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela o presidente, ou persoa na que delegue, un vocal e o secretario.

3. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 7º.-Contía.

A contía das axudas axustarase ás seguintes porcentaxes:

a) Para gastos de funcionamento, equipamento, infraestructura e servicios técnicos xurídicos das oficinas de información ó consumidor ata un 80% do custo.

b) Organización e participación en sesións informativas, xornadas, cursos, seminarios e certames feirais sobre consumo, ata un 70% do custo.

c) Realización de traballos monográficos, publicacións, enquisas, etc., sobre consumo, ata un 80% do custo.

d) Promoción do sistema arbitral de consumo ata un 80% do custo.

Artigo 8º.-Criterios de adxudicación das axudas.

As axudas ás organizacións de consumidores outorgaranse atendendo ós criterios seguintes:

1. Grao de implantación territorial sobre a base do número de socios e a súa distribución por provincias, comarcas e localidades da Comunidade galega. No caso das federacións, número e distribución territorial das asociacións integradas na federación.

2. Capacidade de autofinanciamento da propia organización.

3. Grao de adecuación dos programas ó plan de actuacións do Instituto Galego de Consumo.

4. Traxectoria da actividade da organización solicitante en convocatorias anteriores.

Artigo 9º.-Resolución.

O presidente da comisión de valoración remitirá proposta de resolución ó presidente do Instituto Galego de Consumo, que dictará a resolución que proceda.

Entenderanse desestimadas aquelas solicitudes sobre as que non recaia resolución expresa no prazo de tres meses desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

As axudas serán compatibles con calquera outra axuda que puidese outorgarse para tales fins, e sempre que o importe total subvencionado non exceda do custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario e da porcentaxe máxima establecida nesta orde.

Artigo 10º.-Pagamento.

En virtude do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, e conforme o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de marzo de 1998, o pagamento destas axudas poderá facerse en varios prazos:

1. Para aquelas que non superen o importe de 1.000.000 de pesetas poderá acordarse un anticipo de pagamento de ata un 80% da contía outorgada mediante a correspondente certificación pola secretaría da organización co visto e prace da presidencia, do inicio das actividades, librándose o 20% restante unha vez presentada pola entidade beneficiaria a completa xustificación do cumprimento da finalidade e demais condicións para a que foi concedida a axuda.

2. Para aquelas que superen o importe de 1.000.000 de pesetas poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un anticipo do 50% da totalidade da subvención no momento da súa concesión.

Para facer efectivo este anticipo deberá presentarse como medio provisional de xustificación, unha certificación emitida pola secretaría da organización co visto e prace da presidencia, do inicio das actividades.

O 50% restante librarase unha vez presentada pola entidade beneficiaria a completa xustificación do cumprimento da finalidade e demais condicións para a que foi concedida a axuda.

b) Pagamentos parciais de ata o 80% da axuda concedida a medida que o beneficiario xustifique os gastos a conta da liquidación definitiva, librándose o 20% restante cando se xustifique o cumprimento da finalidade e demais condicións para a que foi concedida a axuda.

No obstante o anterior o Instituto Galego de Consumo, en calquera momento, poderá solicita-los documentos que acrediten os datos que constan nas ditas certificacións.

Artigo 11º.-Xustificación.

Establécense como normas específicas para a xustificación das presentes axudas as seguintes:

1. Para a xustificación da axuda concedida, a organización deberá presentar antes do 31 de decembro de 1998 a relación numerada e circunstanciada das facturas ou xustificantes dos gastos realizados (anexo VI). Xuntarase amais a memoria explicativa da realización das actividades ou programas subvencionados, así mesmo xuntarase declaración de axudas concedidas ou solicitadas a outros organismos desde a data da solicitude das axudas obxecto desta resolución (anexo V).

2. O importe dos xustificantes presentados deberá acadar como mínimo a contía das porcentaxes que se poden librar conforme o artigo 7º.

3. As facturas ou xustificantes presentados deberán ser orixinais ou copias compulsadas e corresponderán ó ano 1998; neles quedará reflectido de xeito expreso que o seu pagamento foi efectuado, e en todos eles deberá figura-lo visto e prace da presidencia da federación ou asociación.

4. Os xustificantes correspondentes a colaboracións puntuais figurarán en recibos onde consten os datos do perceptor, o seu NIF e o concepto polo que se retribúe, así como os datos da asociación ou a federación.

5. Non serán admitidos xustificantes de gastos de representación.

6. Os desprazamentos, gastos de hospedaxe e restauración xustificaranse conforme os decretos 299/1990, do 24 de maio e 21/1994, do 4 de febreiro, sobre indemnizacións por razón do servicio ó persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, aplicándose a baremación correspondente ó grupo II. Sempre e en tódolos casos, especificarase o motivo da viaxe e xuntarase copia da convocatoria, curso, etc., que corresponda.

7. As federacións e asociacións ás que se concedera axuda deberán xustifica-los seus respectivos gastos mediante facturas emitidas ó seu nome, non resultando posible que a dita xustificación se realice por documento expedido a entidade distinta.

Artigo 12º.-Obrigas.

1. Será requisito para a súa percepción a aceptación expresa do beneficiario e a acreditación de acordo co artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, de que se atopan ó día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a comunicar calquera circunstancia ou eventuali

dade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foron concedidas.

Artigo 13º.-Control.

1. O control do cumprimento do obxecto, condicións, finalidade e demais compromisos adquiridos polos beneficiarios das axudas levarase a cabo polo Instituto Galego de Consumo, o cal poderá realiza-las comprobacións que coide oportunas respecto destas e terá acceso a toda a documentación xustificativa delas, e efectuarase de conformidade co disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia. O seu incumprimento por parte do beneficiario dará lugar, de acordo co previsto no artigo 78.5º da devandita lei, logo da audiencia ós interesados, á revogación da axuda concedida e ó reintegro das cantidades percibidas e mailos xuros de demora, sen prexuízo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

2. No caso de que o investimento ou actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda que se conceda reducirase nunha porcentaxe proporcional.

Cando por concorrencia de axudas o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vai realiza-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida nesta orde, procederá o reintegro do exceso percibido e mailos xuros de demora á Administración autonómica, sen prexuízo das demais responsabilidades que se puideran derivar.

As cantidades que teñan que reintegra-los adxudicatarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 14º

Con independencia do establecido na presente resolución, haberá que se ater ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e ó que estableza a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998.

Disposición transitoria

De conformidade co disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 (DOG do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, as resolucións da adxudicación quedan condicionadas á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 1998.

Jorge Rodríguez Vázquez-Molezún

Presidente do Instituto Galego de Consumo

2612