Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 30 de marzo de 1998 Páx. 3.127

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 1998 pola que se convoca e regula a concesión de axudas a corporacións locais para actividades de información, educación e defensa do consumidor e usuario para o ano 1998.

Correspóndelle á Administración impulsa-la creación e mellora de oficinas municipais de información ó consumidor (OMIC), para facilitarlles ós consumidores e usuarios, coa maior rapidez, a información e defensa dos seus dereitos e lexítimos intereses.

En virtude disto, e de conformidade cos artigos 24 e concordantes do Estatuto galego do consumidor e usuario, e o capítulo II do Decreto 185/1994, do 16 de xuño, sobre información e orientación ó consumidor e usuario,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Instituto Galego de Consumo concederá axudas ós concellos desta Comunidade Autónoma, con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343A.460.0 do proxecto de orzamentos xerais desta comunidade para o ano 1998 cun crédito máximo de 40.000.000 de ptas., para actuacións de información e defensa dos consumidores e usuarios galegos que se realicen durante o ano 1998, a través das súas correspondentes oficinas municipais de información ó consumidor (OMIC), e en virtude do disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 (DOG do 19-2-1998) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

As ditas concesiós estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin.

Para que os concellos poidan beneficiarse das axudas ás que fai referencia o artigo 2º desta orde, as oficinas municipais de información ó consumidor (OMIC) deberán, ademais das derivadas do Decreto 185/1994, do 16 de xuño, cumpri-las seguintes condicións:

a) Estar abertas ó público 5 horas diarias como mínimo e contar cun rótulo no que conste de maneira destacada o obxecto da oficina.

b) Facilitarlle ó público información e asesoramento sobre os seus dereitos como consumidor e a forma de exercelos.

c) Atende-las consultas, reclamacións e denuncias dos consumidores e usuarios colaborando para tal fin co Instituto Galego de Consumo.

Artigo 2º.-Obxecto.

O obxecto das subvencións a que se refire o artigo anterior será o seguinte:

a) Gastos de instalación de novas oficinas municipais de información ó consumidor.

b) Gastos de funcionamento das oficinas municipais de información ó consumidor xa instaladas.

c) Actividades de información, orientación, asistencia técnica, educación e formación dos consumidores e usuarios; edición e divulgación de publicacións e enquisas de interese para os consumidores relacionadas coa defensa dos seus dereitos.

d) Campañas de promoción da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia.

e) Programas mancomunais entre diferentes municipios e/ou de actuación conxunta con asociacións de consumidores referidos ós anteriores apartados c) e d).

Artigo 3º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes (anexo I) para acollerse ás axudas económicas previstas na presente resolución dirixiranse ós servicios provinciais de consumo ou ós servicios centrais do Instituto Galego de Consumo, sendo en todo caso de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo de presentación será de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do órgano competente pola que se acolle á axuda, coa expresión da cantidade exacta solicitada. (Anexo II).

b) Certificación da poboación de feito, segundo o último censo dispoñible. (Anexo III).

c) Certificación do secretario/a do concello na que se faga consta-lo horario no que a oficina permanece aberta ó público para atende-los consumidores e usuarios e para cursar reclamacións ou denuncias que se lles presenten, e que será polo menos de cinco horas diarias ou vintecinco semanais.

d) Certificado do secretario do concello sobre a existencia ou non de concesións ou solicitudes de axudas a outros organismos para actividades obxecto de axuda.

e) Se é o caso, certificación do secretario do concello da existencia do Consello Local de Consumo, se estivera constituído, ou do acordo de creación del en 1998. (Anexo IV).

f) Se é o caso, certificación do secretario do concello da existencia de mancomunidade con outros concellos e/ou de actuacións conxuntas con asociacións, para actividades sobre consumo. (Anexo V).

g) Se a axuda solicitada está destinada á instalación dunha nova OMIC, deberase presenta-la certificación do órgano competente polo que se aproba o proxecto correspondente, no que, ademais de

garanti-las condicións de idoneidade do local para unha correcta atención ó público, se valorará economicamente o custo do proxecto e a súa necesidade.

h) De se-lo caso e cando o servicio prestado pola OMIC sexa concertado cunha asociación de consumidores, deberá xuntarse copia do convenio correspondente no que deberá figura-lo importe da contraprestación que a entidade local lle paga á asociación.

Artigo 4º.-Contía.

A contía das axudas axustarase ós seguintes criterios:

a) Para a instalación de novas oficinas municipais de información ó consumidor, a axuda será de ata o 80% do seu custo.

b) Para os gastos de funcionamento a axuda será de ata o 80% do seu custo.

c) Para actividades de información, formación, asistencia técnica, publicacións, enquisas etc., a subvención será de ata o 70% do seu custo.

d) Para a promoción do sistema arbitral, a subvención será de ata o 80% do seu custo.

e) Para programas mancomunais entre diferentes municipios, e/ou actuacións conxuntas con asociacións de consumidores a subvención será como máximo do 80% do seu custo.

f) O importe dos xustificantes presentados deberá acadar como mínimo a contía das porcentaxes que se poden librar conforme o artigo 4º.

As corporacións locais beneficiarias deberán facer consta-lo patrocinio do Instituto Galego de Consumo na información publicitaria relativa ás actuacións subvencionadas.

Artigo 5º.-Resolución.

a)As axudas, que serán compatibles con calquera outra que puidese outorgarse para tales fins e sempre que o importe total subvencionado non exceda do custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario e da porcentaxe máxima establecida nesta resolución, concederanse, por resolución expresa do presidente do Instituto Galego de Consumo.

b) Entenderanse desestimadas aquelas solicitudes sobre as que non recaia resolución expresa no prazo de tres meses contado a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 6º.-Pagamento e xustificación.

As axudas concedidas faranse efectivas despois da xustificación polo concello beneficiario da realización dos proxectos, actuaciós e custos que foron obxecto da subvención. (Anexo VI).

O importe dos xustificantes presentados deberá acadar como mínimo a contía das porcentaxes que se poden librar conforme ó artigo 4º.

Para a xustificación da subvención concedida, a corporación local deberá presentar antes do 31 de decembro de 1998 a seguinte documentación:

a) Para investimentos destinados á nova instalación destas oficinas, certificación do secretario do concello do investimento realizado para a instalación.

b) Se a axuda concedida foi destinada a gastos de funcionamento, certificación do secretario do concello do gasto total efectuado en gastos de funcionamento da oficina.

c) Se a axuda concedida foi destinada á realización dalgunha actividade, memoria final do desenvolvemento desta e certificación do secretario do concello do gasto total efectuado nas citadas actividades.

Artigo 7º.-Control.

O Instituto Galego de Consumo poderá realiza-las comprobacións que coide oportunas respecto á axuda económica concedida e terá acceso a toda a documentación xustificativa dela.

No caso de que o investimento ou actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda que se conceda reducirase nunha porcentaxe proporcional.

A falta de xustificación dos gastos, unha aplicació diferente ásinalada na solicitude e/ou, en xeral, o incumprimento dalgún dos requisitos esixidos na presente orde, dará lugar á retirada da subvención, coa conseguinte obriga da devolución da axuda percibida e dos xuros de demora, nos supostos previstos no apartado 5º do artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. As cantidades que hai que reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará de aplicación para o seu cobro o previsto nos artigos 19 a 23 da citada lei.

Artigo 8º.

Con independencia do establecido na presente resolución, aplicarase en todo caso o disposto na Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o que estableza a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998.

Disposición transitoria

De conformidade co disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 (DOG do 19 de febreiro de 1998) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, as resolucións de adxudicación quedan condicionadas á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 1998.

Jorge Rodríguez Vázquez-Molezún

Presidente do Instituto Galego de Consumo

2584