Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 30 de marzo de 1998 Páx. 3.117

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 4 de marzo de 1998 pola que se convoca o premio Elías Valiña 1998 ó esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago.

O Camiño de Santiago constituíu no século XI un fenómeno de gran relevancia, non só para Galicia senón para toda Europa.

Esta relevancia e interese que espertou o Camiño durante dos séculos fixo necesaria a adopción dunha serie de medidas encamiñadas á súa revitalización, recuperación e promoción.

Neste sentido, a Consellería de Cultura e Comunicación Social, no marco das súas competencias, co informe favorable do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e o parecer da Federación das Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e outras entidades relacionadas co Camiño, creou por Orde do 27 de agosto de 1996 o premio Elías Valiña ó esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago co fin de estimula-lo labor de persoas que, como Elías Valiña, considerado hoxe como un dos maiores revitalizadores do Camiño de Santiago, dedicaron gran parte da súa actividade á recuperación e promoción do Camiño de Santiago, levando a cabo tarefas de sinalización, limpeza, enumeración quilométrica, e mesmo fomentando a creación de asociacións de amigos do Camiño que velen pola conservación das respectivas parcelas ó longo da Ruta Xacobea.

O artigo 2º da devandita orde establece que o premio terá carácter anual e realizarase por orde da Consellería de Cultura e Comunicación Social. En cumprimento deste mandato a Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, no uso das competencias conferidas polo Decreto 8/1998, de 8 de xaneiro que regula o desenvolvemento da estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, estima de grande interese a creación deste premio para potencia-lo labor de numerosas entidades na revitalización e promoción dos camiños de Santiago.

En virtude de todo o exposto, e aínda que os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998 están pendentes de aprobación, a consellería considera necesario convoca-lo premio amparándose nunha orde da Consellería de Economía e Facenda, do 2 de xuño de 1986, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Esta orde dispón no seu artigo 1.2º que, entre outros, os expedientes de gasto imputables ós capítulos IV e VII poderán iniciarse no período de prórroga dos orzamentos xerais da comunidade, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos definitivos para o citado exercicio, unha vez que ese proxecto de orzamentos estea aprobado polo

Consello da Xunta de Galicia, cando os gastos se vaian materializar no mesmo exercicio.

A aplicación deste precepto supón un paso moi importante na axilización do proceso de execución orzamentaria coas conseguintes vantaxes para os administrados e sen mingua de soberanía do Parlamento, en función do disposto no artigo 3.2ºda orde de referencia, xa que non se poderán conceder efectivamente as subvencións ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto.

Para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo convoca o pemio Elías Valiña 1998 ó esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago co fin de recoñecer e recompensa-los méritos de todas aquelas institucións, asociacións ou entidades culturais que dediquen unha parte significativa da súa actividade á revitalización e promoción do Camiño de Santiago, contribuíndo así ó coñecemento e divulgación do significado histórico, relixioso e cultural da Ruta Xacobea.

Artigo 2º

O cobramento da contía deste premio, que será de 1.000.000 de pesetas, farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.01.353-G.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Artigo 3º

1. Poderán ser candidatos ó premio as institucións, asociacións culturais, padroados ou fundacións que desenvolvan a súa actividade revitalizadora ou promocional tanto dentro como fóra de Galicia.

2. As candidaturas poderán ser presentadas mediante escrito dirixido á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15771 Santiago de Compostela, antes do 1 de xuño de 1998 e irán xunto cunha memoria que exporá a importancia e relevancia que a candidatura proposta tivo e/ou ten no desenvolvemento do labor revitalizador e promocional da Ruta Xacobea.

Tamén poderán presentarse candidaturas con acompañamento de igual memoria ás entidades inscritas no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño.

En caso de existir documentación suficiente presentada polas ditas entidades nas dependencias da

Xerencia de Promoción do Camiño, bastará a remisión da solicitude de aceptación da candidatura para ser válida esta, pero deberán especificar en virtude de qué actividades ou proxectos se consideran merecedores do premio.

3. O escrito de presentación da candidatura e maila memoria a que fai referencia o parágrafo anterior ou, se é o caso, a proposta razoada ou a solicitude, serán presentadas no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, ou en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, nas condicións establecidas no dito artigo.

Artigo 4º

O premio será outorgado por un xurado presidido polo conselleiro de Cultura, Comunicaición Social e Turismo ou persoa en quen delegue e estará integrado polos seguintes membros:

-O presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.

-Dous membros nomeados polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.

-A institución, asociación cultural, padroado ou fundación que resultase gañador no ano anterior.

-Os presidentes das entidades inscritas no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago cos números 05, 06, 07 e 08, que serán substituídos o ano seguinte polos catro seguintes e así sucesivamente ata que vaian rotando todos.

As decisións do xurado, mesmo as que se adopten sobre calquera incidente, serán inapelables, e daranse a coñecer mediante publicación no DOG e por comunicación directa ó galardoado.

Artigo 5º

O premio poderá ser outorgado de xeito individual ou compartido ou declararase deserto, e entregarase en acto público.

A institución ou asociación premiada recibirá un trofeo e o importe do premio que lle será aboado mediante talón nominativo por valor da súa contía total. No caso de que o premio sexa compartido, repartirase entre os galardoados pola contía correspondente.

Artigo 6º

A documentación da candidatura premiada ó abeiro desta convocatoria quedará en poder, para o seu axeitado arquivo, da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, reservándose a esta o

dereito de divulgación da dita documentación por calquera medio de reproducción.

A documentación das restantes candidaturas seralles devolta ós interesados en caso de que estes o soliciten expresamente.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

2611