Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 30 de marzo de 1998 Páx. 3.114

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 2 de marzo de 1998 de subvencións para particulares e empresas que realicen actividades de promoción e difusión dos camiños de Santiago.

O Camiño de Santiago constituíu durante séculos un tema de gran relevancia desde o punto de vista histórico, relixioso e mesmo cultural.

O interese que espertou nas distintas áreas de coñecemento converteuno en obxecto de estudio e investigación, tanto a nivel nacional como internacional. Isto fixo necesario a adopción dunha serie de medidas por parte dos poderes públicos para potencialo e promocionalo.

Neste sentido, a Xunta de Galicia, a través da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, no uso das competencias conferidas polo Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, que regula o desenvolvemento da estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, considera necesario potencia-lo seu coñecemento dándolle a consideración e relevancia que merece mediante a concesión de axudas a todos aqueles particulares ou empresas que realicen actividades de difusión e promoción dos distintos camiños de Santiago.

En virtude de todo o exposto, e aínda que os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998 están pendentes de aprobación, a consellería considera necesario convoca-las presentes subvencións amparándose nunha orde da consellería de Economía e Facenda, do 2 de xuño de 1986, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Esta orde dispón no seu artigo 1.2º que, entre outros, os expedientes de gasto imputables ós capítulos IV e VII poderán iniciarse no período de prórroga dos orzamentos xerais da comunidade, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos definitivos para o citado exercicio, unha vez que ese proxecto de orzamentos estea aprobado polo Consello da Xunta, cando os gastos se vaian materializar no mesmo exercicio.

A aplicación deste precepto supón un paso moi importante na axilización do proceso de execución orzamentaria coas conseguintes vantaxes para os administrados e sen mingua de soberanía do Parlamento, en función do disposto no artigo 3.2º da orde de referencia, xa que non se poderán conceder efectivamente as subvencións ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto.

Para tal fin,

DISPOÑO:

Atigo 1º.-Obxecto.

A presente disposición ten por obxecto promocionar e incentivar, mediante a concesión de subven

cións a fondo perdido, a particulares e empresas que leven a cabo actividades de promoción e difusión dos camiños de Santiago.

Artigo 2º.-Partida orzamentaria.

O libramento da contía da subvención, que non superará os quince millóns de pesetas, farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.01.353-G.471.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Os remanentes do orzamento que resultasen de non realiza-las actividades subvencionadas destinaranse a outras actividades que a Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago considere axeitadas para a promoción dos distintos camiños.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicita-las subvencións tódalas persoas físicas ou empresas titulares de actividades que contribúan á promoción e difusión dos distintos camiños de Santiago. Quedan excluídas as asociacións.

Artigo 4º.-Beneficios.

As actividades poderán ser subvencionadas ata o esgotamento do crédito orzamentario previsto para o efecto.

A subvención farase efectiva unha vez realizada a actividade, logo da entrega da seguinte documentación que será antes do 30 de setembro de 1998:

a) Informe acreditativo da realización.

b) Factura ou facturas.

c) Certificación bancaria orixinal acreditativa de que a conta sinalada para o pagamento está a nome do beneficiario.

d) Certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

e) Certificado de non ter débedas coa Xunta de Galicia.

Artigo 5º.-Solicitude de beneficios.

Os interesados enviarán as súas solicitudes, no modelo oficial que figura ó final desta orde, á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15771 Santiago de Compostela. Tamén poderán presenta-las nas dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo isto de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En consecuencia, non serán admitidas solicitudes enviadas a través de fax, teléfono ou calquera dos medios que non figuren no artigo citado.

A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Actividade que se vai realizar.

b) Breve descrición, se é o caso, das actividades realizadas os anos anteriores en relación co Camiño de Santiago.

c) Orzamento das actividades.

d) Declaración xurada de estar ó corrente do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter débedas coa Xunta de Galicia.

e) Fotocopia da tarxeta do CIF ou, se é o caso, do NIF.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes de subvención presentaranse no prazo de trinta días desde a publicación desta orde no DOG.

Artigo 7º.-Tramitación.

As solicitudes serán tramitadas polos servicios técnicos da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, con suxeición ó disposto no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.- Comisión de valoración.

Unha comisión de valoración creada para o efecto examinará e cualificará as solicitudes presentadas tendo en conta os seguintes criterios:

a) Interese da actividade para a difusión, investigación e promoción dos distintos camiños de Santiago.

b) Orixinalidade da actividade que se vai realizar.

c) Contías económicas.

d) Cumprimento dos requisitos esixidos pola orde de convocatoria.

A comisión estará integrada por un presidente, tres vocais e un secretario.

-O presidente será o secretario xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Serán vocais o director xeral de Patrimonio Cultural, o director xeral de Promoción Cultural e o xerente de Promoción do Camiño de Santiago.

-Actuará como secretario un técnico da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago nomeado polo xerente.

Artigo 9º.-Resolución.

A comisión elevará a súa proposta motivada ó conselleiro, que resolverá a convocatoria. A resolución notificaráselles ós interesados segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Prazo de aceptación.

Os beneficiarios deberán confirma-la súa aceptación da subvención no prazo de 5 días desde a recepción da notificación da concesión da subvención, mediante escrito dirixido á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, comprometéndose a executa-lo proxecto ou actividade subvencionada no prazo establecido.

Artigo 11º.-Denegación da subvención.

A denegación da subvención será expresa e motivada e o interesado poderá interpoñer contra esa resolución recurso contencioso-administrativo perante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir da recepción da notificación.

Artigo 12º.-Realización das actividades.

As actividades subvencionadas executaranse de acordo coa proposta presentada e na súa realización deberá deixarse constancia de que se trata de actividades subvencionadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo (Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago), e no caso de actividades que comporten difusión escrita deberá ir en lugar e tamaño destacado o logotipo da Xunta

de Galicia, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, e anagrama do Xacobeo 99.

Artigo 13º.-Seguimento.

A Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago velará para que as actividades subvencionadas se realicen de conformidade co disposto no artigo anterior, podendo toma-las medidas que estime oportunas ó respecto.

Artigo 14º.-Sancións.

A non realización ou a realización parcial das actividades subvencionadas poderá comporta-la anulación total ou parcial da axuda outorgada, e a obriga de reintegra-las cantidades percibidas en concepto de subvención e os correspondentes xuros legais, sen prexuízo das demais responsabilidades nas que se incorra.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

2585