Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 26 de marzo de 1998 Páx. 3.015

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 1998, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Limpiezas Faro, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Limpiezas Faro, S.L., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 10-2-1998, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social polo comité de empresa, con data 2-2-1998. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 17 de febreiro de 1998.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo do servicio de limpeza do Hospital Xeral de Vigo e do Policlínico Xeral-Cíes. Ano 1998-1999

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio afectará a tódolos traballadores e traballadoras do servicio de limpeza do Hospital Xeral-Cíes de Vigo. O tal centro enténdese como parte integrante do Hospital Xeral-Cíes de Vigo, a efectos deste convenio colectivo, e non así a efectos de centro de traballo que serán diferenciados, polo que os traballadores que presten o seu servicio no hospital xeral non poderán ser trasladados ó Policlínico Cíes sen que exista acordo entre as partes.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

O presente convenio terá unha duración de dous anos, desde o día 1 de xaneiro de 1998 ata o 31 de decembro de 1999, sendo revisables e aplicables os salarios establecidos no presente convenio en función dos aumentos que se produzan no persoal subalterno do Sergas na dita data.

Entrará en vigor o día da súa sinatura ainda que os seus efectos económicos terán carácter retroactivo o un de xaneiro de mil novecentos noventa e oito.

Entenderase prorrogado tacitamente por períodos anuais, sempre que por calquera parte non sexa denunciado, con polo menos tres meses de antelación ó seu vencemento ou de calquera das súas prórrogas. Non obstante a denuncia do convenio non significará modificación ningunha do seu texto articulado que continuará vixente ata a súa substitución polo novo, nos termos que as partes establezan.

Artigo 3º.-Equiparación.

Os traballadores e traballadoras afectados/as por este convenio quedan equiparados ó persoal subalterno do Sergas de tal forma que a partir desta equiparación toda mellora que repercuta no persoal subalterno do Hospital Xeral-Cíes de Vigo, aplicarase de igual forma ós traballadores e traballadoras afectados/as por este convenio.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas de calquera índole contidas no presente convenio teñen o carácter de mínimas, polo que os pactos, claúsulas ou situación implantadas por anteriores adxudicatarios que impliquen condicións máis beneficiosas para os/as traballadores/as con respecto ó presente convenio subsistirán para aqueles que o veñan desfrutando.

Artigo 5º.-Retribucións.

As retribucións correspondentes ás distintas categorías afectadas por este convenio faranse efectivas o último día de cada mes. Aplicaranse a partir do 1 de xaneiro de 1998 ó 31 de decembro de 1999, sendo revisadas o día 1 de xaneiro de 1998 cos incrementos que se produzan entre o persoal do Sergas. No caso de que se produza revisión salarial para o persoal do Sergas, será aplicada ós afectados por este convenio na mesma contía.

Artigo 6º.-Antigüidade.

O concepto de antigüidade retribuirase cos mesmos criterios e contía que teñen establecidos o Sergas para o persoal do grupo E categoría pinche-limpador/a.

Artigo 7º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá as mesmas gratificacións extraordinarias có persoal subalterno do Hospital Xeral-Cíes de Vigo segundo os niveis os que corresponda con independencia de que o traballador ou traballadora estea de baixa.

Artigo 8º.-Complemento de destino.

Tódolos traballadores e traballadoras percibirán por este concepto a mesma cantidade mensual que percibirá o persoal do grupo E do Hospital Xeral-Cíes.

Artigo 9º.-Complemento de productividade (factor fixo).

Tódolos/as traballadores/as percibirán por este concepto a mesma cantidade mensual que perciba o persoal do grupo E do Hospital Xeral-Cíes.

Artigo 10º.-Plus de perigosidade, penosidade e especial dedicación (PRD).

Percibiranse na contía de 5.000 ptas. por doce mensualidades.

Artigo 11º.-Nocturnidade.

Percibiranse por este concepto nas mesmas condicións que os percibe o persoal subalterno do Sergas que realiza xornada nocturna.

Artigo 12º.-Cadro de persoal e substitucións.

O cadro de persoal deberá axustarse ó contrato de concesión que outorgue o Sergas, debendo se-los contratados de carácter fixo. Os contratos de traballo das substitucións deberán facerse polo tempo de duración da baixa que se substitúa ou do período de vacacións que se cubra sendo de aplicación este convenio.

Os traballadores/as en situación de correquendas terán preferencia por orden de antigüidade e de carácter voluntario, de acordo entre empresa e traballador/a para ocupa-la vacante.

Artigo 13º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 37.30 horas semanais de traballo efectivo, computándose como tal os 30 minutos de descanso obrigatorio que os traballadores e traballadoras veñen desfrutando. Na aplicación da xornada respectaranse as melloras existentes que supoñan mellora da xornada pactada.

Artigo 14º.-Traballo en domingos e festivos.

As condicións de traballo nos ditos días será na mesma forma e condicións económicas e organizativas que o fai o persoal subalterno do Sergas, do Hospital Xeral de Vigo e Complexo Hospitalario Cíes. Así mesmo, de producirse calquera mellora neste aspecto para o persoal do Sergas, os traballadores e traballadoras afectados por este convenio desfrutarán dela.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

Con carácter xeral queda prohibida a realización de horas extraordinarias, e no caso de emerxencia ou forza maior aboaranse estas de acordo co disposto na lexislación vixente.

Artigo 16º.-Licencias.

Logo da solicitude dos traballadores e traballadoras afectados/as considerarase licencia retribuída polo tempo e nos casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador, 20 días naturais.

b) Matrimonio de pais, fillos ou parentes que convivan co traballador, 2 días laborais.

c) Parto de esposa, 5 días laborais.

d) Morte, hospitalización, intervención cirúrxica ou enfermidade grave: do cónxuxe, 5 días laborais. Dos pais, pais políticos e fillos, 5 días laborais. Irmáns e parentes ata segundo grao de consaguinidade ou afinidade, 3 días laborais, se hai convivencia 5 días laborais.

Irmáns políticos e parentes ata o 2º grao de consanguinidade ou afinidade, 3 días naturais.

Se entre os traballadores e traballadoras e os parentes houbera convivencia, a licencia sería de 5 días naturais. O mesmo ocorrería se o casamento ou enfermidade grave dos parentes anteriores se producirase fóra da praza.

e) Morte de tío, 2 días naturais. Se houbese convivencia entre o traballador e o falecido, a licencia sería de tres días naturais.

f) Traslado de domicilio, 3 días laborais. Se é fóra da praza tamén.

g) Os traballadores e traballadoras que cursen estudios para a obtención dun título oficial, académico ou profesional terán dereito a un permiso retribuído de 8 días ó ano para concorrer a exames, logo da comunicación do traballador á dirección da empresa, con 10 días de antelación e a correspondente xustificación.

As traballadoras, por lactación dun fillo menor dun ano, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo que poderán dividir en dúas fraccións.

A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal nunha hora coa mesma finalidade.

Todo traballador ou traballadora que se teña que presentar por unha citación xudicial terá dereito a dispor do tempo necesario para asistir a esta, igualmente retribuída pola empresa.

Igualmente o traballador ou traballadora, solicitándoo coa debida antelación, terá dereito a dispor de ata cinco días de licencia e unha vez ó ano, non retribuídos pola empresa.

Artigo 17º.-Excedencias.

Todo traballador ou traballadora fixos cunha antigüidade ó menos de dous anos na empresa terá dereito a que se lle recoñeza a excedencia voluntaria por un prazo non inferior a un mes e non maior a cinco anos. O mesmo posto de traballo do excedente terá que ser ocupado por outro/a traballador/a que o substitúa. No caso de que a excedencia fose por un prazo dun mes e non superior a seis meses, a substitución terá que ser valorada entre a empresa e o comité.

O traballador ou traballadora excedente, cando a súa categoría se atope entre as pertencentes ós grupos de persoal subalterno e obreiro, terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante o período máximo de dous anos. A reincorporación á empresa terá que ser solicitada cun aviso pevio de tres meses.

Excepcionalmente, cando a solicitude de excedencia sexa por tempo máximo de dous anos, o traballador terá dereito a reintegrarse na empresa durante o prazo dos seis primeiros meses da dita excedencia, dispoñendo o empresario dese mesmo prazo dos 6 meses para proceder á súa reincorporación. En todo caso, o traballador/a poñerá en coñecemento do empresario a súa intención de voltar á empresa cunha antelación mínima dun mes. Pasados os seis primeiros meses do exercicio da excedencia sen que o traballador/a fixese uso do seu dereito xa non poderá voltar á empresa ata esgota-lo período total de excedencia voluntaria.

En todo o non previsto neste artigo observarase o establecido con carácter xeral no artigo 46 do Estatuto dos traballadores e demais normas vixentes sobre a materia.

Artigo 18º.-Cambio de postos de traballo por embarazo.

As mulleres embarazadas terán dereito a que se lle cambie de posto de traballo a outro máis acorde co seu estado, non estando obrigadas en ningún caso a desempeña-las súas funcións en lugares radiactivos, infecciosos ou perigosos para o seu embarazo.

Esta situación dará lugar a unha suspensión do contrato de traballo cunha duración máxima de dezaseis semanas, remitíndonos ó D. lei do 3 de marzo de 1989. Durante o período citado a traballadora terá dereito ó aboamento das prestacións económicas correspondentes, con cargo á Seguridade Social e complementada ata o 100% do salario como para o caso de baixas por enfermidade ou accidente.

Artigo 19º.-Control médico obrigatorio.

Todo o persoal comprendido no presente convenio terá o dereito e a obriga a efectuar unha revisión médica que inclúa:

-Audiometría.

-Control de vista.

-Análise de sangue.

-Análise de ouriños.

-Esperiometría.

-Exploración clínica.

Será de carácter voluntario:

-Unha placa do tórax.

-Recoñecemento xinecolóxico con citoloxía (mamografía a partir do ano 1999).

Os resultados do recoñecemento médico e xinecolóxico entregaránselle ó/á traballador/a.

A campaña de vacinación voluntaria consistirá como mínimo no seguinte:

Vacina contra o tétanos.

Vacina entre a hepatite B con análise de sangue previo.

A revisión será por conta da empresa cada 6 meses.

Todo traballador/a de quenda de noite e de tarde fará a revisión en horas de traballo e, se non é posible, sesalle compensado en horas pola empresa.

Artigo 20º.-Asistencia a consultorios médicos.

Tódolos traballadores/as terán dereito a tres horas retribuídas pola empresa cada vez que teñan que ir ó médico de cabeceira. Cando o médico de cabeceira que lle correspondera ó traballador tivese o seu consultorio en localidade distinta daquela na que prestan os seus servicios os traballadores, estes disporán do tempo necesario.

O/A traballador/a que teña que ir ó consultorio médico estará obrigado/a a avisar con anterioridade á empresa, debendo xustificar que foi atendido/a polo médico de cabeceira. Para a súa asistencia á consulta do especialista os/as traballadores/as terán dereito a todo o tempo necesario, logo da presentación do volante do médico de cabeceira.

Así mesmo, terán dereito a tres horas retribuídas para asistiren ó consultorio médico con fillos menores de 15 anos ou fillos minusválidos calquera que sexa a súa idade, cun máximo de tres veces ó mes sempre que a súa xornada laboral coincida co horario de consulta médica e co horario do cónxuxe, compañeiro ou compañeira.

Artigo 21º.-Roupa de traballo.

Proverase a tódolos traballadores/as de roupa de traballo adecuada para traballaren en lugares radioactivos

ou infecciosos, concederase a todo o persoal a adecuada e regulamentaria roupa de traballo:

-Feminino:

Batas ou pixamas cada seis meses.

Zocos cada seis meses.

Luvas cada dez días.

Chaqueta curta anual para quen a necesite.

-Masculino:

Pantalón e camisa cada seis meses.

Zocos cada seis meses.

Luvas cada dez días.

Chaqueta cada seis meses.

Artigo 22º.-Complemento por IT ou accidente.

A empresa estará obrigada a complementar ata o 100% o salario de tódolos complementos en caso de accidente ou baixa por enfermidade desde o primeiro día.

Os traballadores/as que non estean de baixa po IT nun período superior a 30 días ó ano percibirán un complemento 30.000 ptas. para o ano 1998 e 35.000 ptas. para o ano 1999, que serán feitas efectivas nos 5 primeiros días do mes de xaneiro do seguinte ano. As baixas que se produzan por accidente ou que se produzan hospitalización non serán computadas para o efecto, nin as baixas por maternidade.

Artigo 23º.-Xubilación.

Os traballadores e traballadoras que cumpran a idade de 64 anos e demais requisitos esixidos poderán acollerse á modalidade de xubilación determinada ou recollida na lexislación vixente; para tal efecto as empresas obríganse a contratar no lugar do xubilado outro/a traballador/a que sexa titular de dereito a calquera das prestacións económicas de desemprego ou xove demandante de primeiro emprego tal e como dispoñen as normas citadas.

Establécese un premio de xubilación anticipada coas seguintes escalas:

Ós 60 anos: 5 mensualidades de salario real.

Ós 61 anos: 4 mensualidades de salario real.

Ós 62 anos: 4 mensualidades de salario real.

Ós 63 anos: 3 mensualidades de salario real.

Ós 64 anos: 3 mensualidades de salario real.

Ós 65 anos: 3 mensualidades de salario real.

Coa obriga de xubilarse ós 65 anos sempre que se teñan as prestacións que se necesiten e que a empresa poña no seu lugar outro/a traballador/a.

En caso de xubilación anticipada terán preferencia dos/as fillos/as do traballador afectado.

Artiigo 24º.-Adscrición de persoal.

Primeiro.- Ó térmo da concesión da contrata de limpeza, os traballadores e traballadoras da empresa contratista saínte pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, quen se subrogará en tódolos dereitos e obrigas, sempre que se dea algún dos seguintes supostos:

a) Traballadores e traballadoras en activo que presten os seus servicios no dito centro cunha antigüidade mínima dos seis últimos meses, sexa cal fora a modalidade do seu contrato de traballo.

b) Traballadores e traballadoras que no momento do cambio de titularidade da contrata, se atopen enfermos, accidentados, en excedencia, en servicio militar ou situación análoga, sempre e cando prestaran os seus servicios no centro obxecto de subrogación con anterioridade á suspensión do seu contrato de traballo e que reúnan a antigüidade mínima establecida no apartado a).

Non desaparecerá o carácter vinculante deste artigo no caso de que a empresa adxudicataria do servicio o suspendese por un período inferior a dous meses: o dito persoal con tódolos seus dereitos adscribirase á nova empresa.

Documentos a facilitar pola empresa saínte á empresa entrante:

-Certificado do organismo competente de estar ó corrente no pagamento da Seguridade Social.

-Fotocopia das 4 últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.

-Fotocopias dos TC-1 e TC-2 de cotizacións á Seguridade Social dos 4 últimos meses.

-Relación de persoal na que se especifique nome e apelidos, domicilio, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data de desfrute das súas vacacións.

-Copia de documento debidamente dilixenciada por cada traballador afectado no que se faga constar que éste recibiu da empresa saínte a súa liquidación de datos proporcionais dos seus haberes ata o momento da subrogación, non quedando pendente cantidade ningunha. Este documento deberá estar en poder da nova adxudicataria na data de inicio do servicio como nova titular.

Sexto.-O empresario saínte estará obrigado a liquidar ó entrante as partes proporcionais dos conceptos retributivos dos traballadores ó obxecto de que estes cobren integramente as pagas correspondentes.

Artigo 25º.-Contrato de traballo e altas na Seguridade Social.

A empresa estará obrigada a entregarlles ós traballadores fotocopia da alta destos na Seguridade Social, para o que disporá do prazo de dúas semanas desde a súa incorporación ó traballo. Así mesmo, a empresa obrígase á entrega da copia do contrato de traballo no momento en que este se efectúe. A empresa estará obrigada a colocar fotocopia dos boletíns de cotización no taboleiro de anuncios das súas oficinas e no hospital xeral.

A empresa entregaralles ós representantes legais dos/as traballadores/as unha copia básica de tódolos contratos de traballo que deban celebrarse por escrito, de acordo coa Lei 2/1991, do 7 de xaneiro.

A empresa notificaralles ós representantes legais dos/as traballadores/as as prórrogas dos contratos de traballo das que as copias básicas foron entregadas, así como as denuncias correspondentes a eles.

Artigo 26º.-Vacacións.

O persoal afectado por este convenio terá dereito ó desfrute ininterrompido dun mes de vacacións retribuídas a desfrutar entre os meses de xuño e setembro; ademáis, terán dereito a outros nove días que desfrutarán de acordo coa dirección da empresa, catro días desde o 1 de xaneiro ó 31 de maio, e cinco días desde o 1 de outubro ó 15 de decembro; para o seu desfrute establecerase un calendario elaborado entre a empresa e o comité de empresa. Cando as vacacións se soliciten para o seu desfrute fóra do período vacacional, os días de libre disposición poderanse engadir ó período de vacacións.

A empresa, de acordo co comité, elaborará as quendas correpondentes seguindo cada ano unha orde rotatoria de preferencia. Os traballadores que no intre de desfruta-las vacacións estean en situación de baixa por enfermidade ou accidente, terán dereito ó desfrute delas inmediatamente ó mes seguinte ó da súa incorporación ó traballo.

O aboamento das vacacións será igual ó equivalente a un mes de salario real máis unha gratificación de 16.500 ptas. para o ano 1998 e 20.000 ptas. para o ano 1999.

Cando por necesidade e causa xustificada o traballador ou traballadora necesiten os días de libre disposición acumulados nos períodos indicados, poderán desfrutalos sempre que llos soliciten á empresa e llo comuniquen ó comité de empresa cun período de dez días de antelación e sempre fora do período de vacacións; no suposto de que para a mesma data houbese varias peticións, farase un sorteo entre os/as solicitantes.

Artigo 27º.-Dereitos e garantías dos cargos sindicais.

En todo o relacionado con este tema haberá que aterse ó disposto nos artigos 61 e seguintes do Estatuto dos traballadores, determinándose que, cando un representante legal deba saír da empresa para exercer funcións de representación deberá comunicarllo a esta o día anterior, salvo situacións excepcionais que se xustificarán posteriormente. Como xustificante será válido o comprobante dos organismos oficiais ou da central sindical correspondente.

Acumulación de horas sindicais.

As horas sindicais dos membros do comité de empresa ou delegados da sección sindical, poderán ser acumuladas nun ou máis membros do mesmo sindicato, debendo comunicarllo á empresa.

Sección sindical.

Os sindicatos que acrediten ter máis do 20% de afiliación entre os traballadores do cadro de persoal terán dereito á creación da sección sindical, e o seu delegado terá recoñecido, entre outros, os mesmos dereitos que tén o comité de empresa.

Desconto en nómina da cota sindical.

A empresa descontaralle-la cota sindical ós traballadores afiliados ós sindicatos, logo da correspondente autorización destes.

Artigo 28º.-Asembleas.

Os traballadores e traballadoras da empresa terán dereito a reunirse en asemblea unha vez ó mes, e por tempo máximo de dúas horas, durante a xornada, debendo comunicarlle á empresa a súa celebración cunha antelación de 48 horas salvo situacións excepcionais

de conflicto ou folga, nas que bastará con preavisar con 24 horas de antelación.

Artigo 29º.-Comité de saúde laboral.

Crearase un comité de saúde laboral, con funcións efectivas no centro de traballo, Hospital Xeral e Policlínico Cíes de Vigo, con competencias en tódolos aspectos relacionados coa saúde laboral como son métodos de traballo, ritmos, horarios de traballo nocturno, etc. Os comités serán paritarios e os representantes dos traballadores e traballadoras de cada central sindical terán os mesmos dereitos e garantías cos membros do comité de empresa.

A empresa está obrigada a dar a este comité de saúde laboral información relativa ás medidas de seguridade segundo normas que a lexislación laboral prevé. Así mesmo, proverá a tódolos traballadores e traballadoras dos medios necesarios para o desenvolvemento do seu traballo sen exposición nin riscos de ningunha clase.

O comité elixirá a roupa de traballo, entregándolles unha mostra dela.

Artigo 30º.-Seguro de accidente.

A empresa subscribirá unha póliza de seguro colectivo en favor de tódolos traballadores/as que presten os seus servicios no Hospital Xeral e o Policlínico Cíes, seguro que cubrirá como mínimo as seguintes garantías:

Morte ou invalidez total: 3.000.000 de ptas.

Invalidez absoluta: 4.000.000 de ptas.

As ditas continxencias deberán derivarse en calquera caso de accidente laboral incluído o accidente in itinere e as indemnizacións fixadas serán totalmente independentes daquelas que lles correspondan ós traballadores e traballadoras en virtude da lexislación laboral vixente.

Artigo 31º.-Formación.

A empresa adxudicataria da contrata da limpeza do Hospital Xeral-Cíes de Vigo colaborará coas organizacións empresariais e sindicatos para as realizacións de cursos de formación para os/as traballadores/as, segundo o acordo de formación continua, sendo as organizacións empresariais e sindicatos os órganos autorizados e con competencias para desenvolve-lo dito labor.

Ós/Ás traballadores/as que participan en cursos de formación continua teránselles en conta estes para efectos de promoción interna e o acceso ás categorías superiores.

Artigo 32º.-Comisión de vixilancia.

O control do cumprimento das cláusulas deste convenio, e en xeral de cantas cuestións se deriven da súa aplicación, será exercido polo comité de empresa, asesorado neste labor polos demais asinantes sinalados no encabezamento.

As sancións que pretenda impoñe-la empresa deberán comunicárselle ó comité de empresa.

Ante a importancia que pode ter para a resolución dos conflictos laborais a elaboración do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA) asinado entre a CEG e as organizacións sindicais CIG, CC.OO. e UGT, as partes asinantes deste convenio

durante a súa vixencia acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que estean formuladas.

Artigo 33º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria de interpretación deste convenio estará composto polos representantes dos traballadores que subscriben este convenio.

As partes que subscriben o convenio:

A empresa. O comité. As centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG.

Cláusulas adicionais

Primeira.-Adecuación ó convenio sen prexuízo salarial para os traballadores e traballadoras. As actas e convenio faranse en galego de acordo coa Lei de normalización lingüistíca de Galicia.

Segunda.-Calquera empresa adxudicataria do servicio de limpeza do Hospital Xeral-Cíes non poderá contratar a través das empresas temporais (ETT) tanto para substitucións de vacacións, IT, etc., así como calquera posto novo de traballo (ampliación de cadro de persoal, postos de nova creación, etc).

2107