Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 26 de marzo de 1998 Páx. 3.009

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 1998, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Aparcamientos Miño, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Aparcamientos Miño, S.A. (código 2700782), da provincia de Lugo, asinado o día 31 de decembro de 1997, pola representación da dita empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90 apartados 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 30 de xaneiro de 1998.

José María Fernández Olea

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo da empresa Aparcamientos Miño, S.A.

Capítulo I

Condicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

As disposicións do presente convenio obrigan a empresa e traballadores de Aparcamientos Miño, S.A.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

O presente convenio entrará en vigor na data 1 de xaneiro de 1998, finalizando a súa vixencia en data 31 de decembro do ano 2005, e iso con independencia da súa data de publicación.

Artigo 3º.-Lexislación supletoria.

En todo o non recollido no presente convenio, serán de aplicación as normas legais xerais, en especial o Real decreto lexislativo 1/1995, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores, así como o convenio colectivo xeral de ámbito estatal para o sector de aparcamentos asinado con data do 29 de outubro de 1997.

Artigo 4º.-Denuncia.

Ó extinguirse o período de aplicación e vixencia do presente convenio, este considérase expresamente denunciado sen necesidade de efectuar ningún trámite.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse as situacións persoais que no cómputo anual excedan destas normas. Toda vez que as melloras que se implanten en virtude deste convenio teñen carácter de mínimas estimadas no seu conxunto, subsistirán os pactos, cláusulas e situacións de feito implantadas pola empresa que signifiquen condicións máis beneficiosas para os traballadores.

Capítulo II

Xornada, vacacións e descansos

Artigo 6º- Xornada.

A xornada laboral máxima anual para a vixencia do presente convenio queda establecida en 1.800 horas de traballo efectivo.

As noites do 24 e 31 de decembro consideraranse festivas para efectos da súa retribución, a maiores dos festivos que correspondan segundo a lexislación vixente en cada momento.

A xornada distribuirase, con carácter xeral, conforme o seguinte: establécense seis días de traballo, ós que corresponderán 3 días de descanso. A modificación da distribución da xornada prevista no pre-

sente artigo requirirá, en todo caso, o acordo entre a empresa e a representación dos traballadores.

Dentro do primeiro trimestre de cada ano procederase a establecer, de conformidade co anterior ou pacto que o substitúa, un calendario laboral específico de cada traballador ou posto de traballo, no que constará a distribución dos días de traballo ó ano, o horario, os días de descanso, os días festivos, vacacións, quendas e horarios diarios.

Artigo 7º.-Vacacións.

O período de vacacións anuais retribuídas será de 30 días naturais, que se desfrutarán nos meses de xaneiro a decembro.

O calendario de vacacións anuais pactarase entre os representantes dos traballadores e a empresa antes do día 31 de xaneiro de cada ano, con independencia de ter que pactarse antes do 15 de decembro de cada ano as vacacións correspondentes ó mes de xaneiro.

Para o caso en que non sexa posible, por razóns organizativas, pacta-lo calendario de vacacións de conformidade coas solicitudes de cada traballador, procederase a establece-lo calendario en función do desfrute de forma rotativa ou, se é o caso, por sorteo.

As vacacións anuais desfrutaranse sempre dentro do ano natural ó que correspondan e non poderán compensarse en metálico en todo ou en parte, agás o suposto de extinción da relación laboral sen que se desfrutasen as vacacións correspondentes ó último período traballado.

Artigo 8º.-Descansos e permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio, podendo acumularse ás vacacións anuais, coa condición de que o traballador afectado o avise previamente con polo menos dous meses de antelación á data de desfrute pola licencia de matrimonio.

b) De 2 días naturais en caso de falecemento do cónxuxe, ascendente ou descendente e irmáns. Cando por tal motivo o traballador necesite realizar un desprazamento fóra do municipio no que teña a súa residencia habitual, o prazo será de 4 días.

c) Un día natural en caso de matrimonio de irmáns.

d) Un día natural en caso de traslado de domicilio.

e) Dous días naturais en caso de parto da esposa, ampliándose en dous días máis cando por tal motivo o traballador teña que realizar un desprazamento fóra do municipio no que teña a súa residencia habitual.

f) Polo tempo indispensable para o cumprimento de deberes públicos e de carácter inescusable.

En todo caso, os traballadores terán dereito, por aplicación do artigo 37 do Estatuto dos traballadores, a licencia retribuída polos motivos e polo tempo previsto no artigo mencionado.

Artigo 9º.-Excedencias.

a) Excedencia forzosa. Concederase excedencia forzosa, que dará dereito á conservación do posto e ó cómputo da antigüidade da súa vixencia, pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. Así mesmo, concederase excedencia forzosa ós cargos selectivos a nivel provincial, autonómico ou estatal das organizacións sindicais máis representativas. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público ou función sindical.

b) Excedencia voluntaria. Os traballadores cun ano de servicio poderán solicita-la excedencia voluntaria por un prazo mínimo de dous anos e non superior a cinco anos, non computándose o tempo que dure a situación a ningún efecto e sen que en ningún caso se poida producir nos contratos de duración determinada. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia. O reingreso deberá solicitarse por escrito, con antelación mínima dun mes ó remate da excedencia voluntaria.

En todo o non previsto no presente artigo haberá que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores ou outra lexislación supletoria en materia de excedencias.

Artigo 10º.-Protección maternidade-paternidade.

Excedencia por coidado de fillos/as. Os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo/a, contado desde a data de nacemento deste e ata a idade de tres anos.

Cando o pai e a nai traballen só un deles poderá exerce-lo dereito; o reingreso será automático.

En todo o non previsto no presente artigo haberá que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores ou outra lexislación supletoria en materia de excedencia por coidado de fillos.

Capítulo III

Retribucións

Artigo 11º.-Salario base.

Comprende, para o período que vai desde o 1 de xaneiro de 1998 ata o 31 de decembro de 1998, os salarios que figuran na táboa salarial anexa.

Artigo 12º.-Incrementos salariais.

A táboa salarial anexa, con vixencia desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 1998, é o resultado de aplica-los seguintes incrementos: un 2% sobre os salarios (salario base e pluses ou complemento) que se viñan aboando no ano 1997.

En todo caso, para aqueles traballadores que no ano 1997 viñan cobrando os salarios establecidos no convenio colectivo provincial de transportes de mercadorías por estrada de Lugo, ata agora de aplicación, a maiores do incremento sinalado no parágrafo anterior, engadiráselles no concepto de salario base, a cantidade de 2.000 ptas. mensuais.

Para os anos sucesivos, ata finaliza-la vixencia do presente convenio, aplicarase polo menos un incremento do 2% para a totalidade dos traballadores da empresa, e ós traballadores afectados polo parágrafo anterior, engadiráselles a maiores cada ano a cantidade de 2.000 ptas. mensuais. Esta cantidade engadirase ó salario base de tales traballadores ata o momento en que lles corresponda un salario base igual ó do resto dos traballadores da súa mesma categoría profesional. Cando se produza esta equiparación, se é o caso, a cantidade de 2.000 ptas mensuais engadirase ós pluses ou complementos que perciban en menor contía có resto dos traballadores da súa mesma categoría profesional ata a súa equiparación.

En función do pactado no parágrafo anterior, as partes reuniranse antes da finalización do mes de xaneiro de cada ano para proceder a confecciona-las táboas salariais dese ano, procedéndose así mesmo á súa publicación.

Artigo 13º.-Cláusula de revisión.

En todo caso, establécese para a totalidade da vixencia do presente convenio unha cláusula de revisión consistente no seguinte: no caso de que o IPC real anual estatal na data 31 de decembro de cada ano exceda do 2% efectuarase unha revisión das táboas salariais correspondentes a esa anualidade no exceso da cifra indicada, que terá efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de cada anualidade, servindo, así mesmo, de base para o cálculo do incremento do ano seguinte.

Artigo 14º.-Antigüidade.

Para todo o persoal afectado polo presente convenio establécense as percepcións que seguidamente se relacionan polo concepto de antigüidade con carácter de máximas:

-2 anos: 1.500 ptas. mensuais.

-4 anos: 3.000 ptas. mensuais.

-9 anos: 6.000 ptas. mensuais.

-14 anos: 9.000 ptas. mensuais.

-19 anos: 12.000 ptas mensuais.

-24 anos: 15.000 ptas. mensuais.

-29 anos: 18.000 ptas. mensuais.

O aboamento de tales cantidades efectuarase na nómina mensual do mes no que se cumpra a antigüidade de que se trata.

Ós traballadores que, se é o caso, á entrada en vigor do presente convenio estean percibindo polo complemento de antigüidade cantidades superiores,

seranlles respectadas ata chegar á equiparación do baremo anterior.

Artigo 15º.-Pagas extraordinarias.

Percibiranse tres pagas extraordinarias, nos meses de marzo, xullo e decembro. Estas gratificacións faranse efectivas antes do día 21 de cada un dos meses respectivos.

O importe destas pagas será, cada unha delas, igual ó salario base de 30 días establecido no convenio máis antigüidade.

En todo caso, e tendo en conta que hai traballadores que na actualidade veñen percibindo cantidades superiores en concepto de pagas extraordinarias, respectaránselles como condicións máis beneficiosas, tales contías.

Artigo 16º.-Plus de convenio.

Establécese para todo o persoal afectado polo presente convenio un plus mensual cotizable á Seguridade Social, na contía que figura nas táboas salariais.

Artigo 17º.-Horas extraordinarias.

Son aquelas horas que se realizan en exceso da xornada contractualmente establecida.

En todo caso, establécese o criterio de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias.

Poderanse realizar, non obstante, dentro dos límites e condicións do Estatuto dos traballadores ou outra lexislación supletoria, as horas extraordinarias necesarias por ausencias imprevistas ou outras circunstancias de carácter estructural derivado da natureza da actividade.

En tal caso, establécese o aboamento por este concepto dun recargo de 300 ptas. hora.

Artigo 18º.-Nocturnidade.

Os traballadores que realicen a súa tarefa entre as 22 horas e as 6 horas serán retribuídos, cos límites establecidos no presente artigo, cunha recarga do 25% sobre o salario base.

En todo caso, exclúense da percepción deste plus os supostos nos que o traballador pacte condicións persoais ó respecto coa empresa, en que o contrato implique traballo nocturno e nos supostos de adscrición voluntaria.

En función do sinalado, e habida conta de que os traballadores que na actualidade realizan traballo nocturno se atopan nos supostos previstos no parágrafo anterior, a percepción do mencionado plus só terá lugar no caso en que se produza unha modificación nas quendas de traballo de forma que se obrigue a outros traballadores á realización do traballo nocturno.

Artigo 19º.-Quebranto de moeda.

É o complemento que devengará o persoal que exerza servicios en caixa, e a quen se lle esixan responsabilidades en canto ó arqueo en caixa. A súa contía será a que figura nas táboas salariais anexas

En todo caso, ós traballadores que á entrada en vigor deste convenio non se lles estea retribuíndo por este concepto, non lles será de aplicación o presente artigo, ó preverse un sistema de equiparación salarial a medio de incrementos lineais para tales traballadores ata a data en que adquiran retribucións similares ás do resto dos traballadores.

Artigo 20º.-Plus de mantemento.

É o complemento de posto de traballo que devengará o persoal que, a maiores das funcións propias da súa categoría, execute tarefas esporádicas de mantemento e coidado das instalacións da empresa. A súa contía será para o ano 1997 de 10.000 pesetas mensuais, cotizables á Seguridade Social.

Artigo 21º.-Recibos de salarios.

Os salarios devengados no mes anterior faranse efectivos dentro dos cinco primeiros días naturais de cada mes, agás pacto persoal do traballador coa empresa.

O persoal afectado polo presente convenio terá dereito a anticipos a conta dos seus salarios correspondentes ó xa traballado, solicitándoo con polo menos catro días de antelación á data de pagamento. En todo caso e para evitar problemas de liquidez para a empresa, esta poderá negarse ó pagamento de anticipos cando as solicitudes ó respecto excedan do 20% dos salarios reais que se veñan aboando á totalidade dos traballadores.

Artigo 22º.-Incapacidade temporal derivada de accidente de traballo e incapacidade laboral con hospitalización.

Por tal suposto, a empresa completará a prestación económica da Seguridade Social ata o 100% do salario regulador.

Igualmente, a empresa satisfará o 100% do salario no caso de IT que motive hospitalización e polo período de duración desta. Cando, a xuízo da empresa, existan indicios razoables para presumir algunha irregularidade, poderán requirir ó traballador para que se someta a recoñecemento do facultativo que a empresa designe, sendo por conta desta os gastos que se orixinen por tal motivo.

Artigo 23º.-Seguro de invalidez ou morte.

As contías serán as seguintes:

-Morte do traballador: 3.600.000 ptas.

-Invalidez permanente: 4.100.000 ptas.

Artigo 24º.-Xubilacións.

Ó persoal que opte pola xubilación anticipada antes de cumpri-la idade de 64 anos, a empresa aboaralle en concepto indemnizatorio as seguintes cantidades:

-Traballadores de 60 anos: 1.246.300 ptas.

-Traballadores de 61 anos: 1.081.500 ptas.

-Traballadores de 62 anos: 960.400 ptas.

-Traballadores de 63 anos: 700.400 ptas.

-Traballadores de 64 anos: 545.900 ptas.

Artigo 25º.-Revisións médicas anuais.

Tódolos traballadores da empresa que voluntariamente desexen someterse a unha revisión médica anual poderán facelo dentro do horario que estableza a entidade médica que o realice.

Artigo 26º.-Categorías e funcións.

Polas necesidades da empresa defínense as seguintes categorías:

-Encargado/a xeral.

-Garda caixeiro/a ou expendedor de billetes.

-Vixilante

-Auxiliar administrativo/a.

-Operario/a de mantemento.

-Limpador/a.

Encargado/a xeral: terá ás súas ordes o persoal dun ou máis aparcamentos, así como o coidado directo e conservación de tódalas instalacións, estudiando e propondo ó seu superior as medidas convenientes para o mantemento delas, posuíndo os coñecementos precisos para o asentamento e control das operacións de cobramento que sexan realizadas polos servicios prestados, revisando diariamente a cinta e os billetes cobrados durante o día.

Ten a responsabilidade do traballo, disciplina, seguridade e hixiene do persoal ó seu cargo, e debe posuí-los coñecementos suficientes para realiza-las ordes que lle encomende o seu superior.

Confeccionará o cadro das quendas de servicios do persoal ó seu cargo, coidando e supervisando os relevos e asegurando que en todo momento se poidan supli-las ausencias do persoal por vacacións, enfermidade, etc.

Atenderá e informará os clientes sobre peticións, reclamacións, suxestións, etc. que se lle manifesten. Deberá verificar diariamente o control de caixa e recadación.

Dada a especial responsabilidade da súa función, poderá ser requirida a súa presencia no lugar de traballo, pola dirección ou representante da empresa, fóra do horario habitual, en caso de emerxencia e polo tempo mínimo imprescindible. Se así acontecese, reduciranse as horas de traballo dos días laborables inmediatamente seguintes, de maneira que o cómputo de horas de traballo non exceda da súa xornada habitual.

Garda caixeiro/a ou expendedor de billetes. É aquel persoal que está capacitado para facerse cargo do cobramento de tódolos servicios que a empresa preste no centro ou establecemento ó que se encontra adscrito.

Recolle, valora e cobra toda clase de billetes, vales ou abonos, mediante o manexo dos ordenadores, caixeiros automáticos e outras máquinas que a empresa poña en ou ó seu servicio e coida do mantemento elemental.

Atende as chamadas telefónicas do centro ou do establecemento e os requirimentos de información dos clientes e do público en xeral. Mantén o bo estado e decoro do despacho de billetes ou caixeiro, executando a súa carga e recarga de cambio cando proceda.

Verifica o control e cadramento da caixa, entrega a recadación ou efectúa o seu ingreso, seguindo as instruccións superiores que reciba e elabora cantos documentos sexan necesarios para o control e funcionamento da empresa.

Controla e supervisa accesos, tanto peonís como de vehículos, mediante os monitores que, se é o caso, teñan instalados, dando avisos seguindo as instruccións que recibise, de cantos incidentes detecte de forma inmediata.

Vixilante. É aquel persoal que ten ó seu cargo a vixilancia dos locais e instalacións da empresa, cursando os partes correspondentes ás posibles incidencias.

Auxiliar administrativo/a. É aquel persoal que realiza operacións administrativas elementais ou de pouca complexidade e, en xeral, aquelas funcións que fundamentalmente son mecánicas e con pouco grao de iniciativa. Debe saber detectar e resolver problemas operativos como erros de operación ou de máquina.

Operario/a de mantemento. É aquel persoal que, con coñecemento sobre mecánica, electricidade, electrónica e demais oficios relacionados coas instalacións dos centros de traballo ou establecementos da empresa, que ten ó seu cargo o mantemento, coidado e reparación. Vixiará en todo momento o seu correcto funcionamento e perfecto estado de conservación, efectuando as ditas tarefas el mesmo ou a través dos seus axudantes, tanto os necesarios controis e probas rutineiras como as reparacións que sexan necesarias para a boa marcha das ditas instalacións.

Limpador/a.-É aquel persoal maior de 18 anos, encargado da limpeza xeral do centro ou centros de traballo, así como do mantemento da hixiene e salubridade das instalacións e servicios de uso público.

Artigo 27º.-Saúde e prevención de riscos laborais.

Os traballadores afectados polo presente convenio teñen dereito a que a prestación dos seus servicios nos diversos centros de traballo da empresa se adapten ás medidas e normas que, con carácter obrigatorio, establece a Lei de prevención de riscos laborais, Lei 31/1995, do 8 de novembro, e os diversos regulamentos que a desenvolven, iniciadas as xestións oportunas ó respecto. Para tales efectos, procedeuse a inicia-los trámites oportunos ante a Administración local e autonómica para acadar tal adaptación.

Artigo 28º.-Dereitos sindicais.

O delegado de persoal non poderá ser despedido nin sancionado durante o exercicio das súas funcións nin dentro do ano seguinte á data de finalización do seu mandato, agás que este se produza por revogación ou dimisión, e sempre que o despedimento ou outra sanción se basee na actuación do traballador no exer

cicio legal da súa representación. Se o despedimento ou outra sanción por supostas faltas graves ou moi graves obedecese a outras causas, deberá tramitarse expediente contradictorio no que serán oídos, á parte do interesado, a central sindical á que pertenza.

Non poderá ser discriminado na súa promoción económica ou profesional por causa do desempeño da súa representación. Poderá exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa nas materias propias da súa representación, podendo publicar ou distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo, comunicándolle previamente todo isto á empresa, exercendo tales tarefas de acordo á normativa legal vixente para o efecto.

Disporá de crédito de horas mensuais retribuídas que a lei determine.

Artigo 29º.-Resolución de conflictos.

Ante a importancia que pode ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do AGA asinado entre a CEG e as organizacións sindicais CC.OO., UXT e CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a vixencia del, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA.

Artigo 30º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas no presente convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán considerados globalmente.

No caso de que, por parte da xurisdicción laboral, por instancia da autoridade laboral ou de calquera dos afectados, se procedese á anulación de todos ou algúns dos pactos do presente convenio, quedará sen efectos a totalidade, debendo reunirse a comisión negociadora no prazo dun mes contado desde a firmeza da sentencia, co obxecto de proceder á renegociación do seu contido.

Artigo 31º.-Comisión paritaria.

Créase unha comisión paritaria do convenio como órgano de interpretación, arbitraxe, conciliación e vixilancia do seu cumprimento.

A dita comisión estará integrada por catro membros, dous deles en representación da empresa e dous en representación dos traballadores.

A comisión paritaria reunirase sempre que o solicite calquera das representacións, con indicación do tema ou temas que se van tratar. Os acordos adoptaranse por maioría de ámbalas partes representadas na comisión.

Sinálanse como domicilios da comisión paritaria en Lugo, praza de Santo Domingo, s/n ou ben Ronda da Muralla, 58, baixo, indistintamente.

Artigo 32º.-Paz social.

As partes asinantes desisten expresamente durante a vixencia do presente convenio ó exercicio do dereito

de folga na negociación e conflictos colectivos que poidan afectar á empresa, sempre e cando se respecten as condicións pactadas no presente convenio.

Disposición adicional

Primeira.-Contratacións indefinidas: as partes acordan proceder á transformación en indefinidos dos contratos temporais dos traballadores Isaac Castro Núñez e Eduardo Carreira López dentro do primeiro mes do ano 1998.

Segunda.-Equiparación salarial: tendo en conta que no artigo 12º do presente convenio, que leva por rúbrica incrementos salariais, se establece un dobre sistema de incrementos salariais, dada a existencia de dous grupos de traballadores dentro da categoría de garda caixeiro con retribucións salariais substancialmente distintas, sistema co que se pretende a en todo caso equiparación salarial dos traballadores que cobran salarios inferiores a aqueles das mesmas categorías que cobran salarios superiores, no momento en que

calquera dos primeiros (os que cobran salarios inferiores) acaden o mesmo nivel salarial cós segundos (os do ano 1997 cobran salarios superiores ós establecidos no Convenio colectivo provincial de transporte de mercadorías por estrada da provincia de Lugo), aqueles incorpóranse ó sistema de incremento salarial establecido para estes últimos.

ANEXO I

Táboas salariais de mínimos garantidos

Vixencia desde o 1 de xaneiro de 1998 ó 31 de decembro de 1998

Categorías profesionaisRetribucións

Salario basePlus convenio

Encargado117.00011.342

Garda caixeiro

ou expendedor de billetes

90.08011.342

Vixilante90.08011.342

Auxiliar administrativo86.00011.342

Operario mantenento100.00011.342

Limpador82.00011.342

ANEXO II

Táboas salariais vixentes para cada traballador

Vixencia desde o 1-1-1998 ata o 31-12-1998

TraballadorRetribucións

Salario basePlus convenioComplemento

posto de traballo

Quebranto

de moeda

Encargado

José Mª Gómez López196.73211.34232.7803.876

Garda caixeiro ou expendedor de billetes

Grupo 1º

Agra Fernández, Manuel104.55011.34221.8023.570

Ardura Castañón, Carlos104.55011.34221.8023.570

Ares Gay, Félix104.55011.34221.8023.570

Bao Gómez, José Antonio104.55011.34221.8023.570

Blanco Río, Manuel Ramiro104.55011.34221.8023.570

Núñez Dorado, Víctor Jesús104.55011.34221.8023.570

Rey Ayude, Ángel104.55011.34221.8023.570

Rodríguez López, Manuel104.55011.34221.8023.570

Grupo 2º

Alonso Pereira, Luis90.08011.342

Carreira López, Eduardo90.08011.342

Carreira Núñez, Carlos Alberto90.08011.342

Castro Núñez, Isaac90.08011.342

Méndez Sanjurjo, Alfredo90.08011.3426.0343.240

Otero López, Antonio90.08011.342

Pérez Varela, Guillermo90.08011.3426.0343.240

Limpadora

Carreira Pardo, Marina60.22011.342

1851