Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 26 de marzo de 1998 Páx. 3.008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 27 de febreiro de 1998 pola que se aproba o plan de inspección sanitaria para 1998.

Seguindo na liña de actuación xa reflectida nos plans de inspección sanitaria dos últimos anos, e tendo en conta as análises e conclusións recollidas no informe da Subcomisión para a Consolidación e Modernización do Sistema Nacional de Saúde, elaborouse o plan de inspección sanitaria para o presente ano, que ten como obxectivo a avaliación da calidade e da garantía das prestacións sanitarias.

Así mesmo, e como actividades complementarias, inclúense nel determinadas actuacións relacionadas coas prestacións en materia de saúde laboral e coa actividade dos establecementos farmacéuticos na Comunidade Autónoma.

En consecuencia, de acordo co establecido no Decreto 126/1992, do 14 de maio, sobre ordenación das funcións da Inspección de Servicios Sanitarios, por proposta do secretario xeral,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o plan de inspección sanitaria para 1998, que figura como anexo da presente orde.

Artigo 2º

A memoria anual de actividades de inspección sanitaria correspondente a 1998 elaborarase tendo en conta os resultados dos programas incluídos no presente plan.

Os servicios provinciais da inspección sanitaria deberán remiti-la memoria de actividades correspondente á súa provincia antes do 30 de xaneiro de 1999.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 1998.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

I. Saúde laboral.

1º. Inspecciona-lo 100% dos centros sanitarios propios das MATEPS existentes en Galicia e promove-lo rexistro sanitario daqueles que reúnan as condicións de adecuación e suficiencia.

2º. Inspecciona-los recursos e instalacións do 100% dos servicios de prevención con carácter previo á súa acreditación na Comunidade Autónoma de Galicia.

3º. Revisar antes do 30 de xuño o 100% dos procesos de incapacidade temporal cunha duración superior a 3 meses.

4º. Reducir nun 0,5% a taxa global de absentismo por incapacidade temporal en Galicia.

5º. Elaborar e implantar en tódalas áreas de inspección, en colaboración con outras unidades da consellería e Sergas, o novo programa informático de xestión e seguimento da incapacidade temporal.

II. Preatacións complementarias e calidade asistencial.

Análise de calidade das historias clínicas en atención primaria.

Avalia-lo grao de información facilitada e o plan de acollida a pacientes ingresados en hospitais do SERGAS.

Reducir nun 15% o gasto por transporte sanitario en Ourense e nun 5% en Lugo en relación a 1997.

Implanta-lo programa de descentralización administrativa de prestacións nos servicios de atención primaria de Ourense.

Implanta-lo protocolo de derivación de pacientes no 100% dos centros concertados para rehabilitación en Lugo, Sarria, Burela e Ribadeo.

Revisión do 50% dos pacientes en osixenoterapia con concentrador nas áreas de Lugo, Santiago de Compostela e Ferrol.

Avalia-lo nivel de satisfacción de pacientes derivados a centros concertados para cirurxía en Lugo e Pontevedra.

Reduci-la demora máxima na resolución de expedientes de reintegro de gastos de transporte e ortoprótese a 40 días nas provincias de Lugo e A Coruña.

Implanta-lo sistema de transporte sanitario colectivo para tratamentos crónicos na provincia da Coruña.

Estudio do grao de implantación do consentimento informado nos centros concertados polo Sergas na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Valoración do 100% das altas voluntarias de pacientes asistidos en centros concertados na provincia de Pontevedra.

Avalia-lo impacto da normativa da Comunidade Autónoma para a prestación ortoprotésica no seu primeiro ano de aplicación na Coruña, Lugo e Pontevedra.

Análise das reclamacións por asistencia sanitaria na provincia de Pontevedra.

Avalia-la actividade e custo do transporte sanitario, urxente e programado, na Coruña e Pontevedra.

III. Farmacia.

Programa de verificación da presencia e actuación profesional do farmacéutico na dispensación de medicamentos ó público e da correcta identificación do persoal facultativo e auxiliar nas oficinas de farmacia, nas catro provincias da Comunidade Autónoma.

Inspección do 100% dos depósitos de medicamentos en establecementos hospitalarios que carezan de servicios farmacéuticos autorizados.

Seguimento do cumprimento da normativa reguladora do uso de receitas oficiais por facultativos que non teñan a condición de estatutarios ou funcionarios pero que presten servicios a pacientes do Sergas.

Incrementa-la revisión das receitas facturadas ó Sergas ata un 8% na provincia de Lugo.

IV. Asistencia sanitaria prestada en centros privados.

Inspección dos centros de reproducción asistida humana.

Realiza-la segunda fase do programa iniciado no ano 1997 relativo á adecuación normativa e condicións técnico-sanitarias das clínicas odontolóxicas.

1947