Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 26 de marzo de 1998 Páx. 3.000

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 19 de febreiro de 1998 pola que se convocan subvencións a empresas editoriais para apoia-la edición do libro en galego, a traducción para o galego, e a edición noutras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego.

A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto e dispón no seu artigo 1.3º que, entre outros, os expedientes de gasto imputables ós capítulos IV e VII poderán iniciarse no período de prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos definitivos para o citado exercicio, unha vez que ese proxecto de orzamentos estea aprobado polo Consello da Xunta, cando os gastos se vaian materializar no mesmo exercicio.

A aplicación deste precepto supón un paso moi importante na axilización do proceso de execución orzamentaria, coas conseguintes vantaxes para os administrados e sen mingua de soberanía do Parlamento, en función do disposto no artigo 3.2º da orde de referencia, xa que non se poderán conceder efectivamente as subvencións ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto.

O libro editado en galego acadou niveis de normalización comparables ós do resto do estado, non só en presentación, deseño e tiradas, senón tamén no que respecta ós contidos. A completa normalización da nosa industria editorial precisa do esforzo das empresas do sector e da axuda da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo en razón da súa responsabilidade no desenvolvemento da cultura escrita. Pero a iniciativa privada por si soa non é capaz de abranguer temas nos que temos considerables carencias. O reducido mercado, a competencia doutras linguas e os elevados prezos de producción fan difícil a publicación en galego de libros dalgunhas materias.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, consciente da capacidade da nosa lingua para ser portadora de calquera mensaxe, considera importante para os galegos, ter acceso ás obras de creación escritas noutras linguas e, ó mesmo tempo, tendo en conta a calidade que a literatura galega ten acadado nos últimos anos, considera fundamental que as obras escritas en galego poidan ser lidas por outros pobos con lingua de seu para, deste xeito, dar a coñece-la nosa literatura fóra de Galicia. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse subvencións a empresas do sector editorial para apoia-la edición en galego, a traducción para o galego, e a traducción e edición noutras linguas de obras escritas orixinariamente en galego.

As subvencións concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.353.A.770, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, e terán

carácter plurianual naqueles casos nos que así se faga constar nas bases específicas que acompañan esta orde.

Artigo 2º

2.1. Poderán optar a estas subvencións as empresas editoriais que cumpran os requisitos esixidos nesta orde establecidos nas bases específicas para a concesión das subvencións.

2.2. Non poderán solicitar aqueles editores que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e non xustificasen o seu investimento.

Artigo 3º

As solicitudes formuladas ó abeiro da sección A) da Orde do 12 de decembro de 1996 (subvencións a obras xa editadas en lingua galega publicado no DOG nº 253 do 30 de decembro de 1996), ás que non lles foi concedida a axuda peticionada, por falta de crédito suficiente, serán tidas en conta na presente convocatoria, salvo indicación do interesado en sentido contrario dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo. A tramitación dos expedientes continuará desde o trámite no que se atopaban ó remate do exercicio anterior.

Artigo 4º

Os editores que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición segundo os prazos establecidos nas correspondentes bases específicas, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo os modelos que figuran como anexos desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nas súas delegacións provinciais, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico e financeiro de Galicia.

A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

1. Declaración xurada, asinada polo presidente ou director da empresa, especificando número de contratos da empresa acollidos ó réxime xeral da Seguridade Social así como calquera outro tipo de axuda ou subvención obtida ou solicitada para financia-lo proxecto editorial de calquera Administración pública ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. A esta declaración xuntaranse fotocopias dos correspondentes documentos TC1 e TC2 da última cotización á Seguridade Social.

2. Se o solicitante é unha persoa xurídica, acreditación da personalidade e da súa representación, mediante fotocopia compulsada da escritura pública de constitución ou modificación, se é o caso, da sociedade, e do poder notarial correpondente, ámbolos dous documentos debidamente inscritos no Rexistro Mercantil.

3. Se o solicitante é unha persoa física, deberá acredita-la súa constitución como editor, así como fotocopia da cédula de identificación fiscal ou do número de identificación fiscal

4. Certificación da conta bancaria onde conste como titular a empresa solicitante.

5. Fotocopia do último recibo do imposto de actividades económicas.

6. Catálogo da producción realizada pola editorial, así como documentación acreditativa dunha actividade editorial ininterrompida mínima de dous anos.

7. Acreditación de ter publicados un mínimo de 10 títulos en galego durante o ano anterior.

A documentación relacionada nos apartados 1 a 6 deste artigo presentarase unha soa vez no caso de presentar varias solicitudes, e a ela engadiráselle a documentación recollida nas bases específicas para a concesión das subvencións.

Artigo 5º

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas e valoradas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Promoción Cultural segundo os criterios de valoración establecidos no artigo 6º, e o director xeral de Promoción Cultural elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que resolverá dentro das disponibilidades orzamentarias.

Artigo 6º

Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

-Nivel de cumprimento de anteriores compromisos de edición; o incumprimento deles será razón suficiente para a denegación da subvención.

-Importancia do fondo editorial en galego ou relacionado con Galicia do editor solicitante.

-Calidade das obras contidas no catálogo.

-Esforzo que supón para o editor a incidencia da obra en ámbitos de especial importancia cultural pero pouca demanda comercial.

-Importancia do investimento realizado en capital e en persoal pola empresa respecto do libro galego.

-Continuidade dentro dunha colección

Artigo 7º

7.1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos e non poderán solicitar cambios para outros proxectos. A Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

7.2. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo comunicaralles a resolución do conselleiro ós solicitantes, que quedarán obrigados a xustifica-las subvencións concedidas debendo comunica-la súa aceptación por escrito.

7.3. Os beneficiarios farán constar en cada obra que esta recibiu unha subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo-Dirección Xeral de Promoción Cultural, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

7.4. Recibidos os exemplares e a documentación á que se fai referencia nas bases específicas para a concesión das subvencións, a Dirección Xeral de Promoción Cultural, de atopalos conformes, proporá o libramento dos fondos, de acordo co calendario sinalado nas ditas bases e a normativa orzamentaria vixente.

7.5. O libramento do importe da subvención realizarase de acordo coa normativa presupostaria aplicable, esixíndose certificacións expresas de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia, e de estar ó corrente nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Artigo 8º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de procedemento administrativo e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 9º

De non se notificar resolución favorable no prazo de tres meses a partir da presentación da solicitude, darase por desestimada a petición, podendo o solicitante a partir desta data retira-la documentación presentada, durante os 30 días seguintes a esta. Transcorrido este prazo, arquivarase sen máis trámite.

A documentación que deba achegarse á solicitude ou que sexa requirida, no seu momento, para a tramitación do expediente, presentarase en orixinal ou fotocopia compulsada.

Bases específicas para a concesión das subvencións

A) Subvencións a obras xa editadas en lingua galega.

A-1) As obras deberán estar publicadas en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

A-2) Os editores deberán comercializar nas librerías un mínimo de 600 exemplares.

A-3) A contía de cada subvención, que non poderá supera-la cantidade de 450.000 (catrocentas cincuenta mil) pesetas por libro, consistirá no equivalente ó 75% do prezo de venda ó público (sen IVE) dun máximo do 10% dos exemplares editados, ata un límite de 300 exemplares. Os libros de lectura infantil e xuvenil, un máximo do 15% dos exemplares editados, ata un límite de 400 exemplares.

A-4) As solicitudes deberán presentarse antes do 10 de setembro de 1998.

A-5) Ademais da documentación solicitada no artigo 4 da presente orde, deberase presentar:

-Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado co autor que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar da obra para a que se solicita subvención

-Un certificado de tirada.

A-6) Para que un libro poida optar a estas subvencións terá que cumpri-las seguintes condicións:

-Ter como mínimo 50 (cincuenta) páxinas, agás os libros infantís.

-Posuí-lo número de ISBN e o do depósito legal definitivo, debendo estar feito o depósito de exemplares recollido no Decreto 36/1991. O depósito legal terá

data posterior ó 10 de setembro de 1997, agás as solicitudes recollidas no artigo 3.

A-7) Non poderán acollerse ás subvencións desta orde:

-As publicacións destinadas a uso escolar, quer como libro de texto, quer como material complementario.

-As que recibisen subvención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-As que non sexan primeiras edicións.

-As obras subvencionadas en máis dun 30% con fondos públicos.

-As publicacións de difusión gratuíta.

-As que carezan de contrato de dereitos de autor.

-As que teñan un prezo de venda ó público (incluído IVE) superior a 4.000 ptas.

A-8) Para xustifica-las subvencións deberán entregarse, nun prazo de quince días naturais contados a partir da comunicación da resolución, os exemplares equivalentes á subvención concedida e fotocopias dos correspondentes documentos TC1 e TC2 da última cotización á Seguridade Social.

B) Subvencións para editar en lingua galega obras de carácter non literario, obras orixinais galegas ilustradas en cor e grandes proxectos editoriais.

B-1) Estas subvencións terán carácter plurianual, segundo o disposto no Art. 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario da Xunta de Galicia podendo a consellería comprometer outras fases do proxecto editorial, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

A contía que se pagará para cada anualidade librarase logo de xustificación antes do 1 de novembro de cada exercicio do investimento realizado así como dos correspondentes documentos TC1 e TC2 da última cotización á Seguridade Social. No último ano presentarase tamén certificación da tirada realizada e a copia do contrato definitivo co autor ou autores, debidamente asinado por ámbalas dúas partes, así como o correspondente número de exemplares da obra subvencionada.

B-2) As obras que se subvencionarán publicaranse en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

B-3) O importe de cada subvención establecerase, de acordo coa dispoñibilidade orzamentaria, ata un máximo de 10.000.000 de pts., nunha cantidade equivalente ó 75% do prezo de venda ó público para un número de exemplares que oscilará entre o 15% e o 50% da tirada prevista. A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda, se o prezo de venda ó público e a tirada definitiva certificada non concordasen cos inicialmente declarados na solicitude.

B-4) As solicitudes deberán presentarse no prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

B-5) Ademais da documentación solicitada no artigo 4 da presente orde, presentarase:

-Calendario de investimentos e plan de traballo que se desenvolverá para cada proxecto editorial.

-Número de espacios mecanografados ou matrices de que constará a obra proxectada, e características técnicas do proxecto de edición.

-Modelo de contrato que a editorial asinaría co autor ou autores da obra e que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar completo da obra para a que se solicita subvención.

-Previsión de tirada e prezo de venda ó público.

C) Subvencións para a traducción de obras escritas e publicadas orixinariamente en lingua distinta do galego.

C-1) Estas subvencións terán carácter plurianual, segundo o disposto no Art. 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario da Xunta de Galicia, podendo a consellería comprometer outras fases do proxecto editorial, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

A contía que se pagará para cada anualidade librarase logo da xustificación do investimento relizado nela, antes do 1 de novembro de cada exercicio. No último ano presentarase tamén o xustificante do pagamento realizado ó traductor, se este non fora presentado xa no primeiro ano, así como 5 exemplares da traducción editada, e fotocopias dos correspondentes documentos TC1 e TC2 da última cotización á Seguridade Social.

C-2 As obras publicaranse en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

C-3) A subvención consistirá no pagamento da traducción segundo as tarifas da Asociación de Traductores Galegos. En todo caso non será superior a 1.000.000 (un millón) de pesetas por título e/ou volume.

C-4) As solicitudes deberán presentarse no prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

C-5) Ademais da documentación solicitada no artigo 4 da presente orde deberá presentarse:

-Calendario de investimentos e plan de traballo que se vaia desenvolver para cada proxecto editorial.

-Modelo de contrato que a editorial asinaría co traductor da obra e que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar completo da obra para a que se solicita subvención.

-Xustificante, se houber lugar, de te-los dereitos precisos para a publicación da obra.

D) Subvencións para editar noutras linguas obras publicadas orixinariamente en galego.

D-1) Estas subvencións terán carácter plurianual, segundo o disposto no Art. 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario da Xunta de Galicia, podendo a consellería comprometer

outras fases do proxecto editorial, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

A contía que se pagará para cada anualidade librarase logo da xustificación do investimento realizado nela e fotocopias dos correspondentes documentos TC1 e TC2 da última cotización á Seguridade Social ou documentos equivalentes no caso de edicións estranxeiras, antes do 1 de novembro de cada exercicio. No último ano presentarase tamén o xustificante do pagamento realizado ó traductor, se este non fora presentado xa no primeiro ano, así como 15 exemplares da obra editada.

D-2) A contía de cada subvención será de 3.000 a 4.000 (tres mil a catro mil) pts. por páxina para as obras que se vaian editar en linguas da Península Ibérica, e de 4.000 a 7.000 (catro mil a sete mil) ptas. por páxina para as obras que se editen nas outras linguas do mundo, ata un máximo, en tódolos casos, de 950.000 (novecentas cincuenta mil) ptas por obra. Tómase como páxina tipo a de 1.800 caracteres e para a realización do cómputo utilizarase o libro editado en galego.

D-3) As solicitudes deberán presentarse no prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. En empresas editoriais extranxeiras o prazo de presentación será de 40 días naturais.

D-4) Ademais da documentación solicitada no artigo 4 da presenta orde, deberá presentar:

-Calendario de investimentos e plan de traballo que se desenvolverá para cada proxecto editorial.

-Modelo dos contratos que a editorial asinaría co autor, autores ou traductor da obra e que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar da obra para a que se solicita subvención.

-Acordo de cesión dos dereitos.

Disposición adicional única

En caso de que se esgotasen as dispoñibilidades orzamentarias dentro do prazo de vixencia da presente orde, o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo declarará cerrado o prazo de admisión de solicitudes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 1998

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

Director Xeral de Promoción Cultural

2523