Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 26 de marzo de 1998 Páx. 3.019

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 1998, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo provincial de amarradores da provincia da Coruña.

Visto o expediente do convenio colectivo provincial de amarradores da provincia da Coruña tivo entrada nesta delegación provincial o día 3-12-1997, subscrito en representación da parte económica por Amarradores Puerto de A Coruña, S.L., Retrasub, S.L., e Amarradores del Puerto de Ferrol, S.L. e da parte social por UGT o día 24-11-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 27 de febreiro de 1998.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo provincial de amarradores

da provincia da Coruña

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio regula as relacións entre as empresas de amarradores e os seus traballadores, sexan fixos, eventuais, interinos ou temporais.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O presente convenio aplícase a tódalas empresas e cooperativas de amarradores que operan en tódolos portos do litoral coruñés, tendo, polo tanto, a condición de convenio provincial.

Artigo 3º.-Ámbito temporal e denuncia do convenio.

O presente convenio entrará en vigor o día 1 de xullo de 1997, rematando o seu período de vixencia o 31 de decembro de 1999. O convenio quedará prorrogado automaticamente, por períodos anuais, se non é denunciado por algunha das partes dentro dos dous últimos meses de vixencia, ou da súa prórroga.

Para o suposto de que sexa denunciado, o presente convenio manterá a vixencia dos seus contidos ata o asinamento doutro que o substitúa.

Artigo 4º.-Subrogación de servicios.

Co fin de garanti-la estabilidade no emprego dos traballadores da actividade, cando unha empresa perda a adxudicación dos servicios contratados dun centro de traballo por resolución de contrato de arrendamento de servicios ou fin da concesión ou autorización admnistrativa, a empresa adxudicataria está, en todo caso, obrigada a subrogarse nos contratos dos traballadores adscritos ó dito contrato de arrendamento de servicios, concesión ou autorización administrativa, calquera que sexa a modalidade de contratación destes, sempre que teña unha antigüidade mínima no servicio obxecto de subrogación de sete meses anteriores á data na que a subrogación se produza, incluíndose no dito período de permanencia as ausencias que, por vacacións, ILT, permisos retribuídos, etc, puidese te-lo traballador no servicio subrogado.

A empresa cesante no servicio deberá notificarlle ó persoal afectado, a través dos seus representantes, a resolución do contrato de arrendamento de servicios, tan pronto como teña coñecemento del.

A empresa adxudicataria deberá respectarlle ó traballador tódolos dereitos laborais que tivese recoñecidos na súa anterior empresa, mesmo a antigüidade para tódolos efectos. Así mesmo, o traballador percibirá con cargo á súa anterior empresa a liquidación dos haberes, partes proporcionais de gratificacións e vacacións que lle puidesen corresponder.

Para os efectos anteriores, a empresa cesante deberá poñer á disposición da empresa adxudicataria, nun prazo mínimo de 72 horas antes de que esta comece a prestación do servicio, ou 72 horas desde que tivese coñecemento directo da subrogación, a seguinte documentación:

-Certificación na que deberá consta-lo nome do traballador, data de nacemento, nome dos pais, estado civil, número de beneficiarios de prestacións á familia, importe da totalidade das percepcións de calquera índole que veña cobrando o traballador polo seu traballo, desagregado por conceptos, categoría e antigüidade na empresa.

-Certificación da Tesourería Territorial da Seguridade Social de estar ó corrente no pagamento, así como unha declaración xurada da empresa cesante de igual situación.

-Fotocopia do TC1 e TC2 de cotización á Seguridade Social dos tres últimos meses.

-Contratos de traballo subscritos polos traballadores afectados, no caso de que se concertasen por escrito.

-Relación de traballadores en situación de baixa temporal.

-Calquera outro documento que se requira para estes efectos como necesario.

É facultade da empresa cesante no servicio decidir quedar con todos ou parte dos traballadores afectados pola subrogación.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

O presente convenio respecta e mellora as condicións pactadas no convenio nacional de amarradores publicado no BOE nº 203, do 23 de agosto de 1996.

Artigo 6º.-Vinculación á totalidade.

As condicións aquí pactadas forman un todo orgánico e indivisible, e para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.

Artigo 7º.-Réxime de traballo.

Polas condicións especiais nos portos da provincia da Coruña, os traballadores voluntariamente comprométense a realiza-los servicios de reténs e horas extras necesarios para a boa marcha do servicio. No suposto de que algún traballador non desexe realizar estes servicios de retén e horas extraordinarias, comunicarallo por escrito á dirección da empresa.

A empresa, pola súa parte, comprométese a aboar, en concepto de realización dos servicios de retén e horas extraordinarias, as cantidades especificadas nos apartados de suplidos e incentivos.

Artigo 8º.-Período de proba.

O período de proba ó que se someterán os traballadores de nova contratación será o seguinte:

1º Tres meses para titulados.

2º Un mes para non titulados.

Artigo 9º.-Xornada laboral e descansos semanais.

A xornada laboral será de 40 horas semanais e, no que se refire a descansos semanais, descansos non desfrutados e demais circunstancias relativas á xornada laboral, aplicarase o disposto no Real decreto 1561/1995, sobre xornadas especiais.

Artigo 10º.-Vacacións.

Desfrutarase anualmente un período de vacacións de 30 días naturais, que se tomarán preferentemente entre o 1 de xuño e o 30 de setembro.

As vacacións poderán ser desfrutadas fóra do período antes mencionado, por petición do traballador, sempre

que o servicio non sufra detrimento e se solicite cunha antelación previa de catro meses.

Artigo 11º.-Licencias e excedencias.

No relativo a licencias e excedencias aplicarase o disposto na lexislación vixente.

Artigo 12º.-Estructura salarial.

As percepcións salariais brutas dos traballadores englobados no ámbito de aplicación do presente convenio distribuiranse nos seguintes conceptos:

-Salario base (inclúe os complementos de quendas e nocturnidade).

-Antigüidade.

-Pagas extraordinarias.

-Incentivos e suplidos.

As cantidades correspondentes a salario base e demais complementos para as distintas categorías serán as recollidas na táboa anexa.

As pagas extras aboaranse rateadas mes a mes. No caso de que algún traballador desexe cobralas nos meses establecidos no convenio nacional de amarradores, deberá solicitarllo por escrito á empresa.

A contía do complemento de antigüidade será equivalente ó 3% do salario base por cada trienio de permanencia na empresa.

Artigo 13º.-Revisión salarial.

Os conceptos de salario base e antigüidade recollidos no presente convenio incrementaranse na porcentaxe igual ó IPC previsto para os anos 1998 e 1999.

Artigo 14º.-Cláusula de revisión.

Se houbese variación entre o IPC previsto e o IPC real, aboaranse os atrasos sobre este último dentro dos tres primeiros meses do ano seguinte.

Artigo 15º.-Clasificación profesional.

Recóllense e regúlanse as seguintes categorías profesionais no ámbito do presente convenio:

1º Encargado xeral. Traballador que ten a facultade, ás ordes directas do director xerente, de dirixir tódalas funcións propias da empresa.

2º Encargado de servicio. Traballador que ten encomendada a facultade de facer cumprir e organiza-las xornadas dos membros das collas de amarradores. O encargado xeral dirixe o traballo dos compoñentes das collas nas operacións de entrada e saída dos buques, así como outras tarefas relacionadas co tráfico interior do porto.

3º Amarrador. Traballador que realiza as tarefas de amarre ou desamarre de buque, así como outras tarefas relacionadas co tráfico interior do porto, valorándose na súa clasificación profesional ter realizado o curso de formación e reciclaxe de amarradores de buques.

4º Axudante auxiliar. Traballador maior de dezaseis anos que se inicia nas tarefas propias sen experiencia previa.

5º Administrativo. Persoal que se dedica, dentro das oficinas da empresa, a tarefas administrativas e ás derivadas daquela.

Artigo 16º.-Traballo en categoría superior.

Polo que se refire a traballos de categoría superior, aplicarase o que establece o artigo 39.4º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 17º.-Promoción profesional.

Despois de desempeñar durante seis meses a categoría de axudante, o traballador ascenderá automaticamente á de amarrador.

As categorías de encargado xeral e de servicio serán de libre designación por parte do empresario pero, para designalas, teranse en conta os títulos e cursos realizados polo traballador, valorándose especialmente a realización do curso de formación e reciclaxe de amarradores.

Artigo 18º.-Réxime de faltas e sancións.

Os traballadores poderán ser sancionados pola empresa de acordo coa graduación de faltas e sancións que se establecen nos apartados seguintes:

Toda falta cometida polo traballador clasificarase, atendendo á súa importancia, trascendencia e intencion, en leve, grave e moi grave.

18.1. Faltas leves. Consideraranse faltas leves as seguintes:

1º As de erro, demora ou neglixencia na execución de calquera traballo que non produza perturbación no servicio encomendado.

2º As de puntualidade inferior a quince minutos, sempre que do atraso non se derive prexuízo para o servicio que se teña que prestar, caso no que terán a consideración de faltas graves.

3º Abandona-lo traballo sen motivo xustificado, aínda que sexa por tempo breve. Se como consecuencia diso se derivase prexuízo dalgunha consideración á empresa ou fose causa de accidente para os seus compañeiros de traballo, esta falta será considerada como grave ou moi grave segundo os casos.

4º As discusións cos compañeiros de traballo. Se tales discusións quebrasen a orde e a disciplina do persoal do buque, poderán ser consideradas como faltas graves.

5º Pequenos descoidos na conservación de materiais, útiles e ferramentas que o tripulante teña ó seu cargo.

6º Falta de aseo ou limpeza persoal que non produza queixa dos compañeiros de traballo.

18.2. Faltas graves. Consideraranse faltas graves as seguintes:

1º Máis de tres faltas de puntualidade na presentación no posto de traballo non xustificadas e cometidas no período de dous meses. Abondará cunha soa falta cando tivese que relevar a un compañeiro ou cando, como consecuencia dela, se lle causase prexuízo dalgunha consideración á empresa.

2º Faltar dun a tres días ó traballo durante un período de trinta días sen causa que o xustifique. Abondará unha soa cando tivese que relevar a un compañeiro ou cando, como consecuencia dela, se lle causase prexuízo dalgunha consideración á empresa.

3º Non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na familia que poidan afectar á

Seguridade Social ou ás retencións sobre salarios que se deban practicar para o seu posterior ingreso na delegación de Facenda correspondente. Tanto a falta como o falseamento malicioso destes datos se considerará como falta laboral moi grave.

4º Non comunica-lo cambio de domicilio que experimente un traballador nun prazo de trinta días desde que aquel se produciu.

5º Neglixencia ou descoido no traballo que afecte á boa marcha deste.

6º A imprudencia grave en actos de servicio: se implicase risco de accidente para el ou para os seus compañeiros ou perigo de avaría para as instalacións, poderá ser considerada como falta moi grave.

7º Ausentarse do traballo sen permiso do encargado correspondente.

8º A simple desobediencia ós seus superiores en calquera materia de servicio.

9º As faltas de aseo e limpeza que produzan queixas xustificadas dos compañeiros de traballo.

10º A repetición de faltas dentro dun semestre aínda que sexan de distinta natureza.

18.3. Faltas moi graves. Consideraranse faltas moi graves as seguintes:

1º Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade cometidas nun período de catro meses, ou vinte en oito meses.

2º As faltas inxustificadas ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos no período dun mes.

3º A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal de traballo.

4º Causar accidentes graves por neglixencia ou imprudencia inescusable.

5º A embriaguez e estado derivado do consumo de drogas durante o traballo.

6º A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto ós seus compañeiros de traballo como á empresa ou a calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa, ou durante o traballo en calquera outro lugar.

7º Os malos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade ou falta grave de respecto e consideración ós seus xefes, así como a compañeiros ou subordinados.

8º A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometan no período dun semestre e fosen sancionadas.

18.4. Réxime de sancións. Correspóndelle á empresa a facultade de sancionar nos termos do estipulado por este convenio.

A sanción de faltas leves, graves e moi graves requirirá comunicación por escrito ó traballador, facendo consta-la data e os feitos que a motivaron.

O traballador, no prazo de tres días, poderá presenta-las alegacións que considere oportunas, resolvéndose nos tres días seguintes a sanción que se impoña.

18.5. Sancións. As sancións máximas que se poderán impor serán as seguintes:

a) Por faltas leves:

-Amoestación verbal.

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo dun día.

b) Por faltas graves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo de dous a trinta días.

c) Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de trinta e un a sesenta días.

-Despedimento.

Artigo 19º.-Comisión paritaria.

As partes asinantes acordan establecer unha comisión paritaria como órgano de interpretación e vixilancia do pactado no presente convenio.

Esta comisión estará integrada paritariamente por dous representantes de cada unha das partes.

Artigo 20º.-Saúde laboral e prevención de riscos.

No referente a saúde laboral e prevención de riscos laborais aplicarase o previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e demais normativa que a desenvolva ou substitúa.

Artigo 21º.-Roupa de traballo.

A empresa proporcionaralle ó traballador a indumentaria necesaria para o desempeño das súas funcións, incluíndo como mínimo:

1º Un xogo de roupa de auga.

2º Dúas fundas de traballo.

3º Un par de botas de seguridade.

4º Un xersei.

5º Dúas camisas de verán.

6º Un par de botas de auga.

Artigo 22º.-Dereitos sindicais.

En materia de dereitos sindicais aplicarase en todo momento o previsto no Decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1844/1994, do 9 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de eleccións a órganos de representación dos traballadores e a Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

Artigo 23º.-Enfermidade.

Nos casos de baixa de enfermidade ou accidente, o traballador percibirá o salario que lle corresponda segundo a lexislación vixente.

Artigo 24º.-Formación.

As partes comprométense á cooperación necesaria para impulsa-la formación continua dos traballadores.

Artigo 25º.-Seguro de accidentes.

Con independencia do seguro obrigatorio de accidentes e como complemento a este, as empresas establecerán ó seu cargo e a prol dos traballadores, un seguro de accidentes que cubra os riscos de morte e invalidez, tanto na súa actuación profesional coma na súa vida privada, cos seguintes capitais:

-Por morte: 2.000.000 de pesetas.

-Gran invalidez: 6.000.000 pesetas.

-Invalidez permanente total ou absoluta: 4.000.000 de pesetas.

-Invalidez permanente parcial: segundo baremo da póliza.

-Invalidez temporal: 1.000 ptas./día (máximo 365 días).

-Gastos por accidente: ata 200.000 pesetas.

ANEXO I

Tablas salariales

Categoría

Salario

base

Incentivos

Suplidos

Encargado xeral200.000s/ tablas/ tabla
Encargado de servicio157.347s/ tablas/ tabla
Amarrador (contrato anterior 31-12-1994)124.602s/ tablas/ tabla
Amarrador (contrato posterior 1-1-1995)124.602s/ tablas/ tabla
Axudante auxiliar101.371s/ tablas/ tabla
Administrativo124.602

Os incentivos e os suplidos só serán percibidos por aqueles traballadores que voluntariamente se comprometeran a realiza-los servicios de reténs e horas extraordinarias necesarios para a boa marcha do servicio e non por aqueles traballadores que lle comunicasen á dirección da empresa o seu desexo de non realizar tales servicios, de conformidade co establecido no artigo 7 do presente convenio.

A) Salario base. O estipulado nas categorías profesionais recollidas no convenio nacional de amarradores.

B) Incentivos. Polo cómputo total de horas extraordinarias realizadas por todo o cadro de persoal durante o mes de vixencia.

Para efectos de maior celeridade na confección das nóminas, as horas pecharanse o 23 de cada mes.

A táboa que se aplicará será a seguinte:

HorasImporte

Ata 50 horas realizadas por todo o cadro de persoal 6.750 por traballador

De 51 a 100 horas realizadas por todo o cadro de persoal12.500 por traballador

De 101 a 125 horas realizadas por todo o cadro de persoal15.625 por traballador

De 126 a 150 horas realizadas por todo o cadro de persoal18.750 por traballador

De 151 a 175 horas realizadas por todo o cadro de persoal21.875 por traballador

De 176 a 200 horas realizadas por todo o cadro de persoal25.000 por traballador

Máis de 201 horas realizadas por todo o cadro de persoal30.000 por traballador

C) Suplidos. Para desprazamentos, axudas de custo e horas de espera nas xornadas de retén, percibiranse mensualmente as cantidades estipuladas na táboa.

A táboa que se aplicará será a seguinte:

CategoríasSuplidos

Encargado xeral75.000 mensuais
Encargado de servicio50.000 mensuais
Amarrador (contrato anterior 31-12-1994)45.000 mensuais
Amarrador (contrato posterior 1-1-1995)25.000 mensuais
Axudante auxiliar15.000 mensuais

2554