Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 26 de marzo de 1998 Páx. 2.999

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 95/1998, do 20 de marzo, polo que se modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 309/1995, do 23 de novembro, ten por finalidade regula-lo réxime xeral dos incentivos para o desenvolvemento e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia sen prexuízo doutras liñas de axuda que, en uso das súas competencias, teñan ou poidan establece-las diversas consellerías da Xunta de Galicia.

Para iso, o mencionado decreto establece o marco ó que deben adaptarse as axudas públicas á actividade empresarial de Galicia, regulando as condicións e características destas axudas que, entre outras, poden consistir na subsidiación ó tipo de xuro de operacións financeiras. Cando esta modalidade de axuda está destinada ó financiamento dos investimentos e de reestructuración de empresas, establécese un límite mínimo para o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario despois de descontada a subsidiación, que na actualidade non pode ser inferior a tres e catro puntos porcentuais para as axudas de investimentos e reestructuración de empresas, respectivamente.

A evolución dos mercados financeiros durante os dous últimos anos, que mostra unha tendencia á baixa dos tipo de xuro, repercute nas axudas financeiras, de maneira que as concesións de subvención ó tipo de xuro poden perder parte da súa efectividade ó estaren limitadas polo tipo de xuro mínimo indicado no parágrafo anterior. Isto cobra especial relevancia á hora de incentiva-los proxectos de investimento productivo, tanto de creación como de ampliación ou modernización de empresa, ó seren estes os de maior interese para a Comunidade Autónoma debido á súa incidencia na creación de emprego e ó seu potencial xerador de riqueza, así como aqueloutros proxectos de reestructuración que teñen como finalidade a reorganización das actividades incluídas nun plan estratéxico co obxecto de facer viables as empresas en dificultades.

Polo tanto, considerando necesario efectuar unha modificación do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, reducindo o límite do tipo de xuro mínimo que deberá paga-lo beneficiario para os proxectos de investimento productivo e de reestructuración, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de marzo de mil novecentos noventa e oito.

DISPOÑO:

Artigo único.- Modificación normativa.

Un.- Modifícase o último parágrafo da letra b) do apartado 2º do artigo 7 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, dándolle a seguinte redacción:

«O tipo de xuro fixarase nos convenios citados e a subsidiación poderá acadar ata 8 puntos porcentuais, sen que en ningún caso o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario, despois de descontada a subsidiación, resulte inferior a 2 puntos. Este límite poderase baixar, excepcionalmente, para plans sectoriais específicos, logo de acordo da Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos».

Dous.- Modifícase o último parágrafo das letras a) e b) do apartado 2º do artigo 8 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, dándolle a seguinte redacción:

«A subsidiación poderá acadar ata 8 puntos porcentuais, sen que en ningún caso o tipo de xuro para o beneficiario, despois de descontada a subsidiación, resulte inferior a 2 puntos».

Disposición transitoria

Os préstamos referidos a axudas concedidas con anterioridade á entrada en vigor deste decreto segui

rán rexéndose polas condicións ó tipo de xuro vixentes no momento de concesión da axuda.

Disposicións derradeiras

Primeira.- Sen prexuízo das competencias das consellerías, organismos e entes públicos para realiza-las convocatorias específicas de axudas de conformidade co artigo 13 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación do disposto neste decreto.

Segunda.- O presente decreto entrará en vigor o día ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de marzo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

2623