Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 26 de marzo de 1998 Páx. 2.998

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 94/1998, do 20 de marzo, polo que se modifica o Decreto 255/1996, do 14 de xuño, polo que se establece un réxime de axudas para a toma de participación no capital social de sociedades.

O Decreto 255/1996, do 14 de xuño, ten por obxecto regular unha serie de programas específicos dirixidos a axudar á toma de participación ou adquisición de capital de sociedades mercantís polos traballadores ou socios, o fomento da cooperación empresarial favorecendo o redimensionamento empresarial, mediante participacións no capital de sociedades do mesmo sector ou complementarios da cadea de valor e favorece-la formación de maiorías de capital que permitan a súa estabilidade e a eficacia na toma de decisións na empresa.

Para iso, o mencionado decreto establece un réxime de axudas consistentes en subvencións a fondo perdido e/ou subsidiación do tipo de xuro de préstamos. Neste último caso, establécese un límite mínimo de catro puntos ó tipo de xuro que debe satisface-lo beneficiario despois de descontada a subsidiación.

A evolución dos mercados financeiros durante os dous últimos anos, que mostra unha tendencia á baixa dos tipos de xuro, repercute nas axudas financeiras de maneira que as concesións de subvención ó tipo de xuro poden perder parte da súa efectividade ó estaren limitadas polo tipo de xuro mínimo indicado no parágrafo anterior.

Polo tanto, considerando necesario efectuar unha modificación do Decreto 255/1996, do 14 de xuño, para reduci-lo tipo de xuro mínimo que deberá paga-lo beneficiario para os proxectos de toma de participación no capital de sociedades mercantís, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de marzo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.- Modificación normativa.

Un.- Modifícase o texto da letra b) do artigo 4º do Decreto 255/1996, do 14 de xuño, dándolle a seguinte redacción:

«As subsidiacións ó tipo de xuro previstas nos apartados a) e b) do artigo 3º poderán acadar ata cinco puntos porcentuais, sen que en ningún caso o tipo de xuro para o beneficiario, despois de descontada a subsidiación, resulte inferior a 3 puntos».

Dous.- Modifícase o texto da letra c) do artigo 4º do Decreto 255/1996, do 14 de xuño, dándolle a seguinte redacción:

«As subsidiacións ó tipo de xuro previstas nos apartados c) e d) do artigo 3º poderán acadar ata catro puntos porcentuais, sen que en ningún caso o tipo de xuro para o beneficiario, despois de descontada a subsidiación, resulte inferior a 3 puntos».

Disposición transitoria

Os préstamos referidos a axudas concedidas con anterioridade á entrada en vigor deste decreto seguirán rexéndose polas condicións ó tipo de xuro vixentes no momento de concesión da axuda.

Disposicións derradeiras

Primeira.- Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación do disposto no presente decreto.

Segunda.- Este decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de marzo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

2652