Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 26 de marzo de 1998 Páx. 2.997

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 93/1998, do 20 de marzo, polo que se modifica o Decreto 359/1996, do 13 de setembro, polo que se constitúe o organismo pagador dos gastos relacionados coa política agrícola común.

O Decreto 359/1996, do 13 de setembro, dictado dentro do marco institucional creado polo Regulamento (CE) 1287/1995, do Consello do 22 de maio, que modificou o Regulamento (CEE) 729/1970, do Consello do 21 de abril, sobre o financiamento da política agrícola común que, pola súa vez, foi desenvolvido polo Regulamento (CE) 1663/1995, da Comisión do 7 de xullo, que establece as pautas de aplicación do devandito sistema de financiamento, atribúelle as funcións de organismo pagador dos gastos relacionados co FEOGA-Garantía á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e designa como autoridade competente para o outorgamento e retirada da autorización o seu conselleiro.

No anexo IV do Regulamento 1663/1995, do 7 de xullo, regúlanse as orientacións xerais para os criterios de autorización dun organismo pagador e establécense as tres funcións principais de autorización, execución e contabilización do pagamento, en relación ós gastos da sección Garantía do FEOGA. O artigo 4 do Decreto 359/1996, do 13 de setembro, dispón, respecto da fase de autorización do pagamento, que é competencia do centro directivo da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes que a teña asignada segundo o disposto no seu decreto de estructura orgánica.

Como consecuencia da nova estructura orgánica da Xunta de Galicia, derivada dos decretos 350/1997 e 351/1997, do 10 de decembro, e do Decreto 482/1997, do 26 de decembro, que establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, esta asume as competencias que, en materia de montes e medio ambiente natural, posuía a anteriormente denominada Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, polo que cómpre modifica-lo Decreto 359/1996, do 13 de setembro, co obxecto de adaptalo ás variacións efectuadas na estructura orgánica da Xunta de Galicia.

Ó mesmo tempo, e tendo en conta que a Lei 7/1994, do 29 de decembro, creou o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG) coa misión de executar en Galicia as actuacións derivadas da aplicación da política agrícola común (PAC) e que, de conformidade co Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG), se lle asigna a este último a xestión das liñas de acción financiadas con cargo ós recursos procedentes do FEOGA-Garantía, cómpre constituí-lo propio Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG) como

organismo pagador dos gastos relacionados coa Política Agrícola Común (PAC).

En virtude do exposto, por iniciativa dos conselleiros de Economía e Facenda, Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e Medio Ambiente, e por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de marzo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase a redacción dos artigos 1, 2, 4, 5 e 8 do Decreto 359/1996, do 13 de setembro, polo que se constitúe o organismo pagador dos gastos relacionados coa Política Agrícola Común, que quedarán redactados da forma seguinte:

Artigo 1º.-Organismo pagador.

1.1. O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG) constitúese como organismo pagador dos gastos que leva consigo a execución da Política Agrícola Común, Feoga-Garantía (Feoga-G), na Comunide Autónoma de Galicia.

1.2. A devandita finalidade levaraa a cabo segundo o disposto no Regulamento (CEE) 729/1970, do 21 de abril, desenvolvido polo Regulamento (CEE) 1663/1995, (COM), do 7 de xullo, e a demais normativa comunitaria que resulte de aplicación.

1.3. O organismo pagador manterá como estructura administrativa a derivada do Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG).

Artigo 2º.-Autoridade competente.

O conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria será a autoridade competente do organismo pagador e, como tal, corresponderalle o exercicio das funcións establecidas no artigo 1 do Regulamento (CEE), 1663/1995 (COM), do 7 de xullo, segundo os criterios recollidos no anexo ó devandito regulamento.

Artigo 4º.-Autorización do pagamento.

4.1. A función de autorización do pagamento das axudas, no sentido do establecemento da cantidade que debería ser pagada ó solicitante da axuda de acordo co establecido no apartado 2.i) do anexo do Regulamento (CE) nº 1663/1995, da Comisión do 7 de xullo, e demais normativa comunitaria que resulte de aplicación, corresponderalle ó órgano competente do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG) ou da Consellería de Medio Ambiente, de conformidade co disposto nos respectivos decretos de estructura orgánica, os que, para tales efectos,

terán a consideración de órganos de dirección do organismo pagador.

4.2. A xestión das actuacións de intervención e regulación de mercados, así como a autorización dos pagamentos derivados deles, corrresponderalle ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG), como organismo pagador.

Artigo 5º.-Execución do pagamento.

5.1. O pagamento das axudas, unha vez recibidos os fondos, farao directamente o ILGG e a súa ordenación corresponderalle ó seu director, ou a través da conta de habilitación para as axudas nas que a autorización do pagamento lle corresponda á Consellería de Medio Ambiente.

O importe dos anteditos pagamentos farao o ILGG con cargo ós fondos que reciba do Tesouro da Comunidade Autónoma procedentes do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA).

5.2. Os pagamentos das actuacións de intervención e regulación de mercados, con cargo ós fondos achegados para a devandita finalidade, efectuaranse a través da conta habilitada polo ILGG, e a súa ordenación corresponderalle ó seu director.

Artigo 8º.-Funcións de control.

A función de control interno, sen prexuízo das atribuídas á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, corresponderalle ó director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Normas de desenvolvemento.

Facúltanse os conselleiros de Economía e Facenda, Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e Medio Ambiente, no ámbito das súas respectivas competencias, para que dicten as normas de desenvolvemento e adopten as medidas necesarias para a execución do disposto no presente decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de marzo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

2651