Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 25 de marzo de 1998 Páx. 2.973

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 1997, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 343 que afecta o monte de Vilar de Reconco, do lugar de Vilar de Reconco, parroquia de Vilacova (concello de Lousame).

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 5 de decembro de 1997, adoptou o seguinte acordo:

«Reunido na data do 5 de decembro de 1997 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, coa asistencia: do vicepresidente, Ángel Barrallo Sánchez; maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña; dos vocais Andrés López-Suevos Fernández, xefe do Servicio de Montes e I.F.; Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia; Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña; José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común, e do decretario

Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-lo:

Expediente nº: 343.

Monte: de Vilar de Reconco.

Lugar: Vilar de Reconco.

Parroquia: Vilacova.

Concello: Lousame.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Diversos veciños de Vilar de Reconco, parroquia de Vilacova, concello de Lousame, solicitaron con data do 23-10-1996 deste xurado a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 195 ha.

Lindeiros:

Parcela I. incluída en parte dentro do monte Pedrouzos, nº 394 do CUP.

Norte, monte dos veciños de Vilacova, desde o Coto Ardadas. Leste, propiedades particulares de veciños de Vilar de Reconco. Sur, monte dos veciños de Vilar de Reconco. Oeste, montes dos veciños de Afeosa, Marselle e Lousame, pasando por Fonte Barrosa, Coto Pedroso e Pedra Formigueira, ata chegar ó Coto Ardadas.

Parcela II: incluída en parte dentro do monte Agudo, nº 171 do CUP.

Norte, monte dos veciños de Vilacova, desde o lugar denominado Bouzas pasando por Sofeal, Porto Vilariño, Coto Grande Penudo, ata o monte Agudo. Leste, monte dos veciños de Xestoso, desde o monte Agudo, pasando polo Coto Xestoso ata Coto Xiroña. Sur, monte dos veciños de Froxán, desde o Coto Xiroña pasando pola Pedra Armada, ata a parcela I do monte dos veciños de Vilar de Reconco. Oeste, coa parcela I do monte dos veciños de Vilar de Reconco, e propiedades particulares de veciños de Vilar de Reconco.

Segundo.-Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 9-12-1996, acordou inicia-lo oportuno expediente nomeándose como instructor del a Federico Sánchez Rodríguez, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, expedíndose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Noia, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do concello de Lousame, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 79, do 25-4-1997), e taboleiro de anuncios do concello.

Debido a que se produciu un relevo na Xefatura do Servicio de Montes e I.F., o xurado, na súa reunión con data do 13-6-1997, nomea como novo instructor a Andrés López-Suevos Fernández, que acepta o cargo.

Terceiro.-Os veciños de Vilar de Reconco fundamentan a súa petición perante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común na orixe foral do monte, así como no seu aproveitamento desde tempos inmemoriais en réxime de comunidade sen adscrición de cotas. Presentan copia testemuñal da redención do foro do dito lugar, así como da sentencia nº 46 da sección terceira da Audiencia Provincial, con data do 16-3-1971, sobre declaración de propiedade do predio monte de Vilar de Reconco.

Cuarto.-Isabel Tubío Rodríguez e outros formularon alegación ó presente expediente, ó entenderen que o monte é propiedade privada de determinados veciños de Vilar de Reconco, en concreto 14 copropietarios, e afirman que está parcelado na súa maior parte. Como proba diso, solicitan que se achegue copia da xa citada sentencia da Audiencia Provincial con data do 16-3-1971.

Quinto.-Por parte da comunidade do monte veciñal en man común do lugar de Afeosa é presentada alegación referida ós linderos da parcela I do monte, ó entenderen que invade terreo pertencente á citada comunidade. Presentan copia dun acordo de deslindamento entre ámbalas comunidades, con data do 7-6-1997.

Sexto.-Incorporada ó expediente, consta a sentencia nº 46 da sección 3ª da Audiencia Provincial, con data do 16-3-1971, que resolve apelación de outra do Xulgado de Primeira Instancia nº dous da Coruña, en autos promovidos por Eugenio Fernández Nimo e outros veciños de Vilar de Reconco, no seu propio nome e no do resto de habentes causa dos pagadores do foro do dito lugar, contra o Estado, patrimonio forestal, Concello de Lousame, e Deputación da Coruña, sobre declaración de propiedade do predio monte de Vilar de Reconco. A dita sentencia firme declara que o predio pertence en plena propiedade ós demandantes e comunidade no beneficio da cal actúan, e condena ós apelantes a que así o recoñezan e consintan, e a súa exclusión do CUP.

A mesma sentencia, no seu considerando 3º, parágrafo c) dá como acreditado en referencia ó monte de Vilar de Reconco que «... se trata non dun monte vecinal en mano común, senón que aquel reviste as características de ser un obxecto de dominio privado da comunidade demandante...».

Sétima.-Na tramitación das presentes actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos Art. 9 e 10 da Lei da Comu

nidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños de Vilar de Reconco, parroquia de Vilacova, concello de Lousame, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

Terceiro.-Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1. Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2. Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3. Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

Cuarto.-Da comprobación dos lindeiros do predio monte de Vilar de Reconco, contida na sentencia á que se fai referencia no antecedente 6º, dedúcese que os predios afectados polo presente expediente de cualificación son os mesmos predios obxecto da resolución xudicial comentada. É dicir, que hai unha sentencia xudicial firme que declara o monte de Vilar de Reconco como propiedade privada dos veciños e comunidade demandantes e que, ademais, de acordo co considerando 3º, parágrafo c) da dita sentencia, o considera excluído expresamente da condición de veciñal en man común.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito descritos e, en especial, co respectuoso acatamento do exposto no antecedente 6º e que é copia literal da sentencia citada, nesta data.

ACORDA:

Non cualificar como veciñal en man común o monte de Vilar de Reconco afectado polo presente expediente».

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 5 de decembro de 1997.

Manuel Puente Araújo

Secretario do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

2065