Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 25 de marzo de 1998 Páx. 2.972

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 1997, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 290 que afecta ó monte Forgoselo, dos lugares colindantes do dito monte pertencentes ós concellos da Capela, San Sadurniño e As Pontes de García Rodríguez.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 28 de novembro de 1997, adoptou o seguinte acordo:

«Reunido con data do 28 de novembro de 1997 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, para estudiar e resolve-lo expe

diente número 290 para a cualificación do monte Forgoselo, dos lugares estremeiros do monte, concellos da Capela, San Sadurniño e As Pontes de García Rodríguez, iniciado mediante acordo do xurado na súa reunión con data do 16 de setembro de 1992, por solicitude de diversos veciños da Capela, agrupados na Asociación de Veciños do monte Forgoselo, á que se incorpora a solicitude de varios veciños das Pontes de García Rodríguez a través da Asociación de Veciños do Monte Forgoselo O Seixo. O xurado nomeou instructor a Ramón Olano Calleja, e debido á xubilación deste a Alfonso Vázquez-Castro Garma, tramitándose o expediente de acordo coas formalidades legais e regulamentarias esixidas principalmente polo Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso, publicándose edictos no

Diario Oficial de Galicia (nº 110 do 9-6-1995) e taboleiros de anuncios dos respectivos concellos. A resolución do expediente demorouse pola concesión de sucesivas prórrogas, solicitadas polos promotores debido ó cambio de avogados e para solicitar maior información sobre o expediente.

En reunión con data do 13 de xuño de 1997, o instructor presenta proposta de resolución, que foi aprobada polo xurado e incorporada ó expediente, dándose traslado dela ás partes interesadas. Na mesma, faise consta-la existencia da sentencia do Tribunal Supremo do 24-5-1975, que resolveu a cuestión do monte Forgoselo, instada en acción real declarativa de dominio, resolvéndose en favor de diversos propietarios o preito seguido contra o patrimonio forestal do Estado, a Administración xeral, o Concello da Capela e o Concello de San Sadurniño. Resolución de igual contido do emitido xa no seu día pola Audiencia Territorial da Coruña, con data do 11-6-1975, que recoñece a propiedade privada dos reclamantes. A dita sentencia foi o condicionante de que na resolución do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común con data do 9-10-1978 non se cualificase o monte Forgoselo, en canto que os opoñentes a el, incorporados como parte interesada, tiñan no seu favor unha sentencia xudicial firme

que os acredita como título de dominio dos predios. Mediante tractos sucesorios e trasmisións patrimoniais achégase á situación na que figuran os actuais opositores. Do exposto dedúcese que só se os promotores da cualificación non fosen partes interesadas nos litixios correspondentes ás sentencias que son obxecto de consideración, e os predios do monte Forgoselo que sexan obxecto do expediente cualificador fosen outras, é dicir, que non se correspondan coas que xa foron obxecto de estudio e da resolución xudicial comentada, poderá o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común entender do expediente de cualificación. Entre tanto non se acredite isto último, o instructor propón suspender por un

prazo de tres meses a tramitación do expediente, advertindo que a mesma suspensión leva a que, de obviarse as dificultades observadas, sería retomado polo xurado, ou, no caso contrario, se procedería ó seu arquivo.

Celebrada sesión no día de hoxe, para a cal se citaron en legal forma tódolos interesados no expediente, e unha vez transcorrido o citado prazo de suspensión de tres meses sen que ningunha das partes presentase alegación distinta á xa incluída no expediente, o xurado decide o seu arquivo.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 28 de novembro de 1997.

Manuel Puente Araújo

Secretario do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

2066