Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 25 de marzo de 1998 Páx. 2.950

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 1998, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do laudo dictado no procedemento de mediación e arbitraxe, AGA, no convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Materiales Cerámicos, S.A.

En relación co artigo 2 f) do Real decreto 1040/1981 do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, faise público o laudo dictado no procedemento de mediación e arbitraxe AGA, no conflicto xurdido entre a parte empresarial e social respecto da interpretación dos artigos 12 e 18 do convenio colectivo provincial da empresa Materiales Cerámicos, S.A. (expediente 8/1997). Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-lo depósito do citado laudo e a súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación no folio 14 correspondente ó convenio colectivo da empresa Materiales Cerámicos, S.A. (expediente 8/1997).

Segundo.-Remiti-lo texto do citado laudo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 11 de febreiro de 1998.

José Mª Fernández Olea

Delegado provincial de Lugo

LAUDO ARBITRAL

José Vázquez Portomeñe, árbitro designado no conflicto xurdido na empresa Materiales Cerámicos, S.A. (Macesa), de Burela (Lugo), no trámite establecido no capítulo III, sección terceira, do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo, sendo interesados: a dita empresa e a representación unitaria dos seus traballadores.

Oídas as alegacións das partes e vistos os elementos documentais achegados, na sesión do día 30-12-1997, coa presencia do árbitro designado, a representación da empresa, os delegados de persoal e asesores sindicais, procede emiti-lo presente laudo.

Para tal efecto, tivéronse en conta os seguintes,

ANTECEDENTES:

Primeiro.-Os delegados de persoal de Macesa, por escrito do 3-12-1997, diríxense ó Consello Galego de Relacións Laborais, promovendo arbitraxe de dereito, con fundamento no artigo 20.2º b) do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo, sendo obxecto do mesmo a interpretación e aplicación de diversos artigos do convenio da empresa, publicado no BOP de Lugo, o 15-5-1997, en relación co artigo 34.4º do Estatuto dos traballadores e demais disposicións concordantes.

Segundo.-O día 15-12-1997, en reunión á que asisten técnicos do Consello Galego de Relacións Laborais, as partes designan arbitro en dereito a José Vázquez Portomeñe.

Terceiro.-O 30-12-1997 teñen audiencia as partes, comparecendo diante do arbitro a representación de Macesa, os delegados de persoal e os seus asesores sindicais, que efectúan manifestacións e achegan os seguintes documentos:

* Nota da parte social, posicionándose sobre os antecedentes a ter en conta; afirma que os motivos da controversia versan sobre: a) Aplicación de artigo 12 do convenio colectivo, referente ó descanso entre quendas; que, ata a publicación do vixente convenio, habitualmente os traballadores en réxime de quendas paraban a descansar media hora; o dito descanso podía non efectuarse por necesidades de producción; que, no suposto de que non se descansase, a empresa aboaba o sobresoldo de bocadillo sinalado no artigo 18 do convenio, previsto para casos en que é imposible o descanso dentro das oito horas continuadas, que, ó modifica-los criterios anteriores, xerouse un incumprimento do artigo 12 do convenio, en relación co 34.4º do Estatuto dos traballadores, e unha modificación substancial das condiccións de traballo e dos dereitos adquiridos, o que adquire máis relevancia, se se ten en conta que actualmente o traballador que descansa terá que recupera-lo tempo equivalente. b) Postula a

procedencia do reflexo en nómina, ó igual que sucedía con anterioridade a setembro de 1997, da categoría profesional e o posto. c) Considera que é procedente aclara-lo sistema de pagamento do sobresoldo de posto.

* Nota da parte empresarial, manifestando que o convenio colectivo se comezou a aplicar desde a súa publicación e ata entón seguiuse a aplica-lo convenio precedente, excepto as condicións económicas, que se implantaron desde xaneiro de 1997; o artigo 12 prevé un descanso que, ó non indicarse nada no convenio, non ten consideración de traballo efectivo, de acordo co artigo 34.4º do Estatuto dos traballadores, o que xa se indicou na enquisa entregada ó rexistra-lo convenio; sobre o artigo 18 enténde que o traballador non debe cobra-lo sobresoldo de posto se non está traballando no mesmo, ben porque realice labores doutro ou estando no seu lugar

habitual de traballo, a instalación estea detida por un determinado tempo.

* Nota sobre criterios de aplicación sobre o sobresoldo de bocadillo e o sobresoldo de postos, que ten data 24-5-1998.

* Acta de la comisión negociadora, do 16-12-1996.

* Copia do convenio da empresa Macesa, publicado no BOP, nº 254.

* Conxunto de documentos, integrado por: convenio colectivo de la empresa Materiales Cerámicos, S.A. 1997, presentado na Delegación de Xustiza para a súa tramitación; escrito do Servicio de Relacións Laborais, do 6-2-1997, sobre distintos aspectos que poden contravir a lexislación vixente e por tanto dar lugar a súa remisión á xurisdicción social; cítanse no requirimento o 6, 10, 11.2, 12, 16.4 e correspóndense co documento antes citado.

* Copia do convenio da empresa Macesa, publicado no BOP nº 139.

Sexto.-O árbitro, o día da comparencia, dá traslado á contraparte das notas de posicionamento, co fin de que poidan efectuar novas alegacións, as que se formalizan, ratificándose nas fundamentacións iniciais.

FEITOS QUE SE DECLARAN PROBADOS

Primeiro.-Con carácter previo, por ser de ámbito público procesual, procede fixa-los puntos de discrepancia entre as partes, que foron sometidos á presente arbitraxe de dereito, de interpretación ou aplicación de norma.

Refírese a aspectos relacionados cos artigos 12 e 18 do convenio actual colectivo de Macesa e o artigo 34.4º do Estatuto dos traballadores e demais disposicións concordantes, tal e como consta na acta de compromiso arbitral; concretamente:

* O carácter e alcance do descanso de quendas previsto no artigo 12 do convenio colectivo, en relación co artigo 34.4º do Estatuto dos traballadores.

* O carácter e alcance do sobresoldo de posto do artigo 18 do convenio.

* A obrigatoriedade do reflexo en nómina da categoría e posto do traballador.

Segundo.-O vixente convenio de Macesa, segundo a redacción final dada a el, no que atinxe ós puntos de discrepancia, ten o seguinte contido:

Artigo 12º.-Descanso de quendas.

Todo o persoal que traballa a quendas parará para descansar media hora, de acordo co artigo 34.4º do Estatuto dos traballadores, entre 24 e 4; 8 e 12; e 16 e 20, de acordo coa súa correspondente xornada e segundo o horario que se lles marque no posto de traballo. (Estas horas poderán variar por necesidades de producción ou horas punta).

Durante este período de descanso non se poderá abandona-la empresa.

Artigo 18º.-Plus de posto.

O plus por posto será o resultado de suma-los valores parciais do anexo II segundo as características dos postos indicados e cobraranse por horas traballadas en cada un. Este plus poderase modificar se desaparecen as causas polas que se fixou en cada caso.

O plus por quenda non ininterrompida correspóndelle ó persoal que ten a xornada que se indica no apartado 11.3º.1 e no sistema de correquendas do anexo III correspóndenlle as letras A, B; C; D. O plus de polivalencia correspóndelle á persoa que se lle asigne e estea preparada para desempeñar calquera outro posto da fábrica. A substitución poderase facer calquera día e xornada que se requira. Este plus só se percibirá cando a fábrica estea en producción e non é acumulable a ningún outro plus de posto. Ó face-la substitución a que se fai referencia percibirase o plus que corresponda ó posto que se desempeña.

O plus de bocadillo págase cando é imposible o descanso dentro das oito horas continuadas.

Estes pluses non teñen carácter persoal, polo que só se cobrará traballadas en cada posto.

Terceiro.-O precitado convenio ten os seus antecedentes nos anteriores da mesma empresa que, de forma ininterrompida, presentan os seguintes textos:

Artigo 12º.-Descanso de quendas.

Todo o persoal que traballa a quendas parará para descansar media hora entre 1 e 3; 8 e 10; e 18 e 20, de acordo coa súa correspondente xornada e segundo o horario que se lles marque no posto de traballo.

(Estas horas poderán variar por necesidades de producción ou horas punta). Nos casos que sexa imposible a interrupción polo proceso de fabricación e non o substitúan, non se desfrutará do citado descanso, e os alimentos que poidan tomar farano sen abandona-lo seu posto.

Artigo 18º.-Plus por posto.

O plus por posto será o resultado de suma-los valores parciais do anexo II segundo as características dos postos indicados e cobraranse por horas traballadas en cada un. Este plus poderase modificar se desaparecen as causas polas que se fixou en cada caso.

O plus por quenda ininterrompida correspóndelle ó persoal que ten a xornada que se indica no apartado 11.3º.1 e no sistema de correquendas do anexo III correspóndenlle as letras A, B; C; D.

O plus de bocadillo págase cando é imposible o descanso dentro das oito horas continuadas.

Estes pluses non teñen carácter persoal, polo que só se cobrará traballadas en cada posto.

Cuarto.-Como feito relevante, é de subliñar que, entre o actual convenio e os seus anteriores o actual convenio, media un requirimento do Servicio de Relacións Laborais, do 6-2-1997, no que, en canto atinxe á presente litis, pronúnciase nos seguintes termos:

«... distintos aspectos que poden contravi-la lexislación vixente e por tanto dar lugar á súa remisión á xurisdicción social. Requírese para que modifique os seguintes puntos:

....

Artigo 12º.-Descanso de quendas.

O parágrafo segundo di:... Nos casos que sexa imposible a interrupción polo proceso de fabricación e non o substitúan, non se desfrutará do citado descanso. Tendo en conta que a xornada do persoal a quendas é de 8 horas seguidas, e que o Estatuto dos traballadores no seu artigo 35.4º (debe entenderse 34.4) establece que sempre que a xornada de traballo continuada exceda de 6 horas, deberá establecerse un período de descanso non inferior a 15 minutos, non estando establecida a posibilidade da súa reducción ou supresión a través da negociación colectiva, polo que este artigo contravén a legalidade vixente.

Non se fai ningunha referencia ó artigo 18, temén controvertido.

Este requirimento ten causa no texto de convenio achegados á Delegación de Xustiza, para rexistro, depósito e publicación. O seu contido, pechadas as negociacións, foi o seguinte:

Artigo 12º.-Descanso de quendas.

Todo o persoal que traballa a quendas parará para descansar media hora entre 1 e 3; 8 e 10; e 18 e 20, de acordo coa súa correspondente xornada e segundo o horario que se lles marque no posto de traballo.

(Estas horas poderán variar por necesidades de producción ou horas punta). Nos casos que sexa imposible a interrupción polo proceso de fabricación e non o substitúan, non se desfrutará do citado descanso, e os alimentos que poidan tomar farano sen abandona-lo seu posto.

Coincide, pois, o texto que se acadou no peche da negociación cos anteriores, de forma literal; e foi modificado posteriormente logo do requirimento emitido no trámite de control de legalidade a que se refire o artigo 90.5º do estatuto.

Quinto.-Como actos precedentes ó vixente texto do convenio, son de remarcar:

* De feito, por práctica constante, ata modificarse no mes de setembro de 1997, o denominado descanso de quendas tivo o seguinte réxime:

-Duración: media hora.

-Banda horaria: entre 1 e 3, 8 e 10; e 18 e 20 en tódolos convenios, agás no vixente, que é entre 24 e 4; 8 e 12; e 16 e 20.

-Condicións: é práctica habitual que non se descanse este período de tempo, invocando razóns productivas; en tal caso os traballadores perciben un complemento, o sobresoldo de bocadillo. No suposto de que efectivamente se descanse considérase como tempo efectivo de traballo, non recuperable.

-Ámbito: durante este, os traballadores deben permanecer na empresa.

* A nota informativa, que contén criterios de aplicación que se viñeron utilizando de forma constante en Macesa ten antigüidade do 24-5-1988 e di.

Plus de bocadillo. Aboarase sempre que o posto non permita, polas súas características, para a instalación (sic).

Preparación de pastas (cargas). Non corresponde este plus.

Atomizador. Si corresponde.

Prensas/esmaltadora. Si corresponde.

Forno de rulos. Si corresponde.

Clasificación. Si corresponde.

Mantemento de quendas. Si corresponde (neste posto aplicarase a partir do 1 de xullo e o persoal correspondente cambiarase nos vestiarios da fábrica e non poderán ausentarse da planta para tomar alimentos).

Plus de postos.

Seguirase o criterio, de forma xeral en tódolos postos, e o plus percibirase sempre que o operario realice os traballos no posto similar ou auxiliar del.

Non se percibirá cando haxa unha parada por forza maior e superior a 8 horas (perdendo o plus desde a primeira hora que se produza o paro), a excepción do atomizador, na fin de semana na súa parada para limpeza, (máximo vintecatro horas).

Cando unha persoa realice de axuda noutro posto non percibirá o dito plus.

Sexto.-Como actos subseguintes ó rexistro e depósito do actual convenio, distínguense tres criterios diferenciados na súa aplicación:

-Con carácter xeral, as modificacións introducidas en relación co texto anterior (fundamentalmente condicións económicas) aplícanse inmediatamente e sen espera-la publicación deste no BOP.

-Singularmente, no caso dos aspectos agora en cuestión, xéranse modificacións en relación á situación anterior, con posterioridade á publicación, transcorridos máis de dous meses desde ela.

-Con posterioridade ó requirimento de Xustiza para a modificación do texto negociado, celebráronse dúas reunións da representación sindical e a empresa,

de carácter formal, non negociando en sentido estricto e limitándose á adaptación do texto ó requirimento.

FUNDAMENTOS XURÍDICOS

Primeiro.-O presente laudo é de interpretación e aplicación de dereito, en relación cos artigos 12 e 18 do convenio colectivo de Macesa, e o artigo 34.4º do Estatuto dos traballadores, que se refiren a:

-O carácter e alcance do descanso de quendas previsto no artigo 12 do convenio colectivo, en relación co artigo 34.4º do Estatuto dos traballadores.

-O carácter e alcance do sobresoldo de posto citado no artigo 18 do convenio.

-A procedencia de que se reflicta en nómina a categoría profesional e posto.

Segundo.-O primeiro dos aspectos require un pronunciamento por existir dous criterios normativos en colisión, que conflúen na regulamentación do descanso de quendas: o artigo 12 do convenio colectivo e o 34.4º do Estatuto dos traballadores.

Para definir con claridade o alcance do artigo 12 do convenio de Macesa ten que contextualizarse a súa actual redacción na secuencia histórica que serviu para fixa-lo seu contido definitivo e non poden esquecerse os actos previos, en canto que son definitorios de cal foi a vontade real das partes.

Neste senso, debe lembrarse que, logo das normais diferencias de criterio na fase de negociación, o texto do artigo 12 do convenio pechouse cunha redacción idéntica á dos convenios anteriores, presentándose na delegación de Xustiza, sendo pouco significativa a mención da folla estatística de que a pausa entre quendas non é traballo efectivo; este documento non conforma a vontade das partes como consecuencia dunha negociación específica; non pasa de ser un impreso de natureza cuantitativa para conformar datos xerais.

É con posterioridade ó peche das negociacións cando xorde o requirimento da autoridade laboral, xa que o texto presentado, con independencia de que fose igual ó dos anos anteriores, parece vulnera-las prescricións do artigo 34.4º do estatuto, referidas á necesidade de descanso entre quendas.

Este requirimento da Administración, previo á demanda de oficio, sorprende ás partes que, diante das tres opcions que tiñan, pregáronse, modificando, sen máis, o texto do convenio e cumprindo o trámite mediante contactos formais; rexeitaron espera-lo pronunciamento da xurisdicción social, ou, o que sería más adecuado, negociar de novo, ponderando as consecuencias a que abocaba a situación.

Neste contexto xeral resulta significativo que perviva ó requirimento, entre outros, un parágrafo no artigo 18: El plus de bocadillo se paga cuando es imposible el descanso dentro de las ocho horas continuadas, admite, sen matizacións a imposibilidade de descanso e que se compense economicamente. Isto significa que non se pretendeu cambia-lo cri

terio sobre o carácter do descanso de quendas, senón cumpri-los trámites formais do requirimento.

É coherente co anterior que a empresa aplique tódalas prescricións do convenio desde o 1-1-1997 e as partes sigan coas prácticas anteriores respecto do descanso de quendas, sendo en setembro cando se empeza efectivamente a aplicar un criterio distinto, para cumprir realmente o descanso previsto, que se considera pola empresa como recuperable; é comprensible: xa non se pode traballar no período de descanso, como indicaba o requirimento da autoridade laboral e acolle a conseguinte redacción dada ó artigo 12; posiblemente, cando se elaborou esta última, non se calcularon ben as repercusións: altérase o equilibrio existente ata ese momento e a empresa perde productividade e flexibilidade organizativa, que trata de compensar a través da recuperación; os traballadores ven minorados os seus ingresos ó non percibi-lo plus de bocadillo e, se ben non traballan durante este período, vense abocados á recuperación que postula a empresa.

Así pois, como postula o adaxio clásico Quum in verbis nulla ambiguitas est, non debet admitti voluntatis questio, debe afirmarse que o texto negociado era claro e idéntico ó de anos anteriores, se ben, co exclusivo ánimo de cumpri-lo trámite, e sen negociación real, achéganse á Administración outro texto, na liña requirida, e nos oito meses seguintes faise o que era práctica habitual: o descanso de quendas podía non ser efectivo (traballábase) e nese caso percíbese o denominado plus de bocadillo.

Caso distinto é a necesaria clarificación do alcance nesta materia do artigo 34.4º do Estatuto dos traballadores, que dispón que, sempre que a duración da xornada diaria continuada exceda de 6 horas, procede un descanso con duración non inferior a 15 minutos posto que esta norma ten carácter necesario e non pode ser obxecto de alteración, rebaixando a súa esixencia ou entidade.

Do mero exame do texto, de contido imperativo, debe concluírse que é norma de carácter necesario, non suxeita a negociabilidade, se ben, ó ser imposición normativa, debe interpretarse en sentido restrictivo, referida exclusivamente á literalidade do propio estatuto: os 15 minutos, xa que, o tempo adicional, que poida pactarse, como sucede neste caso, terá o réxime que as partes acordaron libremente, podendo ser compensable en determinadas continxencias por retribución adicional, sobresoldo, etc.

En consecuencia do anterior, o conxunto do descanso de quenda consolidado en Macesa integra dúas tipoloxías diferenciables:

-Os 15 minutos de descanso estatutario, impostos incuestionablemente, e que non poden compensarse por outros beneficios nin absorberse por reduccións posteriores de xornada, segundo a sentencia do Tribunal Central de Traballo do 3-10-1984 (Art. 7393).

-O descanso negociado adicional ó estatutario, que xa non ten as limitacións anteriores ó se-lo seu con

tido e alcance resultado dunha negociación, non da imposición legal; efectivamente é negociable para tódolos efectos, por vía de convenio ou contractual, e, sendo habitual traballar invocando razóns productivas con compensación económica, nada impide, desde o punto de vista legal, que así se siga facendo nas mesmas condicións, como se deduce das sentencias do Tribunal Central de Traballo, de 9-2-1984 (Art. 1891) e 16-9-1985 (Art. 5319). Obviamente, debe clarificarse que as contraprestacións retributivas deberán axustarse, en función do tempo traballado.

Ó mesmo tempo, o propio artigo 34.4º prevé que o tempo de descanso terá a condición de traballo efectivo (non recuperable) cando se pacte en convenio ou contractualmente; ou, o que é o mesmo, que, en todo caso procede o descanso estatutario, e, tan só cando se negocie terá a consideración de traballo efectivo.

No presente caso, os 15 minutos de pausa estatutaria son computables como de traballo efectivo, ó estar establecida tal condición en vía contractual. Efectivamente, en termos xurídicos, non só é contrato unha cláusula formalizada expresamente; tamén ten tal natureza a condición máis beneficiosa que xorde da aplicación sistematicamente continuada dun beneficio, que se integra no nexo contractual, coa consecuencia de que o traballador mantén tales dereitos adquiridos e non poden suprimirse por decisión unilateral (TS 20/12/93). Neste suposto, o descanso de quendas na consideración de obrigatorio, cando se realizou efectivamente, sempre foi considerado como tempo efectivo de traballo, polo que, por acordo tácito, este beneficio está consolidado no ámbito contractual.

Esta condición de computable como de traballo efectivo tan só comprende o descanso imposto polo estatuto no artigo 34.4º, non o adicional, respecto do que nada se concreta en vía normativa, limitándose o seu contido e alcance ó marco contractual, non sendo obrigatorio como tal descanso e tampouco computable como xornada se non se traballa, porque xa non é imposto, percibíndose as compensacións retributivas na mesma entidade que se viña facendo ata a modificación de setembro de 1997. Tampouco pode afirmarse que este descanso adicional sexa unha mellora cuantitativa do estatutario e vinculado á natureza xurídica del, se se ten en conta que, de feito, era práctica habitual traballar e non face-la pausa establecida no plano formal.

Terceiro.-Sobre a segunda cuestión obxecto deste conflicto, o carácter e alcance do sobresoldo de posto regulado no artigo 18 do convenio, tamén existen diferencias de criterio entre a parte empresarial e social.

Entende a parte empresarial, e así o practicou a partir de setembro de1997, que non procede o seu pagamento cando o traballador non presta servicios efectivos por:

-Realizar labores noutro posto da fábrica.

-Estar parada a instalación por un tempo determinado, se, neste caso, o traballador figura adscrito ó posto.

Pola contra, a parte social postula que debe segui-lo réxime consolidado por práctica habitual ininterrompida desde 1988, de tal xeito que, nos casos citados no parágrafo anterior, tamén debe aboarse se se dan determinadas condicións:

-Aínda que o traballador realice labores noutro posto da fabrica, sempre que este sexa auxiliar ou similar a el.

-Cando haxa parada na instalación por forza maior, se o traballador figura adscrito ó posto, sempre que a dita parada non supere as 8 horas.

O sobresoldo de posto, regulado no artigo 18 do actual convenio de Macesa coa mesma redacción que nos convenios de anos anteriores é un complemento retributivo dos previstos no artigo 26.3º do Estatuto, sendo da natureza non persoal, por estar vinculado ó posto de traballo ou ter causa no traballo realizado, percibíndoo o traballador pola forma de realiza-la súa actividade.

As características xurídicas dese sobresoldo de posto son:

-Vinculación ó posto de traballo, atendendo ó criterio de clasificación establecido no artigo 26.3º do estatuto (persoais, de posto de traballo e por resultados da empresa).

-De índole funcional, a súa percepción está relacionada con exercicio da actividade profesional no posto asignado e «... se ó desaparece-la circunstancia funcional mantense o complemento, é claro que se producirá a súa consolidación aínda que con distinta natureza, ...» (STC 4/71983).

-Non consolidable e «se deixan de darse as cirunstancias que a motivaron, o plus non se orixina, pois esto equivalería a transformar de raíz a súa substancia e atribuírlle a fisionomía dun complemento persoal» (STC 15/688).

-Que se refire sempre a un risco habitual nese posto, «debe terse en conta que o complemento concédese non a determinada categoría profesional, senón só ós que habitualmente realizan o seu traballo en postos ...» (STS 18/10/91).

-Acumulable, así «pode acontecer que nun mesmo posto se recoñezan varios da mesma especie, con fundamentación separada para cada un deles» (STSJ Valencia 9/2/91).

-Non compensable nin absorbible, «por propia natureza, o citado plus non é compensable con outras remuneracións económicas» (STC 5/9/86).

-Salarial, de natureza específica, como complemento de posto de traballo, do artigo 26 do estatuto.

-Causal e compensatorio, xustifícase como compensación dun traballo específico.

As anteriores características integran un conxunto, de aplicación unitaria nesta institución xurídica, se ben, en función da realidade que concorre, neste suposto non todas teñen a mesma relevancia á hora de conformar criterio, como a continuación se razona.

É conveniente ter en conta que o seu devengo ten causa xurídica no exercicio da actividade profesional no posto, o que implica que non é consolidable se varía o posto de traballo e que, en tal caso, o dereito ó mantemento da retribución non alcanza a este complemento (TS 20/12/94, Art. 677/95).

Tampouco é perpetuo, sendo viable que, a través de convenio colectivo ou norma, se modifique a regulación dereito a percibilo (TSJ Madrid 10/10/89 Art. 1668).

Significativamente, a forma e condicións para o seu pagamento han de pactarse; a regulación legal do salario foi modificada, derrogando a Lei 11/1994 o Decreto 2380/1973, de ordenación salarial e orde de desenvolvemento, do 22-11-1973, pasando a ter ampla marxe a negociación colectiva e á vontade das partes; estas modificacións non afectan ás retribucións consolidadas o 12-6-1994, data de entrada en vigor da lei, e mantéñense nos propios termos, ata que, por convenio ou norma, se estableza un réxime salarial que supoña a súa desaparición ou modificación (disposición adicional 4ª do estatuto).

Así pois, cando o cambio de posto sexa definitivo, o traballador perde o sobresoldo, pero, se tal cambio non rompe a habitualidade nas condicións do dito posto, haberá que aterse ó pactado, e seguirase a percibir por días efectivamente traballados, salvo que se acordase o devengo doutro xeito, por exemplo, tódolos días (TCT 28/1/87 Art. 1681). Este criterio é especialmente relevante, en canto que afronta os cambios non definitivos e non habituais (pequenas ausencias ou pausas, vinculacións transitorias a outros postos vinculados co principal).

No marco anterior, as formas consolidadas de devengo do sobresoldo de posto deben respectarse nos seus termos mentres non se produzan cambios definitivos de posto, en que se perdería o sobresoldo, ou se pacte expresamente un sistema distinto que podería altera-las condicións de percepción.

Non pode sustentarse que, fronte á práctica sistemática desde o ano 1988 de aboa-los sobresoldos de posto dunha forma específica, se pactase un sistema novo a través do vixente convenio de Macesa, o que sería válido. O artigo 18 deste convenio cando regula esta materia é coincidente literalmente co texto dos convenios anteriores; o cambio introducido pola empresa en relación coa forma e condicións de pagamento do sobresoldo de posto non ten causa xurídica.

Isto integra os dous supostos en cuestión e, aínda que o traballador realice labores noutro posto da fábrica, sempre que este sexa auxiliar ou similar ó mesmo, e, cando haxa parada por forza maior,

sempre que non supere oito horas (se as supera pérdese o sobresoldo dende a primeira hora), procede o pagamento. Polo contrario, non se devenga o sobresoldo cando se realice traballo de axuda noutro posto.

Cuarto.-En canto á procedencia do reflexo en nómina da categoría profesional e posto, haberá que aterse ó modelo oficial, regulado no artigo 29.1º do estatuto e Orde do 27-12-1994, salvo que, por convenio colectivo ou, no seu defecto, por acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores, se estableza outro modelo.

O convenio de Macesa non ten establecido un modelo específico de recibo de salarios, polo que, á vista do oficial, declárase que procede a inclusión da categoría ou grupo profesional e non do posto de traballo, non sendo relevante neste suposto o feito de que ata o mes de setembro de 1997 a práctica continuada fose distinta, xa que non son consolidables situacións formais que están sometidas a control administrativo. O actual modelo rexe a partir do 1 de marzo de 1995 e as empresas que a dita data viñeran utilizando o modelo oficial anterior ou outro debidamente autorizado poden seguir utilizando, durante o período de cinco anos pero non están obrigadas.

Á vista dos antecedentes, os feitos que se declaran probados e os fundamentos xurídicos expostos, emítese a seguinte:

DECISIÓN:

-0s 15 minutos de descanso estatutario, son impostos incuestionablemente e non poden compensarse nin absorberse por reduccións posteriores de xornada ou beneficios doutra índole.

-O descanso negociado adicional ó estatutario, non ten as citadas limitacións e, sendo práctica habitual traballar por razóns productivas con compensación económica, nada impide que así se siga facendo nas mesmas condicións, se ben as contraprestacións deberán axustarse ó traballado.

-Os 15 minutos de pausa estatutaria son computables como de traballo efectivo.

-Esta condición de computable non comprende ó adicional, non obrigatorio como tal descanso e tampouco computable como xornada se non se traballa; percibíndose as súas compensacións retributivas na mesma entidade que se viña facendo, ata a modificación de setembro de 1997, axustadas ó tempo traballado.

-Sobre as formas de devengo do sobresoldo de posto deben respectarse as consolidadas, nos seus termos, mentres non se produzan cambios definitivos de posto, en que se perdería sobresoldo, ou se pacte expresamente un sistema distinto que podería altera-las condicións de percepción. Isto integra os dous supostos en cuestión e, aínda que o traballador realice labores noutro posto da fábrica, sempre que este sexa auxiliar ou similar ó mesmo, e, cando haxa

parada por forza maior, sempre que non supere oito horas (se as supera pérdese o sobresoldo desde a primeira hora en que se produza o paro), procede o pagamento. Pola contra, non se devenga o sobresoldo cando se realice traballo de axuda noutro posto.

-Sobre os conceptos a incluír no recibo de salrios, declárase que procede a inclusión da categoría ou grupo profesional e non do posto de traballo.

-O presente laudo poderá ser recorrido diante da Xurisdicción Social nos termos establecidos no punto 4º do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA).

Dado en Lugo, dezaseis de xaneiro de mil novecentos noventa e oito.

José Vázquez Portomeñe

Árbitro designado

1838