Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 25 de marzo de 1998 Páx. 2.956

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 1998, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Mantenimiento y Conservaciones Ibéricas, S.L. Maconsi.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Mantenimiento y Conservaciones Ibéricas, S.L.-Maconsi, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 23-2-1998, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social polo comité de empresa, con data do 6-2-1998. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscricióin no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 25 de febreiro de 1998.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Ámbito de aplicación e disposicións xerais

Capítulo I

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regulará as relacións de traballo entre a empresa Maconsi, S.L. e o persoal dependente dela, no servicio de cociña e alimentación do Hospital do Meixoeiro, Vigo.

Artigo 2º.-Carácter.

O convenio ten carácter de mínimo necesario e indivisible para tódolos efectos, no sentido de que as condicións pactadas nel constitúan un todo orgánico e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas global e conxuntamente vinculadas á totalidade.

Artigo 3º.-Aplicación preferente.

As disposicións que contén este convenio aplicaranse con preferencia a calquera outra.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

A vixencia deste convenio será de dous anos, do 1 de xaneiro de 1998 ó 31 de decembro de 1999, independentemente da súa publicación no BOP, producirá efectos a partir do día 1 de xaneiro.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para examinar e resolver cantas cuestións se deriven da interpretación, vixencia e aplicación deste convenio, a súa mesa negociadora constitúe unha comisión paritaria integrada por tres representantes da dirección e tres representantes do comité de empresa.

A comisión paritaria terá as seguintes funcións:

-Resolución de cantos asuntos ou reclamacións se sometan á súa consideración, así como de calquera das condicións establecidas neste convenio.

-Vixilancia e cumprimento do convenio colectivo.

-Atención ás denuncias de incumprimento del.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

Serán respectadas na súa totalidade estrictamente ad personam aquelas condicións máis beneficiosas que teña o traballador/a concedidas pola empresa, por pacto ou costume.

Artigo 7º.-Denuncia e prórroga.

O presente convenio entenderase prorrogado por un ano se algunha das partes non o denuncian cunha antelación de dous meses ó seu vencemento.

Artigo 8º.-Equiparación.

Os traballadores/as afectados por este convenio quedan equiparados ó pesoal subalterno do Sergas segundo categoría que se reflicte no artigo 1 de capítulo II. De tal maneira que a partir desta equiparación toda modificación que repercuta no persoal subalterno do Hospital do Meixoeiro de Vigo aplicarase de igual forma ós traballadores/as afectados por este convenio.

Remuneracións salarios complementos

Capítulo II

Artigo 1º.-Remuneracións.

As remuneracións dos traballadores/as serán iguais e polos mesmos conceptos cás que perciba mensualmente o persoal subalterno do Sergas, segundo o grupo ó que se encontre equiparado e que é o seguinte:

Xestor/a: grupo B.

Encargado/a: grupo C.

Xefe/a de cociña: grupo C.

Cociñeiros/as: grupo C.

Camareiros/as: grupo D código 24.

Axudantes: grupo E.

Artigo 2º.-Antigüidade.

O concepto de antigüidade será retribuído cos mesmos criterios e contía que ten establecido o Sergas.

Artigo 3º.-Horas extraordinarias.

Realizaranse soamente as que se precisen por calquera urxencia xustificada e, en todo caso, con coñecemento dos representantes legais dos traballadores/as. En caso de realización serán compensadas con tempo de descanso.

Artigo 4º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense como gratificacións extraordinarias as de xullo e Nadal, que se aboarán os días 15 de cada un dos meses de xullo e decembro.

Artigo 5º.-Plus de nocturnidade.

As horas traballadas entre as 22 e as 7 horas terán a consideración de nocturnas e, consecuentemente, retribuiranse con iguais criterios cós que se lles apliquen ós traballadores/as do Sergas do correspondente nivel.

Artigo 6º.-Complemento de ILT ou accidente.

A empresa estará obrigada a aboar hasta o 100% do salario e tódolos complementos en caso de accidente ou baixa por enfermidade desde o primeiro día.

Dereitos sindicais de representación

Capítulo III

Artigo 1º.-Organización sindical dos traballadores/as na empresa.

A empresa considera os sindicatos debidamente implantados no seu seo como elementos básicos e esenciais para canaliza-las relacións entre traballador/a e empresario/a.

En consecuencia, a empresa Maconsi respectará o dereito dos traballadores/as que o desexen a sindicárense libremente e non poderán condiciona-lo ingreso de ningún traballador/a na empresa á súa afiliación sindical ou a que renuncie a iso e non incorrerá en conducta que supoña discriminación por razón de afiliación a un sindicato. En concreto,

non poderá despedir ou prexudicar un traballador pola súa afiliación ou actividade sindical.

A empresa recoñece o dereito dos traballadores/as afiliados a un sindicato a celebraren reunións, recadar cotas e distribuír información sindical fóra das horas de traballo sen prexudica-la normal actividade da empresa.

Deberá existir un taboleiro de anuncios no que os sindicatos debidamente implantados nela lle poderán dar publicidade a informacións e comunicacións.

Artigo 2º.-Representantes dos traballadores/as.

O comité de empresa terá os dereitos e facultades que lle recoñece a lexislación.

Entre outras facultades deberán ser informados das propostas de modificación da organización do traballo, das propostas de sancións, variacións no cadro de persoal e, en xeral, vixiarán o cumprimento das disposicións vixentes.

Artigo 3º.-Garantías dos representantes dos traballadores/as

Os membros do comité de empresa non poderán ser despedidos ou sancionados durante o exercicio das súas funcións, nin no ano inmediato seguinte ó seu cesamento, agás que este se produza por revogación ou demisión, se a causa do despedimento ou sanción se basea no exercicio legal da súa representación. Se o despedimento ou sanción por faltas moi graves ou graves obedecese a outras causas, deberá tramitarase expediente contradictorio no que serán oídos, ademais do interesado/a, o comité de empresa.

Os citados representantes dos traballadores/as non poderán ser discriminados na súa promoción profesional ou económica por causa do desempeño da súa representación.

Artigo 4º.-Crédito horario.

Os membros do comité de empresa dispoñen dun crédito horario de 24 horas mensuais, retribuídas para o exercicio das súas funcións de representación, que poderán ser acumuladas nun ou en varios membros do comité durante cada un dos 12 meses do ano.

Artigo 5º.-Desconto en nómina da cota sindical.

A empresa descontaralles a cota sindical ós traballadores/as afiliados ós sindicatos, logo da correspondente autorización deles e remitirállela ós sindicatos correspondentes.

Artigo 6º.-Asembleas.

Os traballadores/as terán dereito a dispoñer de dúas horas mensuais para se reuniren. Co ánimo de dificultar ó mínimo a organización do traballo, o tempo que se empregará en cada reunión non deberá supera-los 50 minutos e celebrarase en horario acordado entre a dirección e o comité de empresa.

Artigo 7º.-Sección sindical.

Os sindicatos que acrediten ter máis do 50% da afiliación entre os traballadores/as do cadro de persoal terán dereito á creación da sección sindical, o delegado/a da cal terá recoñecidos, entre outros, os mesmos dereitos que ten o comité de empresa.

Contratación e cadro de persoal

Capítulo IV

Artigo 1º.-Contratacións e altas na Seguridade Social.

Ó comezo da relación laboral, a empresa quedará obrigada a estender por escrito o contrato de traballo que teña as especificacións recollidas pola normativa legal de aplicación, tanto sexa de carácter temporal como de duración indefinida, entregándolle copia deste contrato ó interesado/a.

A empresa estará obrigada a lles entregar ós traballadores/as fotocopia de alta deles na Seguridade Social, para o que disporá do prazo de dúas semanas desde a súa incorporación ó traballo. Así mesmo, a empresa obrígase á colocación da fotocopia dos boletíns de cotización no taboleiro de anuncios das súas oficinas no Hospital do Meixoeiro.

Artigo 2º.-Substitucións.

Os contratos de traballo de carácter temporal para a substitución de baixas ou período de vacacións deberán realizarse polo tempo en que dure a ILT ou o período de vacacións. Os contratos deberanse realizar tendo en conta as categorías profesionais que figuran no artigo 1 do capítulo II, a súa retribución.

Para a súa contratación teranse en conta os/as que figuran na bolsa de traballo constituída para o efecto.

Artigo 3º.-Cadro de persoal fixo.

O cadro de persoal mínimo establecido fixo será o seguinte:

Xestor/a: 1.

Encargado/a: 1.

Xefe/a de cociña: 1.

Cociñeiros/as: 5.

Camareiros/as: 34.

Axudantes: 12.

Este cadro de persoal mínimo establécese en función dos criterios que no seu día se utilizaron para a adxudicación do concurso. En caso de ampliación dos servicios, o cadro de persoal fixo verase incrementado na proporción que corresponda.

Xornada de traballo, vacacións, licencias,

permisos e excedencias

Capítulo V

Artigo 1º.-Xornada de traballo.

Durante a vixencia do convenio a xornada laboral será de 1.624 horas anuais, computando os trinta

minutos de descanso como tempo efectivo de traballo.

A súa aplicación acordarase entre o comité e os representantes da empresa.

Artigo 2º.-Festivos.

Os traballadores/as terán dereito a 14 días festivos, os cales se desfrutarán de acordo cos criterios que figuran nunha acta anexa a este convenio.

Artigo 3º.-Vacacións.

A empresa, de acordo co comité, elaborará as quendas correspondentes ás vacacións seguindo cada ano unha quenda rotatoria de preferencia. As vacacións desfrutaranse entres os meses de xuño e setembro, ambos inclusive, e a súa duración será dun mes, podéndose engadir a este días festivos.

Se ó inicio ou durante as vacacións un traballador/a estivese de baixa por accidente, enfermidade grave ou enfermidade con hospitalización, entendendo esta dentro do período de baixa, terá dereito ó desfrute delas ó mes seguinte seguinte da súa incorporación ó traballo.

Artigo 4º.-Licencias e permisos.

Logo de solicitude dos traballadores/as afectados considerarase licencia retribuída polo tempo e os casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador/a: 15 días naturais.

b) Matrimonio de pais, fillos ou parentes que conviven co traballador/a: 1 día natural.

c) Parto de esposa: 5 días naturais.

d) Falecemento, enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica de:

-Cónxuxe ou compañeiro/a: 5 días naturais.

-Parentes de primeiro grao (pais ou fillos, por consanguinidade, afinidade ou convivencia demostrable: 3 días naturais.

-Irmáns ou parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 2 días naturais.

Se entre o traballador/a e os parentes anteriormente detallados houbese convivencia, a licencia será de 5 días naturais. O mesmo ocorrerá se o suposto d) se producise fóra de praza.

e) Falecemento de tíos/as: 1 día natural.

-Convivencia: 2 días.

f) Traslado de domicilio: 2 días laborables.

g) Permiso por lactación: as traballadoras, por lactación dun fillo/a menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa propia vontade, poderá substituír este dereito pola reducción da xornada normal dunha hora coas mesma finalidade.

Artigo 5º.-Solicitude e xustificación de permisos e licencias.

Os traballadores/as que necesiten un permiso ou licencia deberán comunicarllo á empresa con xustificante de recepción, sempre e cando a circunstancia sexa previsible; se non é así abondará con comunicación telefónica.

Xustificaranse tódolos permisos e licencias a posteriori cos documentos acreditativos correspondentes que se detallan a seguir:

a) e b) Por matrimonio: fotocopia do libro de familia.

c) Por natalidade: fotocopia da partida de nacemento.

d) Por falecemento: esquela ou documento acreditativo.

Por hospitalización ou intervención cirúrxica: documento de ingreso no hospital.

Por enfermidade grave de familiar: deberase presentar xustificante de facultativo xeral ou pediatra da Seguridade Social.

Por traslado de domicilio: fotocopia de calquera documento oficial no que conste o novo domicilio (cambio de domicilio na Seguridade Social, contrato de compañía da auga, gas electricidade, certificado do concello, etc.).

Outras ausencias ó posto de traballo.

Ausencias temporais inferiores a 1 día: a ausencia temporal do centro ou posto de traballo por tempo inferior a unha xornada laboral, indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal moi urxente (xulgado, notarios, médicos, etc.), será imprescindible acreditarse debidamente e será polo tempo indispensable para cumpri-la obriga de que se trate. Estes permisos serán autorizados pola dirección ou persoas en quen delegue, dándolle ó interesado/a o oportuno vale de saídas e que informará mensualmente dos concedidos, permisos e causas e duración. Formato de solicitude (anexo II).

Asistencia a consultorios médicos: tódolos traballadores/as terán dereito a tres horas retribuídas pola empresa cada vez que teñan que asistir ó médico de cabeceira que lle correspondese ó traballador/a; se tivese o seu consultorio en localidade distinta daquela na que presta o seu servicio o traballador/a, estes poderán dispoñer do tempo necesario.

O traballador/a que teña que acudir ó consultorio médico estará obrigado/a a avisar con anterioridade a empresa, debendo xustificar que foi atendido polo médico de cabeceira. Para a súa asistencia á consulta do especialista, os traballadores/as terán dereito a todo o tempo necesario, logo de presentación do volante do médico de cabeceira.

Ausencias por enfermidade: as ausencias por enfermidade deberánselle comunicar telefonicamente ó encargado/a de quenda antes do comezo da quenda de que se trate.

Tódalas ausencias por enfermidade xustificaranse mediante información do médico de cabeceira e o parte de baixa por enfermidade, que se entregarán na dirección ou se enviarán por correo certificado en casos de enfermidades de duración superior a tres días, seguindo o mesmo trámite para os partes de confirmación.

A non presentación do informe ou parte de baixa considerarase como falta sen xustificar para os efectos disciplinarios que regulamentariamente correspondan.

Licencias non retribuídas: aplicarase o disposto na normativa vixente.

Artigo 6º.-Días de libre disposición.

Durante a vixencia deste convenio os traballadores/as terán os mesmos días retribuídos de libre disposición que teñan os do persoal do Sergas; o seu desfrute realizarase de acordo cos seguintes criterios: 4 días no período de xaneiro a xullo e 5 días de agosto a decembro. Cando un traballador/a desfrute de vacacións fóra dos meses establecidos, estes 9 días poderán xuntarse ás vacacións. Non obstante, por situacións excepcionais os traballadores/as poderán dispoñer dos 9 días de forma continuada logo de coñecemento do comité e acordo coa empresa.

Artigo 7º.-Excedencias.

A empresa vén obrigada a lle conceder a todo o persoal que o solicite e leve nela o tempo mínimo de dous anos de servicio, a excedencia voluntaria, a cal terá unha duración mínima de seis meses e máxima de 3 anos, quedando a empresa obrigada a reincorporar automaticamente o traballador/a excedente que o solicite, cunha antelación dun mes, tempo de aviso previo, co obxecto de que a empresa poida adapta-lo dito persoal.

Artigo 8º.-Excedencia especial.

A nai traballadora terá dereito a solicitar unha excedencia especial, ata que o fillo compra os dous anos de idade, garantíndose a súa incorporación inmediata, con reserva do posto de traballo e sen que afecte o dereito da excedencia ordinaria do artigo anterior. Este dereito é optativo para o pai traballador; poderá exercelo só un membro da parella, no caso de ámbolos dous traballaren na mesma empresa.

Unicamente durante o primeiro ano se computará a antigüidade.

Prevención de riscos laborais

Capítulo VI

Artigo 1º.-Comité de seguridade e saúde.

Consonte a Lei de saúde laboral, constitúese un comité de seguridade e saúde. A súa composición será de 2 representantes dos traballadores/as e 2 da empresa. Con carácter anual este comité realizará un estudio de riscos e elaborará un plan para os

eliminar. Os representantes dos traballadores/as disporán do mesmo crédito de horas retribuídas cós membros do comité de empresa, co obxecto de facilita-la súa formación e funcións.

Artigo 2º.-Control médico obrigatorio.

Todo o persoal comprendido neste convenio terá dereito e obriga de efectuar unha revisión médica por conta da empresa cada 6 meses.

O control médico obrigatorio consistirá en:

-audiometría.-control da vista.-analítica de sangue.-analítica de ouriños.-expirometría.-exploración clínica.-vacinas do tétanos, hepatite e gripe.

Todo traballador/a realizará a revisión en horas de traballo.

Artigo 3º.-Vestiarios.

A empresa facilitará vestiarios adecuados e duchas.

Artigo 4º.-Roupa de traballo.

Proverase a tódolos traballadores/as de dobre uniforme no mes de xaneiro (uniforme e zocos) das demais pezas como luvas, mandiletas, chaquetas, pezas de abrigo e protección, adecuadas e accesibles, sempre que sexa necesario.

Uniformes de premamá: proveranse en cada caso que sexa necesario.

Artigo 5º.-Póliza de seguro.

Sempre que sexan derivados de accidente ou enfermidade profesional, a empresa indemnizará os traballadores/as nos seguintes supostos e cantidades:

-En caso de morte ou invalidez total: 3.000.000 de ptas.

-En caso de invalidez absoluta: 4.000.000 de ptas.

Artigo 6º.-Cambios de posto de traballo por embarazo.

As traballadoras embarazadas terán dereito a que se lles cambie o posto de traballo a outro máis acorde coa súa situación.

Subrogación dos traballadores/as

Capítulo VII

Artigo 1º.-Adscrición do persoal.

Primeiro. Ó termo da concesión da contrata, os traballadores/as da empresa contratista saínte pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, quen se subrogará en tódolos dereitos e obrigas, sempre que se dea algún dos seguintes supostos:

a) Traballadores/as en activo que presten os seus servicios no dito centro, sexa cal fose a modalidade do seu contrato de traballo.

b) Traballadores/as que con contrato de interinidade substitúan algún dos traballadores/as enunciados no apartado anterior.

c) Traballadores/as de novo ingreso que por esixencias do cliente se incorporasen ó centro como consecuencia dunha ampliación de contrata.

Segundo. Tódolos supostos anteriormente considerados deberán ser acreditados de forma que faga fe e documentalmente pola empresa saínte á entrante, nun prazo de tres días hábiles, mediante os documentos que se detallan ó final deste artigo.

O indicado prazo contarase desde o primeiro momento en que a empresa entrante lles comunique de forma que faga fe á saínte e á Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Pontevedra se-la nova adxudicataria do servicio. De non cumprir este requisito, a empresa entrante, automaticamente e sen máis formalidades, subrogarase en todo o persoal que presta os seus servicios no centro de traballo.

En calquera caso, o contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores/as só se extingue no momento en que se produza o dereito da subrogación del á nova adxudicataria. Enténdese que os traballadores/as non poderán ser trasladados do centro de traballo a non ser que sexa por mutuo acordo entre as partes.

Terceiro. Documentos que lle deberá facilita-la empresa saínte á entrante:

-Certificado do organismo competente de estar ó corrente do pagamento da Seguridade Social.

-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores/as afectados.

-Fotocopias dos TC-1 e TC-2 de cotizacións á Seguridade Social dos catro últimos meses.

-Relación de persoal na que se especifique nome e apelidos, domicilio, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data de desfrute das súas vacacións.

-Copia do documento debidamente dilixenciado por cada traballador/a afectado/a no que se faga constar que este/a recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais dos seus haberes ata o momento da súa subrogación, non quedando pendente ningunha cantidade. Este documento deberá estar en poder da nova adxudicataria na data do inicio do servicio como nova titular.

Cuarto. O empresario/a saínte estará obrigado a liquidarlle ó entrante as partes proporcionais dos conceptos retributivos dos traballadores/as co obxecto de que estes/as cobren integramente as pagas correspondentes.

Artigo derradeiro. Partes asinantes.

Pola empresa:

Manuel Conde Silva.

José Manuel Cotilla González.

Polo comité de empresa:

Ana Portela Rodríguez.

Margarita Rodríguez Bastos.

María José Valderrama Martínez.

José María Sáez Ruiz.

Mª del Carmen Rodríguez Soto.

Pola sección sindical de CC.OO:

José Luís Tizón Guisande.

Por CC.OO:

Eduardo Fernández Pérez.

Vigo, 6 de febreiro de 1998.

Rubricada

Vigo, 6 de febreiro de 1998.

Acta anexa ó artigo 2 do capítulo V do texto do convenio colectivo.

Festivos:

Os 14 días festivos anuais serán desfrutados por tódolos traballadores/as por petición deles, agás as cameiras integradas no cuadrante xeral e os axudantes de cociña, que terán incluídos neste cuadrante 4 destes días festivos, co cal quedan dez para desfrutar.

Rubricado

2378