Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 24 de marzo de 1998 Páx. 2.883

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 1998, da Secretaría Xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio entre o Instituto Nacional de Emprego e a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de intercambio de información e estatística.

De conformidade co disposto na cláusula novena do convenio de colaboración entre o Instituto Nacional de Emprego e a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de intercambio de información e estatística, que se asinou con data do 5 de febreiro de 1998, entre a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e o director xeral do Instituto Nacional de Emprego.

A Secretaría Xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude,

ACORDA:

Dispoñe-la súa publicación, no Diario Oficial de Galicia, que figura como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 1998.

Javier Batán Rodríguez

Secretario xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO

CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE O INSTITUTO NACIONAL DE EMPREGO E A COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA EN MATERIA DE INTERCAMBIO DE INFORMACIÓN E ESTATÍSTICA

En Santiago de Compostela a 5 de febreiro de 1998.

REUNIDOS

Dunha parte, Juan Chozas Pedrero, director xeral do Instituto Nacional de Emprego, nomeado por Real decreto 1097/1996, do 17 de maio (BOE do 18 de maio), competente para a sinatura do presente acordo, por delegación do Consello de Ministros, de conformidade co establecido no acordo do dito Consello de 21 de xullo, publicado por resolución da Secretaría de Estado para as Administracións Territoriais do 31 de xullo de 1995, (BOE de 4 de agosto de 1995) de acordo co previsto no artigo 13.3º da Lei 30/1992 do 26 de novembro.

Doutra, Manuela López Besteiro, conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Comunidade Autónoma de Galicia, nomeada por Decreto 349/1997, do 9 de decembro (DOG nº 238, do 10 de decembro).

Ámbalas partes, no exercicio dos seus respectivos cargos, e na representación que ostentan, recoñécense mutua capacidade para obrigarse e convir e,

EXPOÑEN

Primeiro.-Que en virtude do Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, prodúcese o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia a xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación. O dito traspaso terá efectividade a partir do día 1 de xaneiro de 1998.

Segundol.-Que a materialización deste acordo de traspaso precisa a sinatura dunha serie de convenios entre o Instituto Nacional de Emprego e a Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de que, chegada a data efectiva do traspaso, a asunción destas competencias, por parte da Comunidade Autónoma non altere os niveis de información sobre os mercados de traballo e garanta a completa prestación de servicios ós cidadáns, mentres que usuarios do servicio público de emprego.

A cooperación que debe presidi-las relacións entre ámbalas dúas administracións enmárcase no principio de eficacia con que han de actua-las administracións públicas no cumprimento dos obxectivos fixados de común acordo entre o Instituto Nacional de Emprego e a Comunidade Autónoma de Galicia e no principio de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos, co fin de servir de maneira efectiva ós cidadáns.

Terceiro.-Que entre os convenios que se van suscribir, ademais do convenio de colaboración entre ámbalas administracións para a coordinación entre a xestión do emprego e a xestión das prestacións por desemprego, é necesaria a sinatura do presente convenio, que complete o marco do traspaso efectivo, en materia de intercambio de información e estatística.

Cuarto.-Que coa sinatura do presente convenio, levaranse a efecto as previsións contidas no apartado C) do anexo ó Real decreto 1375/1997, que refire as funcións concorrentes e compartidas entre a Administración do Estado e a Comunidade Autónoma e as formas institucionais de cooperación, a través dos necesarios mecanismos conducentes ó intercambio de información e estatística entre unha e outra Administración que garanta a compensación de ofertas e demandas de emprego, a intermediación no mercado laboral e a publicación de estatística para fins estatais.

Na súa virtude, de acordo co disposto no artigo 4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procidemento administrativo común, e en aplicación do artigo 6 da Lei 30/1992, ambas partes acordan subs

cribi-lo presente convenio de colaboración, o cal se rexerá polas seguintes,

CLÁUSULAS:

Primeira.-Intercambio de información.

1. O organismo autónomo Instituto Nacional de Emprego e a Comunidade Autónoma de Galicia obríganse a intercambiar información, segundo o procedemento estipulado neste convenio de colaboración, para lograr un mellor coñecemento do mercado de traballo por ambas administracións públicas, así como o acceso delas ó rexistro e tratamento da información derivada das actuacións relativas ás funcións de intermediación no mercado de traballo, garantindo o actual nivel de utilización da estatística.

2. O procedemento de intercambio de información terá as seguintes características:

a) A información que se ha de intercambiar deberá ter algunha das seguintes modalidades de localización en base de datos:

-Única, nas bases de datos do Instituto Nacional de Emprego, e neste caso o sistema de información do instituto prestará servicio á xestión das dúas administracións.

-Replicada, en dúas bases de datos, unha no INEM, que conterá tódolos datos actualizados, que se especifican no anexo I deste convenio, dos ámbitos xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia, e outra na propia Comunidade Autónoma, sendo preciso que a información requirida se actualice simultaneamente, cando sufra modificacións motivadas pola xestión de calquera das administracións. Neste caso, cada Administración utilizará o seu sistema de información para realiza-la súa xestión.

-Mixta, tamén con dúas bases de datos, pero coa posibilidade de que a Comunidade Autónoma utilice parte do sistema de información do INEM, para realizar determinada xestión, que puidera non ter informatizada, dentro das competencias transferidas. Existirá así parte da xestión transferida que se soportará informaticamente na base de datos do INEM, tal e como se describe para a primeira modalidade, e o resto en dúas bases de datos, de acordo co especificado na segunda modalidade.

Con independencia do sistema que se adopte para o intercambio de datos por ambas administracións deberán garanti-la integridade da base de datos que configura o sistema de información nacional.

b) As modalidades de localización das bases de datos poderán ser modificadas co tempo, unha vez comprobada a total compatibilidade dos procedementos de intercambio, e sempre que se manteñan as especificacións sinaladas no anexo I ou ás que, se é o caso, se establezan de común acordo no seo da dita comisión.

c) Cando as bases de datos se atopen situadas nalgunha das modalidades replicada ou mixta, e se produza unha modificación sobre un dato dos relacionados no anexo I, na base de datos dunha das dúas administracións, como consecuencia da súa

xestión, a dita actualización deberá ser aplicada de maneira inmediata na base de datos da outra Administración, para efectos de mante-la a súa integridade. Para iso, poderase optar por un dos dous sistemas que se describen a continuación:

Réplica en tempo real: no momento en que un dato, dos relacionados no anexo I, se ve actualizado por un proceso transaccional (transacción en tempo real), executado sobre a base de datos dunha das administracións, deberase xerar de maneira automática unha transacción que replique a dita modificación sobre a base de datos da outra Administración, sendo precisa a validación da información na base de datos que reciba a réplica, e no suposto de que se produzan erros que impidan efectua-la actualización dos datos, procederase a repara-las incidencias con inmediatez pola Administración que produciu os novos datos.

Réplica en diferido: transferindo periodicamente ficheiros que conteñen os datos dunha ou máis transaccións que xeran modificacións nunha das administracións, para que unha vez recibidos vía telemática na outra Administración, se repliquen na súa correspondente base de datos, sendo necesario emendar con inmediatez os erros que poidan producirse na réplica de datos, co fin de que non se demore a actualización na base de datos, sendo responsable desta actuación a Administración que produza os novos datos. A periodicidade de envío de ficheiros deberá se-lo suficientemente curta para que a xestión non se vexa afectada por unha desactualización dos datos. O tempo límite requirido para o envío de cada un dos datos relacionados desde o momento da petición de actualización na base de datos orixe será o establecido no anexo I.

Sexa cal sexa o sistema utilizado, o envío dun rexistro debe esperar confirmación positiva da súa aceptación. Por iso a réplica de datos, ben en tempo real ben en diferido, será sempre unha réplica de datos confirmada.

Unha vez elixida unha das modalidades de réplica, ambas administracións traballarán coa mesma. En todo caso, ó cabo do tempo poderase optar pola contraria, sempre que exista acordo previo adoptado no seo da comisión de coordinación e seguimento.

Así mesmo, poderanse modifica-los períodos límites de tempo para o envío de datos, que se sinalan no anexo I, de común acordo entre ámbalas administracións, e sempre que as ditas modificacións teñan como obxecto mellora-lo sistema ou a xestión.

En canto ós datos, reflectidos no anexo I, poderanse propoñer modificacións de inclusión, exclusión ou variación de contido, sempre que se deriven de modificacións normativas ou necesidades de xestión acordadas entre ámbalas administracións e aprobadas no seo da comisión de seguimento do convenio.

Para efectos de mante-la integridade da información dos demandantes de emprego que, pola súa vez, son perceptores de prestacións por desemprego, a Comunidade Autónoma deberá efectuar calquera actualización da súa información, que se vexa afec

tada pola súa xestión, e sobre a base de datos do INEM, e reciprocamente o Instituto Nacional de Emprego, unha vez actualizada, facilitará a información, tanto básica como individualizada, que afecte ós demandantes de emprego beneficiarios de prestacións.

d) Ambas partes garanten un sistema de información nacional e un rexistro centralizado, así como a coordinación e cooperación das diferentes áreas de actuación.

Para tal efecto, de non estar operativos todos ou parte dos procedementos utilizados para o traspaso de información, ou de producirse perdas de datos que ocasionen rupturas na integridade da información básica do mercado de traballo, procederán a adoptar, con carácter de urxencia, as medidas máis convenientes, acordadas no seo da comisión de coordinación e seguimento.

Tales medidas consistirán, basicamente, na utilización das bases de datos e transaccións dispoñibles, de maneira que se poida manter e/ou recupera-la información que, necesariamente, debe residir no rexistro centralizado da base de datos do Instituto Nacional de Emprego, información incluída no anexo I deste convenio, así como no establecimento dos adecuados procedementos de lanzamento de transaccións de recuperación dos procesos frustados.

Cando a urxencia sexa de carácter tal, que as medidas para adoptar non deban esperar a ser acordadas no seo da comisión de coordinación e seguimento, actuarase segundo o indicado no parágrafo inmediatamente anterior, sometendo, inescusablemente, tales medidas á conformidade da comisión de coordinación e seguimento do presente convenio na súa primeira reunión, inmediata a esta toma de decisións.

No anexo I recóllense, dependendo da materia que corresponda, as especificacións que definen os datos que han de intercambiarse entre ambas administracións.

3. A información que se facilitará de acordo co procedemento anterior referirase ás materias de promoción de emprego, intermediación no mercado de traballo, formación profesional ocupacional, escolas taller e casas de oficios e a que poida afectar ás prestacións por desemprego.

4. Cando calquera das dúas administracións asinantes deste convenio proxecte modificacións no seu hardware e/ou no seu software deberá informar á outra, con suficiente antelación, a través da comisión de seguimento e coordinación, para valorar se a súa implantación presupón unha modificación que afecte ó intercambio de información ó que se refire o presente convenio. De mutuo acordo, acordaranse as modificacións que se efectuarán e o calendario de implantación.

5. Para a xustificación ó Fondo Social Europeo das accións cofinanciadas por este, a Comunidade Autónoma de Galicia proporcionará ó Instituto

Nacional de Emprego, ademais da correspondente información mecanizada, toda a documentación e certificacións necesarias, de acordo coas directrices acordadas cos órganos competentes da Unión Europea, segundo a desagregación á que se fai referencia no anexo I.

Segunda.-Intercambio de información estatística e explotación estatística.

Os mecanismos para garantir ou mellora-lo actual nivel de explotación estatística, co fin de que ambas administracións leven a cabo as funcións estatísticas correspondentes, son:

1. O INEM facilitará á Comunidade Autónoma de Galicia mentres esta non desenvolva unha explotación propia:

a) Os ficheiros que conteñen información de demandas, ofertas, colocacións e contratacións (contratos e prórrogas) para o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, que son a base da explotación do INEM para obte-las estatísticas de emprego e as de contratación, de acordo cos formatos e periodicidade que se detallan no anexo II e a través das liñas de comunicacións establecidas entre as dúas administracións.

b) As explotacións estatísticas de emprego e contratación para o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que se relacionan co anexo II coa periodicidade e soporte que se indica en dito apartado.

2. Unha vez que a Comunidade Autónoma de Galicia desenvolva a súa explotación propia, os datos base para as explotacións estatísticas de ambas administracións actualizaranse e obteranse polos mecanismos establecidos na cláusula primeira deste convenio.

3. A Comunidade Autónoma de Galicia facilitará ó Instituto Nacional de Emprego, os datos actualizados que se relacionan no apartado 2 (parágrafo anterior) polos medios establecidos na cláusula primeira deste convenio.

4. En canto ós datos, reflectidos no anexo II, poderanse propoñer modificacións de inclusión, exclusión ou variación de contido, sempre que se deriven de modificacións normativas ou necesidades de xestión acordadas entre ambas administracións e aprobadas no seo da comisión de seguimento do convenio.

Terceira.-Procedemento en materia de comunicacións.

A estructura necesaria para o intercambio da información obxecto deste convenio, queda baixo a responsabilidade e a cargo do Instituto Nacional de Emprego, entendéndose por iso, o mantemento do sistema actual das comunicacións entre as oficinas de emprego e o INEM.

A este respecto, as dúas administracións poderán modifica-lo sistema actual de comunicacións entre as oficinas de emprego e o INEM, de mutuo acordo, por outro sistema distinto, sendo necesario en todo caso, garanti-la comunicación entre os datos obxecto

deste convenio. O novo proxecto de comunicacións deberá aprobarse no seo da comisión de seguimento e coordinación. Cando a modificación do sistema de comunicación se derive dunha maior información proposta polo INEM, o incremento do custo nas comunicacións será pola súa conta.

Cuarta.-Servicios que garante a Comunidade Autónoma de Galicia respecto do sistema de información do INEM.

1. Soporte á instalación e á seguridade dos elementos informáticos: responsabilidade e participación en proxectos de instalación ou traslado, preinstalacións, interlocución, coa compañía telefónica ou coas compañías contratadas para o mantemento dos equipos (físicos ou lóxicos), soporte á explotación dos ordenadores departamentais instalados en direccións provinciais e oficinas de emprego, coidado e vixilancia dos sistemas de seguridade (alimentación ininterrompida dos elementos máis críticos).

2. Asistencia técnica ós xestores que utilizan ferramentas informáticas: resolución de incidencias en equipos físicos ou lóxicos, dando solución a elas, se é o caso, ou encamiñando o problema ó Infocentro dos servicios centrais do INEM, ou á empresa responsable, no caso de se tratar dunha avaría. Así mesmo, encargarase de proporcionar asesoría técnica en materias relativas ó sistema de información do Inem.

3. Información ós responsables dos servicios provinciais e centrais do Inem: información ós responsables provinciais de obxectivos e grao de cumprimento, comunicación a servicios centrais de incidencias non resoltas, de necesidades de equipamento físico ou lóxico, de información e distribución de información sobre asuntos xerados desde os servicios centrais relacionados co sistema de información propio, etc.

4. Actualización do logical de base e aplicacións corporativas: realizándoas coa maior brevidade posible, e no que ás aplicacións corporativas do Inem e/ou logical de base se refire, seguindo as indicacións dos servicios centrais do Inem.

5. Seguimento e implantación de planos e proxectos: cooperación na execución das tarefas de seguimento e implantación de plans e proxectos do Inem, que afecten ó sistema de información nacional.

Quinta.-Natureza xurídica dos anexos.

1. Os anexos que se xuntan ó presente convenio constitúen parte integrante del e, polo tanto, son de obrigado cumprimento para as partes asinantes.

2. Os anexos serán actualizados no seo da comisión de coordinación e seguimento, a cal proporá ás partes asinantes do presente convenio a subscrición de addenda a el que conteñan as ditas actualizacións.

Sexta.-Comisión de coordinación e seguimento do convenio.

A comisión de coordinación e seguimento prevista no número 5 do apartado C) do acordo de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito

do traballo, o emprego e a formación e recollido como no Real decreto 1375/1997, de 29 de agosto, será tamén a comisión de seguimento deste convenio e desenvolverá, en relación con el, as seguintes funcións:

a) Resolve-los problemas de interpretación e cumprimento que se poidan presentar.

b) Promove-la cooperación e colaboración entre ambas administracións no marco do convenio e a subscrición de acordos complementarios como addendas a el.

c) Desenvolve-las funcións que lle encomenda o presente convenio.

d) Efectua-lo seguimento e avaliación do convenio.

A comisión, en relación co convenio, reunirase, alomenos, unha vez ó ano.

A presidencia da comisión será rotativa anualmente e iniciarase coa presidencia por parte da Administración do Estado.

Créase un grupo de traballo no seo da comisión co nome de subcomisión de coordinación en materia de intercambio e información e estatística. A subcomisión de coordinación citada efectuará un seguimento puntual das incidencias que poidan xurdir no ámbito do intercambio de información e estatística, co fin de dar unha solución rápida e puntual ós problemas de funcionamento que se poidan ocasionar. A subcomisión estará composta por catro representantes do INEM e catro representantes da Comunidade Autónoma de Galicia e reunirase, alomenos, unha vez ó mes, ou por petición de calquera da partes asinantes.

Sétima.-Subrogación nos actuais contratos de reparación, mantemento e conservación de equipos informáticos para procesos de información.

1. O Inem ten contratado con empresas externas a reparación, o mantemento e a conservación dos equipos informáticos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia, nas mesmas condicións que os do resto do Estado, rematando o dito contrato o 30 de xuño de 1999.

A Comunidade Autónoma de Galicia obrígase a vincula-las cantidades transferidas polos conceptos de reparación, mantemento e conservación de equipos informáticos ós contratos de reparación, mantemento e conservación deles, unha vez subrogada nos mesmos dereitos e obrigas que figuran nos contratos vixentes. A valoración económica dos ditos conceptos está incluída no custo efectivo da transferencia segundo texto aprobado pola Comisión Mixta de Transferencias con data do 23 de xaneiro de 1998.

2. A subrogación da Comunidade Autónoma de Galicia nos dereitos e obrigas derivados dos sinalados contratos de reparación, mantemento e conservación de equipos informáticos requirirá o previo consentimento expreso das correspondentes empresas adxudicatarias. Para tal efecto o Inem comunicará as ditas empresas a subrogación prevista, co fin de que estas expresen o seu consentimento, no

sentido de admitir á nova Administración pública como obrigada e desvincular e libera-lo Instituto Nacional de Emprego da relación contractual existente, e de que se efectúen as liquidacións económicas que correspondan.

Oitava.-Data de efectividade do convenio.

1. O presente convenio terá vixencia a partir do 1 de xaneiro de 1998 ata o 31 de decembro de 1998.

2. O convenio prorrogarase automaticamente por anos naturais, salvo que expresamente se denuncie por algunha das partes asinantes.

A denuncia a que se fai referencia no parágrafo anterior deberá producirse cunha antelación mínima de seis meses ó remate do correspondente período de vixencia. Tódolos compromisos asumidos no convenio denunciado permanecerán vixentes ata tanto non se aprobe outro texto de convenio.

Novena.-Publicidade.

O presente convenio publicarase no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

En proba de conformidade, os intervinientes asinan o presente convenio no lugar e data mencionados no encabezamento.

Director xeral do Instituto Conselleira de Familia e Promoción

Nacional de Emprego do Emprego, Muller e Xuventude

Juan Chozas Pedrero Manuela López Besteiro

2482