Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 23 de marzo de 1998 Páx. 2.827

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 1998, da Secretaría Xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio entre o Instituto Nacional de Emprego e a Comunidade Autónoma de Galicia para a coordinación entre a xestión do emprego e a xestión das prestacións por desemprego.

De conformidade co disposto na cláusula terceira do convenio de colaboración entre o Instituto Nacional de Emprego e a Comunidade Autónoma de Galicia para a coordinación entre a xestión do emprego e a xestión das prestacións por desemprego, que se asinou con data do 5 de febreiro de 1998, entre a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e o director xeral do Instituto Nacional de Emprego.

A Secretaría Xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude,

ACORDA:

Dispoñe-la súa publicación, no Diario Oficial de Galicia, que figura como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 1998.

Javier Batán Rodríguez

Secretario xeral da Coonsellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO

CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA E O INSTITUTO NACIONAL DE EMPREGO PARA A COORDINACIÓN ENTRE A XESTIÓN DO EMPREGO E A XESTIÓN DAS PRESTACIÓNS POR DESEMPREGO

En Santiago de Compostela o 5 de febreiro de 1998, reunidos:

Dunha parte, Juan Chozas Pedrero, director xeral do Instituto Nacional de Emprego, nomeado por Real decreto 1097/1996, do 17 de maio (BOE do 18 de maio).

Doutra, Manuela López Besteiro, conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, da Comunidade Autónoma de Galicia, nomeada por Decreto 349/1997, do 9 de decembro (DOG do 10 de decembro).

Ámbalas partes recoñécense a mutua capacidade para obrigarse e convir, e expoñen:

Que a Comunidade Autónoma de Galicia e o Instituto Nacional de Emprego, en atención á distribución de competencias prevista na Constitución e no Estatuto de autonomía de Galicia, e como consecuencia do traspaso de funcións e servicios no ámbito do traballo, do emprego e da formación recollidos no Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, consideran que a organización da xestión territorial da protección por desemprego en Galicia debe reordenarse de xeito que se garanta:

Unha coordinación da xestión do emprego e da formación ocupacional coa protección por desemprego, que

relacione os mecanismos de recoñecemento e percepción das prestacións cos de comprobación da dispoñibilidade dos desempregados, a mellora da súa ocupabilidade e en definitiva coa súa reinserción laboral.

-Unha organización eficaz que permita a mellor atención ós desempregados.

Na súa virtude, de acordo co disposto no artigo 4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedimento administrativo común, e en aplicación do artigo 6 da Lei 30/1992, ámbalas partes acordan subscribi-lo presente convenio, o cal se rexerá polas seguintes,

CLÁUSULAS:

Primeir.-Determinación de actividades e tarefas.

1. No exercicio das súas competencias ou en virtude do presente convenio, en cada caso, a Comunidade Autónoma de Galicia xestionará, en coordinación coa xestión de prestacións, as demandas de emprego dos solicitantes e beneficiarios de prestacións por desemprego, a través das seguintes actividades e tarefas:

a) Inscrición dos desempregados como demandantes de emprego.

b) Comprobación e seguimento da dispoñibilidade e ocupabilidade, así como renovación da demanda dos beneficiarios de prestacións.

c) Selección e oferta a demandantes de emprego beneficiarios de prestacións de accións de formación e reconversión profesionais, traballos de colaboracións social e programas de mellora da súa ocupabilidade.

d) Selección e oferta de emprego adecuado a beneficiarios de prestacións e seguimento do proceso de presentación nas empresas para cubri-las ofertas.

e) Informe preceptivo sobre a viabilidade dos proxectos de autoemprego para obte-lo aboamento da prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, realizándose tal tramitación e resolución conforme o previsto no número 4 desta cláusula.

f) Información xeral sobre prestacións e subsidios por desemprego.

g) Iniciación do procedemento sancionador e, se é o caso, sanción por infraccións leves e graves dos demandantes de emprego beneficiarios das prestacións, agás no suposto do artigo 30.2º.2 da Lei 8/1998, do 7 de abril, nos termos que se establezan pola lexislación do Estado.

2. En virtude do presente convenio a Comunidade Autónoma de Galicia, colaborará na xestión das prestacións por desemprego a través das seguintes actividades e tarefas.

a) Comunicación ó persoal do Instituto Nacional de Emprego nas oficinas de emprego, dos incumprimentos, ou, se é o caso, do inicio dos procedementos sancionadores por infraccións leves e graves ós demandantes de emprego beneficiarios de prestacións por desemprego

pola incomparecencia a citacións, a non renovación da demanda de emprego, o rexeitamento dunha oferta de colocación adecuada e a participación nas medidas de políticas activas de emprego e de formación e non devolve-lo xustificante de comparecencia para cubrir unha oferta de emprego, así como, se é o caso, da sanción imposta que comporte suspensión ou extinción das prestacións por desemprego.

b) Comunicación ó persoal do Instituto Nacional de Emprego nas oficinas de emprego dos feitos que puideran ser constitutivos de infracción grave (prevista no artigo 30.2º.2. da Lei 8/1998) ou moi grave para a súa análise por aquel, e, se é o caso, traslado á Inspección de Traballo e Seguridade Social.

c) Comunicación ó persoal do Instituto Nacional de Emprego nas oficinas de emprego das altas e baixas e da situación como demandante de emprego dos solicitantes e beneficiarios das prestacións.

d) Execución dos plans estatais do Instituto Nacional de Emprego de control de presencia dos beneficiarios de prestacións por desemprego, e doutros plans de control indirecto dos beneficiarios de prestacións como demandantes activos de emprego.

e) As actividades e tarefas anteriores realizaranse sen prexuízo do establecido na letra e) do número 1 da cláusula segunda.

3. Sen prexuízo das funcións que correspondan ás direccións provinciais do Instituto Nacional de Emprego e que se exerzan polo persoal de apoio e polo da Subdirección Provincial de Prestacións, así como polos letrados do organismo, no ámbito das oficinas de emprego, o Instituto Nacional de Emprego realizará, en exercicio das súas competencias, as seguintes actividades e tarefas:

a) Tramitación das prestacións e subsidios por desemprego referida a: a información específica e individualizada sobre a protección, a recepción de solicitudes e documentación, a reclamación, se é o caso, da documentación necesaria, o rexistro de entrada e saída, a conformación do expediente coa realización de consultas informáticas, así como remisión de expedientes asignados ás subdireccións provinciais de Prestacións para a súa resolución.

b) Análise e resolución (recoñecemento, denegación, suspensión, extinción, reanudación, opción e prórrogas) dos expedientes de prestacións e subsidios por desemprego ordinarios, así como a súa modificación, agás naqueles supostos en que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto na cláusula primeira punto 1 letra g) do presente convenio, a resolución de suspensión ou extinción das prestacións por desemprego.

c) Xestión de cobros indebidos, incidencias, autorizacións e certificacións, relativas á xestión de prestacións ou, se é o caso, remisión de solicitudes ás subdireccións provinciais de Prestacións.

d) Iniciación do procedemento sancionador polas infraccións graves recollidas no artigo 30.2º.2. da Lei

8/1998 e remisión dos expedientes ás subdireccións provinciais de Prestacións para a resolución do dito procedemento.

e) Comprobación de requisitos, control de prórrogas, incompatibilidades e irregularidades dos solicitantes e beneficiarios de prestacións, e subsidios por desemprego ou, se é o caso, remisión de expedientes ás subdireccións provinciais de Prestacións.

f) As actividades e tarefas anteriores realizaranse sen prexuízo do establecido na letra e) do número 1 da cláusula segunda.

4. En virtude do presente convenio a Comunidade Autónoma de Galicia e o Instituto Nacional de Emprego colaborarán na tramitación e a resolución de pagamento único da prestación por desemprego a través das seguintes actividades e tarefas:

a) A Comunidade Autónoma de Galicia fará a recepción as solicitudes de pagamento único da prestación e informará preceptivamente sobre a viabilidade dos proxectos.

b) O Instituto Nacional de Emprego, logo de informe preceptivo da Comunidade Autónoma de Galicia sobre a viabilidade do proxecto, resolverá sobre o pagamento único da prestación.

Naqueles expedientes nos que, constando o informe favorable da Comunidade Autónoma de Galicia, se deduzan circunstancias, relativas á prestación, ou outras, non vinculadas á viabilidade do proxecto, que xustifiquen unha posible resolución denegatoria do pagamento único, comunicaranse as ditas circunstancias á Comunidade Autónoma de Galicia para o seu coñecemento e, se é o caso, para que formule as observacións que considere oportunas, que permitan dicta-la resolución que corresponda de maneira axustada a dereito.

c) A Comunidade Autónoma de Galicia comunicará ós interesados a resolución adoptada, nos modelos que aprobe a comisión de coordinación e seguimento deste convenio e nos que figurará:

-Que se dictou a resolución de acordo co informe da Comunidade Autónoma de Galicia sobre a viabilidade do proxecto.

-Que, se é o caso, a tramitación, resolución e pagamento da subvención polas cotas de Seguridade Social que corresponda, serán efectuadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, en exercicio das súas competencias.

-Que a reclamación previa fronte á resolución pode presentarse na oficina de emprego.

5. O Instituto Nacional de Emprego comunicará á Comunidade Autónoma de Galicia as altas e baixas na situación de perceptores de prestacións dos demandantes de emprego.

Segunda.-Coordinación da xestión do emprego e as prestacións por desemprego.

1. A coordinación da xestión de emprego e das prestacións por desemprego na rede de oficinas de emprego levarase a cabo a través das seguintes bases:

a) Para realiza-la actividade e tarefas de xestión e control das prestacións por desemprego prevista no número 3 da cláusula primeira deste convenio, o Ins

tituto Nacional de Emprego situará ó seu persoal en cada unha das oficinas de emprego, nun número suficiente para garanti-la execución eficaz da dita actividade e tarefas. A Comunidade Autónoma de Galicia garantirá a adopción das medidas e achega dos medios necesarios para o desenvolvemento eficaz de tódalas actividades sinaladas na cláusula primeira deste convenio.

b) O Instituto Nacional de Emprego cubrirá as vacantes do seu persoal na rede de oficinas, e poderá efectuar substitucións ou traslados do dito persoal.

c) Ambas administracións poderán convir na adecuación das necesidades de persoal nos termos que se aproben pola comisión de coordinación e seguimento tanto para garanti-la execución dos puntos 1 e 2 da cláusula primeira do convenio, como para garanti-lo previsto na letra a) anterior, e cando se produzan modificacións na rede de oficinas.

d) O persoal do Instituto Nacional de Emprego que xestione as prestacións por desemprego, na rede de oficinas de emprego, dependerá, orgánica e funcionalmente do dito instituto para tódolos efectos. Non obstante, os aspectos organizativos relativos ó horario, con incidencia na atención dos usuarios serán fixados pola Comunidade Autónoma de Galicia con carácter xeral para todo o persoal destinado nas ditas oficinas.

e) En cada unha das oficinas de emprego existirá un director de oficina designado pola Comunidade Autónoma de Galicia que dependerá orgánica e funcionalmente dela e será responsable da organización e coordinación interna da oficina, así como do cumprimento do horario de atención ó público. O director da oficina, par efectos de garanti-la adecuada e suficiente atención ós usuarios, será o responsable da execución coordinada da xestión de emprego e prestacións por desemprego, e adoptará as medidas necesarias, respecto de tódolos recursos dispoñibles na oficina, cursando as instruccións oportunas respecto de todo o persoal da mesma. Para tal efecto, o director da oficina deberá organiza-lo traballo de todo o persoal para a completa atención da totalidade das funcións encomendadas.

f) En cada unha das oficinas de emprego existirá un responsable de prestacións designado polo Instituto Nacional de Emprego, que dependerá orgánica e funcionalmente do subdirector provincial de Prestacións e do director provincial do Instituto Nacional de Emprego. Sen prexuízo do previsto na letra e) anterior, corresponderá ó responsable de prestacións organizar, dirixir e supervisa-las actividades e tarefas do persoal do Instituto Nacional de Emprego na oficina.

g) En cada unha das oficinas de emprego existirá o anagrama INEM nos seus rótulos e identificación, xunto co que se determine pola Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Ambas administracións garantirán a comunicación cos usuarios en castelán e en galego.

2. A actividade nas oficinas de emprego desenvolverase nun marco de mutua cooperación, colaboración, información e consulta recíproca, que garanta a eficacia

na xestión coordinada do emprego e das prestacións por desemprego, así como o control destas últimas. A subcomisión de coordinación, que se crea na comisión de coordinación e seguimento do convenio resolverá as incidencias que poidan producirse segundo o establecido na cláusula terceira punto 2 deste convenio.

3. A cooperación sobre aspectos concretos da xestión coordinada do emprego e das prestacións por desemprego, desenvolverase de acordo co:

a) O Instituto Nacional de Emprego esixirá a inscrición previa como demandante de emprego nas oficinas de emprego para tramita-la solicitude de alta inicial nas prestacións e subsidios, a súa reanudación, a súa percepción, e para acredita-los períodos de espera, todo iso conforme co establecido na lexislación vixente.

A inscrición como demandante de emprego en Galicia recollerá os mesmos datos básicos que a realizada no resto do territorio, que permitan verifica-la identidade e localización do demandante, así como a data e situación da demanda.

b) A Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o recollido na letra b) do número 1 da cláusula primeira deste convenio levará a cabo a comprobación da dispoñibilidade e ocupabilidade así como a renovación da demanda de emprego e, se é o caso a baixa en demanda, dos beneficiarios de prestacións por desemprego na forma e coa periodicidade establecida con carácter xeral para tódolos beneficiarios das ditas prestacións polo Instituto Nacional de Emprego, e no marco da planificación anual por obxectivos que fixe o dito instituto dentro dos seus plans xerais de acción para impulsa-la reinserción laboral e a loita contra a fraude do dito colectivo, acordados coa Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o recollido nas letras c) e d) do número 1 da cláusula primeira deste convenio, aplicará medidas de intermediación e de políticas activas ós beneficiarios das prestacións por desemprego no marco da planificación anual por obxectivos que fixe o Instituto Nacional de Emprego dentro dos seus plans xerais de acción para impulsa-la reinserción laboral e a loita contra a fraude do dito colectivo, acordados coa Comunidade Autónoma de Galicia.

d) A Comunidade Autónoma de Galicia ordenará os seus procesos de xestión de emprego de xeito que garantan:

-A consideración dos beneficiarios de prestacións como demandantes de emprego con plena dispoñibilidade para seren seleccionados e incorporados de xeito inmediato ás medidas que potencien a súa reinserción laboral ou ós procesos de colocación.

-A aplicación dos conceptos de emprego e de traballos de colaboración social ós beneficiarios de prestacións na maneira que determina o artigo 213.2º e 3º do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social e a xurisprudencia.

-A comunicación ó persoal do Instituto Nacional de Emprego nas oficinas de emprego, conforme o recollido

na letra a) o número 2 da cláusula primeira deste convenio.

e) A Comunidade Autónoma de Galicia garantirá que o previsto nas letras b), c) e d) anteriores sexa aplicado tamén polas axencias de colocación sen fins lucrativos e polas entidades asociadas dos servicios integrados para o emprego do seu ámbito territorial.

f) A Comunidade Autónoma de Galicia desenvolverá as actividades e tarefas previstas nas letras b e c do número 2 da cláusula primeira deste convenio, aplicando as disposicións legais establecidas así como as instruccións, criterios e plans, fixados polo Instituto Nacional de Emprego con carácter xeral, e comunicará ó dito instituto, con periodicidade mensual, o volume e o resultado das súas actuacións. Todo iso conforme as especificacións que aprobe a comisión de coordinación e seguimento deste convenio.

4. A Comunidade Autónoma de Galicia e o Instituto Nacional de Emprego, ordenarán os medios e adoptarán os acordos e especificacións necesarios, que aprobe a comisión de coordinación e seguimento deste convenio, para a interconexión dos sistemas informáticos de emprego e de prestacións por desemprego, de xeito que se garanta:

a) A consulta informática sobre a inscrición como demandante de emprego.

b) A identificación uniforme das persoas físicas nunha base de datos común, actualizada de xeito permanente.

c) O mutuo acceso ás consultas de situación de emprego e de prestacións.

d) O traslado automático das altas e baixas ás bases de datos respectivas.

e) Os traslados dos beneficiarios dentro e fóra do ámbito territorial da comunidade.

5. A Comunidade Autónoma de Galicia e o Instituto Nacional de Emprego facilitaranse mutuamente, con periodicidade mensual, a información básica e individualizada relativa ás súas actividades respectivas que afecten ós demandantes de emprego beneficiarios das prestacións.

Tercera.-Aplicación do convenio.

1. O presente convenio ten carácter vinculante para as partes asinantes. Estas poderáns subscribir acordos complementarios ó convenio e incluílos como adendas a el.

O Instituto Nacional de Emprego actualizará, logo de comunicación á comisión de coordinación e seguimento, as especificacións a que se refiren a letra f) do número 3 e o número 4 da cláusula segunda do presente convenio, incorporando as adaptacións que considere necesarias, podendo introducir calquera modificación procedemental, xa sexa a causa dun cambio normativo, xa sexa co obxectivo de axilizar e simplifica-los procesos administrativos vixentes, en materia de protección por desemprego, sempre que non supoñan alteración das actividades e tarefas incluídas no presente convenio.

2. A comisión de coordenación e seguimento prevista no apartado 5 letra C do acordo de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación e recollido no Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, será tamén a comisión de seguimento deste convenio e desenvolverá, en relación con el as seguinte funcións:

a) Resolve-los problemas de interpretación e cumprimento que poidan presentarse.

b) Promove-la cooperación e colaboración no marco do convenio e a subscrición de acordos complementarios como adendas a el.

c) Desenvolve-las funcións que lle encomenda o presente convenio.

d) Efectua-lo seguimento e avaliación do convenio.

e) Coñece-las adaptacións a que se refire o número 1 desta cláusula, que procedan dun cambio normativo ou dunha variación dos procesos administrativos de carácter xeral en materia de protección por desemprego, e acordar aquelas que supoñan alteración das actividades e tarefas incluídas no presente convenio.

-A comisión, en relación co convenio, reunirase, alomenos, unha vez ó ano.

A presidencia da comisión será rotativa anualmente e iniciarase coa presidencia por parte da Administración do Estado.

Créase un grupo de traballo da comisión coa denominación de subcomisión de coordinación do convenio de colaboración para a xestión do emprego e das prestacións por desemprego, para a resolución de aspectos concretos sobre a aplicación do convenio e especialmente con referencia a coordinación das oficinas de emprego, co fin de dar unha solución rápida e puntual ós problemas de funcionamento que poidan xurdir.

Esta subcomisión reunirase, alomenos unha vez ó mes, ou por petición de calquera das partes asinantes, e estará composta por 4 representantes da Comunidade Autónoma de Galicia e 4 representantes do Instituto Nacional de Emprego.

O presente convenio terá vixencia a partir do 1 de xaneiro de 1998 ata o 31 de decembro de 1998.

O convenio prorrogarase automaticamente por anos naturais, salvo que expresamente ó denuncie algunha das partes asinantes.

A denuncia a que se fai referencia no parágrafo anterior deberá producirse cunha antelación mínima de seis meses ó remate do correspondente período de vixencia. En todo caso manterase en vigor ata a sinatura dun novo convenio ou ata a ordenación dun novo modelo de xestión das prestacións.

4. O presente convenio publicarase no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

En Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 1998.

Pola Comunidade AutónomaPola Administración do Estado

de Galicia

Manuela López Besteiro Juan Chozas Pedrero

Conselleira de Familia Director xeral do INEM

e Promoción do Emprego

Muller e Xuventude

2302