Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 23 de marzo de 1998 Páx. 2.823

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 5 de febreiro de 1998 pola que se convoca a IX Mostra Galega de Coros Polifónicos Xuventude 98.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, o ámbito cultural e artístico no que respecta á xuventude é compartido conxuntamente polas consellerías de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que a través da Dirección Xeral de Xuventude desenvolve o programa Fomento da Actividade Xuvenil, que ten entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, que ten, entre outras funcións, a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, a música, as artes líricas e coreográficas, así como a posta en práctica de medidas de apoio para os artistas, de acordo co Decreto 488/1997, de 26 de decembro, e o Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica de cada unha das ditas consellerías.

Por outra banda, o artigo 1.3º da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, permite a posibilidade de iniciar expedientes de gasto imputables ós capítulos II, IV, VI e VII dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma no período de prórroga destes, unha vez aprobado o proxecto de orzamentos e sempre que exista crédito axeitado e suficiente neste, co beneficio que isto supón para o administrado ó evitar unha demora nas actuacións administrativas previas.

Polo exposto, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo

dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 98. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude convoca a IX Mostra Galega de Coros Polifónicos Xuventude 98, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artígo 2º

A mostra obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artígo 3º

As actividades que impliquen o desenvolvemento desta mostra serán custeadas con cargo á partida orzamentaria 14.05.355B.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO I

IX Mostra Galega de Coros

Polifónicos Xuventude 98

I. Participantes.

Tódolos grupos ou coros que o soliciten, formados por mozos galegos ou residentes en Galicia, cun mínimo de 6 e un máximo de 50 compoñentes.

II. Condicións xerais.

1. A mostra terá cáracter convivencial e non competitivo.

2. Os compoñentes dos coros terán entre 12 e 30 anos cumpridos no ano 1998.

Soamente poderán superar estas idades o 10% dos compoñentes totais do coro.

3. Os temas presentados serán tres e terán que respectarse na actuación da fase final, no caso que se

acceda a ela. Enviaranse nunha cinta casete ou casetes indicando os títulos dentro dun sobre pechado. No exterior do sobre deberá figura-lo lema do grupo e os títulos dos temas.

4. Noutro sobre pechado, que deberá poñer no seu exterior o lema do grupo presentarase o boletín de inscrición que se indica no anexo III xunto cunha fotocopia do DNI por ámbalas dúas caras de cada un dos compoñentes do coro, e un currículum de aquél.

5. A Dirección Xeral de Xuventude resérvase o dereito de editar ou difundi-las obras musicais que sexan seleccionadas para a fase final.

III. Inscricións.

As solicitudes deberán formularse no impreso normalizado que se indica no anexo II, e dirixiranse á directora xeral de Xuventude.

Os grupos ou coros deberán presenta-las solicitudes xunto cos sobres pechados no Servicio de Xuventude da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia na que residan habitualmente, que pode ser en:

r/ Ronda da Muralla, 70-27003 Lugo

Avda. da Habana, 81-baixo, 32004 Ourense.

r/ Durán Loriga, 9-1º, 15003 A Coruña.

r/ Mª Berdiales 20-entreplanta, 36203 Vigo e

r/ Benito Corbal 47-2º, 36001 Pontevedra.

ou enviarano por correo certificado antes do día 17 de abril de 1998.

IV. Organización.

A Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de Pontevedra supervisará a presente mostra.

V. Desenvolvemento.

O xurado seleccionará os grupos ou coros que considere de máis calidade, ata un máximo de catro. Para actuar na fase final cada grupo dispón dun tempo máximo de 15 minutos. A fase final terá lugar no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas, o día 15 de maio de 1998. Pechará as actuacións un grupo convidado.

VI. Premios.

Establécense os premios e axudas seguintes:

Premios: 90.000 pesetas, trofeo e diploma para cada un dos catro coros seleccionados para a fase final.

Axudas: os gastos de transporte serán por conta da organización.

A organización convidará a unha cea de convivencia ós finalistas o día da fase final.

VII. Xurado.

Será nomeado pola directora xeral de Xuventude e polo director xeral de Promoción Cultural, e estará composto por persoas cualificadas no campo da polifonía, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de Pontevedra.

A decisión do xurado será irrecorrible.

2266