Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 20 de marzo de 1998 Páx. 2.772

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 1998, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Aguas de Fontenova, S.A. de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Aguas de Fontenova, S.A. (código nº 3200022) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social polo delegado de persoal, na reunión celebrada o día 29-1-1998 e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 13 de febreiro de 1998.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo para a empresa

Aguas de Fontenova, S.A. Verín (Ourense)

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As disposicións incluídas no presente convenio regularán desde a súa entrada en vigor, a súa vixencia, as relacións laborais que nel se establezan entre a empresa Aguas de Fontenova, S.A. e o persoal desta.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Estará afectado polo presente convenio o persoal da empresa incluído no artigo 1º, agás as persoas que exerzan funcións de alta dirección e alto consello.

Artigo 3º.-Vixencia, duración e prórroga.

A duración deste convenio será de 12 meses, comezando os seus efectos económicos o día 1 de xaneiro de 1997 e rematando a súa vixencia o 31 de decembro de 1997.

O convenio prorrogarase tacitamente de ano en ano se non fose denunciado por calquera das partes con tres meses de antelación, polo menos, ó remate da súa vixencia. Permanecerá vixente o texto ata o asinamento dun novo.

As condicións de denuncia serán as que determina o artigo 89 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

Excepcionalmente, acórdase que este convenio dispoña como prazo para a súa denuncia ata o día 31 de marzo de 1998.

O incremento de salarios para 1997 será dun (tres) 3% sobre o salario base, plus de carencia, incentivos e antigüidade.

No caso de que o IPC oficial de 1997, o 31 de decembro de 1997, fose superior ó (tres) 3%, establecido como incremento salarial, revisaranse os salarios na súa diferencia e actualizaranse as táboas salariais de 1997, aboándolles ós operarios os atrasos correspondentes.

Artigo 4º.-Compensación e absorción.

As melloras resultantes do presente convenio serán compensadas e absorvidas ata onde chegue o cómputo anual, con aqueloutras que puidesen establecerse por disposición legal ou que se tivesen establecido pola empresa, agás que expresamente se pacte o contrario.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para resolve-las dúbidas que puidesen xurdir sobre a aplicación do convenio, constitúese unha comisión mixta composta polos vocais que interviñeron na negociación e elaboración do convenio.

Clasificación do persoal

Artigo 6º

Por disposicións legais obrigatorias e por necesidades das empresas faise necesario crear e definir novas categorías:

-Técnico titulado de laboratorio: é o que con título facultativo oficial realiza as funcións de analista de control de calidade, con responsabilidade, dependendo directamente da dirección da empresa.

-Laborante: é o productor experto en análises e traballo de laboratorio, que sen título facultativo leva a cabo as devanditas funcións ou como auxiliar do técnico titulado.

-Capataz: é o productor que ten ó seu cargo un grupo de persoas ás que dirixe e orienta na execución dos traballos dun determinado servicio.

-Peón: é o operario que executa labores para a realización dos cales se require predominantemente esforzo físico, sen necesidade de práctica operativa ningunha. Esta categoría só poderá aplicarse ó persoal contratado por tempada para carga e descarga, e non ó ingresado como fixo do cadro de persoal, como operario de embotellamento.

Xornada de traballo e vacacións

Artigo 7º

A xornada de traballo establécese en trinta e nove horas semanais de luns a venres.

A xornada de traballo máxima legal para 1997 será de 1.770 horas/anuais, distribuídas de luns a venres en cómputo semanal de trinta e nove horas, cos días máximos anuais que resulten.

O persoal de distribución e reparto mentres estea adscrito a estes traballos poderá ser excluído da xornada normal, sempre que de común acordo coa empresa se fixen as compensacións económicas para posibles variacións de xornada, tendo en conta as

especiais características que presente a distribución e o reparto.

Artigo 8º

As vacacións anuais consistirán no desfrute de 30 días naturais. O salario que se vai percibir durante o período de vacacións será o real estipulado no presente convenio. Todo o persoal poderá desfrutar dun período de 15 días de vacacións durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. Atenderase sempre á producción e á consideración da dirección, non podendo desfrutar máis de 4 productores as vacacións á vez, resultando un total de 8 productores por cada mes sinalado.

Retribucións

Artigo 9º

A retribución convida constará de:

-Salario base.

-Complementos salariais.

Os traballadores/as que teñan que acudir ó médico especialista da Seguridade Social terán dereito á percepción do seu salario polo tempo que dure o dito desprazamento.

Artigo 10º.-Salario base.

O salario base será o que se especifica na táboa de salario anexa.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Establécese un complemento de antigüidade consistente en trienios ó 4% sobre o salario base.

Artigo 12º.-Plus de carencia de incentivos.

Establécese o devengo do plus de carencia de incentivos como prima de productividade e asistencia.

O plus de carencia de incentivos consistirá na percepción por cada traballador individualmente e por día efectivamente traballado, das cantidades que constan na táboa de salarios do presente convenio por este concepto.

Artigo 13º.-Sistema de incentivos.

A empresa poderá establecer calquera outro sistema de incentivos á producción non podendo ser menores en cómputo anual ós establecidos neste convenio como plus de carencia de incentivos.

Os devanditos sistemas de remuneración por rendemento representarán como actividade normal de traballo a de 100 unidades do sistema centesimal ou 60 puntos Bedaux. A actividade óptima estará valorada en 140 unidades centesimais ou 80 puntos Bedaux.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

Consistirán en 3 pagas extraordinarias, dunha mensualidade de salario base máis antigüidade cada unha, pagadoiras o 18 de marzo, o 18 de xullo e o 18 de decembro, respectivamente.

Artigo 15º.-Xubilación.

Todo/a traballador/a afectado/a polo presente convenio poderá solicita-la xubilación ós 64 anos de idade de conformidade co establecido no acordo nacional de emprego e no Real decreto do 20 de agosto de 1981.

Artigo 16º.-Premio de xubilación.

Ó cesa-lo traballador na empresa por xubilación concederáselle unha indemnización de salario base máis antiguïdade en proporción ós seus anos de servicio na empresa de acordo coa seguinte escala:

-5 anos: dúas mensualidades.

-10 anos: tres mensualidades.

-15 anos: catro mensualidades.

-20 anos: cinco mensualidades.

-25 anos: seis mensualidades.

-De 30 en adiante: unha anualidade.

Artigo 17º.-Plus de vixilancia e garda xurado.

En concepto de perigosidade establécese un plus para os que exerzan as ditas funcións, consistente no 10% do salario base.

Artigo 18º.-Auxiliares administrativos.

Os auxiliares administrativos ós 6 anos de exerce-las ditas funcións na empresa deberán ascender á categoría de oficiais administrativos.

Artigo 19º.-Seguro de vida e accidentes.

A empresa estará obrigada a manter un seguro para todo o persoal afectado polo presente convenio que cubra as seguintes continxencias e coas seguintes indemnizacións:

-Morte por accidente: 1.500.000 ptas.

-Invalidez permanente total: 1.500.000 ptas.

-Morte por calquera outra causa: 1.000.000 de ptas.

Os beneficiarios deste seguro serán o traballador asegurado ou o cónxuxe viúvo/a e se é o caso os habentes dereito do asegurado/a. O prazo para concertar este seguro será de 30 días a partir da publicación no BOP e, en calquera caso, a partir dos tres meses de alta na empresa.

Artigo 20º.-Gratificación por matrimonio.

Tódolos traballadores cunha antigüidade de polo menos tres anos na empresa terán dereito cando casen, a unha gratificación dun mes de salario base máis antigüidade.

Artigo 21º.-Incapacidade laboral transitoria.

Cando un traballador/a se atope en situación de ILT percibirá o 100% do salario a partir da 3ª semana consecutiva en que se atope na devandita situación.

Artigo 22º.-Horas extraordinarias.

Durante a vixencia deste convenio realizaranse horas extraordinarias de carácter normal, que poderán realizarse as horas extraordinarias debidas a forza maior e as de carácter estructural.

Considéranse horas extraordinarias motivadas por causa de forza maior as traballadas e empregadas na reparación de sinistro ou as que se realicen para prevelos, e horas estructurais as que con carácter extraordinario e esporádico se efectúen no seo da empresa para cubri-la realización dun traballo que non foi posible prever nin substituír por contratación temporais ou a tempo parcial, previstas na lei.

Enviarase á delegación provincial de Traballo informe mensual da realización e motivos destas horas, e será realizado conxuntamente polos delegados e a dirección da empresa.

O incumprimento dos pactos deste artigo, así como todo o referente ó artigo 35 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, e Real decreto lei 1/1958, do 20 de agosto, considerarase unha falta grave para efectos do disposto no artigo 37 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 23º.-Desconto en nómina da cota sindical.

A empresa, logo da comunicación escrita ó traballador, procederá ó desconto na folla de salarios, da cota sindical correspondente e ingresaraa na conta bancaria que se fará constar no escrito por petición do traballador e que lle corresponde á central sindical á cal está afiliado. A dita central sindical deberá cumpri-los requisitos establecidos na Lei orgánica de liberdade sindical.

No escrito de solicitude deberán constar claramente os datos do traballador/a, a cantidade que se vai descontar, o número de conta na que se debe ingresar e a sinatura de autorización.

Artigo 24º.-Dereitos sindicais.

O comité de empresa ou delegado de persoal deberán ser informados de calquera sanción imposta a un trabalaldor antes de serlle notificada por escrito a este, estando presente, en todo caso, no momento de serlle notificada.

A empresa estará obrigada a entregarlles ós representantes a copia de cada contrato feito durante a vixencia do presente convenio. En caso de que non o fixese e incumprise algunha cláusula contractual, este pasará a ser indefinido.

Así mesmo, a empresa entregará trimestralmente informe sobre a situación económico-financeira, mercado, vendas, futuro e conta de resultados de anos anteriores, tal e como recolle a Lei 8/1980 e Lei 11/1985, considerándose falta moi grave o incumprimento das ditas normas e do estipulado no presente artigo.

Cláusula derradeira

En todo o que non estea previsto no presente convenio observarase o disposto na Regulamentación de establecementos balnearios do 3 de xuño de 1959 e na Lei 8/1980, do 10 de marzo.

O presente convenio é asinado pola empresa Aguas de Fontenova, S.A. e o representante dos traballadores/as no seo da devandita empresa, pertencente

á central sindical Confederación Intersindical Galega (CIG). Tódalas partes con capacidade legal suficiente segundo o Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, do Estatuto dos traballadores.

Rubricado

Táboa salarial para 1997

Aguas de Fontenova, S.A.

CategoríasSBPCI

-Persoal técnico
Licenciados/as titulados/as superiores136.560
Técnicos/as titulados/as117.756
Peritos e asimilados/as117.756

-Non titulados
Encargado/a xeral117.756
Encargado/a de sección110.233

-Persoal administrativo
Xefe/a de 1ª113.9671.504
Xefe/a de 2ª contable-caixeiro/a81.4181.504
Oficial de 1ª81.4181.124
Oficial de 2ª81.4181.001
Auxiliar81.418698

-Persoal mercantil
Xefe/a de vendas117.756
Inspector/a de vendas81.4181.124

-Persoal obreiro
Capataz81.4181.124
Operario/a de embotellamento81.418698
AprendizS.M.I.698

-Oficios varios
Oficial de 1ª81.4181.091
Conductor/a-repartidor/a81.4181.091
Oficial de 2ª81.4181.001
Oficial de 3ª81.4181.001
Axudante81.418698
Conductor/a81.418698
Laborante81.418698

-Persoal subalterno
Peón76.618698
Almacenista76.618698
Ordenanza-cobrador/a76.618698
Ordenanza76.618698
Vixilante76.618698
Porteiro/a e conserxe76.618698
Telefonista76.618698
Xardineiro/a76.618698
Limpador/a76.618698

1763