Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Martes, 17 de marzo de 1998 Páx. 2.630

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 82/1998, do 5 de marzo, de asunción da ampliación de funcións, servicios e medios traspasados polos reais decretos 2166/1994, do 4 de novembro, e 2397/1996, do 22 de novembro, en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, transferida á Comunidade Autónoma de Galicia, mediante Real decreto 233/1998, do 16 de febreiro, e a súa asignación á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Polo Real decreto 233/1998, do 16 de febreiro, levouse a cabo a ampliación de funcións, servicios e medios traspasados polos reais decretos 2166/1994, do 4 de novembro e 2397/1996, do 22 de novembro, á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza.

En consecuencia, procede pois asumir de forma expresa tales funcións, servicios e medios, que se consignan no Real decreto 233/1998, nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias e asignárllelos ós órganos correspondentes da Comunidade Autónoma.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de marzo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Quedan asumidas as funcións e servicios, así como os bens, dereitos e obrigas, persoal e créditos orzamentarios traspasados pola Administración do Estado á Comunidade Autonóma de Galicia en virtude do Real decreto 233/1998, do 16 de febreiro, en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de Xustiza nos termos e condicións especificados no acordo da comisión mixta de transferencias do 23 de xaneiro de 1998, que se pública como anexo do citado real decreto.

Artigo 2º

1. Asígnanse á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais as funcións, servicios e medios asumidos de conformidade co disposto no artigo anterior.

2. Os órganos da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais exercerán as atribucións que lles correspondan conforme as normativas que regulen a súa estructura.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do presente decreto e para adopta-las medidas precisas para a plena efectividade e executividade práctica das funcións traspasadas.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de marzo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

2189