A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da Xerencia de Promición do Camiño de Santiago, no uso das súas competencias e, baseándose no artigo 86 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro de 1992) e no artigo 5 da Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago (DOG nº 101, do 23 de maio de 1996),
ACORDA:
Primeiro.-Someter á información pública a delimitación e deslindamento, como Camiño de Santiago, da Ruta Marítima de Peregrinación do Mar de Arousa e Ulla, na súa fase inicial referida ó trazado da devandita ruta.
Segundo.-O expediente estará exposto durante o prazo de dous meses contados a partir da publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia, nas dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo das provincias de Pontevedra e A Coruña, nos servicios centrais que a consellería ten no edificio administrativo San Caetano, bloque 5, de Santiago de Compostela, así como nos concellos afectados polo devandito camiño:
-Provincia da Coruña: Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro, Padrón, Rois, Teo, Ames e Santiago de Compostela.
-Provincia de Pontevedra: O Grove, Sanxenxo, Meaño, Cambados, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Vilagarcía de Arosua, Catoira, Valga e Cesures.
Por non tratarse dunha resolución firme de delimitación e deslindamento, contra este acordo non cabe interpoñer ningún recurso, aínda que os interesados, segundo o establecido nos artigos 86 e 107 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro de 1992), poderán realiza-las alegacións que consideren oportunas para opoñerse a el, sen prexuízo da posibilidade de impugna-la resolución que, no seu día, poña fin a este procedemento.
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 1998.
Andrés González Murga
Secretario xeral da Consellería de Cultura,
Comunicación Social e Turismo