Ponse en coñecemento dos interesados na concentración parcelaria da zona de Bama (Touro-A Coruña), declarada de utilidade pública e urxente execución por Decreto 93/1989, do 18 de maio (DOG nº 107, do 6 de xuño de 1989).
Primeiro.-Con data do 16 de outubro de 1997, o director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural aprobou o acordo de concentración da zona de Bama (Touro-A Coruña), logo de introducir no proxecto as modificacións oportunas á vista do resultado da enquisa deste último.
Segundo.-O acordo de concentración estará exposto ó público no Concello de Touro e na zona, durante trinta días hábiles, contados desde o seguinte ó da última publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no BOP, no xornal de máis circulación da provincia, no lugar habitual da parroquia e no taboleiro de anuncios do concello.
Terceiro.-No prazo de trinta días que se di, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, podendo os recurrentes presenta-lo recurso na Xefatura de Servicio de Estructuras e Desenvolvemento Rural (edificio administrativo de Monelos, s/n, 6ª planta, A Coruña), nas oficinas centrais da consellería (San Caetano, s/n, Santiago de Compostela) ou en calquera das dependencias ás que fai referencia o artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, por si mesmos ou por representación, facéndose constar no escrito un enderezo dentro do termo municipal para os efectos das notificacións que procedan.
Advírtese, ademais, que o acordo de concentración parcelaria só poderá ser obxecto de recurso de alzada se se infrinxen as formalidades prescritas para a súa elaboración e publicación ou se non se axustase ás bases (artigos 36, 38, 40 e 41 da Lei de concentración parcelaria para Galicia, do 14 de agosto de 1985).
A Coruña, 16 de xaneiro de 1998.
Rodolfo M. Rodríguez González
P.O.
Xefe de Servicio de Estructuras
e Desenvolvemento Rural
Vº e prace
Rogelio del Valle Muñoz-Cobo
Delegado provincial da Coruña