Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Xoves, 05 de febreiro de 1998 Páx. 1.082

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 36/1998, do 15 de xaneiro, polo que se desafecta unha franxa de terreo de 1.875 m de longo por 4 m de largo que forma parte do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, termo municipal de Abegondo (A Coruña).

A execución das obras do proxecto de gasoducto ramal da Coruña están declaradas de utilidade pública mediante a Lei 10/1987, do 15 de maio, de disposicións básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións en materia de combustibles gasosos.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria informou favorablemente a desafectación dunha franxa de terreo de 1.875 m de longo por 4 m de largo que forma parte do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, termo municipal de Abegondo (A Coruña) para efectos de constituír sobre esta unha servidume para a conducción do gasoducto ramal da Coruña.

O artigo 10.2º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia sinala que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma debe facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo da instrucción do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, e por instancia da consellería interesada.

Na súa virtude por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de xaneiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctase do dominio público unha franxa de 1.875 m de longo por 4 m de largo aproximadamente, segundo os planos incorporados no expediente, do predio do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo sita no lugar de Mabegondo, termo municipal de Abegondo (A Coruña).

Artigo 2º

A franxa de terreo anteriormente descrita adquire natureza patrimonial.

Santiago de Compostela, quince de xaneiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

475