O Pleno da Corporación Municipal de Sanxenxo, reunido en sesión ordinaria o día 17 de novembro de 1997 acordou a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia, dun terreo de 6.895 m na zona de Baltar do concello de Sanxenxo, para a construcción dun centro de educación secundaria.
Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo
Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles exceda o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para dá-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Sanxenxo acordou a cesión, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de xaneiro de mil novecentos noventa e oito,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Acéptase a cesión gratuíta dun terreo de 6.895 m situado na zona de Baltar, do concello de Sanxenxo que linda ó norte, con terreo de propiedade municipal no que se atopa situado o pavillón polideportivo; sur, terreo municipal; leste e oeste, con vía pública.
O inmoble descrito atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Cambados, no tomo 430, folio 48 do libro 65 de Sanxenxo, predio nº 6.185, inscrición 1ª.
Artigo 2º
O inmoble cedido destinarase á construcción dun centro de educación secundaria na zona de Baltar (Sanxenxo).
Artigo 3º
A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e a inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.
Disposición derradeira
A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.
Santiago de Compostela, quince de xaneiro de mil novecientos noventa e oito.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
José Antonio Orza Fernández
Conselleiro de Economía e Facenda
828