Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Mércores, 21 de xaneiro de 1998 Páx. 540

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 29 de decembro de 1997 pola que se lle outorga á Depuradora de Mariscos de Lorbé, S.A. (Demarlosa), permiso de actividade para centro de expedición en Lorbé-Oleiros (A Coruña).

Visto o expediente iniciado por instancia de Juan José Sánchez Arévalo, como representante da empresa Demarlosa, no que solicita permiso de actividade para centro de expedición nas instalacións que a citada empresa posúe en Lorbé-Oleiros, autorizadas como estación depuradora.

Tendo en conta que se procedeu á súa tramitación de acordo coa Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia (DOG nº 101), co Decreto 193/1997, de 5 de xuño, polo que se determinan as condicións para o outorgamento do permiso de actividade para os establecementos de cultivos mariños e auxiliares, situados na zona terrestre (DOG nº 142) e demais lexislación concordante.

Vistos os informes que constan no expediente, así como a proposta da Delegación Territorial da Coruña do 16 de abril de 1997, logo do informe do Servicio Técnico Xurídico, esta consellería,

RESOLVE:

Outorgarlle á Depuradora de Mariscos de Lorbé, S.A. (Demarlosa), NIF A-15015571, permiso de actividade para a posta en funcionamento e explotación dun centro de expedición, nas instalacións autorizadas á citada empresa como estación depuradora por Decreto da Dirección Xeral de Pesca Marítima do 3 de abril de 1969, no lugar de Lorbé, concello de Oleiros (A Coruña).

Baixo as seguintes condicións:

Primeira: o permiso de actividade, que terá vixencia desde a publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia ata o 3 de abril de 1999, poderá ser prorrogado discrecionalmente, por prazos iguais ós da estación depuradora, por petición do interesado presentada nos sesenta días anteriores ó fin da vixencia.

Segunda: a presente autorización non implica modificacións na estructura, distribución da nave, nin do dominio público marítimo-terrestre ocupado, sinalados na orde de outorgamento da estación depuradora.

Terceira: o permiso de actividade a que se refire esta orde extinguirase nos casos previstos no artigo

72 da Lei 6/1993, do 11 de maio, e no artigo 6 do Decreto 193/1997, do 5 de xuño, sinalados.

Cuarta: o establecemento cumprirá as condicións establecidas no Real decreto 308/1993, do 26 de febreiro (BOE nº 76) polo que se aproba a regulamentación técnico sanitaria que fixa as normas aplicables á comercialización de moluscos bivalvos vivos e demais lexislación aplicable a este tipo de establecementos.

Quinta: o outorgamento do permiso de actividade non exime o seu titular da obtención das licencias, permisos e autorizacións que de acordo coa lexislación vixente sexan procedentes.

Sexta: o interesado xustificará o aboamento á Facenda Pública do imposto que grava as concesións e autorizacións administrativas (transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados), ou acreditará a declaración de non estar suxeito a tal imposto, feita pola Delegación de Facenda ou da oficina liquidadora correspondente.

Contra a presente resolución, que é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous (2) meses, que se contarán a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xusticia de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 1997.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

139