Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Mércores, 21 de xaneiro de 1998 Páx. 517

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 1997, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se lle dá publicidade ó laudo dictado no procedemento extraxudicial de solución de conflictos, conforme o establecido no acordo Interprofesional galego de solución de conflictos de traballo (AGA), para a solución dun conflicto xurdido entre a empresa Editorial Compostela, S.A. e os traballadores do servicio de composición do Diario Oficial de Galicia.

En cumprimento do artigo 2 f) do Real decreto 1040/1981, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo faise público o laudo dictado no procedemento de solución de conflictos, conforme o establecido no acordo Interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), para soluciona-las discrepancias xurdidas entre a empresa Editorial Compostela, S.A. (El Correo Gallego) e os traballadores contratados pola anterior empresa adxudicataria do servicio de composición do Diario Oficial de Galicia, sobre se opera ou non a subrogación empresarial respecto dos traballadores do servicio de composición do Diario Oficial de Galicia.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do dito laudo arbitral no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 1997.

María José Cimadevila Cea

Directora xeral de Relacións Laborais

Laudo arbitral

Carlos Domenech de Aspe, designado árbitro na acta de compromiso arbitral do 26 de novembro de 1997 subscrita polas representacións da empresa El Correo Gallego e dos traballadores do servicio de composición do Diario Oficial de Galicia, con

base no establecido no acordo Interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), visto o expediente e oídas as alegacións das partes, dicta o presente laudo.

-Antecedentes.

Os traballadores prestan servicios, nos locais e con maquinaria facilitada pola Xunta de Galicia, na elaboración do Diario Oficial de Galicia, mantendo relación laboral coa empresa Distribuidora Gallega de Publicaciones, S.L. coa que teñen subscrito contrato de traballo «para obra ou servicio determinado».

O 17 de novembro de 1997 a empresa Distribuidora Gallega de Publicaciones, S.L., remítelles ós productores un escrito, nos seguintes termos: «En cumprimento do establecido no Estatuto dos traballadores artigo 49.1º apartado C, pola presente notifícolle que o contrato de traballo «por obra ou servicio determinado», celebrado ó abeiro do Real decreto lexislativo 2104/1984, que regula a súa vinculación laboral con esta empresa rematará o próximo día 2-12-1997 por cumprimento do obxecto que o motivou, recollido na cláusula sétima do citado contrato, ó non renovar esta empresa a contratación administrativa para a elaboración do DOG.

Desde esa data terá ó seu dispor a correspondente liquidación que poderá percibir nas oficinas desta empresa.

O que lle comunico mediante a presente e para os efectos oportunos, asemade que se lle agradecen os servicios prestados durante a súa permanencia nesta empresa».

A empresa Editorial Compostela, S.A. (El Correo Gallego) resulta adxudicataria, por resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 13 de novembro de 1997, como consecuencia de concurso público convocado, da «contratación de asistencia técnica que ten por finalidade a composición, impresión, publicación e distribución do Diario Oficial de Galicia».

No prego de prescricións técnicas e para a composición sinálase expresamente: «A composición será efectuada por persoal da empresa adxudicataria nas dependencias da Consellería da Presidencia e Administración Pública no edificio central de San Caetano. O equipo de traballo estará integrado por doce persoas (catro teclistas, un teclista/corrector e tres teclistas-montadores, todos expertos no procesador de textos paglex, e ademais tres correctores e un administrativo) e será responsable do peche e de cumpri-las especificacións recibidas».

Efectuada reunión entre os representantes da empresa adxudicataria e dos «traballadores do servicio de composición do Diario Oficial de Galicia» chégase, o día 25 de novembro de 1997, ó seguinte acordo:

«1) Tódolos/las traballadores/as do devandito servicio pasarán, a partir do día 3 de decembro, a seren

traballadores de El Correo Gallego por se-la nova empresa adxudicataria del.

2) El Correo Gallego respectará tódalas condicións socioeconómicas que na actualidade teñen os traballadores (salarios, categorías, etc).

3) Dada a falta de acordo en canto a se debe opera-la subrogación, ámbalas dúas partes deciden someter esta cuestión ó servicio do AGA, do Consello Galego de Relacións Laborais, co fin da súa resolución definitiva.

4) En caso de que o árbitro-mediador entendese que non opera a subrogación, as cantidades percibidas polos traballadores, en concepto de antigüidade, continuarán sendo percibidas pero con outra denominación, en concreto: «plus posto de traballo».

O árbitro convoca as partes, comparecendo en data 1 de decembro de 1997, coa asistencia de Pilar Cancela, asesora do Consello Galego de Relacións Laborais: Antonio Castro e Manolo Cea en representación de Editorial Compostela, S.A., Ramiro Oubiña en representación da Confederación Intersindical Galega e Elisa González representante dos traballadores do servicio de composición, expoñéndolle ó árbitro o punto de desacordo e formulando as alegacións que estimaron convenientes.

-Consideracións e fundamentos xurídicos.

A cuestión sometida a arbitraxe céntrase fundamentalmente en determinar se debe opera-la subrogación empresarial, ó pasa-los traballadores á nova empresa adxudicataria do servicio de composición do Diario Oficial de Galicia, o que levaría a determinar previamente se é de aplicación o artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, do Estatuto dos traballadores que sinala: «O cambio da titularidade da empresa, centro de traballo ou dunha unidade productiva autónoma dela, non extinguirá por si mesmo a relación laboral quedando o novo empresario subrogado nos dereitos e obrigacións laborais do anterior».

Unha primeira visión literal e xurisdiccional levaranos directamente a unha contestación afirmativa baseada na primacía da estabilidade no traballo, partindo do principio de que o traballador se vincula á explotación en que presta servicios, calquera que sexa o seu titular, e non á persoa do empresario que o contratou (TS sentencias do 16-9-1989, 16-5-1990 e 21-3-1992).

Sen embargo, neste caso, atopámonos perante o suposto especial dunha sucesión nunha contrata administrativa que tivo diverso tratamento na interpretación da aplicación do artigo 44.1º do Estatuto dos traballadores.

En efecto, partindo dunha aceptación da subrogación empresarial nos casos de sucesión de contratas ou concesións administrativas, despois dunha etapa de negación da súa aplicación durante a vixencia do artigo 79 da Lei de contrato de traballo, poderase dicir que a continuidade dunha actividade

empresarial a cargo dun novo titular, impón a continuidade dos contratos de traballo cando exista transmisión de elementos técnico-productivos organizados (TS, sentencia do 10-5-1991), chegando, nalgún caso a considera-la condición dos traballadores de fixos de centro de traballo (TS, sentencia do 27-10-1983) ou determinar algunha sentencia a súa aplicación con carácter xeral: «O artigo 44 ET debe aplicarse na súa literalidade, cando a sucesión da actividade empresarial dotada de autonomía productiva xorde dun cambio de concesionario administrativo, xa que se está en presencia do da titularidade na prestación do servicio público, determinante da condición de empregador respecto dos que traballan nel. A interposición do organismo público do concurso ou trámite que procede para o outorgamento da concesión administrativa con suxeición ás normas desta natureza non deben constituír atranco ó cumprimento do artigo 44 ET, dado que este non é incompatible con tales peculiaridades nin a súa

aplicabilidade esixe que a novación contractual subxectiva xurda do acordo directo entre ámbolos sucesivos empresarios» (TSX Cantabria, sentencia do 8-1-1990).

Despois da aplicación de criterios distintos, chegouse a unha uniformidade de considerar que, para que sexa de aplicación a sucesión empresarial nos casos de sucesión temporal de contratas prestatarias de servicios para as administracións públicas, cómpre que concorra algunha das seguintes circunstancias: que se recolla expresamente en convenio colectivo, que se prescriba no prego de condicións ou que exista transmisión de elementos organizativos ou patrimoniais (TS, sentencias, entre outras, do 5-4-1993, 14-12-1994, 23-1-1995 ou 9-2-1995). Por isto, cómpre, para opera-la subrogación, que, en defecto de norma sectorial aplicable e carencia de mención expresa no prego de condicións, a nova concesión leve aparellada a entrega ó concesionario da infraestructura ou organización empresarial básica para a explotación do servicio.

Pois ben, no caso concreto sometido a arbitraxe, cómpre examinar se concorreu algún destes elementos ou se, pola contra, pode considerarse extinguida a relación laboral dos traballadores coa empresa anterior e iniciada unha relación laboral nova co actual concesionario.

Partindo da carencia de norma sectorial aplicable, neste punto, á sucesión de contratos, si existe referencia no prego de condicións a que o equipo de traballo estará formado por 12 persoas detallándose as funcións e coñecementos requiridos en cada caso. Sen embargo, e aínda que as partes, na comparecencia recoñeceron que implicitamente se refería ós traballadores xa existentes no servicio (mesmo se rectificou o número posteriormente xa que non fora tido en conta un productor), non existe mención expresa á necesidade da incorporación de traballadores concretos.

Xa que logo, o que resulta determinante para a decisión, en canto á existencia de subrogación, é a posible sucesión nos elementos organizativos ou patrimoniais así como a vontade das partes na determinación das condicións da relación laboral. Cómpre clarexar se se pode estar ante unha unidade productiva autónoma, nos termos do artigo 44 do Estatuto dos traballadores e, por iso, se se trata dunha simple novación subxectiva do empresario cunha transmisión de infraestructura productiva e non dunha mera continuidade de actividades xa que operará a subrogación cando a nova concesión «leve aparellada a entrega ó concesionario da infraestructura ou organización empresarial básica para a explotación do servicio» (TS, sentencia do 5 de abril de 1993). «A actividade empresarial precisa un soporte patrimonial mínimo que lle sirva de substrato ó seu labor independente, por iso cambio de titularidade dunha parte da actividade da empresa, require en canto unidade productiva autónoma, segundo a

expresión do artigo 44.1º que se realice a transmisión dese mínimo patrimonial» (TS, sentencia do 25 de outubro de 1996).

Examinando este caso, dedúcese da documentación e a implícita admisión das partes nas súas manifestacións na comparecencia, que, se ben a concesión comprende a composición, impresión, publicación e distribución do Diario Oficial de Galicia, a primeira das actividades, a «composición», ten un tratamento específico. Así concrétase así mesmo no prego de prescricións técnicas ó establece-lo lugar onde debe realizarse, o número de persoas e as súas funcións que deben integralo e o equipo que será entregado pola Administración e, se ben non hai unha literal e directa transmisión patrimonial da anterior concesionaria, si constitúe un servicio diferenciado con adscrición de persoal, medios e locais propios.

Este criterio é claramente ratificado polo recoñecemento da nova adxudicataria nas reunións mantidas cos representantes dos traballadores do «servicio de composición do Diario Oficial de Galicia» segundo consta na acta do 25 de novembro de 1997 que, por outra parte, recoñece a continuidade cando, no seu punto 1), di que «pasarán, a partir do día 3 de decembro, a ser traballadores de El Correo Gallego por se-la nova adxudicataria del (do servicio)», polo que sen prexuízo do lóxico cesamento da relación laboral coa empresa anterior, se produce a asunción, sen interrupción, dos traballadores deste servicio.

Pero, independentemente da consideración de unidade productiva autónoma, debe examinarse a vontade inequívoca das partes de considera-la existencia da sucesión de empresas no respecto completo ás condicións laborais dos traballadores do servicio que leva, incluso, á posibilidade de cambio do concepto da antigüidade para mante-la contía cando na acta se expresa: «En caso de que o árbitro-mediador entendese que non opera a subrogación, as

cantidades percibidas polos traballadores, en concepción de antigüidade, continuarán a ser percibidas pero con outra denominación, en concreto: «plus posto traballo».

Por tódalas consideracións apuntadas dicta a seguinte,

RESOLUCIÓN:

Procede estimar que opera a subrogación, conforme o artigo 44.1º do Estatuto dos traballadores, polo que a empresa Edicións Correo, S.A. (El Correo Gallego) deberá subrogarse nos dereitos e obrigas da empresa concesionaria anterior en relación coas condicións laborais dos traballadores do servicio de composición do Diario Oficial de Galicia.

Este laudo poderá ser impugnado ante a xurisdicción social, de acordo co punto 5 do artigo 24 do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo.

Dado en Santiago de Compostela o 9 de decembro de 1997.

Carlos Domenech de Aspe

Árbitro

9439