Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Martes, 20 de xaneiro de 1998 Páx. 455

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 14/1998, do 15 de xaneiro, polo que se establece a nova composición do Consello Asesor de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

A Lei 12/1993, do 29 de xullo, de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia (DOG do 23 de agosto de 1993), crea no artigo 14 o Consello Asesor de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, e determina que estará composto por un presidente, un secretario e os vocais que representen ás universidades, á Comunidade Autónoma e ós axentes sociais do modo que regulamentariamente se determine.

No artigo 15 da Lei 12/1993, establécense entre as funcións do Consello Asesor de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, as de propoñerlle obxectivos para a súa incorporación ó Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, propoñerlle á Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (CICETGA) a incorporación ó plan daqueles programas que considere importantes e a de emitir informe sobre o anteproxecto do plan, así como calquera outro que lle sexa requirido pola CICETGA de cara á elaboración da memoria anual.

O Decreto 347/1997, do 9 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Xunta de Galicia, fai necesario que se modifique o Decreto 141/1995, do 10 de maio, polo que se establece a composición do Consello Asesor de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

Fixada polo Decreto 483/1997, do 26 de decembro, a nova composición da Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia, procede agora establece-la composición do Consello Asesor de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de xaneiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Consello Asesor de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico estará composto por un total

de 17 membros: un presidente, os tres rectores das universidades de Galicia, tres representantes da Administración autonómica, o delegado do Consello Superior de Investigacións Científicas de Galicia, catro representantes dos axentes sociais, catro representantes de recoñecido prestixio no ámbito da IDT e un secretario; todos eles serán nomeados por decreto do Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 2º

O presidente do Consello Asesor de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico será nomeado entre investigadores de recoñecido prestixio, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 3º

Vocais:

1. Os rectores das universidades de Galicia ou persoa en quen deleguen.

2. Tres representantes da Administración autonómica:

a) O secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento.

b) O secretario xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública na súa condición de vicepresidente da Comisión de Secretarios Xerais.

c) O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica.

3. O delegado do Consello Superior de Investigacións Científicas de Galicia.

4. Catro representantes das organizacións empresariais e sindicais:

a) Dous serán propostos polas organizacións sindicais que teñan a consideración de máis representativas dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma, de conformidade coa normativa vixente.

b) Dous serán representantes polas organizacións empresariais de maior implantación en Galicia.

5. Catro representantes de recoñecido prestixio no ámbito da IDT propostos polo presidente da Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia.

Artigo 4º

O secretario do Consello Asesor de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico será o subdirector xeral do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

Artigo 5º

O mandato dos vocais sinalados nos apartados 4 e 5 do artigo 3º será de catro anos renovables por unha soa vez. No suposto de cesamento dalgún deles antes de finaliza-lo dito período, o seu substituto será nomeado para o tempo que reste para a finalización do mandato.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las disposicións necesarias de desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de xaneiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública