Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Martes, 20 de xaneiro de 1998 Páx. 454

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 13/1998, do 8 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos.

Creada a Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos mediante Decreto 350/1997, do 10 de decembro, polo que se determinan os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, procede determina-la estructura orgánica e funcional desta secretaría xeral, atendendo ós principios de economía e eficacia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, logo do informe das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda, no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de xaneiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1.1. A Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos é o centro directivo encargado de executa-la política xeral da Xunta de Galicia en materia das relacións institucionais cos medios informativos e da publicidade e a imaxe institucional da Xunta de Galicia.

1.2. A Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos dependerá funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 2º

Correspóndelle á Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos o exercicio das seguintes funcións:

a) As competencias da Xunta de Galicia en materia de relación cos medios informativos así como o exercicio das competencias ás que fan referencia os

números 2 e 3 do artigo 34, no relativo á prensa, e número 31 do artigo 27, no que se refire á publicidade, ámbolos dous do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) As relacións cos medios informativos e a direccción e coordinación dos gabinetes de comunicación da Xunta de Galicia e da Presidencia desta.

c) O deseño e a realización da publicidade institucional da Xunta de Galicia.

d) A preparación da normativa referente ós medios informativos e á publicidade.

e) A tramitación de expedientes relativos a subvencións, bolsas e axudas ós medios de comunicación.

f) A execución do orzamento da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos.

g) A realización de estudios e, se é o caso, a súa coordinación sobre materias relativas a tódolos sectores da información.

h) Queda adscrita a esta secretaría a Comisión Coordinadora de Publicidade da Xunta de Galicia, creada polo Decreto 417/1990, do 31 de xullo.

Artigo 3º

A Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos para o exercicio das súas funcións e competencias contará coas seguintes unidades administrativas:

1. Gabinete para as Relacións cos Medios Informativos:

O Gabinete para as Relacións cos Medios Informativos proverase por persoal eventual. As súas funcións serán as seguintes:

a) Tódalas derivadas da relación cos medios informativos en tódalas materias que afecten á Presidencia da Xunta de Galicia.

b) A coordinación da comunicación interdepartamental da Xunta de Galicia.

c) Xestionar e dirixi-las actividades que ten encomendadas o Club Internacional de Prensa de Galicia.

d) Deseñar e planifica-la política de imaxe e publicidade da Xunta de Galicia, dirixindo e coordinando as campañas institucionais.

2. Servicio de Coordinación Administrativa e Xestión Orzamentaria.

Exercerá as funcións de execución do orzamento da secretaría, réxime interior, xestión e tramitación dos expedientes relacionados coas competencias dela.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las normas complementarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xaneiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública