Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Martes, 20 de xaneiro de 1998 Páx. 452

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 12/1998, do 8 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

O Decreto 350/1997, do 10 de decembro, polo que se determina a estructura orgánica dos centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia crea a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento. Neste momento procede determina-las funcións e competencias que terá encomendadas esta secretaría xeral, tendo en conta os criterios de economía, eficacia e organización.

Na súa virtude, de conformidade co disposto na Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei de Galicia 11/1988, do 20 de outubro, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, logo de informe favorable das consellerías da Presidencia e Administración Pública e Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de xaneiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento terá rango de dirección xeral e dependerá funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 2º

Correspóndelle á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento o exercicio das seguintes funcións:

a) A ordenación, a planificación e a execución de competencias en materia de fomento da investigación en relación coas que lle correspondan segundo o disposto no artigo 27.19º do Estatuto de autonomía; a Lei estatal 13/1986, do 14 de abril, de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica; a Lei de Galicai 12/1993, do 29 de xullo, de fomento da investigación e de desenvolvemento tecnolóxico, así como as disposicións dictadas no seu desenvolvemento.

b) A elaboración da proposta, e, se é o caso, execución, de plans específicos de apoio á formación e actualización do persoal investigador.

c) O fomento e coordinación das actuacións destinadas á dotación de infraestructuras de apoio á investigación en Galicia.

d) A coordinación dos recursos da investigación, as accións de expansión da comunidade científica, a promoción da consecución da calidade total no sistema ciencia-tecnoloxía-sociedade e o desenvolvemento dos servicios comúns de apoio á comunidade científica.

e) As relacións cos órganos nacionais e internacionais de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

f) O desempeño das accións precisas para a difusión de coñecementos, información e promoción da ciencia e tecnoloxía.

g) O coñecemento e coordinación da marcha das investigacións, dos programas e dos proxectos nos que participan os centros e institucións de Galicia.

h) A elaboración de estatísticas sobre a investigación e desenvolvemento tecnolóxico levada a cabo na Comunidade Autónoma galega, sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística.

i) A presidencia do Consello de Administración da Sociedade Anónima Centro de Supercomputación de Galicia.

j) A utilización da rede de ciencia e tecnoloxía de Galicia (Recetga), con capacidade para deseñar modificacións e ampliacións, en colaboración coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 3º

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento contará coas seguintes unidades administrativas para o exercicio das súas funcións e competencias:

3.1. Secretaría Xeral do Plan Galego de Investigación e Desevolvemento Tecnolóxico. Correspóndelle á devandita secretaría, con nivel orgánico de subdirección xeral, as seguintes funcións:

a) O apoio á secretaría xeral na coordinación dos recursos da investigación, nas accións de expansión da comunidade científica, nos asuntos relacionados coa consecución da calidade total no sistema ciencia-tecnoloxía-sociedade, no desenvolvemento dos servicios comúns de apoio á comunidade científica e nas relacións cos órganos nacionais e internacionais de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

b) O apoio ós órganos previstos na Lei de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

c) A asistencia á Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (Cicetga).

d) A redacción do anteproxecto do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico seguindo as directrices impartidas pola secretaría xeral.

e) O rexistro administrativo de centros e institucións de investigación e investigadores.

f) O apoio á secretaría xeral no desempeño das accións precisas para a difusión de coñecementos, información e promoción da ciencia e tecnoloxía.

g) O coñecemento da situación das investigacións e programas e dos proxectos nos que participan os centros e institucións de Galicia.

h) O apoio á secretaría xeral na elaboración dos datos estatísticos no referente ó fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico, sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística, na elaboración dos anteproxectos de disposicións e a proposta de resolución dos recursos administrativos no seu ámbito competencial, e no seguimento, apoio e asesoramento nas tarefas derivada da Lei de fomento á investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia e do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

i) A elaboración e o seguimento da proposta de financiamento e valoración económica do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (IDT), así como a xestión do orzamento e a contratación administrativa da secretaría xeral.

j) Cantos outros asuntos lle encomende a secretaría xeral no ámbito das súas competencias.

3.2. Para o desenvolvemento destas competencias contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

3.2.1. Servicio de Organización do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

Correspóndelle, baixo a dirección da Secretaría Xeral do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, o exercicio das seguintes funcións:

-Face-la xestión administrativa das funcións encomendadas á secretaría xeral pola Lei de fomento da investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

-Face-lo seguimento da execución e do financiamento dos programas de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, co obxecto de cuantifica-lo grao do seu cumprimento e do nivel de execución do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

-Xestiona-la creación e face-lo seguimento dos centros tecnolóxicos.

-Establece-la conexión co CESGA actualizándolle o banco de datos no que afecta á elaboración informatizada das estatísticas de investigación do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

-Preparar e face-lo seguimento do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico co obxecto de contrasta-la calidade total no sistema ciencia-tecnoloxía.

-Preparar e face-lo seguimento e xestión dos convenios que afecten ás funcións da secretaría xeral.

-Calquera outra función que, en relación coas súas competencias, lle sexa encomendada.

3.2.2. Servicio de Expansión da Comunidade Científica.

Correspóndelle, baixo a dirección da Secretaría Xeral do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, o exercicio das seguintes funcións:

-Face-lo desenvolvemento das liñas de cooperación nacional e internacional en investigación e desenvolvemento tecnolóxico, promovendo a cooperación tecnolóxica.

-Preparar, executar e face-lo seguimento das accións encamiñadas a estimula-la transferencia de tecnoloxía á industria e ás empresas.

-Face-lo seguimento da información e programa-la presencia da Xunta de Galicia nas feiras nacionais e internacionais de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, favorecendo a transferencia de tecnoloxía.

-Preparar e face-lo seguimento dos convenios que afecten a publicación da Revista Galega de Cooperación Científica e as accións de intercambio coa comunidade científica.

-Establece-la conexión co CESGA, actualizándolle o banco de datos no que afecta ás redes nacionais e internacionais de investigadores.

-Preparar, controlar, executar e face-lo seguimento dos convenios de expansión que se tramiten.

-Calquera outra función que, en relación coas súas competencias, lle sexan encomendada.

3.2.3. Servicio de Promoción Xeral da Investigación.

Correspóndelle, baixo a dirección da subdirección xeral, o exercicio das seguintes funcións:

-Controlar, executar e face-lo seguimento das accións de promoción xeral da investigación, de apoio á formación e actualización do persoal investigador que ten encomendadas, prestándolle asistencia á Comisión de Selección de Política Científica.

-Avalia-las accións de promoción da investigación que lle están encomendadas.

-Preparar e face-lo seguimento dos convenios que afectan ás súas funcións e das accións que se deriven deles.

-Calquera outra función que, en relación coas súas competencias, lle sexa encomendada.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xaneiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública