Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Martes, 20 de xaneiro de 1998 Páx. 456

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 15/1998, do 15 de xaneiro, polo que se modifica a disposición adicional do Decreto 316/1990, do 8 de xuño, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia.

Dentro do labor de coordinación que se vén desenvolvendo no campo das publicacións dos distintos departamentos da Xunta de Galicia, parece conveniente estender esta coordinación a tódalas publicacións unitarias con menos de cincuenta páxinas, polo que cómpre incluí-los folletos, os carteis e as follas soltas, que ata agora quedaban exentos no apartado b da disposición adicional do Decreto 316/1990, dentro do ámbito de aplicación do decreto que regula as publicacións da Xunta de Galicia (DOG do 16 de xuño e corrección de erros: DOG do 6 de xullo).

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do quince de xaneiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-A disposición adicional do Decreto 316/1990, do 8 de xuño, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia, quedará redactado do seguinte xeito:

«Disposición adicional

1. Quedan exentos do ámbito de aplicación deste decreto as publicacións periódicas.

2. Non obstante o disposto no número anterior, as consellerías presentaranlle ó Consello Coordinador de Publicacións a programación semestral das publicacións ás que fai referencia o número 1 desta disposición adicional, conforme co que se establece no artigo 2.b.».

Disposicións adicionais

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las disposicións

necesarias para a execución do disposto no presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de xaneiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública