Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Xoves, 15 de xaneiro de 1998 Páx. 329

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 12 de xaneiro de 1998 sobre delegación de competencias no secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente.

A actividade administrativa da Consellería de Medio Ambiente leva consigo unha concentración de funcións no seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias no secretario xeral da consellería sen esquece-lo debido respecto ós principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse no secretario xeral as seguintes competencias:

a) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que estean atribuídos ó titular da consellería.

b) Autorizar e dispoñe-los gastos xerais dos servicio da Consellería de Medio Ambiente, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, solicitando da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos.

c) As funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas ó titular da consellería pola lexislación vixente.

d) A designación das comisións de servicio, con dereito a indemnización, prevista no artigo 4 do Decreto 299/1990, do 24 de maio, de todo o persoal dependente da Consellería de Medio Ambiente.

e) As facultades que lle corresponden ó conselleiro en materia de persoal, agás as reservadas legalmente á competencia exclusiva daquel.

f) A disposición de canto concirne ó réxime interno da consellería cando non sexa competencia do conselleiro ou doutra dirección xeral.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia, e consideraranse dictadas pola autoridade que a conferiu.

Artigo 3º

En calquera momento, o conselleiro poderá reclama-lo exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das que quedan excluídas, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 42.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Artigo 4º

En caso de ausencia ou enfermidade do secretario xeral, as atribucións contidas na presente orde quedarán delegadas nos directores xerais seguindo a orde de prelación establecida no decreto que, en cada momento, regule a estructura orgánica da consellería, durante o tempo que persistan as devanditas causas.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 1998.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

98-220