Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 31 de decembro de 1997 Páx. 12.634

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

ENTE PÚBLICO PORTOS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 1997 pola que se fai público o acordo do 30 de setembro de 1997, da Comisión Galega do Medio Ambiente, polo que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto do porto náutico-deportivo de Sanxenxo, termo municipal de Sanxenxo (Pontevedra), promovido por Construcciones Davila, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, resólvese facer público o acordo do 30 de setembro de 1997 da Comisión Galega do Medio Ambiente, polo que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto do porto náutico-deportivo de Sanxenxo, termo municipal de Sanxenxo (Pontevedra), promovido por Construcciones Davila, S.A., que se transcribe como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 1997.

Emilio García Gallego.

Presidente do Ente Público Portos de Galicia

ANEXO

Acordo do 30 de setembro de 1997, da Comisión Galega do Medio Ambiente, polo que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto do porto náutico deportivo de Sanxenxo, termo municipal de Sanxenxo (Pontevedra), promovido por Construcciones Davila, S.A.

O Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, establece a obriga de formular declaración de impacto ambiental con carácter previo á resolución administrativa que adopte o órgano substantivo para a autorización da actividade obxecto do proxecto.

O proxecto foi cualificado na reunión da Comisión Galega do Medio Ambiente do 22 de maio de 1997 como suxeito a tramitación polo Decreto 442/90, de avaliación do impacto ambiental para Galicia.

En virtude do establecido no artigo 5.2º do mencionado decreto e conforme á resolución do 2 de xuño de 1997 do Ente Público Portos de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 110, do 10 de xuño de 1997, someteuse o estudio de impacto ambiental en cuestión a exposición pública por un período de 30 días hábiles.

No devandito trámite de información pública non se presentaron alegacións de carácter ambiental.

Así mesmo, e de acordo coas indicacións da Secretaría da Comisión Galega do Medio Ambiente, solicitáronse informes ós seguintes organismos:

* Dirección Xeral de Saúde Pública.

* Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

* Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

* Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada toda a documentación presentada, a Comisión Galega do Medio Ambiente establece pola presente declaración de impacto ambiental, as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minoración dos posibles efectos ambientais negativos e a protección da saúde pública, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

1. Medidas correctoras e de protección ambiental.

1.1. Tódalas medidas correctoras que se sinalan terán o carácter de complementarias das recollidas no proxecto e no estudio do impacto ambiental e se adoptaranse obrigatoriamente co fin de asegurar unha incidencia ambiental mínima do proceso que, en todo caso, deberá de estar dentro do que sinalen as disposicións legais de carácter municipal, autonómico ou estatal e das directivas da Unión Europea, tanto das que están vixentes na actualidade como das que poidan promulgarse ó longo da vida útil das instalacións.

1.2. A calidade das augas de baño, nas zonas dos Barcos, A Panadeira, Silgar e calquera outra zona de baño definida segundo o disposto no Real decreto 734/1988, do 1 de xullo, polo que se establecen as normas de calidade das augas de baño, así como a calidade das zonas de marisqueo, definida segundo o Real decreto 345/1993 sobre control da calidade de augas para producción de moluscos e outros invertebrados mariños, non se verá alterada por motivo das obras de construcción do presente proxecto.

1.3. Quedará estrictamente prohibido o vertido ou emisión de augas residuais procedentes de embarcación cara ó mar, debendo ser vertidas ó saneamento municipal. Todos aqueles residuos producidos polos barcos ou polas instalacións do porto que teñan o carácter de tóxicos e perigosos ou que polas súas características requiran unha xestión especial deberán ser entregados a un xestor autorizado.

1.4. A execución das obras de dragaxe deberá cumpri-lo establecido para o efecto na Lei 27/1982, do 24 de novembro, de portos do Estado e da Mariña Mercante.

1.5. Se no transcurso dos traballos de construcción do porto apareceran restos de interese arqueolóxico, o achado deberá porse en coñecemento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

2. Condicións adicionais.

2.1. O órgano ambiental da Xunta de Galicia, a Comisión Galega do Medio Ambiente, no desenvolvemento das súas funcións, poderá exercer labores de inspección ambiental e toma-las medidas pertinentes, no caso de observarense anomalías ou incorrecta execución das obras, o que lle comunicará ó órgano substantivo para a súa corrección.

2.2. O presente acordo non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes para levar a cabo a actividade proxectada.

2.3. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade en relación con este tipo de actividades.

2.4. O promotor comunicará ó órgano ambiental, a través do órgano substantivo, a data de inicio das obras do proxecto.

2.5. O órgano substantivo para este proxecto é o Ente Público Portos de Galicia, e o órgano ambiental, a Comisión Galega do Medio Ambiente.

ANEXO I

Resumo de proxecto.

O proxecto consiste na construcción dun novo dique formado por dúas aliñacións. A primeira delas é recta de 200 m, e a segunda, que forma ángulo de 104º coa anterior de 210 m. Ámbalas dúas se conectan mediante un arco de 85 m de radio e 112 m de lonxitude.

Unido ó segundo dique sitúase un peirao de 30 m de largo e 110 m de lonxitude.

Na área pechada fondearanse pantaláns flotantes con capacidade para 368 embarcacións, mentres que na explanada se situarán os servicios axeitados para a dársena deportiva tales como: oficinas e capitanía do porto, áreas de depósito e mantemento de embarcacións, efectos navais e tendas semellantes, instalación de varada e lanzamento, aparcadoiros e zona axardinada.

ANEXO II

Informes emitidos.

Emitiron informe os seguintes organismos:

* Dirección Xeral de Saúde Pública.

* Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura.

* Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

9676