Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 30 de decembro de 1997 Páx. 12.534

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 1997 pola que se ordena a publicación do Regulamento de servicio da autoestrada A Coruña-Carballo (A-55).

En cumprimento co disposto na cláusula do prego de cláusulas xerais, aprobado polo Decreto 215/1973, do 25 de xaneiro, e como desenvolvemento do artigo 26.5º, da Lei 8/1972, do 10 de maio, a sociedade concesionaria elevou á aprobación desta consellería o Regulamento de servicio da autoestrada A Coruña-Carballo (A-55), que foi aprobado por Resolución do 4 de novembro de 1997 e que, a seguir, se publica para xeral coñecemento.

Regulamento de servicio da autoestrada

A Coruña-Carballo

Título preliminar

Normas xerais

Artigo 1º

O presente regulamento regula a prestación do servicio da autoestrada, desenvolvendo os extremos contidos nos pregos relativos á súa prestación polo

concesionario, de conformidade co establecido na cláusula 92 do prego de cláusulas xerais aprobado polo Decreto 215/1973, do 25 de xaneiro, e artigo 26, número quinto da Lei 8/1972, do 10 de maio.

Artigo 2º

Os preceptos deste regulamento serán de obrigatoria observancia para tódolos usuarios desta autoestrada e para a sociedade concesionaria, así como para calquera persoa que de calquera modo ou por calquera motivo acceda a ela, vinculando igualmente a Administración pública.

O regulamento será de aplicación non só á conservación, explotación e uso da autoestrada de peaxe en réxime de concesión, senón tamén a toda actividade que estea relacionada con ela ou poida afectar directa ou indirectamente ó servicio público que constitúe o seu obxecto, ás súas instalacións e ó seu funcionamento.

Os empregados da sociedade concesionaria están obrigados a velar polo máis exacto cumprimento de canto se determina neste regulamento.

Artigo 3º

O servicio da autoestrada será prestado en condicións de absoluta normalidade, suprimindo, no tempo máis curto posible, as causas que orixinen molestias, inconvenientes ou perigosidade para os usuarios das vías, salvo que a adopción das medidas que produzan estes efectos obedeza a razóns de seguridade ou de urxente reparación.

O tráfico de vehículos é absolutamente preferente a calquera outro fin. O servicio de autoestrada deberase prestar ininterrompidamente durante as vintecatro horas do día, salvo supostos excepcionais debidos a caso fortuíto ou forza maior.

Artigo 4º

En cada unha das estacións de peaxe e áreas de servicio que dependan dela a sociedade concesionaria disporá dun libro de reclamacións no que os usuarios poderán formula-las que consideren oportunas. O dito libro será foliado e visado pola delegación da Xunta de Galicia nas sociedades galegas de autoestradas de peaxe.

Coa periodicidade que indique a delegación da Xunta de Galicia e independentemente da facultade do exame directo por esta de cada un dos mencionados libros, a concesionaria deberalle dar traslado das reclamacións formuladas, agregando o seu propio informe sobre elas e as medidas adoptadas en cada caso.

Sen prexuízo do mencionado no apartado anterior, os usuarios da autoestrada poderán elevar á Delegación da Xunta de Galicia calquera reclamación que, ó seu criterio, non fora debidamente atendida pola concesionaria. A delegación da Xunta de Galicia, segundo proceda, ou a resolverá directamente ou a remitirá ó órgano da Administración ó que lle correspondese a súa resolución.

Artigo 5º

A concesionaria deberá levar estatística diaria do tráfico de vehículos pola autoestrada. Para a súa formación, sen prexuízo da súa propia iniciativa, deberá adopta-lo sistema de cómputo de datos que lle recomenden os servicios administrativos correspondentes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, respondendo da súa veracidade absoluta.

Tales datos estarán á disposición da Administración sen restriccións de ningunha clase.

Título primeiro

Da circulación

Capítulo I

Normas aplicables e prestación de servicios

Artigo 6º

O tráfico de vehículos pola autoestrada de peaxe ten carácter absolutamente preferente a calquera outro fin. A circulación pola autoestrada de peaxe estará regulamentada polo establecido na Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade vial, no Regulamento xeral de circulación e nas demais disposicións de carácter xeral sobre a materia e con carácter complementario polo que se dispón no presente regulamento.

En todo caso, os usuarios estarán obrigados a cumpri-las normas e instruccións que emanen das autoridades competentes, dos axentes da Agrupación de Tráfico, daqueloutras forzas que teñan atribuídas funcións de vixilancia ou ordenación do tráfico e do persoal da concesionaria, en aplicación das facultades que lle están asignadas polo artigo 29 da Lei 8/1972.

Artigo 7º

A vixilancia da circulación, tráfico e transporte na autoestrada será exercida, baixo a dependencia da Xefatura Central de Tráfico, por forzas da Agrupación de Tráfico da Garda Civil ou por aquelas unidades e nas condicións de uniformidade e actuación que determine a Xefatura Central de Tráfico e polo persoal propio da sociedade concesionaria, de acordo co sinalado no artigo 29 da Lei 8/1972, do 10 de maio. No exercicio destas funcións, de carácter excepcional, o dito persoal terá carácter de axente da autoridade e poderá adopta-las disposicións necesarias no tocante á regulación do tráfico, formulando as denuncias procedentes.

O persoal da sociedade concesionaria acreditará a súa condición mediante o uso de uniforme ou distintivo ou a exhibición de documento que permita que o identifiquen os usuarios da autoestrada.

Correspóndelle á Xefatura Central de Tráfico ou ó organismo autonómico competente a regulación do tráfico mediante as ordes, instruccións e circulares necesarias para a aplicación na autoestrada das disposicións reguladoras da circulación. Para estes efectos, así como para formulación de estatísticas,

control de accidentes e coñecemento de intensidades de vehículos e as súas velocidades, poderán solicitar da sociedade concesionaria os datos de tráfico que consideren de interese.

Artigo 8º

As normas específicas de circulación por autoestrada serán aplicables a partir do sinal de «principio de autoestrada» ata o sinal de «fin de autoestrada», coa excepción das áreas de servicio, nas que se deberán respecta-las normas xerais da lexislación sobre circulación e preferentemente as específicas que nelas estableza a súa axeitada sinalización.

Nas estacións de peaxe non está autorizado deterse dentro da zona de circulación, salvo ante as cabinas de peaxe e máquinas de pagamento automático e só para realiza-lo pagamento. Exteriormente a esta zona poderán estaciona-los usuarios polo tempo estrictamente necesario para o uso dos aseos, libro de reclamacións e petición de información.

Non está permitido o acceso dos usuarios ás áreas de mantemento da autoestrada, salvo en casos excepcionais. Os vehículos da sociedade concesionaria, os das empresas que prestan servicios na autoestrada ou nas áreas, os da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e/ou servicios de vixilancia e os da Inspección de Explotación poderán acceder ás ditas áreas en tódolos casos, manobrando ou aparcando libremente, coas precaucións axeitadas e cumprindo a normativa de circulación.

Segundo se establece nos artigos 18 da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade vial, e 38 do Regulamento xeral da circulación, prohíbese a circulación polas autoestradas a vehículos de tracción animal, ciclos, ciclomotores, coches de minusválidos e calquera outro vehículo e mesmo automóbiles e os seus remolques que, polas súas características de construcción, non sexan capaces de desenvolver en terreo plano unha velocidade superior a 60 km por hora.

Tal prohibición rexerá para os accesos á autoestrada, salvo que non o constitúan exclusivamente, caso no que a prohibición empezará especificamente no punto a partir do que, por instalado o sinal de «comezo de autoestrada», o vehículo se vexa obrigado a utilizala.

Os vehículos especiais que excedan dos pesos ou dimensións establecidas nas normas reguladoras dos vehículos poderán circular, excepcionalmente, cando así se indique na autorización especial da que deberán ir dotados.

Cando un vehículo non autorizado fose localizado na zona de circulación a el prohibida, será obrigado a abandona-la autoestrada pola saída máis próxima. En todo caso, se a presencia do vehículo non autorizado fose detectada polos empregados da sociedade concesionaria, cursará inmediato aviso ás forzas da Garda Civil de Tráfico, procedendo, con carácter precautorio, á inmobilización do vehículo nun lugar

que non ofreza perigo para a circulación. Todo iso sen prexuízo das sancións que correspondan e das responsabilidades nas que puidese incurre-lo conductor ou propietario do vehículo non autorizado.

Os conductores e propietarios dos ditos vehículos serán responsables dos danos propios ou ocasionados a terceiros e daqueloutros que lle poidan ocasionar á autoestrada.

As prohibicións anteriormente sinaladas non lles afectarán ós vehículos especiais que, para realizaren obras ou traballos de conservación na autoestrada, necesiten circular por ela coa obriga de estaren debidamente sinalizados e cortando ou restrinxindo previamente a circulación xeral, coa sinalización e balizamentos oportunos.

Cando os vehículos autorizados realicen un cambio de sentido utilizando os pasos de medianil, os conductores deberán repoñer á súa posición normal de cerramento as cadeas ou dispositivos que normalmente impiden tales movementos.

Na autoestrada ou nos seus accesos non se poderá autorizar, en ningún caso, a celebración de certames, carreiras, criteriums ou calquera outro tipo de manifestación deportiva ou doutra índole.

Artigo 9º

A sociedade concesionaria deberá estudia-la adopción con carácter previo das medidas máis axeitadas para aquelas situacións estacionais previsibles nas que a intensidade de tráfico poida influír negativamente na fluidez e seguridade da circulación, especialmente nas proximidades das estacións de peaxe.

En situacións de emerxencia, a sociedade concesionaria poderá adopta-las medidas que considere máis convenientes, dando conta inmediata e detalle delas ós órganos administrativos competentes.

O número de vías de peaxe abertas ó tráfico estará en consonancia coa intensidade da circulación.

En caso de saturación ou doutra circunstancia que fixese conveniente limita-lo acceso á autoestrada ou a adopción dalgún outro tipo de medida temporal ou transitoria para garanti-la seguridade e fluidez do tráfico, a sociedade concesionaria estudiará a máis axeitada en colaboración coa Inspección de Explotación e da correspondente xefatura provincial de Tráfico.

Artigo 10º

Tal como sinala o artigo 94 do Regulamento xeral de circulación, queda prohibido parar ou estaciona-los vehículos fóra das zonas habilitadas para o efecto. Non se poderá, polo tanto, parar nin estacionar nas beiravías, bermas, medianís, foxos, etc., salvo nos casos de inmobilización forzosa.

En consecuencia, só se permitirá a parada e o estacionamento nas áreas de servicio. Nas estacións de peaxe só se permitirá o estacionamento fóra da plataforma de circulación. En ningún caso poderán

os usuarios estaciona-los seus vehículos nas vías de percepción da peaxe ou nas súas proximidades, aínda que non entorpezan a circulación ou causen inconvenientes ou molestias ós demais usuarios.

Exceptúanse os vehículos de «servicios» de acordo co que se establece no artigo 8º deste regulamento.

Está terminantemente prohibido realizar acampada en calquera punto da zona de dominio da autoestrada.

Artigo 11º

Se por accidente, avaría, malestar físico dos ocupantes ou outra causa, tivese que inmobilizarse un vehículo que, coa súa presencia ou a da súa carga, supuxese un obstáculo á libre circulación ou representase un perigo para esta, especialmente por ocupa-lo pavimento ou as beiravías, o usuario actuará a teor do establecido ó respecto na lexislación sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade vial, adoptando as medidas precisas para facelo desaparecer e, entrementres, as axeitadas de sinalización para que poida ser advertido polos demais usuarios.

Independentemente do anterior e axiña que o persoal da sociedade concesionaria teña coñecemento do feito, arbitrará os medios necesarios para a retirada inmediata do vehículo e/ou carga se non o puidese face-lo usuario, salvo se se trata de materias perigosas.

Se esta retirada non fose posible de forma inmediata, a custodia dos vehículos e/ou a súa carga e a regulación da circulación corresponderalle á Agrupación de Tráfico da Garda Civil ou doutras forzas de vixilancia, ata a chegada dos medios especiais que fosen solicitados para retira-los obstáculos, para os efectos de facilita-la operación e garanti-la seguridade dos restantes usuarios da vía.

Os vehículos e carga retirados serán trasladados a depósitos temporais establecidos para o efecto polos concellos ou entidades públicas, situados en relación coa saída máis próxima, se procede, baixo custodia e responsabilidade dos seus titulares e a disposición do xulgado competente. En ningún caso a sociedade concesionaria terá responsabilidade ningunha sobre a custodia de vehículos ou pola manipulación necesaria para a súa retirada.

Cando o vehículo ou a súa carga, por accidente, traslado provisional ou outra causa, quedasen fóra do pavimento e beiravías, pero dentro da zona de dominio, non afectando á circulación, correspóndelle ó propietario a retirada. A sociedade concesionaria colaborará coa xefatura provincial de Tráfico na localización do propietario para esixirlle esta obriga.

Con independencia do anterior, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil comunicaralles os feitos ocorridos á xefatura de Tráfico e ó alcalde do termo municipal a que corresponda a saída máis próxima, co fin de darlle cumprimento ó establecido na orde

ministerial do 14 de febreiro de 1974 e á sociedade concesionaria.

Idénticos procedementos, conforme os expostos nos parágrafos que preceden, seguiranse para con aqueles vehículos que resulten abandonados, xa sexa na autoestrada, os seus accesos, áreas de servicio, de parada ou mantemento e estacións de peaxe. Para estes efectos, consideraranse vehículos abandonados os que permanezan inmobilizados durante, polo menos, sete días. Nestes casos non existirá responsabilidade ningunha -por ningún concepto- da sociedade concesionaria.

Artigo 12º

Soamente en casos de emerxencia, poderán circula-los peóns polas beiravías.

Queda especificamente prohibida a realización de «autostop» no tronco, accesos e estacións de peaxe, debendo, en consecuencia, absterse os conductores de recoller e deixa-los posibles peóns que encontren.

Os conductores ou pasaxeiros que por avaría mecánica, accidente e outra causa necesiten solicitar axuda, saíndo do vehículo, circularán exclusivamente pola beiravía, sen cruzaren en ningún caso o pavimento, ata o poste de socorro máis próximo. Absteranse de solicitar axuda ós demais usuarios e tanto o conductor como os pasaxeiros deberán espera-la chegada de auxilio fóra da zona de circulación.

O persoal da sociedade concesionaria e calquera outro persoal en misións de servicio, inspección, mantemento e conservación poderá circular a pé polos pavimentos, beiravías e demais zonas da autoestrada, debendo adoptar, en todo caso, as precaucións axeitadas á súa propia seguridade e á dos usuarios.

Artigo 13º

A actuación en caso de accidente de circulación correspóndelles ás unidades de vixilancia da Agrupación de Tráfico da Garda Civil ou ás que tivesen atribucións por razón do lugar en que aquel sucedese, sen prexuízo do respecto ás funcións e competencias que lle corresponden á autoridade xudicial.

Non obstante, a sociedade concesionaria encargarase da retirada de vehículos e obxectos que invadan o pavimento ou beiravías e realizará os traballos necesarios para restablece-la circulación axiña que lle sexa posible, salvo no caso de materias perigosas, no que se seguirá a lexislación que sexa especialmente aplicable a tales supostos.

En todo caso, os gastos que se ocasionen con motivo do accidente, tales cono reparación dos danos causados, sinalización necesaria, limpeza do pavimento, recollida e traslado da carga se a houbese, retirada, traslado e depósito dos vehículos, serán a cargo do conductor do vehículo causante, sen prexuízo das responsabilidades solidarias ou subsidiarias que puidesen ser esixibles.

Artigo 14º

Constituíndo determinadas situacións meteorolóxicas -en especial a chuvia, a néboa, o xeo, e a neve- potenciais causas de diminución da seguridade da circulación, os usuarios estarán obrigados, de acordo co contido do artigo 45 do Regulamento xeral de circulación, a extrema-las precaucións na conducción dos seus vehículos e adecua-la súa velocidade a elas.

Así mesmo, estarán obrigados a segui-las instruccións que lles sexan formuladas polas forzas de vixilancia na autoestrada e polos empregados da sociedade concesionaria, sen que caiba imputarlle a esta última responsabilidade ningunha polos danos ou accidentes que se puidesen producir pola inobservancia do mencionado artigo ou das ditas instruccións. En especial e para aqueles vehículos que o leven instalado, recoméndase utiliza-los dispositivos regulamentarios antinéboas, situados nas partes traseiras e dianteira do vehículo. Igualmente, en casos de xeo, neve ou sarabia, poderá esixirse o uso de cadeas ou de cubertas especiais.

A sociedade concesionaria, nos casos de existencia ou previsión de xeo, neve ou sarabia, efectuará baixo o seu criterio e iniciativa os tratamentos superficiais preventivos e curativos que considere oportunos, para mellora-las condicións de circulación. Non obstante, se a situación o aconsellase, a sociedade concesionaria poderá decidir, en casos de recoñecida urxencia, a restricción ou a suspensión da circulación no tramo ou tramos da autoestrada afectados, sen que lles caiba responsabilidade ningunha polos eventuais prexuízos causados ós usuarios.

Capítulo II

Suspensión e restriccións de tráfico

Artigo 15º

A sociedade concesionaria está obrigada á prestación continua do servicio e a facilitalo en condicións de absoluta normalidade, suprimindo, no prazo máis breve posible, as causas que orixinen molestias, incomodidades, inconvenientes ou perigosidade ós usuarios, salvo que a adopción de medidas que produzan estes efectos obedezan a razóns de seguridade ou de urxente reparación.

No caso de que a sociedade concesionaria considere que as condicións, situación ou esixencias técnicas dalgún tramo da autoestrada requiran a suspensión ou restricción da circulación para todas ou algunhas categorías de vehículos, ou a ocupación transitoria de parte ou da totalidade dun ou dos dous pavimentos, comunicaranllo ós servicios correspondentes da Inspección da Explotación da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, expoñendo as causas e o alcance de tales medidas, polo menos con tres días de anticipación. Desta comunicación daráselle o oportuno translado á xefatura provincial de Tráfico.

Cando estas medidas sexan a xuízo da sociedade concesionaria inaprazables, por razóns de urxente reparación, condicións meteorolóxicas, falta de seguridade, accidentes, caso fortuíto ou forza maior, poderán adopta-las medidas que consideren convenientes, dándolles conta posteriormente das medidas adoptadas e das causas que as xustifiquen á xefatura provincial de Tráfico e á citada Inspección de Explotación.

Superadas as causas que motivaran a suspensión ou restricción da circulación, a xuízo da sociedade concesionaria, e baixo a súa responsabilidade, deberá proceder á continuación do servicio nas debidas condicións de seguridade, dando coñecemento ós correspondentes órganos da Administración, sinalados anteriormente.

As unidades da Agrupación de Tráfico da Garda Civil poderán adoptar en caso de emerxencia as medidas que consideren convenientes, correspondéndolles, especialmente, en caso de accidente, garanti-la seguridade da circulación e prestarlles axuda ás víctimas.

A sociedade concesionaria colaborará en tódolos casos, nas medidas adoptadas conducentes a produci-las mínimas interferencias na libre e normal circulación na autoestrada e as de emerxencia para logra-lo restablecemento inmediato do servicio.

Capítulo II

Obras complementarias

Artigo 16º

A autoestrada estará dotada da sinalización horizontal e vertical que determinen os proxectos aprobados e demais normas vixentes ou instruccións da Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes, correspondéndolle ó usuario a súa estricta observancia, segundo o que, en cada caso, establece a lexislación viaria, sendo o usuario responsable dos danos á concesionaria ou a terceiros que se derivasen da súa inobservancia.

Non se lle poderá atribuír responsabilidade á sociedade concesionaria, alegándose falta de sinalización axeitada, se a súa implantación non se previu nos proxectos, normas ou intruccións citadas.

A sinalización existente no exterior da autoestrada, excepción feita das propias interseccións de accesos a ela, serán atendidas polo órgano xestor da estrada na que estean situadas.

A sinalización correspondente ás obras e traballos de conservación e mantemento serán de conta e responsabilidade da sociedade concesionaria. Cando estas obras ou traballos sexan realizados por terceiros, a sociedade concesionaria será responsable da correcta sinalización ante a Administración.

Cando se produzan situacións de emerxencia derivadas de accidentes, fenómenos meteorolóxicos (neve, xeo, sarabia, chuvia, etc.), obstáculos no pavimento, etc., a implantación da sinalización da vía

poderá realizala a sociedade concesionaria, sen prexuízo da actuación de emerxencia que lles compete ás forzas da Garda Civil de Tráfico.

En tódolos casos, a dita sinalización estará de acordo coas normas e instruccións vixentes e, en particular, axustada ó Regulamento xeral de circulación.

En tódolos casos de circulación especial, o usuario deberá respecta-la sinalización de emerxencia ou excepcional, que ten carácter preferente respecto á normal da autoestrada e os seus accesos.

Constituíndo os accesos á autoestrada, unha zona de transición entre distintos réximes de circulación, os usuarios deberán prestarlle especial atención á sinalización establecida, así como a calquera indicación que puidese, eventualmente, determinarse.

Artigo 17º

No momento da súa apertura ó tráfico, os elementos complementarios como barreiras de seguridade, balizamento, valados de cerramento ou separación, barreiras anticegadoras, iluminación, plantacións, etc., axustaranse ós proxectos vixentes e prescricións impostas pola Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes.

Non obstante, cando as necesidades do tráfico ou da súa seguridade esixan, a xuízo da Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes, modificacións, melloras, ampliacións e mesmo novas instalacións dos elementos complementarios indicados, a sociedade concesionaria está obrigada a cumpri-las instruccións que a Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes dicte ó respecto.

Capítulo IV

Centro control e postes S.O.S.

Artigo 18º

O centro de control de comunicacións estará atendido en forma permanente durante as 24 horas do día por persoal dabondo e cualificado, para os efectos da perfecta organización de tódalas operacións da autoestrada e, en especial, para arbitra-los medios necesarios en caso de emerxencia, accidente, solicitude de auxilio, etc.

Estarán comunicadas tódalas estacións de peaxe, áreas de mantemento, postes de socorro, se é o caso vehículos de servicio da concesionaria e oficina central desta.

Igualmente deberá poder establecerse comunicación coa Inspección de Explotación da autoestrada e cos destacamentos da Garda Civil de Tráfico co fin de intercambia-la información que se considere necesaria ou sexa perceptiva, respecto da circulación, accidentes, estado da autoestrada, etc.

O centro de control de comunicacións deberá facilita-la información do estado da autoestrada, condicións de circulación, etc., que lle requiran os servicios centrais e periféricos da Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes e a xefatura de Tráfico.

Artigo 19º

Con independencia dos sistemas de postes de socorro e complementarios de información ó usuario, a sociedade concesionaria disporá dunha rede de comunicacións telefónicas e/ou radiofónicas que lle permitan conectar entre si e co centro de control de comunicacións que se regula no artigo 18º, ós vehículos de xestión e puntos fixos, tales como estacións de peaxe e área de mantemento.

O sistema regulado neste artigo de comunicacións de xestión interna só poderá ser utilizado polo persoal da sociedade concesionaria ou por quen esta autorice, só para os fins da xestión da autoestrada. Especialmente deberá ser utilizado para atender e coordena-las actuacións en caso de accidentes, emerxencia e auxilio, supletoria e complementariamente co sistema de seguridade, constituído polos postes de socorro.

Artigo 20º

A sociedade concesionaria está obrigada á instalación dun sistema propio de seguridade, integrado por pares de postes de socorro, que comuniquen directamente co centro de control. O dito sistema de seguridade estará permanentemente en servicio, salvo caso fortuíto ou de forza maior, así como tamén as centrais de recepción de chamadas de socorro e os sistemas establecidos pola sociedade concesionaria para prestación de axuda ó usuario que o solicite.

Os postes de socorro, establecidos de acordo cos proxectos aprobados, disporán dos dispositivos axeitados para transmiti-las chamadas de auxilio, así como para indicar nos sistemas de control a localización exacta do lugar de chamada e pavimento correspondente e das correspondentes instruccións de utilización e indicador de que foi recibida a chamada no sistema de control.

Os usuarios da autoestrada están obrigados á correcta utilización dos postes de socorro e o seu uso indebido, logo da formulación da correspondente denuncia, dará lugar, se é o caso, á esixencia das responsabilidades pertinentes.

No suposto de avaría no sistema de seguridade ou nalgún dos postes de socorro, a sociedade concesionaria deberá toma-las medidas necesarias para a súa urxente reparación.

Artigo 21º

Os usuarios que precisen axuda de calquera tipo solicitarana de acordo cos medios sinalados no artigo 20º do presente regulamento de servicio. Poderán, así mesmo, chamar telefonicamente ó centro de control.

A eventual intervención da sociedade concesionaria limitarase ás avarías e accidentes producidos cando os vehículos circulen pola autoestrada ou os seus accesos.

A asistencia mecánica e sanitaria correspondente prestarse de acordo co establecido no capítulo V deste regulamento.

Capítulo V

Asistencia mecánica e sanitaria

Artigo 22º

As peticións de auxilio por parte do usuario pódense realizar:

-Por medio dos postes de socorro.

-Por medio da Garda Civil de Tráfico.

-A través dos empregados e doutros medios da sociedade concesionaria.

-A través doutros usuarios, debidamente advertidos ou decatados da necesidade e utilizando estes, despois, calquera dos medios anteriores.

-Por medio de teléfonos móbiles ó centro de control.

Os usuarios procurarán facer uso destes medios precisamente nesta orde e evitarán, no posible, a repetición do aviso, co obxecto de causa-las mínimas perturbacións de organización nos sistemas de control e nos medios de axuda ó usuario.

Sempre que sexa posible, o vehículo deberá estacionarse nas zonas de aparcamento previstas e, en calquera caso, fóra do pavimento. En caso de necesidade, deterase na beiravía dereita e, cando non sexa posible, excepcionalmente, na beiravía esquerda ou no medianil. Os usuarios que acudan ó poste de auxilio, farano circulando pola beira e regresando inmediatamente ó vehículo para espera-la chegada do auxilio solicitado, manténdose os usuarios, se é posible, nas inmediacións do vehículo, fóra da plataforma (pavimento e beiravía).

Os vehículos estacionados excepcionalmente na beiravía deberán cumprir coas previsións do Regulamento xeral de circulación en canto á sinalización previa e ademais levanta-lo capó, luces intermitentes, etc., a fin de significa-la excepcionalidade da súa situación.

Artigo 23º

As peticións de auxilio mecánico, que serán atendidas de forma permanente segundo se establece no artigo 18º deste regulamento, prestaranse por rigorosa orde de recepción salvo naqueles casos nos que unha maior eficacia do servicio aconsellase un reaxuste desta organización dependendo das circunstancias que concorran na circulación, meteoroloxía, etc.

Os medios para a prestación do servicio de asistencia mecánica ó usuario poderán ser propios, contratados e autorizados.

Só se poderán realizar na autoestrada as reparacións de duración inferior a 30 minutos. Nos casos en que a reparación non sexa procedente, o vehículo avariado será remolcado ata a saída máis próxima.

Tamén a petición do usuario, a sociedade concesionaria deberá facilita-lo contacto cos medios necesarios para o seu posterior traslado ó taller ou localidade próxima fóra da autoestrada. En todo caso, os gastos que orixine a asistencia, a reparación ou a remolcaxe dos vehículos serán a cargo do usuario.

Nos casos en que se precisen medios especiais, tales como guindastres de gran tonelaxe, góndolas, etc., a sociedade concesionaria facilitará a comunicación coas dispoñibles na zona.

A impulsión, coordinación ou prestación, se é o caso, dos servicios de auxilio sanitario correspóndelle na autoestrada á Xefatura Central de Tráfico a teor do que establece o artigo 1, apartado c) do Decreto 693 do 10 de abril de 1969, e a outras autoridades que poidan ser competentes.

A sociedade concesionaria, en concordancia co disposto no artigo 2 do mesmo decreto, poderá subscribir convenios coa autoridade de tráfico para defini-las prestacións materiais que a título voluntario e gratuíto poderán destinar para un máis eficaz servicio de asistencia ó usuario.

En consecuencia, a prestación do servicio nas súas modalidades de aplicación práctica, axustarase ós termos dos convenios, sen prexuízo das atribucións que o repetido decreto lles asigna ás autoridades competentes de tráfico.

Capítulo VI

Transportes especiais

Artigo 24º

Os transportes cualificados como especiais pola lexislación vixente deberán proverse, para a utilización da autoestrada ou dos seus accesos, das autorizacións especiais outorgadas pola autoridade competente.

Obtidas as correspondentes autorizacións para circular polo itinerario que comprenda a autoestrada, o transportista remitirá copia delas á sociedade concesionaria, quen, de non existir inconveniente por gálibo ou outros motivos, emitirá o permiso definitivo onde constarán día, hora e condicións do paso do transporte especial. Este permiso comunicarase á Agrupación de Tráfico da Garda Civil.

Ó seu paso polas estacións de percepción da peaxe, atenderá especialmente as indicacións que se lle fagan e utilizará as vías que se lle sinalen, exhibindo as autorizacións outorgadas.

O transportista será responsable dos danos manifestos ou ocultos e dos prexuízos de todo tipo que se lle puidesen producir na autoestrada a usuarios ou a terceiros, como consecuencia de non respecta-las limitacións de peso, dimensións ou outras características declaradas ó solicita-la correspondente autorización e que figure nela, todo iso sen prexuízo da responsabilidade de tipo xeral establecida neste regulamento.

Así mesmo, o transportista deberá aboa-la totalidade dos gastos que ocasione tanto o paso pola autoestrada como os posibles estudios e as obras que fose preciso realizar para acceder á súa solicitude, ademais da peaxe que lle sexa de aplicación.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá esixi-la constitución dunha fianza ou aval, para cubri-lo custo dos posibles danos e dos traballos que fose necesario realizar para permiti-lo paso do transporte especial.

Título segundo

Policía e conservación

Capítulo I

Zonas de servidume e afección

Artigo 25º

A sociedade concesionaria está obrigada a vixia-lo exacto cumprimento das normas que limiten a propiedade privada por razón da autoestrada nas zonas de servidume e afección, debendo poñer en coñecemento das autoridades competentes calquera infracción das ditas normas.

Especialmente dará coñecemento inmediato das infraccións que observe á Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes, a través da Inspección de Explotación, coa maior especificación que sexa posible das actuacións e prexuízos que se poidan irrogar á propia autoestrada.

As peticións que sexan formuladas por terceiros, relativas a actuacións nas zonas de servidume e afección, dirixiranse, en todo caso, á Administración e deberán ser preceptivamente informadas pola sociedade concesionaria, especialmente respecto ás implicacións que a pretendida actuación supoña para a zona de dominio e instalacións da autoestrada e o seu tráfico. Neste informe a sociedade concesionaria poderá indica-las condicións de todo tipo que, ó seu xuízo, deberían serlle impostas ó peticionario no caso de acceder á súa solicitude.

A Consellería de Politica Territorial, Obras Públicas e Vivenda dará coñecemento á sociedade concesionaria da resolución recaída e das prescricións definitivamente impostas ó peticionario.

De tódalas resolucións adoptadas, a sociedade concesionaria está obrigada a vixia-lo seu exacto cumprimento, de acordo co que establecen as cláusulas 90 e 91 do prego de cláusulas xerais, dando conta oportunamente das infraccións cometidas á Inspección de Explotación da autoestrada.

A sociedade concesionaria denunciará á Inspección de Explotación calquera anomalía observada en relación cos termos da autorización outorgada, sen prexuízo de comunicación directa ó interesado en caso urxente ou grave.

Se a execución das obras afectase á circulación, terase en consideración o establecido neste regulamento.

As novas expropiacións e ocupación temporal de terreos afectos á zona de servidume e afección, solicitaraas a sociedade concesionaria e informará delas á Inspección de Explotación.

Capítulo II

Zona de dominio público

Artigo 26º

Consideraranse incorporados á zona de dominio público tódolos terreos afectos á concesión, calquera que sexa o título de adquisición.

A partir do momento da ocupación dos terreos ata a extinción da concesión, a sociedade concesionaria responderá da vixilancia dos terreos de dominio público e bens incorporados a eles, coidando especialmente de mantelos libres de intrusións e non permitindo nin consentindo alteración nos lindes nin que se deposite nos terreos material ningún alleo á concesión. Das infraccións destes preceptos deberán dar conta inmediata á Administración.

Así mesmo, a sociedade concesionaria, cando se produza algún feito que poida afectar ou altera-lo correcto uso dos terreos de dominio público afectos á concesión ou que, ó seu xuízo, poida resultar prexudicial para a circulación ou para a infraestructura ou instalacións da autoestrada, poderá propoñerlle á Administración cantas medidas precautorias ou correctoras considere oportunas para restablece-la anterior situación e estado, sen prexuízo das actuacións urxentes que procedan.

As peticións formuladas por terceiros para a realización de obras que afecten á zona de dominio público da autoestrada, deberán recibir informe, preceptivamente, da sociedade concesionaria.

Se na realización das obras autorizadas non se observan as condicións impostas pola Administración, a sociedade concesionaria deberá poñelo en coñecemento da Inspección de Explotación da autoestrada, co fin de que se adopten as medidas e actuacións que se consideren necesarias.

O solicitante, o propietario e o contratista da obra serán responsables dos prexuízos que se puidesen ocasionar por incumprimento das normas de seguridade, prescricións impostas ou atrasos na programación ou execución, así como dos que se puidesen derivar dunha deficiente execución do proxecto ou de vicios ocultos.

Capítulo III

Estradas, servicios e camiños afectados

Artigo 27º

As estradas, camiños e servicios afectados pola construcción da autoestrada, unha vez repostos, entregaranse de novo ó organismo de quen dependan.

Con independencia da entrega oficial, a sociedade concesionaria conservará ó seu cargo a estrada ou servicio ou camiño considerado durante un período dun ano contado a partir da terminación das corres

pondentes obras ou da súa posta en servicio, segundo corresponda.

Os terreos expropiados para a execución das modificacións de estradas, camiños ou servicios afectados para a construcción a autoestrada quedarán adscritos a aquelas, a menos que constitúan, pola súa vez, parte da propia explanación da autoestrada propiamente dita. Recollerase, polo tanto, en acta a situación de adscrición de terreos expropiados ós distintos servicios, aínda que a titularidade do dominio público lle corresponda ó Estado.

Capítulo IV

Conservación da autoestrada

Artigo 28º

A sociedade concesionaria deberá conserva-la autoestrada, os seus accesos, sinalización e demais instalacións e servicios existentes, en perfectas condicións de utilización, suprimindo as causas que orixinen molestia ou perigosidade ós usuarios e todo iso de acordo co establecido na Lei 8/1972, do 10 de maio, e prego de cláusulas xerais para a construcción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión e coas condicións técnicas de recepción da autoestrada.

Sen prexuízo do control técnico que a sociedade concesionaria está obrigada a establecer para vixia-lo estado da autoestrada (cláusula 81 do citado prego de cláusulas xerais), a Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes, a través da Inspección de Explotación, poderá comproba-lo dito estado, emitindo o correspondete informe.

En particular, a sociedade concesionaria realizará coa frecuencia necesaria, a limpeza dos apoios das obras de fábrica, interior das obras de drenaxe, beiras, sinalización vertical. balizamento, lámpadas e luminarias, áreas de servicio, etc., o repintado das marcas viais, elementos metálicos, interiores e exteriores de edificacións das áreas, etc., as regas e novas plantacións de noiros, medianil, zonas de enlace, áreas, etc., e tódolos traballos necesarios para unha correcta conservación e mantemento da autoestrada e das súas instalacións.

Artigo 29º

A sociedade concesionaria deberá reparar ou substituí-los elementos deteriorados por causa de accidente ou de danos producidos polos usuarios, colindantes ou terceiros, sen prexuízo de formular, cando proceda, as correspondentes reclamacións de danos e prexuízos.

Artigo 30º

A sociedade concesionaria disporá das instalacións necesarias para o seu mantemento e conservación. As ditas instalacións incluirán edificacións axeitadas para situa-los talleres, oficinas, vehículos, equipamentos e maquinaria que se precisen para a conservación e explotación da autoestrada.

A sociedade concesionaria deberá dota-los seus servicios de conservación dos medios necesarios para efectua-las correspondentes reparacións ou reposicións durante as horas en que se cause menos perturbacións ós usuarios. O persoal dedicado a tales traballos disporá da maquinaria e ferramentas oportunas para tales fins, así como dos elementos de sinalización e balizamento que permitan garantir unha maior seguridade, tanto para os usuarios da autoestrada como para o referido persoal. Así mesmo, poderán organiza-los servicios de mantemento e conservación da forma que consideren máis conveniente, incluso mediante a contratación de terceiros, sen prexuízo das indicacións que lle formule a Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes como resultado e consecuencia dos informes de inspección que estableza a normativa vixente.

Para as actuacións de carácter urxente, concentraranse tódolos medios dispoñibles e solicitaranse, se é preciso, a terceiros, para a máis eficaz e rápida solución da anormalidade.

A sociedade concesionaria manterá constantemente en situación de servicio as instalacións e medios situados na área de mantemento ou lugares habilitados para o efecto que sexan indispensables para mante-la circulación en condicións óptimas, de acordo coas descricións contidas neste regulamento.

Para a axeitada prestación do servicio, a área de mantemento estará convenientemente enlazada telefonicamente ou por radio cos restantes servicios da autoestrada e moi en especial co sistema de control de comunicacións e cos vehículos de conservación e mantemento.

O acceso á área de mantemento estará limitado ás persoas afectas ou relacionadas con ela, podendo acceder a elas os usuarios da autoestrada só en casos excepcionais.

Capítulo V

Obras de conservación

Artigo 31º

As obras de mantemento, conservación e reparación que se realicen para mante-la autoestrada en perfectas condicións de utilización realizaranse de forma que se limiten ó máximo as molestias e inconvenientes ós usuarios e se evite todo o que poida representar perigo para a circulación.

Para a realización de obras de mantemento e conservación que esixan a implantación de restriccións (desvíos, estreitamentos, limitacións de velocidade, etc.) a sociedade concesionaria deberallo comunicar á Inspección de Explotación, polo menos con 3 días de anticipación. Se o require a importancia ou duración das restriccións, deberase solicitar autorización á Inspección de Explotación para inicia-las obras, indicando a necesidade da restricción que se impón, a sinalización prevista e a información previa ó usuario que está previsto dar. Neste caso, comunicaránselles á xefatura provincial de Tráfico e á Garda

Civil de Tráfico as restriccións previstas e as datas da súa implantación.

A sociedade concesionaria será a responsable ante a Administración da sinalización das obras e, se é o caso, da información previa ó usuario que fose necesaria e das normas de seguridade aplicadas, aínda que as obras sexan realizadas por terceiros e sen prexuízo das responsabilidades destes.

A sinalización do tipo regulamentario e demais normas de seguridade relativas a obras que afecten ó tráfico, tales como valados, conos, avisos, sinais, planos, etc., aplicarase de acordo co Regulamento xeral de circulación, instruccións da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e indicacións da Inspección de Explotación.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, a través da Inspección de Explotación, será competente para esixi-la adopción de medidas por parte do concesionario conducentes a produci-las mínimas interferencias na libre e normal circulación na autoestrada. Estas medidas poderán referirse á fixación de horarios e datas, sinalización, balizamento, prazo máximo de execución, medidas de seguridade, obras complementarias e calquera outra que a Administración coide conveniente, sen prexuízo da responsabilidade que se puidese derivar, se é o caso, para o concesionario fronte a terceiros.

Artigo 32º

As obras doutros organismos ou de particulares que afecten á infraestructura ou instalacións da autoestrada, ou á circulación, someteranse, antes de autorizarse a súa iniciación, a informe da sociedade concesionaria.

Outorgada pola Administración a autorización pertinente, que deberá ser notificada á sociedade concesionaria, o organismo ou particular que debe levar a cabo a realización das obras, antes da súa iniciación e polo menos con 48 horas de antelación, dirixirase á sociedade concesionaria para que, á vista das circunstancias particulares, especialmente as referidas ó tráfico, se fixen as datas e horas, medidas de seguridade, sinalización, fianzas e demais aspectos relacionados coa execución das obras, incluídas, se é o caso, as indemnizacións procedentes.

En relación coas obras nas zonas de influencia da autoestrada, observarase o establecido nos capítulos I e II deste mesmo título.

Título terceiro

Servicio ó usuario

Capítulo I

Información xeral ó usuario

Artigo 33º

A sociedade concesionaria facilitaralles ós usuarios aquelas informacións e indicacións que poidan resultar máis eficaces en beneficio da seguridade e fluidez do tráfico, así como para logra-lo uso máis

axeitado da autoestrada. Para iso, poderán servirse dos seguintes medios:

-Carteis e sinais móbiles, coa aprobación da Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes.

-Información verbal facilitada polos empregados da sociedade concesionaria, tanto nas estacións de peaxe como en determinadas áreas de servicio.

-Información gráfica, mediante planos e mapas, cadros ou taboleiros murais, etc., instalados en áreas de servicio, e folletos manuais entregados nas citadas áreas e nas estacións de peaxe.

-Calquera outro que a sociedade concesionaria considere idóneo para os fines indicados.

Este tipo de información facilitarase tamén nos locais da sociedade concesionaria durante as horas de oficina.

Capítulo II

Uso da autoestrada e das súas instalacións

Artigo 34º

Os usuarios estarán obrigados a face-lo uso debido da autoestrada e das súas instalacións, utilizándoas única e exclusivamente para os fins ós que están destinadas. Todo usuario da autoestrada será responsable dos danos e prexuízos que se lles causen ós bens desta, dentro dos límites dos terreos destinados directa ou indirectamente ó seu servicio. Moi especialmente, deberán respecta-las instalacións e face-lo uso debido das áreas de servicio, peaxe e postes de socorro.

A persoa que cause dano ou deterioración en calquera dos ditos elementos, aínda que sexa involuntariamente, está obrigada a poñelo en coñecemento das forzas da Agrupación de Tráfico da Garda Civil ou do persoal da sociedade concesionaria. Así mesmo, está obrigada a comunicarlle a esta de contado os accidentes ou incidentes que sufrise ou nos que se vise involucrada con ocasión de circular pola autoestrada.

Sen prexuízo da responsabilidade que lle corresponda á sociedade concesionaria, os usuarios deberán contribuír a mante-lo estado de limpeza da autoestrada e das súas instalacións mentres circulan e cando están detidos, evitando botar desperdicios, lixo, papeis, etc., fóra dos lugares destinados a iso. O incumprimento desta obriga poderá ser obxecto de denuncia por parte da sociedade concesionaria ás autoridades competentes.

A utilización da autoestrada, mediante aboamento da peaxe, será normalmente a que establece o correspondente prego de condicións ou, excepcionalmente, a que se prescriba de acordo coas correspondentes instruccións das autoridades competentes. A sociedade concesionaria tampouco será responsable das circunstancias que poidan ser fonte de molestia, incomodidade ou risco polo feito de tratarse dun servicio compartido con outros usuarios.

Tampouco se lle poderá achacar responsabilidade á sociedade concesionaria no caso de que sexan producidas incomodidades, molestias, danos ou riscos procedentes de actuacións que teñan orixe nas zonas de influencia ou servidume da autoestrada, nos pasos superiores ou inferiores dela, por persoas, animais ou cousas baixo a tutela de terceiros.

Capítulo III

Áreas de servicio

Artigo 35º

Son áreas de servicio as zonas colindantes coa autoestrada ocupadas polas instalacións e servicios destinados á cobertura das necesidades do tránsito por ela, tales como estacións de servicio, hoteis, restaurantes, etc.

Regularanse, en todo caso, polo establecido nas cláusulas 84 e 85 do prego de cláusulas xerais aprobado polo Decreto do 25 de xaneiro de 1973 e no documento nº 19 «sobre instalación e explotación das áreas de servicio, mantemento e repouso» do contrato de concesión administrativa de construcción, conservación e explotación da autoestrada.

As áreas de servicio están dotadas das instalacións e servicios que en cada momento sexan racionalmente aconsellables para a cobertura das necesidades dos usuarios e do tráfico. A sociedade concesionaria poderá modifica-los servicios inicialmente aprobados, logo de autorización da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, para adecualos ás necesidades do tráfico.

En particular, deberán dispoñer polo menos dos seguintes servicios:

-Aparcamento para turismos, autobuses e camións.

-Conexión coa rede de auxilio, mediante postes S.O.S., teléfono, persoal de enlace ou calquera outro medio.

-Aseos, auga potable e estación de servicio.

A circulación polo interior das áreas de servicio debe ser eminentemente peonil, limitándose os movementos de vehículos ós estrictamente necesarios para acceder desde a autoestrada ás diferentes instalacións e servicios. Ó tráfico rodado de vehículos polo interior das áreas de servicio, seranlle de aplicación as normas xerais do código da circulación, pero non as especiais que regulan a circulación por autoestrada.

A explotación das diferentes instalacións instaladas nas áreas de servicio realizarase de forma que non interfira na libre e normal circulación pola autoestrada. Os vehículos de subministración ás ditas instalacións realizarán a súa función sen perturba-la circulación propia da autoestrada nin o movemento peonil dos seus usuarios polo interior das áreas.

A sociedade concesionaria establecerá os sistemas precisos para evitar que a través das áreas de servicio

poidan acceder á autoestradas vehículos do exterior, ou saír cara ó exterior os usuarios desde os pavimentos principais.

As áreas de servicio estarán anunciadas previamente mediante a colocación de sinalización vertical cos servicios que se ofrecen.

A iluminación establecida nas áreas de servicio deberá alcanza-lo nivel suficiente que garanta o seu correcto funcionamento e permita diferencia-la súa localización, pero de forma que non produza perturbacións nin cegue os usuarios que circulen pola autoestrada. A iluminación exterior da área permanecerá acesa durante as horas en que estea en servicio e sexa precisa.

Os servicios existentes nas áreas ofreceránselle ó usuario en condicións de absoluta normalidade e de forma ininterrompida segundo os horarios aprobados, salvo supostos excepcionais debidos a causas fortuítas ou de forza maior, suprimindo todo tipo de causas que poidan orixinar perturbacións ou molestias.

Logo de aprobación ou autorización da Administración, poderase proceder ó peche ou supresión de determinadas dependencias, instalacións ou servicios, sempre que iso non modifique a asistencia básica que en todo momento debe te-lo usuario da autoestrada.

Con independencia de que os servicios ofrecidos nas áreas sexan prestados por terceiras persoas como consecuencia de contratos de arrendamento ou calquera outro, a sociedade concesionaria será a única responsable ante a Administración da xestión do servicio, polo que deberá velar para que en ningún momento se vulneren ou restrinxan directa ou indirectamente os dereitos dos usuarios.

Os subconcesionarios da explotación dos distintos servicios instalados nas áreas están obrigados a realizar aquela de forma que non se vulnere ningunha das normas establecidas nos pregos de cláusulas e demais lexislación aplicable á sociedade concesionaria, así como tamén ó cumprimento das normas e regulamentos emanados de órganos da Administración que poidan afecta-la dita explotación.

A sociedade concesionaria poñerá especial coidado en velar para que, os que xestionen e dirixan as instalacións e servicios de dita área, non só non vulneren directa ou indirectamente os dereitos dos usuarios da autoestrada, senón que contribúan a facer agradable o seu uso, coidando o seu nivel en tódalas súas facetas, estética, de hixiene e salubridade, coa máxima eficiencia e rapidez na prestación dos servicios e, conseguintemente, cun bo trato por parte do persoal das citadas áreas.

A sociedade concesionaria coidará e será responsable ante a Administración de que as instalacións das áreas e dos diferentes elementos de explotación se manteñan en bo estado de policía, conservación e funcionamento.

Os usuarios das áreas de servicio están obrigados a facer uso axeitado dos locais, instalacións, vías, aparcamentos e cantos elementos estean postos á súa disposición, evitando especialmente as accións ou omisións que lles poidan causar dano ás persoas ou cousas e/ou ós demais usuarios.

A sociedade concesionaria non poderá impedi-lo acceso ós locais nin nega-la prestación do servicio a ningún usuario, salvo que o seu comportamento resultase inadecuado ou supuxese unha manifesta molestia para o resto dos usuarios.

Nas instalacións da área existirá un libro de reclamacións, de acordo co establecido polos distintos organismos oficiais de quen depende a inspección de cada servicio, co fin de que os usuarios poidan manifesta-lo que consideren procedente en relación ó servicio recibido.

No suposto de existiren caixas de correo ou libros para que os usuarios da autoestrada formulen suxestións, estes últimos quedarán perfectamente determinados no seu formato con tal carácter, sen que en ningún caso se poida nega-lo libro de reclamacións, que poderá solicita-lo usuario da autoestrada.

Título cuarto

Peaxes e tarifas

Capítulo I

Peaxes

Artigo 36º

A peaxe é a contraprestación en diñeiro que ten dereito a percibi-la sociedade concesionaria dos usuarios da autoestrada, en pagamento da súa utilización como medio de comunicación.

A peaxe correspondente a cada percorrido deberá ser previamente aprobada pola Administración e a súa determinación realizarase mendiante a aplicación das tarifas vixentes en cada momento e o número de quilómetros correspondentes, todo iso de conformidade cos termos establecidos no contrato de construcción, conservación e explotación da autoestrada.

O pagamento da peaxe conferiralle ó usuario o dereito a utilizar tódolos servicios de obrigatoria prestación pola concesionaria pero non a súa gratuidade, salvo que expresamente se ofrezan por parte da concesionaria como incluídos no importe daquela.

O control da peaxe e a súa percepción realizarase en determinados lugares da autoestrada, denominados estacións de peaxe, puntos obrigatorios de paso e parada dos vehículos que a utilicen.

Constituíndo as estacións de peaxe puntos obrigatorios de parada, que supoñen unha necesaria interrupción do tráfico, a sociedade concesionaria deberá dotalas dos medios axeitados para minora-la formación de retencións excesivas, de acordo coas instruccións que, en cada momento, logo de análise conxunta da sociedade concesionaria e do inspector

de Explotación, cursará a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Os usuarios están especialmente obrigados a respecta-la sinalización existente nas estacións de peaxe, utilizando as vías abertas ó tráfico que sexan axeitadas á categoría do seu vehículo, ó seu itinerario e á súa modalidade de pagamento. En todo caso, deberán segui-las indicacións dos empregados da sociedade concesionaria.

A sociedade concesionaria procurará, en todo momento, soluciona-las situacións debidas a erro dos usuarios, pero non será responsable dos prexuízos que diso se puidesen derivar para terceiros.

Nos casos de avaría nas instalacións de cobramento da peaxe ou control do tránsito, a sociedade concesionaria estará obrigada á súa reparación urxente, sen prexuízo de adopta-las medidas adecuadas para garanti-la percepción da peaxe na forma que lle cause os menores prexuízos posibles ó usuario.

A ausencia de empregados nunha vía manual aberta ó tráfico, non dará dereito a franqueala sen realiza-las operacións nela previstas, xa sexa a recollida do título de tránsito ou o aboamento da peaxe, debendo esperar pola presencia do empregado e respecta-los correspondentes semáforos ou sinais, sen prexuízo da reclamación que proceda por deficiente sinalización ou demora na realización das operacións.

A imposibilidade de percibi-la peaxe polos medios habituais, debido a conflictos laborais ou a outras causas excepcionais, non alterará o dereito da sociedade concesionaria á súa percepción, podendo esta arbitra-los medios que con tal fin considere axeitados, sempre que non dean lugar a retencións excesivas a xuízo da Administración. A sociedade concesionaria non poderá pecha-la autoestrada por estas causas, sen prexuízo das restriccións ó tráfico que resulten inevitables de acordo coas medidas que se adoptaran como servicios mínimos.

Capítulo II

Tarifas

Artigo 37º

De acordo co establecido no prego de cláusulas particulares e na cláusula 45 do prego de cláusulas xerais de 25 de xaneiro de 1973, en relación co contrato de concesión, a concesionaria terá dereito á revisión das tarifas e peaxes nos casos e na forma que neles se determina.

A data de entrada en vigor das tarifas e peaxes revisadas será a que expresamente se determine nas resolucións da súa aprobación pola Administración, nas que constarán as contías concretas das peaxes para cada categoría de vehículo e percorrido.

A data da súa aplicación concreta poderá pospoñerse, respecto á anterior por decisión da sociedade concesionaria, dando conta en todo caso á Administración.

As novas peaxes revisadas incorporaranse ó presente regulamento, pasando a substituí-las vixentes ata ese momento.

Artigo 38º

A sociedade concesionaria, a petición de calquera persoa, deberalle proporcionar información precisa e concreta das peaxes aplicables na autoestrada e todo iso referido ó momento da solicitude.

Para estes efectos, disporá e, específicamente, terá nas estacións de peaxe, cadros de peaxe discriminados por percorridos e categorías de vehículos, para a súa entrega ós usuarios que o soliciten.

Cando se produza unha revisión de tarifas e peaxes, a sociedade concesionaria deberá facela pública, mediante a difusión do feito en, polo menos, un dos xornais de maior difusión na provincia da Coruña, indicando no texto do anuncio a data e hora exacta na que tal revisión entrará en vigor.

Artigo 39º

A sociedade concesionaria terá dereito ó cobramento da correspondente peaxe, segundo a categoría do vehículo e percorrido efectuado, a tódolos vehículos que utilicen a autoestrada coas únicos excepcións expresadas no artigo 41º do presente regulamento, podendo formula-las denuncias e exercelas accións que procedan conforme a lei, e para exercela, os empregados da sociedade concesionaria poderán esixi-la identificación dos usuarios.

Nos supostos de usuarios sen diñeiro, de negativa ó pagamento da peaxe, de presunción xustificada de fraude, ou de calquera outra situación conflictiva, os usuarios estarán obrigados a xustifica-la súa personalidade e a facilita-los datos requiridos para o aboamento da peaxe que puidese corresponder, cando sexan requiridos polos empregados da sociedade concesionaria.

Se o sistema de peaxe establecido consistira na utilización de billete ou tarxeta para o control do percorrido efectuado, o usuario ten a obriga de recollela na entrada da autoestrada e entragala á saída, para efectua-lo seu aboamento.

A tarxeta de control ou billete é intrasferible e propiedade da sociedade concesionaria quen, polo tanto, pode esixila en todo momento por medio do seu persoal, tanto para a súa inspección, como para a súa invalidación ó final do traxecto. A retención ou o extravío do dito documento determinará a obriga de satisfacerlle á sociedade concesionaria o importe da peaxe correspondente ó maior percorrido posible, con final na estación de saída na que a dita tarxeta ou billete debera presentarse.

En casos de deterioración, mal uso da tarxeta ou billete, cambio de sentido da circulación do vehículo ou outros análogos en que se considere que houbo infracción de normas de circulación pola autoestrada, aínda que faga entrega da tarxeta ou billete correspondente recollido á entrada dela, a sociedade

concesionaria poderá esixi-lo pagamento do dobre da peaxe, segundo o sinalado no parágrafo anterior, sen prexuízo da denuncia correspondente, se concorrese fraude ou infracción do código da circulación por parte do usuario, e do dereito deste a reclamar polas vías establecidas, se considera producida vulneración do regulamento.

Cando o sistema de peaxe non requira a entrega de tarxetas ou billete para o control do percorrido efectuado, o usuario deberá realiza-lo pagamento nas vías de cobramento, manuais ou automáticas, sen necesidade de xustifica-lo percorrido realizado ou pendente de realizar.

A sociedade concesionaria estará obrigada a entregarlle ó usuario que o elixa un xustificante do pagamento efectuado no que consten, ademais do importe en pesetas, a estación de que se trate, a categoría do vehículo e a data.

Este xustificante, logo de solicitude do usuario dirixida á concesionaria, poderá ser cambiado pola factura comercial expresiva do traxecto efectuado, categoría do vehículo, importe da peaxe e data do tránsito, responsabilizándose o peticionario da concordancia entre o usuario e a persoa para quen se deba emiti-la factura.

Artigo 40º

As tarifas para as distintas categorías de vehículos serán as determinadas polo decreto de adxudicación da concesión e polos posteriores que as modifiquen.

Para os efectos de determina-las peaxes aplicables ós posibles percorridos, as lonxitudes de cada tramo do itinerario da autoestrada serán as aprobadas pola Administración.

Logo de autorización da Administración, a sociedade concesionaria poderá establecer con carácter obxectivo bonificacións nas peaxes que lle corresponda percibir. Así mesmo poderá, dando conta á Administración, demorar no tempo a aplicación das peaxes na contía que lle fose autorizada.

Capítulo III

Exencións de peaxe

Artigo 41º

Estarán exentos do pagamento da peaxe polo paso da autoestradas aqueles vehículos que estean afectos ó seu servicio, dependentes da sociedade concesionaria ou da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda que transporten persoal dela encargado de velar polo cumprimento das funcións en que ten competencia a dita administración, en relación cos pregos de cláusulas xerais e, se é o caso, demais normas especiais; da Garda Civil de Tráfico, policía gobernativa, demais forzas da orde pública, autoridades xudiciais, vehículos-ambulancia e contra-incendios que vaian prestar servicios na autoestrada.

Será condición indispensable para a aplicación da exención a de que o tránsito efectuado tivese como obxecto unha misión concreta que se efectúe en terreos da autoestrada.

Para efectos do correspondente control, os vehículos exentos de peaxe estarán obrigados a someterse ás oportunas operacións nas estacións de peaxe, tanto de entrada como de saída, e os seus ocupantes a facilitaren, se para iso son requiridos, os documentos acreditativos polos que se lles concede a exención da peaxe.

Capítulo IV

Categorías de vehículos

Artigo 42º

A categoría de vehículos, para a aplicación de tarifas e peaxes será a establecida para a concesión no seu decreto de adxudicación e disposicións posteriores aplicables á sociedade concesionaria.

A categoría dun vehículo estará determinada polos datos que consten no seu permiso de circulación e/ou segundo as características físicas del.

Para tal efecto, os empregados da sociedade concesionaria terán dereito a esixi-la exhibición do dito documento e, no caso de que o usuario se negase a iso, estará obrigado a satisface-la peaxe correspondente á categoría que proceda a criterio da concesionaria, sen prexuízo do seu dereito a formular reclamación.

As categorías de vehículos, establecidas no decreto de adxudicación da concesión, poderán ser modificadas pola Administración a proposta da sociedade concesionaria, co fin de establecer homoxeneidade entre as distintas concesións e facilidade de aplicación a partir das características externas do vehículo.

Disposición derradeira

Se con posterioridade á data de aprobación deste regulamento fosen promulgadas polos órganos competentes disposicións que contradigan ou modifiquen algúns dos seus preceptos e sen prexuízo da súa inmediata aplicación, a sociedade concesionaria solicitará da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda as rectificacións precisas.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 1997.

Emilio García Gallego

Director xeral de Obras Públicas

10435