Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 30 de decembro de 1997 Páx. 12.547

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 477/1997, do 12 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de unión das praias Rapadoira-Llas, prolongación ata Froxán.

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o día 28 de xuño de 1993, acordou aproba-lo proxecto de unión das praias Rapadoira-Llas, prolongación ata Froxán e na sesión celebrada o día 22 de febreiro de 1993, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. A deputación remitiu documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 2 de xaneiro de 1997 baixo o número 18.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 12 de novembro 1996, nº 8644.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque o municipio de Foz basea gran parte dos seus recursos no turismo debido ás magníficas praias coas que conta o seu litoral; esta obra como indica o seu nome, enlaza as dúas praias máis próximas á capitalidade municipal sendo unha importantísima vía que resalta o valor paisaxístico da zona e dota dunha adecuada comunicación a ámbolos dous lugares.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de decembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a

urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de unión das praias Rapadoira-Llas, prolongación ata Froxán.

Santiago de Compostela, doce de decembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

10436