Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 30 de decembro de 1997 Páx. 12.548

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 478/1997, do 12 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Ourense, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de arranxo da estrada Lentellais-O Bolo (CV 208).

A Deputación Provincial de Ourense, en sesión celebrada o día 21 de marzo de 1997, aprobou o proxecto de arranxo da estrada Lentellais-O Bolo (CV 208) e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. A deputación remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 27 de novembro de 1997 baixo o número 16887.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 27 de novembro de 1997 baixo o número 16871.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxécto técnico sinalado porque a estrada OUR-V 1217 entre Lentellais e O Bolo cumpre a función de uni-la capitalidade do concello coa máis importante vía de comunicación da comarca, e como os núcleos poboacionais do concello do Bolo, padecen deficiencias nas súas vías de comunicación foi polo que o Concello do Bolo, a Deputación Provincial de Ourense e a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda subscriben un convenio conscientes da necesidade de elimina-lo maior número de atrancos para conseguir unha mellora na rede de accesos, e no que se recolle que a pretendida obra terá que executarse dentro do ano 1997.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de decembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Ourense para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de arranxo da estrada Lentellais-O Bolo (CV 208).

Santiago de Compostela, doce de decembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

10437