Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 30 de decembro de 1997 Páx. 12.530

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 29 de decembro de 1997 pola que se desenvolve o Decreto 471/1997, do 26 de decembro, polo que se regula a aplicación da prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de 1997 para o exercicio de 1998.

Por Decreto 471/1997, do 26 de decembro, regúlase a aplicación da prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de 1997 para 1998, de acordo co previsto no artigo 21.2º da Lei 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, e o 54 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Facendo uso da facultade concedida pola disposición derradeira primeira do citado decreto, procede establece-lo alcance que tal prórroga debe ter en relación cos fins perseguidos para ela; para iso debe partirse, no estado de gastos, dos créditos inicialmente aprobados en 1997, e as modificacións realizadas ó longo do exercicio que tivesen o carácter de consolidables, así como as adaptacións técnicas que sexa preciso efectuar para dar efectividade ó Decreto 351/1997, do 10 de decembro, polo que

se establece a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Igualmente, co obxecto de non entorpece-la boa marcha dos servicios, resulta necesario ter en conta aquelas consignacións orzamentarias que polas súas características teñan carácter recorrente ou correspondan a actuacións de urxente iniciación ou cobertura, así como as precisas para dar cumprimento ó artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, así como as emanadas doutras normas legais.

Igualmente, procede ter en conta aquelas subvencións non integrantes do custo efectivo dos servicios transferidos en materia de asistencia social que, polo seu carácter de execución periódica, esixe contar coas correspondentes consignacións.

Finalmente, os estados de ingresos confeccionaranse segundo as previsións que se deriven do avance da liquidación dos orzamentos da Comunidade Autónoma que se prorrogan, así como dos datos obtidos da Lei de orzamentos xerais do Estado para 1997. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Primeiro.-Créditos prorrogados.

Co alcance sinalado no artigo 2 do Decreto 471/1997, do 26 de decembro, prorróganse os créditos iniciais dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de 1997 para 1998, mentres non se aprobe e publique no Diario Oficial de Galicia a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, coas modificacións consolidables realizadas de acordo co previsto na Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Segundo.-Prevencións.

1. Os créditos correspondentes a subvencións non integrantes do custo efectivo en materia de asistencia social, consignaranse en igual contía que a que figura no orzamento inicial de 1997.

2. Respecto ós créditos dos capítulos VI e VII, faranse as previsións necesarias para atende-las obrigas derivadas das resolucións adoptadas ó amparo do artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, así como aquelas outras consignacións de carácter corrente, de urxente iniciación ou necesaria cobertura, e de acordo coas correspondentes fontes de financiamento.

3. Nos estados do orzamento de gastos que recollan a prórroga deberán consignarse, así mesmo, os créditos necesarios para atende-los reais decretos de

traspaso de funcións e servicios aprobados durante o exercicio de 1997, nas contías reflectidas nelas.

Terceiro.-Adaptacións técnicas.

Nos estados de gastos confeccionados de acordo coas regras anteriores, e en virtude do disposto no artigo 3 do Decreto 471/1997, do 26 de decembro, efectuaranse as adaptacións técnicas que resulten precisas para dar efectividade ó Decreto 347/1997, do 9 de decembro, polo que se aproba a estructura da Xunta de Galicia.

Cuarto.-Orzamento de ingresos.

Co obxecto de presentar uns orzamentos equilibrados, elaboraranse con carácter meramente estimativo os correspondentes estados de ingresos, de acordo coas seguintes prevencións:

1. Con base na previsión de liquidación dos orzamentos de ingresos de 1997, elaboraranse as correspondentes estimacións de ingresos propios.

2. Os ingresos correspondentes ó P.I.E. e as estimacións correspondentes ás subvencións non integrantes do custo efectivo en materia de asistencia social e demais créditos finalistas, elaboraranse en concordancia co previsto no número 1 do apartado segundo desta disposición.

3. As estimacións correspondentes ós servicios transferidos en materia de Seguridade Social elaboraranse de acordo cos créditos consignados no orzamento de gastos sen que en ningún caso poidan exceder das previsións iniciais para 1997.

Quinto.-Resumo dos orzamentos.

Publícase como anexo o resumo xeral, en miles de pesetas, do orzamento prorrogado cun total consolidado que ascende a setecentos sesenta e catro mil novecentos trinta e catro millóns novecentas corenta e cinco mil (764.934.945.000) pesetas, e as súas transferencias internas a vinte mil setecentos noventa e seis millóns cincocentas noventa e dúas mil (20.796.592.000) pesetas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Presupostos para dicta-las resolucións precisas co obxecto de desenvolve-la aplicación das normas contidas nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

10255