Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 30 de decembro de 1997 Páx. 12.530

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 474/1997, do 12 de decembro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 200/1991, do 13 de xuño, polo que se reestructuran os servicios veterinarios oficiais e se definen as súas funcións.

Desde o ano 1991 púxose en marcha na nosa Comunidade Autónoma unha fonda reestructuración dos servicios veterinarios oficiais que vén substituí-lo esquema imperante ata entón que databa de hai catro décadas. A experiencia acumulada ó longo destes anos aconsella introducir pequenos axustes que veñen xustificados pola necesidade de solventa-las disfuncións que se observan no devir cotián da prestación dos servicios veterinarios oficiais de saúde pública asignados á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Así, faise necesario modificar, a través do instrumento técnico adecuado como é a relación de postos de traballo, o ámbito territorial dos ditos postos, así como a súa configuración funcional, unificando todos baixo a común denominación de inspectores veterinarios de saúde pública, rematando coa distinción actual entre postos de traballo de inspección de saúde pública propiamente ditos e de matadoiros e lonxas. Como consecuencia diso, resulta obrigado modifica-lo artigo 3 do dito decreto no relativo ó ámbito territorial dos postos de traballo, así como proceder á derrogación da disposición adicional primeira do Decreto 200/1991, do 13 de xuño, que incorporaba e esixía estar en posesión do diploma do curso de matadoiros convocado ou homologado pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para o desenvolvemento dos postos de traballo de inspectores veterinarios de matadoiros.

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 1/1988, do 22 de outubro, por iniciativa dos conselleiros da Presidencia e Administración Pública e de Sanidade e Servicios Sociais, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo do informe da Comisión de Persoal, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de decembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.-Modifícase o parágrafo primeiro do artigo 3 do Decreto 200/1991, do 13 de xuño, polo que se reestructuran os servicios veterinarios oficiais regulados na Lei 17/1989, do 23 de outubro, e se definen as súas funcións, quedando redactado do seguinte modo:

«O ámbito territorial de actuación dos postos de traballo pertencentes ós servicios veterinarios ofi

ciais de saúde pública será o que se fixe nas correspondentes relacións de postos de traballo».

Artigo segundo.-Queda derrogada a disposición adicional primeira do Decreto 200/1991, do 13 de xuño, polo que se reestructuran os servicios veterinarios oficiais regulados da Lei 17/1989 e se definen as súas funcións.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Non obstante o anterior, a súa eficacia quedará demorada ata a plena operatividade das novas relacións de postos de traballo dos servicios veterinarios oficiais de saúde pública dependentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que veñan substituí-las aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia do 23 de novembro de 1995, publicadas por Resolución do 24 de novembro (DOG nº 227, do 27 de novembro).

Santiago de Compostela, doce de decembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

10499