Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 24 de decembro de 1997 Páx. 12.420

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO UN DE ORDES

EDICTO (160/1996).

En virtude do acordado por providencia desta data, recaída nos autos de xuízo de separación conxugal, notifícaselle ó demandado Alfonso da Silva Miras, a sentencia cun encabezamento e parte dispositiva que son como segue:

«Sentencia. Na vila de Ordes o tres de setembro de mil novecentos noventa e sete. María Cristina Paz Eiroa, xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un dos desta vila, viu os presentes autos de xuízo de separación conxugal, promovidos por Salomé González Conde, representada polo procurador Manuel Castro del Río, e dirixido polo letrado, contra Alfonso da Silva Miras, declarado en rebeldía.

Seguen antecedentes de feitos e fundamentos xurídicos.

Decisión. Estimando a demanda formulada por Manuel Castro del Río, en nome e representación de Salomé González Conde, contra o seu esposo Alfonso da Silva Miras, declaro a separación de ámbolos cónxuxes con tódolos efectos legais, en especial:

1. Os cónxuxes poderán vivir separados, cesando a presunción de convivencia conxugal.

2. Quedan revogados os consentimentos e poderes que calquera dos cónxuxes lle outorgase ó outro.

3. As fillas menores do matrimonio, Vanesa e Marta, quedarán baixo a garda e custodia da nai, e deberán permanecer na súa compañía, sen que sexa procedente establecer réxime de visitas para o proxenitor co que non conviven.

4. Ó non estar acreditados os ingresos percibidos polo demandado, non é procedente fixar pensión por alimentos para as fillas menores do matrimonio, polo que se deixa a dita declaración para execución de sentencia.

5. Atribúeselle á nai, así como ás fillas menores de idade, o uso e desfrute da vivenda familiar, así como dos bens que constitúen o enxoval doméstico.

6. As medidas anteriores poderán modificarse cando se alteren substancialmente as circunstancias.

7. Non cabe especial pronunciamento sobre custas.

Contra esta sentencia poderá interporse neste xulgado recurso de apleación no prazo de cinco días contados desde a súa notificación.

Así, por esta miña sentencia, pronúncioo, mándoo e asínoo».

E expido o presente edicto para que lle sirva de notificación á parte declarada en rebeldía e en ignorado paradoiro.

Dado en Ordes, quince de outubro de mil novecentos noventa e sete.

O secretario

Rubricado

8704