Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 05 de decembro de 1997 Páx. 11.780

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 12 de novembro de 1997 pola que se establece o prazo e procedemento para a renovación da adscrición á función inspectora dos funcionarios docentes nomeados para tal actividade.

A disposición adicional primeira.3 da Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro (BOE do 21), da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes, establece que os funcionarios dos corpos docentes que teñan accedido á función inspectora de confomidade coas disposicións da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública. modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo, e que pertenzan a corpos do grupo A que establece o artigo 25 da dita lei se integrarán, por tratarse dun corpo do mesmo grupo, no corpo de inspectores de Educación, sempre que teñan efectuada a primeira renovación de tres anos á que se refire o apartado 7 da disposición adicional décimo quinta da dita lei.

A disposición transitoria segunda, apartados 1 e 2 do Real decreto 2193/1995, do 28 de decembro (BOE do 30), sinala que os funcionarios de corpos do grupo A que non tivesen efectuado a primeira renovación de tres anos á que se refire o apartado 7 da disposición adicional décimo quinta da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función publica, modificada pola Lei 23/1987, do 28 de xullo, continuarán no desempeño da función inspectora ata completa-lo tempo que lles falte desta. Cando se produza a dita renovación, integraranse no corpo de inspectores de Educación coa antigüidade do momento no que accederon á función inspectora.

O punto 7.1 da Orde do 10 de outubro de 1994 (DOG do 27), pola que se convoca concurso de méritos para a provisión de postos de función inspectora educativa entre funcionarios docentes, establece que os concursantes preseleccionados que obteñan a cualificación de apto serán nomeados e adscritos á fun

ción inspectora educativa por un período de tres anos.

Por Orde do 14 de marzo de 1995 (DOG do 19 de abril) resólvese o concurso de méritos para a provisión de postos de función inspectora educativa convocado por Orde do 10 de outubro de 1994.

A Orde do 11 de maio de 1995 (DOG do 29 de xuño) nomea e adscribe a postos da función inspectora os funcionarios docentes preseleccionados que superaron o curso selectivo ó que se refire o artigo 2 da Orde do 14 de marzo de 1994.

O artigo 28 do Decreto 135/1993, do 24 de xuño (DOG do 29), polo que se regulan as funcións e organización da inspección educativa na Comunidade Autónoma de Galicia establece que, transcorridos os tres primeiros anos no exercicio da función inspectora, os inspectores que desexen continuar nela deberán solicitarlle a súa continuidade á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo que se estableza dentro dos tres primeiros meses do terceiro ano de exercicio da función.

Estando a cumprirse os tres anos desde o nomeamento dos concursantes seleccionados, débese realiza-la avaliación do exercicio da función inspectora educativa desenvolvida para os efectos de que, por parte desta consellería, se determine a súa renovación se procede.

O artigo 11º do dito Decreto 135/1993 establece que o Servicio Central de Inspección estará integrado orgánicamente na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Segundo os artigos 26 e 32 do mesmo decreto, as comisións avaliadoras nos concursos de acceso á función inspectora e as comisións avaliadoras da experiencia na dita función serían presididas polo secretario xeral técnico ou director xeral no que delegase.

Segundo o disposto no artigo 6 do Decreto 232/1994, do 14 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Inspección Central intégrase no Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, polo que as funcións anteriormente asumidas pola Secretaría Xeral respecto á Inspección lle corresponden, pola propia función, á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros.

A estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que establece o Decreto 346/1996, do 13 de setembro, íntegra a Inspección Central na Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

Por tanto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Os funcionarios docentes que se relacionan na Orde do 11 de maio de 1995 (DOG do 29 de xuño) poderán solicita-la continuidade na fun

ción inspectora no prazo e coas condicións que de seguido se indican.

Segundo.-Os ditos funcionarios presentarán a súa solicitude por escrito na Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, rúa San Lázaro nº 107, Santiago de Compostela, entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo de 1998. Xuntaranlle á solicitude unha memoria referida á súa actividade no exercicio da función inspectora que non excederá de 60 folios.

Terceiro.-O exercicio da función inspectora educativa será avaliado por unha comisión presidida polo director xeral de Centros e Inspección Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Esta comisión estará integrada, ademais, polos seguintes membros:

-Subdirector xeral da Inspección Central.

-Cinco funcionarios pertencentes ó corpo de inspectores ó servicio da Administración Educativa ou do corpo de inspectores de Educación, elixidos por sorteo público. As datas do sorteo determinaranse por resolución da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

Cuarto.-Para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 229/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño) esta comisión considerarase incluída na categoría segunda.

Quinto.-Na avaliación da función inspectora, a comisión valorará o traballo desenvolvido polo aspirante e terá en conta o seguinte:

-Memoria presentada polo aspirante.

-Informe emitido polo correspondente delegado provincial.

-Informe emitido polo xefe do Servicio provincial de Inspección.

Sexto.-A comisión de avaliación elevaralle ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria proposta razoada para a renovación para os efectos previstos na disposición transitoria segunda, apartados 1 e 2 do Real decreto 2193/1995, do 28 de decembro.

Sétimo.-Os funcionarios que non solicitasen a renovación ou que non a superasen incorporaranse ós seus corpos ou escolas participando nos correspondentes concursos, tendo dereito preferente a ocupar un posto de traballo na localidade na que tivesen o seu destino definitivo no momento de producirse o seu nomeamento.

Oitavo.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria