Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Martes, 02 de decembro de 1997 Páx. 11.560

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE VIGO

ANUNCIO da aprobación inicial do proxecto de estatutos e bases de actuación da U.E. VIII PERI IV-05 Travesía de Vigo-Aragón A e B. (Expediente 3998/401).

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, en sesión celebrada o día 27 de xullo de 1997, acordou aprobar inicialmente o proxecto de estatutos e bases de actuación da U.E. VIII PERI IV-05 Travesía de Vigo-Aragón A e B, conforme á documentación presentada por Xosé Luis Pardo Cao e demais propietarios de terreos.

Sométese a información pública polo prazo de vinte días, mediante inserción de anuncio no DOG.

Signifícase que o prazo de exposición ó publico se entenderá aberto desde a primeira publicación ata o remate dos vinte días contados desde a publicación no DOG. A documentación atópase na oficina de información da Xerencia Municipal de Urbanismo ó dispor do público, planta baixa da Casa do Concello.

O presente anuncio servirá de notificación nos termos do artigo 59 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común para tódolos propietarios e interesados directamente afectados que, por resultaren descoñecidos ou ignorándose o seu enderezo, non poidan ser notificados persoalmente.

O proxecto de estatutos e bases de actuación aprobado é o seguinte:

BASES

Primeira.

Para executa-las obras de urbanización e distribuír equitativamente entre os membros da xunta as cargas e os beneficios do planeamento contido no PERI Aragón-Travesía de Vigo, as persoas físicas e xurídicas que son titulares de terreos e dereitos dentro do ámbito da Unidade de Actuación VIII do PERI Aragón-Travesía de Vigo, aceptando as presentes bases, reúnense co fin de levar a efecto tódalas operacións relativas á urbanización da dita Unidade de Actuación VIII polo sistema de compensación regulado no artigo 133 e seguintes no texto refundido da Lei do solo e concordantes do Regulamento de xestión urbanística, coa solidariedade de carga e beneficios, baixo unha xestión común.

Para tales fins acordan constituír unha entidade urbanística que se denominará Xunta de Compensación Urbanizadora da Unidade de Actuación VIII PERI Aragón-Travesía de Vigo, a cal posuirá personalidade propia e plena capacidade xurídica a partir da inscrición da escritura pública da súa constitución e do acordo aprobatorio do Concello de Vigo no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia.

Segunda.

De conformidade co establecido no artigo 134.2º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, en relación co artigo 165 do Regulamento de xestión urbanística, poderán incorporarse á xestión común da xunta de compensación, empresas urbanizadoras que acheguen total ou parcialmente os fondos necesarios para urbanizar, nas condicións que se determinen.

Terceira.

1. A formación do proxecto para a aplicación do sistema de compensación, para efectos da constitución da xunta, foi elaborado polos propietarios promotores que asinan estas bases de actuación e os correspondentes estatutos, representando máis do

50% da superficie total da Unidade de Actuación VIII. Non obstante, tamén se considerarán como promotores da redacción do citado proxecto a todos os que acepten estas bases. O proxecto tramitarase axustándoo ó procedemento establecido nos artigos 157 e seguintes do Regulamento de xestión urbanística e 133 e seguintes da Lei 1/1997, do 24 de marzo.

2. A actividade da xunta de compensación en materia de redacción e tramitación de proxectos de urbanización axustarase ó previsto para estes efectos no PERI que se desenvolve.

Cuarta.

Os propietarios someten os seus terreos e dereitos á xestión común da urbanización e, se é o caso, de edificación, constituíndo o aproveitamento edificable sobre os ditos terreos, segundo o plan especial, a base dos seus dereitos.

Quinta.

1. A edificabilidade para construír resultante da superficie das parcelas actualmente existentes, conforme a normativa fixada polo planeamento a razón de 0,909 m/m, cun total de 5.892 m. de superficie de solo, serven para establece-las cotas ou coeficientes para a distribución dos beneficios e cargas, e posterior adxudicación dos sólidos que se van edificar, os novos soares, e os dereitos e obrigacións dos asociados determinaranse en relación coa edificabilidade para construír que lles corresponda.

2. A cada asociado asignaráselle un número de puntos con valor igual ó dos metros cadrados da edificabilidade que lle corresponda.

3. O secretario da xunta levará un rexistro autorizado dos puntos-valor de cada asociado, que determinará o valor do seu voto en cada decisión da asemblea.

Sexta.

1. As cargas da ordenación, da urbanización e a compensación están representadas polas seguintes obrigacións:

a) A cesión gratuíta ó concello dos terreos de uso público, previstos no planeamento, libres de toda carga, gravames e ocupantes.

b) Sufragar na proporción establecida e aprobada polo concello o prezo da explotación dos terreos, dos que os seus propietarios non se incorporen á Xunta, ou dos incorporados que incumpran as obrigacións contraídas, nos casos, formas e prazos previstos nos estatutos.

c) Sufraga-lo custo das obras de urbanización, esplanación, encintado e pavimentación definitiva das beirarrúas e calzadas, sumidoiros, drenaxe, iluminación pública, redes de suministración de auga e cantos elementos resulten previstos no planeamento, incluído o Camiño de Pinelas, no seu límite coa unidade de actuación, a creación dunha zona verde

de uso público de igual superficie á prevista no planeamento.

d) Atende-los gastos complementarios de redacción do proxecto para a aplicación do sistema de compensación, e de tódolos demais proxectos, honorarios ós servicios técnicos, formalización de escrituras, inscricións rexistrais, indemnizacións previstas na lei e gastos xerais de xestión e de administración da xunta de compensación.

e) E, en xeral, todos aqueles necesarios derivados do desenvolvemento e realización dos fins da xunta.

2. Se a consecuencia de actuacións municipais anteriores, se fixesen desembolsos por parte dalgúns propietarios, estes gastos, debidamente xustificados, formarán parte do custo da urbanización e serán repercutidos proporcionalmente entre os asociados reintegrando a parte correspondente ó que os adiantou.

3. En ningún caso se entregará o título de adxudicación dos sólidos resultantes da compensación sen que se acredite ter satisfeita a cota de urbanización ou os gastos ós que se refire esta base.

Sétima.

Os propietarios das parcelas que se incorporen á xunta terán dereito a:

a) Obter mediante o sistema de compensación a adxudicación do sólido ou sólidos, ou parte proporcional neles, previstos no PERI para a construcción do volume total que lle corresponda de acordo coa superficie achegada, coas condicións, respecto á edificabilidade ou edificación, que estableza o planeamento.

b) Obte-la cota de beneficios que na liquidación poida corresponderlle, no suposto de que existisen.

Oitava.

1. Por considerarse uniforme a valoración do chan dentro de Unidade de Actuación VIII, en razón á súa cualificación urbanística, e ser así mesmo uniforme o aproveitamento dos terreos, de natureza privada, só se atenderá ó volume que corresponda construír de acordo coa superfice achegada, para determina-las cargas e os beneficios na ordenación, coa especificación expresada respecto da participación municipal nos gastos da urbanización.

2. A participación nos custos da urbanización dos propietarios de construccións preexistentes que non queden afectadas de demolición, (por ser compatibles co plan que se executa ó atopárense situados dentro do perímetro dos novos predios resultantes, integramente adxudicada ó mesmo titular do antigo predio achegado), limitarase á edificabilidade existente ou edificada; esta mesma participación manterase na distribución dos beneficios que se obteñan.

3. Polo contrario, cando as edificacións preexistentes e os dereitos reais ou persoais constituídos sobre esta resulten incompatibles coa execución do plan por concorrer algunha das circunstancias deter

minadas no artigo 98.2º do Regulamento de xestión urbanística da vixente Lei do solo, (isto é, cando sexa necesaria a súa eliminación para realiza-las obras de urbanización previstas no plan, cando estean situados nunha superficie que non se deba adxudicar integramente ó seu mesmo propietario e cando a súa conservación sexa radicalmente incompatible coa ordenación mesmo como uso provisional), e sexa necesaria a demolición, o seu valor considerarase para tódolos efectos como custo da urbanización.

A falta de acordo expreso entre os propietarios e a xunta de compensación, tales dereitos serán valorados consonte os criterios que rexan da expropiación forzosa.

4. Naqueles casos que existan pequenos desaxustes derivados da información gráfica ou da delimitación, tramitarase, diante do organismo correspondente, a oportuna rectificación.

5. O valor das obras, plantacións ou instalacións que deben derruírse ou derrubarse, por resultar afectadas polo trazado das vías, será percibido polos seus donos con cargo á xunta de compensación como un concepto máis integrante do custo da urbanización.

Novena.

A execución das obras de urbanización levaraa a cabo a empresa á que lle sexa adxudicada a contrata polo acordo da xunta de compensación.

Décima.

A adxudicación dos sólidos ou parcelas resultantes realizarase no respectivo proxecto de compensación, tendo en conta, entre outros extremos, as determinacións do planeamento aplicable (PERI, estudio de detalle, de se-lo caso, etc.).

Décimo primeira.

No caso de incumprimento das obrigas dos membros da xunta que dan lugar á expropiación dos seus bens ou dereitos, a xunta de delegados poderá adoptar calquera das determinacións establecidas no artigo 181 do Regulamento de xestión urbanística, co desenvolvemento no artigo 40 dos estatutos desta xunta de compensación.

Décimo segunda.

Polo simple feito da incorporación dun propietario á xunta entenderase efectuada de dereito a achega dos seus predios á xestión común, aínda que isto non implique a transmisión da propiedade. As contribucións en metálico efectuaranse na forma e prazos que para o efecto sinale a xunta de delegados conforme o establecido no artigo 40.2º dos estatutos.

Décimo terceira.

A distribución de beneficios ou perdas resultantes da xestión común efectuarase na proporción estricta das cotas de participación de cada membro da xunta.

Décimo cuarta.

1. Para atende-los custos de urbanización abrirase unha conta na que cada propietario aboará a cota de urbanización que lle corresponda en proporción á súa participación.

Para estes efectos, as contribucións monetarias ou subvencións que, por calquera concepto, xestione e obteña a xunta de compensación de calquera organismo ou entidade, aplicaranse única e exclusivamente a reducir na mesma contía o importe das ditas contribucións ou subvencións ás cotas de urbanización dos propietarios particulares.

Décimo quinta.

Unha vez que sexa aprobado definitivamente na vía administrativa o proxecto de compensación coa adxudicación dos sólidos resultantes e asignación do seu respectivo volume edificable, os titulares das adxudicacións poderán solicita-la licencia de construcción para edificar sobre as parcelas resultantes, que deberán ser outorgadas conforme o disposto no artigo 41 do Regulamento de xestión urbanísticas, coa advertencia de que non se permitirá a ocupación dos edificios ata que non estea realizada totalmente a urbanización que afecte a estes e estean en condicións de funcionamento a subministración de auga e enerxía eléctrica e as redes dos sumidoiros.

Décimo sexta.

As cotas de conservación da obra urbanizadora executada, en tanto non se lle entregue ó concello totalmente acabada, cobraranse conxuntamente coas cotas de urbanización na mesma forma que estas, no caso de que resulten necesarias.

ESTATUTOS

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Denominación.

Coa denominación de Xunta de Compensación Urbanizadora da Unidade de Actuación VIII do PERI Aragón-Travesía de Vigo funcionará unha entidade de carácter urbanístico con personalidade propia e plena capacidade xurídica, unha vez inscrita no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia, a cal se constitúe para a execución e desenvolvemento das obras da urbanización da Unidade de Actuación VIII do expresado Plan Especial de Reforma Interior Aragón-Travesía de Vigo, de iniciativa municipal comprendéndose naquelas obras a rede viaria interior, o saneamento e a creación da zona verde de uso público previsto no planeamento que se desenvolve.

A dita xunta de compensación rexerase polas bases xerais para a creación, constitución e funcionamento da entidade (no sucesivo bases de actuación), polos presentes estatutos e en canto nestes ou naqueles non estea previsto ou sexa de aplicación imperativa, polas disposicións contidas no texto refundido da

Lei sobre réxime do solo e ordenación urbana, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1992, do 26 de xuño, e Regulamento de xestión urbanística, aprobado polo Decreto 3288/1978, do 25 de agosto, e demais disposicións concordantes de aplicación xeral.

Artigo 2º

A xunta de compensación terá o seu domicilio social no Calexón do Viso, 89, 36206 Vigo (dirección do secretario).

Artigo 3º

O obxecto da xunta é a urbanización e reparcelación dos terreos incluídos na Unidade de Actuación VIII, conforme a delimitación establecida para este ámbito polo PERI IV.05 Travesía-Aragón A e B.

Artigo 4º

Serán fins primordiais da xunta de compensación:

a) A agrupación dos propietarios dos predios comprendidas dentro da Unidade de Actuación VIII coa finalidade de realizar, en réxime de compensación, a urbanización e reparcelación da dita unidade sostendo, en proporción ós seus aproveitamentos, tódolos gastos ocasionados ou derivados destas actividades.

A afectación dos predios á xestión común, non implica a transmisión da propiedade destes á dita xunta, sen prexuízo dos dereitos de disposición que lle concedan a esta segunda os apartados d) e f) deste mesmo artigo.

b) Redacta-lo correspondente proxecto de compensación, e levalo a cabo mediante a execución das operacións previstas para iso. As obras de urbanización executaraas a xunta conforme as condicións de poxa e adxudicación que se realicen.

c) Adxudica-las parcelas sinaladas no proxecto de compensación na forma prevista no artigo 36, apartado c), destes estatutos, os cales serán inscritos no Rexistro de Propiedade de acordo co establecido para o efecto nos artigos 133 e 146 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

d) Efectua-la transmisión ó Concello de Vigo das parcelas edificables que lles correspondan segundo o proxecto de compensación, libre de cargas, gravames e ocupantes.

A edificabilidade correspondente ós terreos de propiedade municipal estará suxeita ó mesmo réxime de cargas que as demais propiedades particulares.

e) Solicitar ó Concello de Vigo o exercicio da expropiación forzosa para o beneficio da xunta, respecto das parcelas dos propietarios que escollan non incorporarse á xunta, na forma, prazo e condicións establecidas nas bases de actuación e nestes estatutos, conforme o artigo 134 da mentada lei e 168 do Regulamento de xestión; e das parcelas daqueles propietarios incorporados á xunta que incumpran as obrigacións contraídas, segundo o exposto no artigo

181 do Regulamento de xestión, unha vez esgotado o procedemento para esixi-lo pagamento dos débitos ou o incumprimento das obrigacións contraídas na forma establecida no artigo 40º.2 destes estatutos.

A xunta de compensación adquirirá a propiedade desas parcelas, e procederá a inscribilas ó seu nome ou incorporalas á xestión común, para os efectos sinalados no apartado a) deste artigo.

f) Adquirir, posuír e allear bens, concertar contratos e contraer créditos de todas clases. Especificamente, poderá actuar como fiduciaria con poder dispositivo dos predios incluídos na Unidade de Actuación VIII, para efecto do cal os propietarios destes, polo simple feito da súa incorporación, concédenlle á cunta as facultades de disposición necesarias, de conformidade co disposto no artigo 177 do Regulamento de xestión urbanística e artigo 135.2º da Lei do solo. Para aqueles efectos poderá formalizar operacións crediticias con garantía hipotecaria sobre os terreos precisos para garanti-la eficacia da actuación.

g) Acollerse ós beneficios establecidos pola Lei do solo e ás disposicións complementarias para as novas urbanizacións e reparcelacións, así como ás que resultaran de novas disposicións que puideran dictarse, adquirindo, se é o caso, os compromisos que resulten necesarios ou convenientes para a súa obtención e desfrute.

h) A xestión e defensa dos intereses comúns dos asociados da xunta ante calquera autoridade ou organismo público e tribunal, en tódolos seus graos e xurisdicións, coa realización de tódolos actos xurídicos, contratos, accións e recursos que para iso resulten convenientes ou necesarios.

i) E en xeral, o exercicio de cantas actividades e dereitos correspondan, a xuízo dos seus órganos, para a mellor realización dos seus fins corporativos, segundo a citada Lei do solo e demais disposicións legais ou regulamentarias aplicables.

Artigo 5º

A duración da xunta de compensación establécese polo tempo que se considere necesario para o cumprimento do seu obxecto e fins.

Capítulo II

Órgano urbanístico do que depende

Artigo 6º

A xunta de compensación actuará baixo a tutela ou inspección do Concello de Vigo.

Capítulo III

Dos compoñentes da xunta

Artigo 7º

A xunta de compensación componse das persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos predios ou dereitos comprendidos na Unidade de Actuación VIII definida no artigo 3º destes estatutos.

Artigo 8º

A incorporación á xunta de compensación presupón a aceptación na súa integridade das bases xerais, dos presentes estatutos, e en especial, comprometerse ó levantamento das cargas da xestión común encomendada á xunta, conforme as disposicións xerais vixentes e as específicas do plan especial de reforma interior Aragón-Travesía de Vigo.

Artigo 9º

Inicialmente enténdense incorporados á xunta tódolos propietarios promotores do sistema de compensación, conformes coas condicións establecidas no artigo anterior, e dos que no anexo se relacionan a memoria, nome, parcelas e superficies definitivas.

Artigo 10º

1. Poderán incorporarse á xunta en igualdade de cargas e beneficios cós propietarios promotores, tódolos propietarios de terreos dentro da Unidade de Actuación VIII que manifesten a súa vontade en tal sentido, para efecto do que o Concello de Vigo, de conformidade co establecido no artigo 102 da Lei 1/97, do 24 de marzo, publicará no Diario Oficial de Galicia os acordos de aprobación inicial dos proxectos de estatutos e bases de actuación, coa apertura da información pública, e de aprobación definitiva, e notificaraos individualmente a tódolos propietarios afectados polo sistema de actuación. No caso de existir algún propietario descoñecido ou en enderezo ignorado, a notificación efectuarase de conformidade co disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os requisitos que debe conte-la solicitude de incorporación á xunta de compensación son:

a) Nome, dous apelidos, enderezo e teléfono.

b) A súa vontade de ser incluídos na xunta, someténdose ás bases de actuación e ós presentes estatutos, comprometéndose así mesmo a levanta-las cargas da xestión común encomendada á entidade.

c) A superficie e lindeiros dos predios da súa propiedade incluídos na unidade de actuación VIII, mediante plano topográfico.

d) Os títulos acreditativos da propiedade destes e os datos referentes á súa inscrición no Rexistro da Propiedade e Catastro Parcelario.

A falsidade destas declaracións dará lugar á responsabilidade por danos e perdas que se causen.

3. O prazo para solicita-la inclusión na xunta será dun mes, contado desde a notificación do acordo de aprobación definitiva do expediente de bases e estatutos.

4. Transcorrido o prazo para que os propietarios soliciten a inclusión na xunta sen solicitala na forma sinalada nos apartados anteriores, entenderase que renuncian a este dereito, quedando excluídos da xun

ta para tódolos efectos. Nestes supostos poderase proceder á expropiación forzosa dos bens e dereitos correspondentes, conforme o disposto no artigo 158.1º do texto refundido da Lei do solo e preceptos que o desenvolven no Regulamento de xestión urbanística.

Artigo 11º

No caso de que algúns dos terreos comprendidos dentro da Unidade de Actuación VIII pertenzan en nuda propiedade a unha determinada persoa e en usufructo a outra, a cualidade de socio corresponderá ó primeiro, sen prexuízo de que o usufructuario faga seus os beneficios que se puideran obter como consecuencia da xestión da xunta durante a vixencia do usufructo.

Neste suposto, será por conta do usufructuario o pagamento das cotas, que puideran corresponderlle por razón dos terreos sitos na Unidade de Actuación VIII, sobre os que o usufructo recaerá. Se o usufructuario incumprise esta obriga, a xunta deberá admiti-lo pagamento das cotas feitas polo nudo en propietario.

No caso de que as cotas non foran satisfeitas nin polo usufructuario nin polo nudo propietario, así como no caso de que o nudo propietario incumprise as demais obrigas que como socio da xunta puideran corresponderlle, a xunta, facendo uso do disposto no artigo 40º.2, destes estatutos deberá requiri-lo pagamento de tales cotas ou o cumprimento de tales obrigas na forma establecida nos mentados artigos e, en último extremo, solicita-la expropiación do predio ou predios de que se trate. No suposto de que a xunta tivese que proceder á expropiación, reterá o importe da indemnización que se deba satisfacer, ata que o nudo propietario e o usufructuario manifesten fidedignamente e de común acordo, a forma na que conveñan que se reparta entre eles.

Se no prazo dun mes, (contando desde o día no que a indemnización fora posta a disposición de ambos titulares), non chegan ó acordo ó que se refire o parágrafo anterior, a xunta procederá a depositar o importe de tal indemnización na Caixa Xeral de Depósito a nome de ambos titulares.

Capítulo IV

Da constitución da xunta

Artigo 12º

Transcorrido o prazo dun mes a partir da última notificación individual á que se refire o artigo 10º, apartado 3, destes estatutos, ou se é o caso, unha vez que a totalidade dos propietarios solicite a súa incorporación á xunta na fase de notificación do acordo de aprobación definitiva, o Condello de Vigo requirirá ós interesados para que constitúan a xunta de compensación mediante escritura pública. Ó practicar ese requirimento comunicará ós interesados o nome do representante da Administración actuante que formará parte do órgano rector da xunta,

conforme o establecido no artigo 158.4º do texto refundido da Lei do solo.

Artigo 13º

A xunta estará integrada polos propietarios de terreos e titulares de dereitos dentro da Unidade de Actuación VIII que acepten o sistema, polo Concello de Vigo e, se é o caso, polas empresas urbanizadoras que se incorporen. Tamén terán dereito a formar parte da xunta os propietarios de solo destinado a sistemas xerais que deban facer efectivos os seus dereitos na unidade de execución obxecto destes estatutos.

Para a celebración da asemblea á que se refire o artigo precedente, que terá o carácter de extraordinaria, requirirase a presencia persoal ou representada dos propietarios con dereito a integra-la xunta, así como dos representantes das entidades públicas afectadas. A sesión será presidida polo asociado de maior idade, xunto cos demais socios promotores do sistema de compensación, actuando como secretario o asociado de menor idade, quen, en funcións de secretario, levantará acta de todo o actuado e acordado nela.

Artigo 14º

1. Na acta da asemblea constitutiva, da que a certificación servirá de base para o outorgamento da escritura pública de constitución, farase constar necesariamente:

a) Relación dos propietarios e titulares de dereitos dentro da Unidade de Actuación VIII e, se é o caso, empresas urbanizadoras.

b) Relación dos predios dos que son titulares, coa expresión da superficie, volume que se vai construír, lindeiros, títulos de propiedade, cargas e gravames, se os houber, así como determinación e asignación do coeficiente de participación en relación co respectivo volume edificable que determinará o valor do voto, na adopción de acordos pola asemblea xeral, conforme o establecido no artigo 37º destes estatutos; os titulares de dereitos relacionaranse conforme o planeamento que se desenvolva.

c) Persoas que sexan designadas para ocupa-los cargos na xunta de delegados.

d) Acordo de constitución.

2. Os propietarios ou interesados que non outorguen a escritura poderán formaliza-la súa incorporación en escritura de adhesión dentro dos quince días sequintes á celebración da asemblea constitutiva.

3. A copia autorizada da escritura e das adhesións, se é o caso, trasladarase ó Concello de Vigo, quen adoptará, se procede, acordo aprobatorio no prazo de trinta días.

4. Aprobada a constitución, o concello elevará o seu acordo coa copia autorizada da escritura ó órgano urbanístico competente da Xunta de Galicia para efectos da súa inscrición no Rexistro de Entidades

Urbanísticas Colaboradoras e notificación da inscrición ó presidente da xunta de delegados, conforme o establecido no artigo 163, apartados 7º e 8º, do R.X.V.

Capítulo V

Dos órganos de xestión e goberno

Artigo 15º

O goberno, dirección e administración da xunta de compensación corresponde á asemblea xeral e á xunta de delegados.

A) Da asemblea xeral.

Artigo 16º

A asemblea xeral, constituída segundo estes estatutos, é o órgano supremo da xunta, será presidida polo presidente da xunta de delegados ou no seu defecto polo vicepresidente, actuando de secretario o que tamén o sexa da xunta de delegados, e no seu defecto, o asistente de menor idade, e estará constituída polas persoas físicas que sexan socios da xunta de compensación e polos representantes que para o caso designen cada unha das persoas xurídicas que sexan tamén asociadas.

Artigo 17º

Son facultades de asemblea xeral.

a) Designar e remove-lo presidente, vicepresidente e os vocais da xunta de delegados.

b) Tódalas referidas no artigo 19º, apartado 2 de estes estatutos.

c) Aproba-lo proxecto de compensación que formule a xunta de delegados coas determinacións contidas no artigo 172 do R.X.U. O acordo aprobatorio, (logo de audiencia de tódolos afectados por prazo dun mes), en asemblea xeral por maioría absoluta de cotas.

d) Delegar na xunta de delegados, (mesmo xenericamente, nos dereitos da asemblea) para realiza-los actos de disposición ós que se refire o artigo 4º, apartados d) e f), destes estatutos.

e) Propoñer ó ógano urbanístico a modificación dos estatutos para o que se requirirá maioría absoluta de cotas. Sen prexuízo da preceptiva aprobación municipal.

f) Acorda-la disolución da xunta nos casos previstos no artigo 51º dos presentes estatutos.

g) E, en xeral, tódalas demais facultades que non aparezan atribuídas expresamente nestes estatutos.

Artigo 18º

1. As reunións da asemblea xeral, ordinarias ou extraordinarias, serán convocadas pola xunta de delegados mediante carta asinada polo secretario desta, remitida por correo certificado, por conducto notarial, ó enderezo que cada asociado teña rexistrado na secretaría, polo menos con quince días de antelación ó sinalado para a reunión.

2. Na convocatoria deberá sinalarse con claridade o lugar, o día e hora no que se celebre a asemblea, así como a orde do día e os asuntos que se tratarán nela.

Artigo 19º

1. A asemblea xeral xuntarase con carácter ordinario no primeiro semestre de cada ano, no sitio e na data que marque a convocatoria da xunta de delegados.

2. A asemblea tratará e decidirá sobre os seguintes temas:

a) Exercicio económico do ano precedente.

b) Xestión da xunta de delegados.

c) Cotas dos aociados.

d) Designación de cargos directivos, no caso de vacantes, e dos censores de contas para o exame de cada exercicio.

e) Asuntos propostos pola xunta de delegados.

Artigo 20º

1. A asemblea xeral reunirase con carácter de extraordinaria cando a convoque, de acordo co presidente, a xunta de delegados, (a iniciativa propia ou a requirimento de asociados que representen, cando menos, o 25% dos votos da xunta); salvo cando se trate de xunta universal, que se entenderá validamente constituída coa asistencia da totalidade das cotas de participación.

2. Os asociados que representen o 25% da totalidade dos votos e exerciten este dereito, farano por carta certificada dirixida ó presidente da xunta de delegados detallando o obxecto da reunión e os puntos que se tratarán nela.

3. As asembleas extraordinarias resolverán os asuntos que foran fixados previamente na convocatoria, non sendo válidos os acordos tomados sobre calquera outra materia.

Artigo 21º

En todo caso deberá convocarse unha asemblea xeral extraordinaria coa fin de proceder á aprobación do proxecto de compensación que formule a xunta de compensación.

Artigo 22º

1. A asemblea xeral, tanto ordinaria como extraordinaria, poderá constituírse en primeira ou segunda convocatoria. Para celebrar validamente sesión en primeira convocatoria requirirase a presencia persoal ou representada de asociados que representen a metade máis un dos puntos-valor.

2. Na segunda convocatoria, considerarase validamente constituída a asemblea, ordinaria ou extraordinaria calquera que fose o número de socios que concorran.

Artigo 23º

1. A asemblea xeral quedará validamente constituída, sexa con carácter ordinario ou extraordinario, trinta minutos despois da hora sinalada na convocatoria.

2. Os acordos, salvo que estes estatutos esixan un quórum especial, tomaranse por maioría de votos, presentes ou representados, decidindo o presidente co voto de calidade os empates que puideran producirse. Ningún membro asistente poderá excusa-lo voto.

3. Non poderá deliberarse e tomar acordos sobre asuntos que non figuren na orde do día, excepto cando en sesión ordinaria se declaren urxentes, sempre que concorren tódolos compoñentes da asemblea xeral e a declaración de urxencia se faga por unanimidade.

4. As votacións, por regra xeral, serán nominais. Serán secretas as que teñan por obxecto a elección de cargos ou asuntos persoais.

Artigo 24º

Os asociados poden asistir ás asembleas persoalmente ou mediante representación outorgada para o efecto. A representación poderá realizarse por escritura de poder ante notario consonte ós termos da mesma, ou mediante carta dirixida ó presidente da xunta. Neste último caso, a representación deberá ser concedida precisamente a outros asociados.

Artigo 25º

O presidente da asemblea dirixirá os debates seguindo a orde do día na convocatoria; decidirá cando os asuntos foron discutidos dabondo e someteraos a votación, fixando con claridade os termos da proposta. Discutidos os asuntos da orde do día, previsto na convocatoria e efectuada, se é o caso, a votación, declarará acabada e levantará a sesión.

Artigo 26º

1. De toda sesión da asemblea xeral redatarase a correspondente acta na que se consignará o lugar, a data e a hora de comezo, nome e apelidos do presidente e membros presentes; dos ausentes que se excusen e dos que falten sen excusa; carácter ordinario ou extraordinario da sesión; se se celebra en primeira ou segunda convocatoria; asistencia do secretario ou de quen faga as súas veces, por delegación; acordos adoptados e votacións que, se é o caso, se emitiran; e a hora na que o presidente levante a sesión. As actas serán asinadas polo presidente e o secretario, debendo ser aprobadas a continuación da asemblea por esta.

2. As actas aprobadas fan inmediatamente executivos os acordos que nelas se conteñan, mesmo para os ausentes e disidentes, sen prexuízo dos recursos ou accións que en dereito sexan procedentes.

3. O secretario, co Vº e prace do presidente da xunta de delegados, estenderá certificacións das actas, cando así o solicite a parte interesada.

Artigo 27º

Os acordos da asemblea serán recorribles de alzada ante o Concello de Vigo no prazo de quince días a partir da data da súa adopción segundo o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurí

dico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, os asociados poderán recorrer ante a asemblea xeral os acordos tomados na reunión se, asistindo a ela, votaron en contra nun prazo de quince días.

B) Da xunta de delegados.

Artigo 28º

Como representación permanente da asemblea e órgano normal do goberno da xunta, constitúese a xunta de delegados, que se integrará por cinco membros, dos que catro serán designados pola asemblea xeral e o restante polo Concello de Vigo. Os elixidos delegados designarán de entre eles un presidente, un vicepresidente e un secretario.

Artigo 29º

1. Cada 22,50 por cento dos votos ou cotas de participación, computados na forma que establece o artigo 37º, apartados 2 e 3, destes estatutos, dará dereito a designar un membro da xunta de delegados, podendo os asociados agruparse neles para tal fin.

2. Se de tales agrupacións resultasen fraccións inferiores á citada porcentaxe, poderán poñerse de acordo entre si para, por exceso ou por defecto, elixir entre todos un representante. Se o acordo non se alcanza, o cargo de delegado representante desas fraccións será cuberto pola persoa que propoña o residuo numérico máis importante.

3. As cotas de participación que decidan designa-lo seu propio delegado na forma prevista nos dous apartados anteriores, non poderán participar na elección dos restantes membros da xunta de delegados.

Artigo 30º

1. Os compoñentes da xunta de delegados exercerán o seu cargo indefinidamente.

2. Estes, non obstante, poderán ser substituídos en calquera momento cando así o acorde a asemblea xeral ou o grupo que designara o seu propio delegado conforme o artigo anterior.

3. No caso de cesar algún delegado, o seu posto será cuberto por designación da asemblea xeral, pero pertencerá ó mesmo grupo que aquel que cesou.

Artigo 31º

A xunta de delegados reuniráse cada vez que o convoque o seu presidente, por propia iniciativa ou por petición de tres delegados. A convocatoria faraa o secretario, de orde do presidente, con oito días de antelación, mediante carta certificada remitida por conducto notarial, dirixida a cada un, e figurará nela o día, a hora, o lugar e os puntos que se vaian tratar. As reunións consideraranse válidas cando estean presentes a maioría de membros, en persoa ou representados, debendo facerse consta-la representación por escrito ou sen que esta sexa válida máis que para a reunión á que se refira e sempre que recaia noutro delegado. Tamén se considerarán válidas as reunións nas que non medie previa convocatoria se asiste a totalidade dos delegados.

Artigo 32º

As decisións tomaranse por maioría de votos, correspondéndolle a cada delegado un voto. No caso de empate decidirá o voto do presidente.

Artigo 33º

Os acordos da xunta de delegados recolleránse na acta no libro correspondente; de cada reunión levantará acta o secretario, que será visada polo presidente. As actas así asinadas serán válidas e executivos os acordos nelas consignados, estendendo o secretario, co Vº e prace do presidente, as certificacións que do libro de actas soliciten partes interesadas.

Artigo 34º

1. Sendo a xunta de delegados o órgano normal de goberno e xestión da xunta, correspóndenlle as atribucións que se sinalan a seguir, sen máis limitacións que as sinaladas nestes estatutos.

2. De modo enunciativo e non limitativo, correspóndelle celebrar toda clase de actos e contratos civís, mercantís, administrativos e laborais; representar con plena personalidade a xunta ante o Estado, provincia, municipio, órganos urbanísticos, entidades estatais e paraestatais, empresas particulares; facer, esixir toda clase de pagamentos, cobramentos e liquidacións, sexa calquera a súa causa xurídica e persoa ou entidade obrigada ó pagamento; abrir, manexar e cancelar toda clase de contas en establecementos bancarios de crédito, mesmo o Banco de España; realizar operacións mesmo co propio Banco de España, institutos de crédito, Facenda pública e ante toda clase de entidades, empresas, bancos, caixas de aforro, sindicatos e particulares; representar en xuízo a xunta ante toda clase de tribunais e xurisdiccións, nomeando e dando poderes a letrados e procuradores; contratar persoal e servicios e realizar toda clase de actos necesarios para levar a cabo as facultades da xunta,

establecidas nos presentes estatutos; asumi-las funcións de información, asesoramentos e fiscalización da xestión encamiñada e velar para que a urbanización se desenvolva conforme o plan aprobado e en condicións que aseguren o máximo rendemento.

3. Os acordos das asembleas serán executados polo presidente da xunta de delegados, como realización normal das súas tarefas de xestión e goberno.

4. A xunta de delegados poderá designar un ou máis delegados de entre os seus membros con aquelas facultades e poderes que se lle outorguen no acordo tomado para o efecto. O delegado ou delegados darán conta da súa xestión á xunta de delegados en cada unha das reunións que esta celebre.

Artigo 35º

1. Os acordos adoptados pola xunta de delegados notificaránselles ós asociados por correo certificado por conducto notarial, dentro dos quince días seguin

tes á data da celebración, no domicilio que conste rexistrado na secretaría da xunta.

2. Tales acordos serán recorribles diante do Concello de Vigo no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación. Segundo o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A interposición de calquera recurso regulado neste artigo non suspenderá a execución do acordo impugnado.

Capítulo VI

Dos dereitos e obrigas dos asociados

Artigo 36º

Son dereitos dos asociados:

a) Asistir, presentes ou representados, á asemblea xeral e deliberar e vota-los asuntos de que coñeza a asemblea conforme a estes estatutos, así como ser electores e elixibles para tódolos cargos de goberno e administración.

b) Recorrer contra os acordos que considerasen lesivos conforme os presentes estatutos e normas legais de xeral aplicación.

c) Que se lles adxudiquen os sólidos previstos no proxecto de compensación, segundo o plan especial aprobado.

d) A cota de beneficios que na liquidación poida corresponderlles.

e) A transmiti-los seus dereitos á xunta, conforme o establecido no artigo 38º.

f) E en xeral, ós dimanantes da actuación urbanística conforme a Lei do solo, Regulamento de xestión urbanística, bases de actuación e os presentes estatutos.

Artigo 37º

1. As contribucións dos asociados propietarios consideraranse en función do volume edificable que lles corresponda segundo o plan especial, conforme a superficie dos seus terreos comprendidos dentro da Unidade de Actuación VIII, por ser uniforme a valoración do solo, pola súa cualificación e clasificación urbanística; as aportacións do Concello de Vigo como titular de dereitos recoñecidos polo planeamento determínanse de conformidade co seu respectivo aproveitamento edificable.

2. A cada membro da xunta sinalaráselle un coeficiente de participación proporcional ó aproveitamento edificable que lle corresponda, conforme a táboa contida na relación anexa á memoria.

3. O referido coeficiente determinará o valor do voto da cada asociado na forma prevista neste artigo, apartado 2, para efectos da adopción do acordo pola asemblea xeral.

Artigo 38º

1. Os asociados que non poidan facer fronte ó pagamento das cotas que fixe a asemblea xeral, para o obxecto e fins da xunta, poderán solicitar da xunta que as satisfaga no seu nome, pagando o importe correspondente mediante transmisión a favor da xunta de terreos da súa propiedade a razón de dez mil pesetas por metro cadrado de terreo transmitido.

2. Se algún propietario titular de dereitos dentro da Unidade de Actuación VIII, quere transmitilos a título oneroso ou lucrativo terá, inescusablemente, que comunicalo á xunta de delegados, achegando copia autorizada da escritura pública ou documento privado no que se formalizara a transmisión, detallando o nome e domicilio do adquirente. O adquirente quedará subrogado nos dereitos e obrigacións dos seus habentes causa, na súa calidade de membro da xunta e en canto os compromisos adquiridos por ela, respondendo integramente ante a xunta dos posibles descubertos que puidera deixar pendentes o transmitente.

Artigo 39º

Son obrigas dos asociados:

a) Rexistrar na secretaría da xunta o seu domicilio para efectos de citacións e comunicacións que se lles efectúen como tales socios. Entenderase como ben dirixida calquera comunicación feita pola xunta ó enderezo que de cada socio figura no libro de rexistro.

b) Asistir ás sesións da asemblea xeral e acepta-la designación de membros da xunta de delegados se foran elixidos e, se é o caso, deberán asistir ás reunións desta.

c) Designar un representante se a titularidade do predio correspondera a varias persoas.

d) Contribuír ós gastos que ocasione o funcionamento da xunta, custos de urbanización e, en xeral, tódolos que ocasione o cumprimento dos seus fins, polo cal a asemblea xeral, por proposta da xunta de delegados, fixará as cotas que sexan precisas.

e) Cumpri-los acordos adoptados conforme os presentes estatutos e as obrigas que dimanen da actuación urbanística.

Artigo 40º

1. As cotas serán satisfeitas por todos e cada un dos asociados á xunta de compensación e o seu importe será repartido entre eles en proporción ós puntos-valor que cada un teña asignados, de acordo co establecido ó respecto nestes estatutos.

2. As cotas faranse efectivas no prazo e na forma que acorde a asemblea xeral, ou, pola súa delegación, a xunta de delegados. Salvo acordo en contra, as cotas ingresaranse no prazo dos quince días seguintes ó acordo no que se fixa. Pasado o dito prazo, o moroso terá unha recarga do 10% do seu importe ou da fracción non pagada, que deberá ingresar dentro dos dez días seguintes. Transcorrido este prazo

sen facerse o pagamento da cantidade debida, a xunta de delegados, de acordo co establecido no artigo 181.2º do Regulamento de xestión urbanística poderá optar entre solicitar do concello a aplicación da expropiación ó membro moroso ou solicitarlle a este o cobro da débeda pola vía de constrinximento; polo cal expedirá unha certificación de descubertos o secretario da xunta de delegados co Vº e prace do presidente, que se adxuntará á solicitude dirixida ó concello para que inicie o procedemento correspondente á alternativa elixida.

Capítulo VII

Da escritura de compensación

Artigo 41º

1. A xunta de delegados poderá acordar que se practique anotación preventiva nas inscricións rexistrais dos predios afectados á xestión da xunta, co fin de facer consta-la súa situación de suxeitas á compensación e achegalas á xunta, segundo os presentes estatutos.

2. De acordo cos criterios establecidos nas bases de actuación, a xunta de delegados formulará o proxecto de compensación que conterá as seguintes determinacións:

a) Descrición das propiedades antigas, segundo os títulos achegados, coas correccións procedentes, e, no defecto de títulos, segundo planos. Expresarase as cargas e gravames, condicións, substitucións e demais dereitos que as afecten; o respectivo propietario, se fose coñecido, a contía do seu dereito no proxecto de compensación e o criterio utilizado para definilo e cuantificalo.

Cando participen no proxecto de compensación propietarios de solo exterior da Unidade de Actuación VIII, describiranse os predios que lles fosen ocupados.

b) Descrición dos predios resultantes, titulares ós que se adxudiquen e concepto no que o fosen. Expresarase respecto de cada predio o antigo ó que corresponda ou o dereito que dá lugar á adxudicación, así como as cargas e gravames, condicións, substitucións e demais dereitos que os afecten, por non ser incompatibles co planeamento.

c) Localización dos terreos de cesión obrigatoria e das reservas que estableza o plan.

d) Compensacións en metálico, se fosen procedentes; se a algún propietario lle correspondese o seu volume sobre un sólido en parcelas dun entremeiro, e non quixese a súa adxudicación, o valor fixaríase conforme o valor unitario que estipule a asemblea xeral por maioría de membros e cotas, e se non puidese adoptar acordo fixando este valor unitario, procederíase á súa expropiación de acordo o expresado no artigo 38º destes estatutos.

3. O proxecto de compensación someterase, logo da audiencia de tódolos afectados polo prazo dun mes, á aprobación da asemblea xeral, debendo adop

tarse o correspondente acordo por maioría absoluta de cotas.

4. O proxecto así tramitado elevaráse á aprovación definitiva do Concello de Vigo.

Artigo 42º

1. Unha vez firme en vía administrativa o acordo de aprobación definitiva do proxecto de compensación, o Concello de Vigo procederá a expedir documentos coas solemnidades e requisitos dispostos para as actas dos seus acordos, co seguinte contido:

a) Descrición das propiedades antigas, segundo os títulos achegados, coas correccións procedentes, ou en defecto de títulos, segundo planos. Expresaranse as cargas e gravames, condicións, substitucións e demais dereitos que as afecten, o respectivo propietario, se fose coñecido; a contía do seu dereito no expediente de compensación e o criterio utilizado para definilo e cuantificalo. No caso de que participen coa compensación propietarios de solo exterior a Unidade de Actuación VIII, describiranse tamén os predios que lles foron ocupados.

b) Descrición dos sólidos resultantes coa expresión do volume edificable que lles sexa asignado, titulares ós que se lles adxudiquen e concepto no que o foron.

Expresarase respecto a cada predio o antigo o que corresponde o dereito que dá lugar á adxudicación, así como as cargas e gravames, condicións, substitucións e demais dereitos que os afecten por non ser incompatibles co planeamento.

c) Localización dos terreos de cesión obrigatoria e das reservas que estableza o plan.

d) Contía do saldo da conta da liquidación provisional coa que queda gravado cada unha dos predios adxudicados.

2. A inscrición do acordo de aprobación definitiva do proxecto de compensación levarase a efecto no Rexistro da Propiedade, de conformidade co establecido no artigo 174.4º do RXU e 133 e 146 da Lei 1/1997, do 24 marzo.

Artigo 43º

1. De conformidade co establecido na base oitava, a participación nos custos de urbanización dos propietarios de construccións preexistentes que non queden afectadas de demolición (por seren compatibles co plan que se executa ó atoparse situados dentro do perímetro dos novos predios resultantes, integramente adxudicados ó mesmo titular do antigo predio aportado), limitarase o volume permitido polo plan unha vez incluído o volume existente ou edificado.

2. Polo contrario, cando as edificacións preexistentes e os dereitos reais ou persoais constituídos sobre elas, resulten incompatibles coa execución do plan por concorreren algunhas das circunstancias determinadas no artigo 98.2º do Regulamento de xestión urbanística da vixente Lei de solo, (isto é, cando sexa necesaria a súa eliminación para rea

liza-las obras de urbanización previstas no plan, cando estean situados nunha superficie que non se deba adxudicar integramente a un mesmo propietario e cando a súa conservación sexa radicalmente incompatible coa ordenación, mesmo como uso provisional), e sexa, por tanto, necesaria a demolición, o seu valor considerarase a tódolos efectos como custo da urbanización.

Capítulo VIII

Da execución das obras de urbanización

Artigo 44º

Os proxectos técnicos de urbanización das vías serán redactados polos técnicos que designe a xunta de compensación.

Artigo 45º

A contratación e execución das obras de urbanización efectuarase baixo o control da xunta de delegados, coa inspección municipal.

Artigo 46º

1. Para facer fronte ós gastos das obras de urbanización, a xunta disporá das cotas que para o efecto aporten os asociados na contía e forma determinada no artigo 40º.

2. Co mesmo obxecto, e logo do acordo pleno da asemblea xeral en reunión extraordinaria convocada para o efecto, adoptado pola maioría de asociados (que á súa vez representen os dous tercios de cotas de participación), a xunta de delegados poderá concertar créditos coa garantía hipotecaria dos predios pertencentes ós propietarios que non desexen efectuar contribucións individuais.

3. En todo caso, a xunta de compensación a través da xunta de delegados, poderá poñer á disposición de quen execute a obra urbanizadora as superficies sobre as que se executen as obras e aquelas outras que sexa necesario ocupar durante a súa realización, sen que iso signifique ningunha mingua dos dereitos dos propietarios no resultado da compensación.

Artigo 47º

1. Os predios resultantes do acordo definitivo de compensación quedarán gravados, con carácter real, ó pagamento da cantidade que lle corresponda a cada predio no orzamento previsto dos custos da urbanización da unidade de execución, e no seu día ó saldo definitivo da conta dos ditos custos.

2. Esta afección terá a mesma preferencia cá sinalada no artigo 126 do Regulamento de xestión urbanística para o da conta do procedemento reparcelatorio, e poderase cancelar por instancia da parte interesada tamén por solicitude (á cal se acompañe certificación da xunta de compensación de estaren pagados totalmente os custos de urbanización correspondentes os predios de que se trate), certificación que a xunta non poderá expedir ata tanto non foran recibidas as obras polo Concello de Vigo.

Capítulo IX

Da cesión de terreos e obras de urbanización

Artigo 48º

1. O acordo de aprobación do proxecto de compensación producirá a cesión de dereito ó Concello de Vigo, en pleno dominio e libre de cargas, de tódolos terreos que sexan de cesión obrigatoria e gratuíta segundo o plan, para a súa afectación ós usos previstos nel.

Non obstante, o disposto no número anterior, a xunta de compensación e a empresa que teña ó seu cargo a execución das obras de urbanización poderán ocupar para este fin os terreos obxecto de cesión ata que finalizadas as ditas obras sexan recibidas polo Concello de Vigo.

3. Esas cesións serán formalizadas en actas que subscribirán o concello e a xunta de delegados.

Capítulo X

Do réxime xurídico xeral

Artigo 49º

1. Terán carácter xurídico-administrativo tódalas cuestións que se susciten con ocasión ou como consecuencia do desenvolvemento das materias reguladas nestes estatutos e nas bases de actuación da xunta de compensación.

2. Sen prexuízo do réxime de recursos establecido respecto de determinadas materias concretas nestes estatutos, establécese con carácter xeral que contra os acordos da xunta de compensación os interesados poderán interpoñer recurso ordinario diante do Concello de Vigo segundo a Lei 30/1992 mencionada nos artigos 27 e 35.2º, dentro do prazo dun mes seguinte á reunión na que se adoptaran, se o interesado asistiu a esta; noutro caso, o prazo contarase desde que o acordo lle fose notificado.

Artigo 50º

De conformidade co disposto no art. 185 do Regulamento de xestión urbanística, os membros da xunta non poderán realizar interdictos fronte a resolucións da xunta de compensación, adoptadas en virtude da facultade fiduciaria de disposicións sobre os predios aqueles e de acordo co procedemento establecido nestes estatutos. Tampouco procederá a acción interdictal cando a xunta de compensación ocupe bens que sexan precisos para a execución das obras de urbanización desta unidade de actuación.

Capítulo XI

Da disolución e liquidación da xunta

Artigo 51º

1. Unha vez cumprido o obxecto sinalado no artigo 3º destes estatutos, mediante a aprobación definitiva do proxecto de compensación e a terminación da obra urbanizadora, a xunta de delegados convocará asemblea xeral extraordinaria para os efectos de

disolver a xunta e adopta-las medidas relativas ás operacións de liquidación.

2. Tamén quedará disolta a xunta de compensación se reunidos en asemblea xeral extraordinaria a totalidade dos asociados por sí ou debidamente representados para o efecto, acordan por unanimidade e totalidade de votos proceder á disolución, quedando supeditada a validez do acordo á súa ratificación polo Concello de Vigo.

Artigo 52º

1. Os terreos propiedade da xunta dos que non dispuxera no momento da disolución, quedarán afectados, en primeiro lugar, ó resultado da xestión, podendo ser repartidos entre os asociados integrantes desta na proporción ás contribucións de cada un deles ou ás súas cotas de participación, salvo que a xunta na referida asemblea xeral extraordinaria acorde establece-la súa propiedade na forma común para os efectos que se consideren convenientes.

2. Se quedara algún outro remanente ou patrimonio común, será distribuído entre os asociados na mesma proporción das súas cotas de participación.

Artigo 53º

1. Unha vez disolta a xunta de compensación, os beneficios fiscais que a esta puideran recoñecérselle, pasarán directamente ós propietarios das parcelas, segundo a adxudicación efectuada.

2. Se no momento da disolución da xunta non se obtiveran os ditos beneficios, estenderase a cada asociado, para os efectos da correspondente subrogación, un certificado no que se faga constar que sufragou integramente e anticipadamente á urbanización da súa parcela ou parcelas.

Normas adicionais

Única.-A xunta de compensación, unha vez constituída definitivamente e inscrita no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras, quedará subrogada nos compromisos validamente contraídos polos seus promotores.

Vigo, 1 de outubro de 1997.

Manuel Pérez Álvarez

Alcalde-presidente da Xerencia Municipal de Urbanismo

9481