Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Xoves, 27 de novembro de 1997 Páx. 11.377

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE conxunta do 3 de novembro de 1997, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se publica o acordo sobre a cooperación educativa nas ensinanzas de formación profesional.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais asinaron o día 9 de outubro de 1997 un acordo sobre a cooperación educativa nas ensinanzas de formación profesional. A cláusula décimo oitava dispón que o dito acordo se fará público mediante resolución conxunta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que, publicada no Diario Oficial de Galicia, transcribirá o seu contido íntegro.

Na sua virtude, Celso Currás Fernández, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e José Mª Hernández Cochón, conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais,

DISPOÑEN:

Artigo único.-Acórdase a publicación do texto do acordo sobre cooperación educativa nas ensinanzas de formación profesional, celebrado o día 9 de outubro de 1997.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 1997.

Celso Currás FernándezJosé Mª Hernández Cochón

Conselleiro de EducaciónConselleiro de Sanidade

e Ordenación Universitariae Servicios Sociais

Acordo entra a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, sobre a cooperación educativa nas ensinanzas de formación profesional.

Santiago de Compostela, nove de outubro de mil novecentos noventa e sete.

REUNIDOS:

Dunha parte Celso Currás Fernández, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia,

Doutra José Mª Hernández Cochón, conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia.

Ámbolos dous, en representación dos seus respectivos departamentos, e de conformidade coas atribucións conferidas no artigo 34.1º da Lei do Par

lamento de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

EXPOÑEN:

I

Que a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece no seu artigo 34.2º a obriga de incluír, no currículum das ensinanzas de formación profesional específica, un módulo de formación en centros de traballo, do cal poderá quedar total ou parcialmente exento quen teña acreditada a experiencia profesional segundo se establece no apartado b) do artigo 32.2º desta lei. Con este fin, as administracións educativas arbitrarán os medios necesarios para incorpora-las empresas e institucións no desenvolvemento destas ensinanzas.

II

Que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a través das institucións e organismos dependentes dela, permitiría establecer un programa de cooperación educativa tendente a, por unha banda, complementa-la formación tecnolóxico-práctica dos alumnos de formación profesional de cara a unha mellora na formación dos profesionais, e pola outra, posibilita-la organización conxunta de cursos, seminarios, estudios, etc. que redunden na formación do profesorado para que poida impartir un ensino actualizado que recolla as necesidades cambiantes que impón unha sociedade moderna, dinámica e complexa.

III

Que a experiencia acumulada nos últimos anos pon de manifesto a necesidade de que os alumnos de formación profesional realicen as prácticas nos centros hospitalarios e outros organismos dependentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, debido por unha parte ó desembolso económico que suporía o equipamento modular e por outra, á calidade da formación práctica.

En consecuencia, ámbalas dúas partes acordan subscribi-lo presente convenio con base nas seguintes cláusulas:

Primeira.-O obxecto do presente convenio é establece-la colaboración no eido da formación profesional regrada entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Segunda.-A referida colaboración levarase a cabo nos seguintes campos de actuación:

a) Colaboración no establecemento dun programa de formación en centros de traballo, para alumnos que cursen formación profesional e o seu desenvolvemento do mesmo nos centros dependentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

b) Colaboración de profesionais da sanidade no desenvolvemento das ensinanzas de formación profesional específica de grao medio e superior.

c) Orientación e colaboración na formación e actualización do profesorado dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

d) Cesión de equipamentos para a realización de prácticas nos centros de formación profesional.

Terceira.-Os centros que impartan ensinanzas de formación profesional de segundo grao, ciclos formativos de grao medio e grao superior, ou programas de garantía social poderán asinar, en representación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, concertos anuais cos centros dependentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para que os alumnos poidan realizar prácticas formativas nos seus centros de traballo. Os concertos deberán formalizarse durante o derradeiro trimestre do ano.

Cuarta.-As prácticas formativas refírense ós alumnos matriculados no último curso dalgunha das especialidades de formación profesional de segundo grao, ciclos formativos de grao medio e grao superior ou programas de garantía social. Sen embargo, poderase ampliar a outros alumnos se ámbalas dúas partes o consideran oportuno.

Quinta.-Delégase nos directores dos centros educativos e nos dos centros dependentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a concertación dos acordos, en función das posibilidades de recepción de alumnos polos centros sanitarios e coa antelación suficiente para a programación do período de prácticas, e deberán figurar como anexo ó concerto. Así mesmo, deberase acorda-lo calendario e o horario para a realización destas que tamén se indicará no anexo correspondente para cada alumno.

A duración do período de prácticas, no caso de alumnos de segundo grao de formación profesional, non excederá de 400 horas por curso escolar, que se distribuirán nun máximo de 80 xornadas. A formación en centros de traballo prevista nos ciclos formativos axustarase ó previsto no correspondente módulo (FCT). Procurarase que as citadas prácticas se desenvolvan de forma continuada e sen interrupcións, de maneira que se garanta a súa eficacia formativa.

Sexta.-Os centros educativos poderán adapta-los horarios dos grupos nos que existan alumnos en prácticas para facilitárlle-la súa asistencia ó centro de traballo, logo da autorización da Inspección Educativa.

Sétima.-Os centros dependentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais recibirán os alumnos que figuren no concerto ó comezo do período de prácticas e na data que acorden co centro educativo e responsabilizaranse das súas prácticas formativas

para o que designarán os titores responsables de cada área formativa.

Pola súa parte, o centro educativo designará un titor ou titores que se encargarán de elaborar co titor da empresa o programa formativo, apoiar tecnicamente os alumnos, así como controla-la asistencia e avalia-lo desenvolvemento da formación concertada.

Para tal fin, iranse reflectindo as actividades realizadas polo alumno no centro de traballo nunha ficha de seguimento e avaliación e os profesores titores do centro educativo manterán as relacións necesarias cos titores dos centros de traballo.

Oitava.-O alumno asistirá ó centro de traballo provisto da súa tarxeta de identificación ou DNI, e observará as súas normas no tocante á puntualidade, asistencia e comportamento; obrígase, en particular, a manter absoluta reserva sobre as actividades que se desenvolvan no centro sanitario. O centro de traballo poderá desistir libremente de continua-la colaboración formativa, cun determinado alumno, por incumprimento das normas, abondando para iso unha comunicación escrita ó centro escolar, oído previamente o titor daquel.

Novena.-O alumno non terá en ningún caso vinculación laboral coa Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e non poderá establecerse entre esta e aquel ningunha relación contractual, nin sequera baixo as modalidades de contrato en prácticas ou para a formación, previstos nos artigos 11 e 12 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, polo que os alumnos acollidos a este convenio quedan absolutamente excluídos da lexislación laboral.

Décima.-Sen prexuízo da cobertura propia do seguro escolar, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria subscribirá unha póliza de seguro colectivo adicional de carácter civil que cubra os riscos por accidentes de traballo derivados da realización das prácticas, tanto se afectan ás cousas ou a terceiros, coma ó propio alumno, incluídos os constitutivos de invalidez ou determinantes de morte, cunha suma asegurada de 10.000.000 de ptas. por responsabilidade civil, 1.000.000 de ptas. no caso de falecemento e 3.000.000 de ptas. no caso de invalidez; o custo desta póliza, que deberá considerarse como mínima e revisable, será cuberto pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo primeira.-Como soporte práctico ás actividades de formación dos alumnos, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais considerará a posibilidade de ceder equipos usados para conseguir, mediante o seu estudio, un profundo coñecemento da súa tecnoloxía básica.

Décimo segunda.-A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais naquelas actividades que organice terá en conta, se o número de prazas o permite, a posi

bilidade de participación do profesorado de formación profesional, para colaborar no programa de formación do profesorado; para tal fin, comunicaralle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o número posible de asistentes e o programa da actividade que se organice para fixa-lo perfil destes.

Así mesmo, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais colaborará, mediante o oportuno apoio técnico e loxístico, no programa de formación do profesorado e máis concretamente nas estadías en centros de traballo por tempo definido, segundo as necesidades de formación para o profesorado de formación profesional, previstas na convocatoria de licencias por estudios que anualmente promove a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo terceira.-A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, dentro das súas posibilidades, cooperará na formación e actualización do profesorado, dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, naquelas técnicas e tecnoloxías que se consideren de interese, e especialmente colaborará na realización do curso de cualificación pedagóxica previsto para o profesorado de formación profesional específica conforme o R.D. 1692/1995, do 20 de outubro, (BOE do 9 de novembro de 1995).

Décimo cuarta.-Establecerase unha comisión de seguimento, control e supervisión, que se reunirá como mínimo dúas veces ó ano co obxecto de realizar un balance das accións realizadas e planificar actividades futuras.

Esta comisión estará constituída por:

-O director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, ou persoa en quen delegue, en representación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-O director xeral de Saúde Pública, ou persoa en quen delegue, en representación da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

-Dous representantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Dous representantes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Décimo quinta.-As funcións da comisión serán as seguintes:

A) Planifica-las accións da formación en centros de traballo (titores, programa,...).

B) Dirixir e programa-las actuacións relativas á formación e actualización do profesorado.

C) Determina-los criterios de selección do profesorado para o acceso ós cursos de formación.

D) Selecciona-los expertos que, de maneira voluntaria, vaian colaborar na impartición das ensinanzas de formación profesional específica.

E) Efectua-lo seguimento e avaliación do convenio e propoñe-las modificacións que se xulguen necesarias.

Décimo sexta.-O presente convenio terá unha vixencia de dous cursos académicos, desde a data do seu asinamento, e prorrogarase tacitamente por períodos anuais, mentres non exista denuncia del, por algunha das partes. En todo caso a denuncia farase cun ano académico de antelación.

Décimo sétima.-Son causas de resolución do presente convenio:

a) O incumprimento total ou parcial das súas cláusulas.

b) O transcurso dun curso académico sen que se desenvolva o seu contido.

Décimo oitava.-O acordo farase público mediante resolución conxunta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que, publicada no Diario Oficial de Galicia, transcribirá o seu contido íntegro.

Lido o presente convenio, atópano conforme e asínano na cidade e data indicadas. Celso Currás Fernández, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. José Mª Hernández Cochón, conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

9001