Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 24 de novembro de 1997 Páx. 11.258

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do laudo arbitral sobre o convenio colectivo da empresa Frigoríficos de Galicia, S.A.

Visto o texto do laudo arbitral sobre o convenio colectivo da empresa Frigoríficos de Galicia, S.A., dictado por Alberto Fresco González, en data 17-10-1997. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto legislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no Libro de Rexistro de Convenios Colectivos de Traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 12 de novembro de 1997.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Vigo (Pontevedra)

Laudo arbitral

Na cidade de Vigo o 23 de outubro de 1997.

Alberto Fresco González, designado árbitro en acta de compromiso arbitral do 17 de outubro de 1997 no procedemento de solución de conflictos número 11/1997 con base no establecido no capítulo III, sección terceira, do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), conflicto no que son partes interesadas a empresa Frigoríficos de Galicia, S.A. e o comité de empresa en representación dos traballadores dela, oídas as alegacións das partes e visto o expediente instruído, procede a dirimi-las cuestións formuladas mediante o presente laudo.

Tivéronse en conta os seguintes antecedentes:

Primeiro.-Constituída no seu día a mesa negociadora do convenio colectivo de empresa para 1997, composta por unha parte polo comité de empresa e por outra pola representación desta, as negociacións fóronse prolongando sen avances significativos ó longo da maior parte do ano 1997, ata que en reunión do 2 de outubro de 1997 as partes cons

tataron a imposibilidade de acadar un acordo, decidindo á vista diso solicita-la intervención do Consello Galego de Relacións Laborais para resolve-los desacordos existentes mediante laudo arbitral.

Segundo.-Así pois, a representación da empresa presentou con data do 8 de outubro de 1997 ante o Consello Galego de Relacións Laborais o escrito de promoción de procedemento de arbitraxe, á vista do cal se convocou unha reunión para o día 17 de outubro seguinte nos locais de Frigalsa, na que se lle deu inicio formal ó procedemento, subscribindo as partes a correspondente acta de compromiso arbitral na que expresaron a súa vontade de someter a resolución, en arbitraxe de equidade, os puntos de desacordo na negociación do convenio colectivo que máis adiante se dirán, facendo constar na propia acta a designación como árbitro do que subscribe que, presente na reunión, aceptou a súa designación.

Terceiro.-No mesmo día e nos mesmos locais, o árbitro reuniuse por separado, en primeiro lugar, coa representación da empresa e, en segundo lugar, co comité.

Nas sucesivas comparecencias, as partes manifestaron as súas respectivas pretensións e puntos de vista sobre tódolos extremos relacionados co que é obxecto de controversia, informando ó árbitro sobre os puntos escuros e ratificándose na decisión de someter a arbitraxe a resolución do conflicto formulado. Así mesmo, unha e outra parte fixeron entrega de documentación relacionada co contido das negociación do convenio colectivo, así como do texto dos convenios de anos anteriores e de cadanseu escrito no que se contiñan as pretensións de cada unha das partes en relación coas cuestións sometidas á arbitraxe.

Cuarto.-Na comparecencia inicial, na que se subscribiu o compromiso de arbitraxe, as partes concretaron as cuestións sometidas a resolución do árbitro, que quedaron expostas da seguinte maneira:

1. Duración e vixencia do convenio.

2. Xornada de traballo.

3. Vacacións.

4. Plus de transporte.

5. Vacantes e postos de nova creación.

6. Revisión de categorías.

7. Incremento salarial.

8. Antigüidade.

Á vista dos antecedentes expostos, resólvense as cuestións formuladas con base nos seguintes fundamentos:

I. Este procedemento tramitouse de acordo co previsto no acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo, no seu texto vixente, revisado pola comisión paritaria o 15 de marzo de 1995 e publicado

no Diario Oficial de Galicia do 4 de maio de 1995. Para tal efecto faise constar:

a) Que na súa tramitación, tanto no tocante á promoción do procedemento, asinamento de compromiso arbitral, formulación de cuestións que hai que dirimir, designación de árbitro e a renuncia ó exercicio de folga e de cerramento patronal e á utilización das vías administrativa e xurisdiccional para a solución do conflicto, se cumpriron os requisitos do AGA, especialmente os que se conteñen nos seus artigos 21, 22 e 23.

b) Que durante a tramitación do procedemento, o árbitro que subscribe deulles audiencia ás partes segundo o preceptúa o artigo 24.1º do AGA, solicitando delas os datos necesarios para coñece-las súas posturas e recibindo dunha e outra escritos nos que se concretaban as súas pretensións. Para tal fin, o árbitro reuniuse conxunta e separadamente con cada unha delas o día 17 de outubro de 1997 nos locais da empresa.

c) Que este laudo se dicta dentro do prazo de dez días contados a partir da designación do árbitro, tal como dispón o artigo 24.2º do AGA sen que, a pesar da complexidade das cuestións que hai que dilucidar, fose preciso acudir ó prazo extraordinario previsto na mesma norma.

II. Tratándose no presente caso fundamentalmente dun conflicto de intereses e non de interpretación de normas, como non podería ser doutra maneira, ó xurdi-lo conflicto da falta xeneralizada de acordo na negociación dun convenio colectivo, as partes sinalaron na acta de compromiso arbitral que o árbitro ten que axusta-la súa resolución a criterios de equidade, o cal non significa que a resolución non teña que ser motivada, xa que así o require o antes citado no artigo 24.2º do AGA.

III. Coñecidas polo árbitro as posturas das partes sobre as cuestións sometidas á súa resolución, púidose comprobar que non existe acordo entre elas en ningunha das materias que foron obxecto de negociación no marco das deliberacións para o convenio colectivo, a pesar da súa longa duración.

É máis, puido constatar tamén quen asina abaixo que algunhas das cuestións de fondo que agora se formulan (como a recualificación profesional en determinados postos de traballo, por exemplo) xa eran obxecto de similares formulacións e reivindicacións cando, hai xa cinco anos, tivo ocasión de exercer funcións arbitrais nun conflicto entre as mesmas partes derivado do desacordo nas negociacións do convenio colectivo para o ano 1992.

Así as cousas, e á vista do tempo transcorrido desde entón, resulta aínda máis patente hoxe que, a xuízo do árbitro que subscribe, para existir un certo déficit de diálogo (ou alomenos de resultados obxectivos dese diálogo) entre as representacións da empresa e dos traballadores. E á vista diso parece obvio que se lles recomende a ámbalas partes que busquen puntos de acordo en relación con esas cuestións que

se van facendo xa antigas e das que a falta de resolución pactada despois dunha serie de anos enrarece, sen dúbida, o necesario clima de colaboración que, salvando as lóxicas contradiccións derivadas da representación de intereses en moitas ocasións contrapostos, é sempre desexable nas relacións entre as partes sociais.

É pertinente, xa que logo, reproducir case literalmente algunhas consideracións xa feitas no laudo dictado por este árbitro naquel laudo de 1992 antes aludido, porque non perderon vixencia. Referímonos á convicción de que no noso sistema de relacións laborais, o verdadeiro protagonismo en relación co establecemento e modificación das condicións de traballo corresponde de maneira absolutamente primordial ós propios interesados (empresa e traballadores a través dos seus representantes) que son os que están lexitimados, cada vez con máis autonomía e con menos intervención externa, para, a través da negociación, e mesmo, se é o caso, mediante os medios legais de presión, acada-lo acordo de vontades que dea como resultado a norma pactada que regule as súas relacións.

Dito o que antecede, queda claro que a convicción antes expresada leva á conclusión de que toda apelación á intervención dun terceiro para que unilateralmente estableza as condicións de traballo ten que se considerar como un recurso excepcional e extraordinario ó que se acode unicamente para evita-los maiores males que poderían derivarse do baleiro que significa a ausencia de acordo. E, en casos coma o presente, no que non existen nin sequera acordos parciais nas materias sometidas a negociación, e no que a arbitraxe se estende a tódalas materias fundamentais de desacordo nas negociacións do convenio, entende o árbitro que a súa función ten que se-la de supli-la vontade dos interlocutores só naquilo que resulte estrictamente imprescindible, deixándolles ás futuras negociacións entre as partes as modificacións de maior calado, que só a eles lles corresponde acordar. Todo iso, naturalmente, sen prexuízo de que se nalgunha materia concreta, dentro ou fóra do convenio colectivo, algún

desacordo puntual fai que as partes entendan conveniente someter unha cuestión concreta a arbitraxe (ou, se é o caso, á decisión dos tribunais) puidese ser útil facelo.

Iso cobra maior relevancia se temos en conta que dentro de moi pouco terán as partes que comezar a negociar un novo convenio (xa que, como máis adiante se dirá, se desestima neste laudo a pretensión de que a presente regulación teña unha duración superior a un ano) e que, polo tanto, a medio prazo están condenadas a se entender.

En virtude do que queda dito, entende o árbitro que subscribe que procede adopta-lo criterio xeral de modifica-lo menos posible nos puntos sometidos á súa resolución o acordado no convenio do ano 1996 porque considera que as modificacións de maior trascendencia, tal como se dixo, non deberían

proceder dunha imposición externa senón do acordo entre as partes.

IV. A primeira das cuestións nas que hai desacordo é a relativa á vixencia e duración do convenio. En canto á vixencia, dado que o anterior convenio colectivo terminou a súa o 31 de decembro de 1996, imponse sinalar que os efectos económicos do presente laudo terán vixencia con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 1997.

En canto á súa duración (ou por mellor dicir, a duración dos efectos de canto no laudo se establece), hai dúas razóns para entender que o procedente é que se estableza polo ano natural que finaliza o 31 de decembro de 1997. A primeira é que nos últimos convenios sempre se estableceu a mesma duración dun ano; e ademais, a aplicación do criterio xeral de considera-lo laudo como algo puramente supletorio ante a falta de acordo entre os verdadeiros titulares da lexitimación para regula-las condicións de traballo, leva a tratar de non prolongar máis aló do imprescindible esta regulación de orixe heterónoma, é dicir, emanada da vontade dun terceiro e non dos titulares daquela lexitimación antes dita.

V. De entre o resto das cuestións formuladas, e polas mesmas razóns de subsidiariedade do laudo que vimos mencionando (á que habería que engadir que xa transcorreron máis de tres cuartas partes do ano natural), entende o árbitro que debe manterse sen variación respecto da regulación que existía no convenio colectivo do ano 1996 o referente á xornada anual de traballo, que seguirá sendo ata finais de 1997 a de 1.800 horas anuais que estipulaba o artigo 4 do anterior convenio.

En canto ás vacantes e postos de nova creación e á revisión de categorías, son cuestións que, aínda que o presente laudo deixa inmodificadas, merecen a xuízo do árbitro unha reflexión á parte.

A pretensión de que exista unha preferencia de contratación para cubri-las vacantes ou os postos de nova creación é unha materia ata agora non recollida no convenio colectivo e que o árbitro entende que, por aquelas razóns de mínima intervención antes expostas, non debe introducir. Así pois, en relación con esta materia entende que calquera novidade significativa deberá proceder da vontade das partes; e unicamente se permite recomendar que, se algún día se dá entrada a un acordo deste tipo, se articule de tal maneira que non poida ser considerado como unha discriminación no acceso ó emprego daquelas que proscribe o artigo 17.1º do Estatuto dos traballadores.

O problema da revisión de categorías xa se formulaba en ocasión da anterior intervención deste árbitro no ano 1992. Trátase de que determinados traballadores, fundamentalmente os fixos descontinuos, entenden que están discriminados salarialmente de maneira indirecta, ó realizaren un traballo idéntico ó doutras persoas que, por teren recoñecidas

categorías laborais superiores, reciben remuneracións máis elevadas.

Non entra o árbitro a valora-la certeza desas afirmacións, porque entende que unha reclasificación profesional, sobre todo se é xeneralizada, como se pretende, é algo que, polas súas importantes repercusións de toda orde, debe darse só como consecuencia dun acordo entre as partes, ou ben, se é o caso, do pronunciamento que poidan face-los órganos xurisdiccionais se ante eles fose formulada a reclamación correspondente. Non cre o árbitro que nesta materia deba modificarse o statu quo actual por unha decisión dun terceiro que se produza no marco global dunha regulación xeral por falta de acordo no convenio, senón polos tribunais, se é o caso, ou mesmo por unha arbitraxe sempre que sexa nun procedemento arbitral específico ó que as dúas partes acorden someter esa materia concreta.

VI. Sobre as demais cuestións que formulan as partes, distintas da de vixencia e duración, e daqueloutras respecto das cales xa se dixo no apartado anterior que non se entende procedente á súa modificación a través deste laudo, as modificacións en relación coa regulación contida no convenio para 1996 son as seguintes:

A) No tocante ás vacacións, é claramente pertinente a pretensión do comité de empresa de que dentro dos trinta días naturais regulamentarios se comprendan polo menos vintedous día laborables (entendendo por tales aqueles días que non sexan sábados, domingos nin festivos). A pertinencia desa pretensión derívase fundamentalmente do feito de que, dependendo da data en que se desfruten as vacacións, en moitos casos xa quedarán incluídos nos trinta días naturais, polo menos, vintedous laborables; pero, ademais, non se debe esquecer que, aínda mantendo a xornada anual en 1.800 horas de traballo efectivo, os días hábiles do ano (excluídos eses 22 de vacacións) aínda suporán máis de 1.800 horas de traballo, razón pola cal a empresa terá que complementar ese exceso de horas con días ou horas de descanso dos traballadores, co cal en definitiva con esa modificación que se introduce tampouco debería haber prexuízo sensible para a empresa en canto ó número de horas anuais traballadas.

B) A xuízo do árbitro, o plus de transporte, como concepto remuneratorio que é (aínda que desde o punto de vista xurídico non teña carácter estrictamente salarial), deberá experimenta-lo mesmo incremento que se fixa para as táboas de salarios e demais conceptos retributivos.

C) No tocante ó incremento salarial, hai que dicir que as últimas posturas das partes parecen coincidentes pero non o son. En efecto, a representación dos traballadores -na súa última proposta- solicita un 3% lineal, e a empresa propón idéntica porcentaxe, aínda que proporcional.

Sen dúbida, a pretensión do comité de que o incremento sexa lineal busca fundamentalmente reparar

aqueles agravios comparativos ós que nos referiamos ó falarmos da clasificación laboral, primando desta maneira os salarios máis baixos. Non obstante, entende o árbitro que por esa vía se podería desnaturalizar e enmascara-la cuestión (se existe realmente un problema de clasificación profesional debería ser abordado como tal e non con incrementos salariais de carácter lineal) e por outro lado podería producir unha serie de problemas que comezarían pola posible dificultade da terminación da masa salarial sobre a que habería que calcularse o incremento e continuarían pola posible desmotivación dos que, por teren salarios máis elevados, percibirían un incremento porcentualmente inferior. Por razóns dese tipo raramente se veñen pactando nos últimos tempos incrementos salariais de carácter lineal.

Entende, polo tanto, o árbitro que o incremento que deben experimentar tódolos conceptos da táboa de salarios (incluídas as horas extraordinarias) respecto do convenio do ano 1996 é o do 3%, que, polo menos no que se refire ó custo para a empresa, é o mesmo que ámbalas partes formulan, e que por outro lado é practicamente idéntico (inferior en só unhas centésimas de punto) ó do promedio dos convenios colectivos asinados en Galicia ata a data no presente ano.

E) Polas mesmas razóns que se sinalaron no referente a aquelas materias nas que se preferiu deixar sen variación a liña seguida nos anteriores convenios, tampouco parece oportuno que sexa un árbitro quen deba adoptar unha medida novidosa como sería a da conxelación da antigüidade que a empresa pretende, xa que parece que se se chegase nalgún momento a adoptala conviría que fose por acordo entre as partes.

A antigüidade, pois, deberá continuar como estaba regulada no artigo 7 do anterior convenio, e a columna da táboa salarial correspondente a este concepto incrementarase nun 3%, igual có resto dos conceptos económicos que figuran nela.

En consecuencia, díctase a seguinte resolución.

Naquelas cuestións relacionadas coas materias sometidas a arbitraxe que non sexan expresamente modificadas, seguirase aplicando o contido do convenio colectivo de empresa no ano 1996. As modificacións que se sobre ese texto se introducen en relación coas materias citadas son:

1. Os efectos do presente laudo estenderanse ata o día 31 de decembro de 1997 incluído, e os seus efectos económicos terán retroactividade ó 1 de xaneiro de 1997.

2. A xornada de traballo será de 1.800 horas anuais.

3. As vacacións serán de 30 días naturais, dos que polo menos 22 serán días hábiles, entendendo por tales os que non sexan sábados, domingos nin festivos.

4. O plus de transporte incrementarase nun 3% sobre o importe que tiña no convenio colectivo para o ano 1996.

5. Non procede establecer preferencias para cubri-las vacantes ou os postos de nova creación en favor dos traballadores que xa veñan prestando servicios á empresa.

6. Non procede tampouco establecer pola vía deste laudo unha revisión das categorías laborais recoñecidas ós traballadores da empresa.

7. O incremento salarial será dun 3%, aplicado de maneira proporcional sobre tódolos conceptos da táboa salarial do convenio para 1996, incluídas as horas extraordinarias.

8. A remuneración da antigüidade non será conxelada, incrementándose o importe de cada cuadrienio nun 3% sobre a cantidade que para tal efecto se fixaba na táboa salarial do convenio colectivo de empresa para o ano 1996.

Notifíqueselles ás partes o presente laudo que, de acordo co previsto no artigo 24.4º do AGA poderá ser impugnado ante a xurisdicción social, segundo a modalidade procesual de impugnación de convenios colectivos, tramitada mediante o procedemento de conflicto colectivo no texto articulado da Lei de procedemento laboral aprobado polo Real decreto lexislativo 2/1995, do 7 de abril.

Alberto Fresco González

Árbitro

9248